Artigo de Samir Amin sobre a “primavera árabe”

Samir Amin, quen clausurou a pasada SGF, agasállanos cun artigo onde fai unha análise dos acontecementos que se están a vivir no mundo árabe. Aquí podedes ler ou descargar o artigo traducido ao galego e maila súa versión orixinal no idioma francés.

2011: a primavera árabe?

SAMIR AMIN

O ano 2011 comezou cunha serie de estrepitosas explosións de cólera dos pobos árabes. Dará lugar esta primavera árabe a unha segunda fase do “espertar do mundo árabe”? Ou ben estas revoltas acabarán estancándose e finalmente fracasarán –como sucedeu coa primeira fase deste espertar tratado no meu libro L’éveil du Sud (O espertar do Sur)? Na primeira hipótese, os avances do mundo árabe inscribiranse necesariamente no movemento de superación do capitalismo/imperialismo a escala mundial. O fracaso mantería o mundo árabe na súa condición actual de periferia dominada, impedíndolle acadar o rango de actor activo na configuración do mundo.

Read more

A Aula Castelao de Filosofía apoia a marcha contra Celulosas

A Aula Castelao de Filosofía quere facer público o seu apoio á convocatoria da marcha contra Celulosas, o vindeiro 11 de xuño en Pontevedra á 19:30 horas, que a APDR (Asociación Pola Defensa da Ría) fai este ano cos lemas: HOXE MÁIS QUE NUNCA, CELULOSAS-ELNOSA FÓRA DA RÍA e CONTRA AS RENOVACIÓNS DAS AUTORIZACIÓNS AMBIENTAIS INTEGRADAS PARA ENCE-ELNOSA.

Como a propia APDR di, “atopámonos nun momento decisivo e chave para fechar definitivamente as portas do complexo. O proceso de renovación das autorizacións ambientais integradas, que foron inxustificadamente concedidas no seu día, debe ser un camiño de non retorno que poña de manifesto os continuos incumprimentos e derive, dunha vez por todas, no camiño do desmantelamento inmediato de ENCE-ELNOSA. A Marcha contra Celulosas será a demostración de que non estamos dispostos a deixar que as administracións actúen baixo os intereses de dúas empresas que seguen incumprindo de maneira reiterada a lexislación ambiental. Somos coñecedores dos prexuízos causados ao longo da súa dilatada existencia e non estamos dispostos a aceptar negociacións que non pasen polo peche da factoría.”

Máis información: http://www.apdr.info

 

Conclusións da XXVIII SGF: Filosofía e mentira

Mercedes Moreno Sande, membra da Aula Castelao de Filosofía, presentou a conclusións da XXVIII SGF, Filosofía e mentira:

O mundo está cambiando. A brutalidade capitalista está mostrando sen veos a súa faciana non dun xeito remoto, en lugares lonxanos. Aquí mesmo, en Galiza, empezamos a comprender que o noso soño de prosperidade, liberdade e progreso está a piques de quebrarse.

Dicíanos Teresa Oñate que a mentira estructural que sobretermina a nosa época impídenos contestar á pregunta: ¿ónde estamos? Por elo, quixemos indagar sobre a mentira, para poder edificar a nosa praxe.

A construcción do relato da realidade, alén, a construción do mundo, susténtanse sobre ficcións que inducen efectos de verdade. O fundamento, que Miguel Morey achegounos a través da ollada de Niezstche e Deleuze, non está na racionalidade e no coñecento, coa súa dicotomía verdadeiro e falso, senón no sentido e o valor das afirmacións sobre as que cimentamos as nosas verdades.

Os medios de comunicación constitúen un dos sustentos primordiais da nosa visión do mundo. Amplían a nosa ollada, achegándonos co seu potencial tecnolóxico instantáneamente imaxes de acontecementos lonxanos que se presentan como “a realidade”. Estes medios contribúen a fixación desas ficcións nas nosas conciencias: como recordaba Morey, xa Nietzsche sabía que as nosas invencións, petrificadas e desvencelladas da súa xénese, repetidas hoxe ata a saciedade nas pantallas e nos impresos, tomarían a apariencia de verdades inamobibles. Eís a maxia: a metáfora ten efectos reais, e baixo o feitizo desa ollada, as posibilidades de cambio bloquéanse: ¿quén pode ir en contra da “realidade”?

Nese senso extramoral, retomando a Deleuze, urxe entón establecer “quén pode afirmar, dende ónde e para qué”. Os medios afirman. Luca de Tena e Pascual Serrano, xornalistas de dilatada experiencia, converxen cos filósofos no núcleo da súa análise: non hai obxectividade, nin neutralidade. A propia estructura dos medios e as rutinas profesionais xeneran espazos de distorsión insalvables: hai que estar previdos, pois, cando abrimos calquera xornal o prendemo-la tele. O medio filtra necesariamente os acontecementos, e como dicían Serrano e Luca de Tena, nese filtrado hai omisións, silencios, e contidos que ocupan o espacio preferente da axenda. Xerarquizan as informacións, dan primacía a unhas fontes sobre outras, e levantan os seus discursos sobre afirmacións non cuestionadas: aquelo que constitúe o núcleo da ideoloxía dominante nunca se tematiza directamente. Recordaba Capdequí que a fragmentación do discurso podería ser unha nova forma de dominación das estructuras de poder, xa que esa quebra do sentido impide distinguir onde remata a verdade e empeza a mentira.

Tanto Luca de Tena como Serrano afirmaron aquí: os medios, ademáis, minten. Iso devolve á mentira ao plano moral. O engano deliberado sitúase na dicotomía, plantexada por Serrano, entre unha élite coñecedora e responsable e o consumo xeralizado de información por parte dunha masa acrítica que outorga a súa confianza aos medios de comunicación. Recordamos a etimoloxía probable da palabra “mentira” coa que xogaba Morey: mentir e ocultar na mente unha cousa e dicir outra.

Advertía Serrano que tapar unha verdade cunha mentira produce o mesmo efecto de desinformación que a censura dos rexímenes totalitarios. Ante unha afirmación e a súa contraria, en ausencia de poder comprobar cal é a verdadeira, o receptor, illado, é incapaz de saber qué está acontecendo.

Ben sabemos que os medios non poden dicir que minten sen caer no paradoxo. Non esperemos, pois, que o digan.

Mentres tanto, nese “quén fala” que propoñía Deleuze, aparecen as grandes empresas de comunicación que non son entidades neutras ó servizo da verdade: defendendo os seus propios intereses, defenden necesariamente tamén os intereses do capitalismo e das súas estructuras de poder.

A cuestión aféctanos de forma máis acuciante se temos en conta a dimensión política: o que está en xogo, dicía Isabelle Garó, é a democracia fronte a violencia antidemocrática neoliberal. A mentira xoga un papel fundamental na política, e niso coincidiron todos os poñentes que abordaron a cuestión. Xosé Luís Barreiro situou a mentira política dentro dun xogo de linguaxe socialmente establecido no que participan os políticos (mentirosos), os medios de comunicación (correa de transmisión das mentiras e coñecedores da súa mendacidade) e os receptores, destinatarios do xogo e conniventes con él. Así, hai mentira, pero non engano, porque sabemos que nos minten. Pero según Garó, a mentira, considerada como un xogo de espellos onde a vontade de autoengano se emparella coa vontade de mentir para que nada cambie, non é unha categoría sufientemente potente para analizar os mecanismos de dominación, xa que esta dominación non se exerce exclusivamente no plano da linguaxe, senón que é unha combinación de discurso e prácticas. Ela propúxonos retomar o potencial analítico do concepto marxista de “ideoloxía”. As ideas (ou volvendo ao principio, as ficcións, ou construccións, ou metáforas) son representación e parte da realidade. Parten dela e volven a ela, transformándoa. É nese punto de encontro entre idea e realidade (é dicir, nas conciencias vivas) onde radica a posibilidade dunha transformación. Quizais debamos, como pedía Barreiro, facernos maiores de edade e asumir dunha vez a nosa responsabilidade nos acontecementos e na historia. Non para culpabilizarnos (a culpa non deixa de ser outra metáfora), senón para intentar facernos donos do noso destino.

¿Onde está a raíz da nosa pasividade política ante o deterioro progresivo das nosas condicións de vida? Quizáis, no medo ante a incertidume, como sinalaba Barreiro, que fará que prefiramos sempre o malo coñecido, mentres non sexa demasiado malo. Quizáis no illamento do traballador, como sinalaba Garó, que desfai os lazos tradicionais de solidaridade e acción colectiva someténdoo ás presións da competencia e a productividade.

Ou quizáis na imposibilidade de construir un relato, como sinalaba Capdequí, seguindo a Hannah Arendt. O relato, como experiencia de coñecemento que permite comprender, reconcílianos co mundo, disipa o medo, e permítenos actuar nel. Dicía está mañá o profesor Bermejo que a historia, como todos os relatos de evocación do pasado, é instrumento clave para o manteñemento da identidade persoal e colectiva. Así, a manipulación deliberada da memoria histórica pode convertir o relato nun conto inmovilizador. Ángeles Maestro recordaba cómo os espellos de poder non son senón xogos de apariencias que persiguen crear unha imaxe da realidade que bloquee calquera posibilidade de acción. A través da aniquilación da memoria, mutílanse as posibilidades do proxecto emancipatorio. A posmodernidade sancionou a morte dos grandes relatos deterministas: ningún proxecto emancipatorio se verá consumado ó final dos tempos a través dun desplegue necesario. Con Maestro, podemos dicir que a realización dese proxecto emancipatorio depende da acumulación da memoria e da nosa capacidade de aprender dos acertos e erros das xeracións anteriores. Depende de nós e da nosa praxe, e, como lembraba Capdequí, pertence o reino da contixencia: pode ser, ou pode non ser.

Pero o dominio capitalista non se exerce só a través de mentiras narrativas, do desarraigo identitario e da fragmentación da experiencia. A tecnoloxía tamén forma parte dos instrumentos estructurais de dominación que someten a todos os pobos da Terra. Unha tecnoloxía que, como dicía Oñate, é capaz da máxima letalidade e fronte á que a intelixencia está alienada adorando falsos ídolos. Na base metafísica do capitalismo máis violento e feroz subxace unha temporalidade histórica proxectada cara a consecución dun mundo onde non haxa morte, nin vellez, nin dor, nin tristura, nun disparatado culto ó externo que mostrou moi ben Eulalia Pérez Sedeño na súa análise da biotecnoloxía. A mentira desplégase aquí en toda a súa magnitude, e tamén en toda a súa evidencia, no slogan da investigación xenética: o triunfo, gracias a tecnoloxía, da liberdade sobre a necesidade.

A ciencia médica conspira é minte. Así de taxante foi Pérez Sedeño. Considerar a saúde como propiedade do organismo, totalmente desvencellada das condicións ambientais e sociais, enmascara fortes intereses económicos nos que están involucradas empresas tecnolóxicas, industrias farmacéuticas e compañías de seguros médicos. O cancro, cunha prevalencia crecente nunha poboación cada vez máis nova, é o indicador evidente de que a contaminación causada polo industrialismo non só extermina a rica diversidade de especies animais e vexetais que póboan o planeta, senón que aféctanos a nós, como organismos vivos parte do ecosistema que nos proporciona cobixo e do que dependemos. Fronte a un enfoque verdadeiramente preventivo, que supoñería desmantelar un modo de producción tan letal para a vida, instáurase unha nova mentira: o cancro é un risco que reside dentro de nós. A súa detección por medio de artefactos cada vez máis caros e sofisticados (falsamente chamada “prevención”), a inmensa cantidade de fondos públicos que van parar á investigación xenética, son só a punta do iceberg dos intereses do capitalismo global por ocultar, con mentiras, que é responsable directo da morte e da destrucción de millóns de seres, e por tanto, inimigo da vida. A avaricia que se agocha na médula deste disparate global entrana riscos aínda maiores: igual que a tecnoloxía nuclear, a tecnoloxía xenética pode xerar problemas impredecibles, a medio ou longo prazo, que non sexamos capaces de resolver e que non teñan volta atrás. Advertía Pérez Sedeño que a manipulación xenética supón a modificación dun sistema biolóxico, non dun sistema mecánico. A vida non é a nosa serva, e é incontrolable. O final atopamos de novo a falacia do dominio da natureza como promesa dun mundo feliz, a mentira da tecnoloxía como liberadora. A liberdade, como nos recordaba Oñate, está na acción humana, na praxe, ou non está en ningures.

Máis mentiras viven na fantasía capitalista. Tras longos anos de esclavitude brutal e servidume feroz, por fin, instáurase un reino de liberdade onde cada individuo é responsable do seu éxito e fracaso. O traballador ofrece no mercado a súa forza de traballo a cambio de salario, nun xogo basado no cálculo racional e na liberdade de decisión.

Pero sinalaba Garó que o cínico triunfador e a súa contrapartida, o parado culpable, forman parte da ideoloxía dominante. Ideoloxía que lexitima o capitalismo e inhibe a acción. A socioloxía contribúe a disipar o engano: Antía Pérez Caramés puxo sobre a mesa que a explotación económica capitalista dos seres humanos segue a producirse, non xa en remotas fábricas de lugares lonxanos, senón aquí, na nosa terra, mostrando a súa faz máis torva cando falamos dos máis deprotexidos: a poboación migrante. Confinados en nichos de traballo, sen oportunidades de mobilidade, sofren o acoso dobre das estructuras administrativas, ao servizo da economía, e do racismo alentado polos medios de comunicación. Mentres, os galegos vemos como as nosas condicións de vida e traballo se deterioran inexorablemente.

Galicia tamén vive sumida na néboa dos espellos de poder. Cuns medios de comunicación que propiciaron e aínda propician a pérdida da súa identidade, desarraigada das súas tradicións máis íntimas na súa fuxida cara o oropel capitalista, convertidos os seus vizosos montes nun monocultivo de eucaliptos, suxas as rías e os ríos por industrias e chapapotes, cuns políticos que alentan o emprego dunha lingua allea, esquecendo que o colectivo, fronte o individualismo capitalista, sempre formou parte do noso modo de estar no mundo, cunha memoria rota onde apenas quedan xa referentes propios, atopámonos na mesma encrucillada que o resto dos pobos do mundo.

A fin da historia é a derradeira falacia. Recordounos Bermejo, que os medios, unha vez máis voceiros da dominación, propagaron sen pudor por tódolos rincóns da Terra a imposibilidade de calquera tentativa de cambiar radicalmente a orde do mundo. Mundo que ten como límites inapelables o mercado, a tecnociencia e as democracias parlamentarias.

Deste modo chegamos á mentira máis fonda que palpita aínda segredamente no fondo do capitalismo: non se poden cambiar as cousas.

Garó falounos da crise de lexitimidade das estructuras vixentes porque é xa evidente que nin traerán xustiza, nin traerán beleza (basta con observar a degradación das nosas antaño fermosas paisaxes), nin traerán paz (vivimos nun Estado en guerra), nin traerán abundancia (o número de famentos crece e crece), nin traerán liberdade (non existe liberdade onde existe dominación). ¿Cómo segue en pé este monstruo que parece querer arroxarnos ós abismos nunha carreira absurda cara ningures? Cabalgando sobre enganos. Cabalgando sobre o medo e o terror. Cabalgando sobre o control dos recursos necesarios para a vida. Cabalgando, cando é necesario, sobre a forza bruta e a violencia.

Para concluir, volvemos ó principio. As cousas están cambiando. Pero os cambios poden ser tamén unha oportunidade. A oportunidade de facernos máis conscientes da nosa liberdade radical, que nada ten que ver con escolla entre opcións e cálculos racionais. Nas nosas mans está seguir aceptando unha posición sumisa e pasiva, ou despregar por fin a acción liberadora que transforme por fin a imaxe do mundo. Non temos o poder. Pero, como recordaba Ángeles Maestro, podemos conquistalo a través da loita política (moito máis profunda que escoller entre dous ou tres partidos) e a reinstauración da democracia. Estos son os tempos que nos tocaron vivir. Podemos decidir ser mero cemento morto en mans dun sistema nihilista sementador de inxustiza, fealdade, e falsidade ou intentar, unha vez máis, construir un mundo distinto. Só fai falla deixar de crer na derradeira mentira capitalista: que nada está nas nosas mans, e que non somos máis que animais cobizosos e egoistas que buscan a satisfacción inmediata das súas necesidades e caprichos.

Todos os relatos valiosos que nos legan os nosos antepasados dende todas as culturas do mundo afirman o contrario.


Apertura da XXVIII SGF: Filosofía e mentira

Carlos Calviño, coordinador da Aula Castelao de Filosofía, presentou a XXVIII SGF, Filosofía e mentira:

A verdade é máis nefasta que a ignorancia, posto que inutiliza as forzas propias da ilustración e do coñecemento. Abrimos con Nietzsche, e na súa xenealoxía conceptual deterase Miguel Morey. Amosaremos, de seguido, a nosa preocupación sobre a mentira nos medios de comunicación, mentira que funciona como un bálsamo ou como unha ilusión, e non escatima recursos para lexitimar o engano. A prensa, a radio, a publicidade, a televisión e o cine invaden o noso espazo público para sumir a nosa racionalidade nun perigoso sono. A información releva a veracidade polo espectáculo: pan e circo para as masas acríticas incapaces de contrastar o contido duns falaces titulares, sempre ao servizo do poder, dun dono aglutinador de medios, dun adormecidor de vontades. A investigación sen prezo, trocou polas efemérides ou pola crónica negra; e a realidade desnaturalízase a sabendas de que o lector, en moitas ocasións, confía cegamente no medio afín; cre porque non atopa tempo nin forzas para desconfiar, xa non do xornalista, senón de liña editorial, disque enfrontada a unha segunda liña, supostamente alternativa ou rival, desgraciadamente non moi lonxe dos obxectivos a perseguir en aras a un interese común: a compracencia e a submisión.

A publicidade, sen embargo, móstrase coma un xogo, unha verdade a medias ou unha completa farsa, nun rol aceptado polas dúas partes. O problema xurde cando esquecemos a podredumbre dunha mensaxe perigosa, un engano cruel, unha sibilina maneira de gañar a nosa atención e confianza mediante cores, música, e palabras fermosas, cal envoltorio impregnado de perfume, ocultando a usura parapetada tras mans cobizosas, mans que golpean o planeta sen defensa, grazas a imaxe de cativos brincando sobre ceos e paisaxes retocadas pola imaxinería tecnolóxica: edéns xa perdidos, irrecuperables. Eses anuncios martirízannos coas súas mentiras engalanadas de preocupación pola pobreza o cambio climático, as persoas…

E qué dicir da televisión e do cine, qué dicir que xa non saibades? A pasividade percorre os nosos músculos adoutrinando aos nosos fillos, terxiversando a nosa mente, obrigándonos a comportarnos como supporters ou personaxes dos programas do corazón. Insultos, desagravios, mal gusto, falta de intelixencia e sensatez, mentres eses pequenos homes e mulleres simbolizan os sonos dos máis novos, os modelos onde reflectirse, a tristura dunha madurez e futuro que esvaece diante da nosa lánguida e neutra mirada… Eles representan, cal actores, a medianía dunha sociedade que merece máis; prostitúen os principios e valores que non debemos perder, pero o capital sempre gaña, ou iso parece…

Os xornalistas Gustavo Luca de tena e Pascual Serrano cos seus relatorios enfocarán os ardides e miserias das medias verdades: desilusións dun gran circo que, por desgraza, xa fai tempo perdeu a súa maxia.

Hanna Arendt sostiña que a política era o lugar privilexiado para a mentira. Quizás por iso un estandarte da dereita, non fai motos anos aquí en Galicia, gritaba a viva voce: “Deixade a Política aos políticos”. Deste xeito os cidadáns son invitados a abandoarse na molicie da vida regalada e o resultado non pode ser máis nefasto. Aristóteles afirmaba que o ser humano é político por natureza. Non existen termos medios. A cidadanía e a política refírense, con termos diverxentes, aos mesmos referentes: nós. Polo tanto somos responsables do noso estado e tamén das súas institucións así como de quén nos goberna. Ese é o noso poder. Cando abandonamos esa inclinación, esa achega cultural, todo se corrompe pois moitos aprovéitanse do bostezo contaxioso entre homes e mulleres durmidas. Deste xeito xorden tétricos personaxes como o militarista e neoliberal: Milton Friedman, -premio nobel de economía, por certo,- para disuadir a cabezas “pensantes” como Thatcher, Reagan ou Bush, e incitalos a xerar crises e guerras -lede, por favor, a Naomi Klein- condenándonos a un maquiavélico estado de shock para divertimento e negocio das clases opulentas.
Mentres tanto, os traballadores regocixados nas comodidades dunha suposta clase media non viron, nos últimas anos, aproximarse o perigo letal e sen identidade chamado “os mercados”. Todos os avances en materia social e laboral corren o risco de minguar e aproximarse as condicións dun século atrás. A mesma sociedade do benestar atópase en apuros, xa que os mercados posúen armas que xa desexaría para si o propio Goebbles: os mass media e a publicidade, que sen reparos e abertamente, empregan a “pedagoxía”, é dicir unha educación dirixida a adoutrinar nenos co malsán propósito de convencernos do noso sino; o noso, e o das próximas xeracións. Que fan mentres os nosos políticos? É difícil dar unha resposta xa que a diverxencia é nimia. Entre a dereita e a esquerda, en occidente, as diferenzas son anecdóticas. Marcan as distancias sobre tenues matices aínda que camiñan da man no que se refire ao sometemento mercantilista.

E xa que falamos de mercados, preguntémonos: por qué está prohibido falar dun modelo económico alternativo? Quizás pola vinculación mendaz entre capitalismo e democracia. Lémbranos Rancière, que democracia significa o poder dos excluídos, dos que non contan, dos “ninguén”, dos que esixen a xustiza social e o interese común en contraposición aos interesados, oligarcas de calquera tempo, pasado ou presente. A democracia esixe cidadáns espertos, previdos contra o adormecemento traidor.
Cuestionémonos, por un instante, a crise. Se os culpables foron os especuladores financeiros, e dicir, os banqueiros e os grandes capitalistas co pábulo dos políticos e organismos ben coñecidos, como o Banco Mundial e o FMI (responsable de evitar crises, por certo) cómo é que eles saen beneficiados, e os traballadores as clases medias e baixas levan, novamente, sobre as súas costas a perda de dereitos e privilexios obtidos con suor e sangue? O gran problema é que o pobo, potencialmente capacitado para rebelarse ante tamaña inxustiza, atópase obnubilado polo circo mediático. E medroso ante a carga da responsabilidade familiar; indefenso, illado, e sen resposta social, acepta -como o gran capital desexa- o seu sino, renunciando á razón e á conciencia, pois sorprendentemente a conspiración ocorre a plena luz. Míntese (aos cidadáns) alí onde, en principio, pódese saber todo-, espetounos Koyré. Quizás deberíamos ter en conta esta última anotación.

Isabel Garó, Xose Luis Barreiro e Celso Sánchez Capdequí asumirán a responsabilidade de desmadexar a fábula da confrontación política, maculada por unha agochada demagoxia.

A tecnoloxía engalanada co seu ouropel irradia un fume hipnótico e cal opiáceo resúltanos imprescindible e desexable en case todas as facetas da nosa existencia. Defendémola porque cremos na súa inocencia, na súa neutralidade, mais non podemos escindir a tecnoloxía da finalidade coa que é xerada. A sociedade tecnolóxica é un sistema de dominación, vinculada ao adormecemento da nosa praxe. Compre preguntarvos: É o benestar social unha comida rápida deglutida diante dunha pantalla 3D, ou un logro social compartido e público? Os nosos dereitos xamais deberían ser escamoteados trala alienación dun consumismo procaz, dunha mensaxe transida pola falsa liberación; un infantil apego ao xoguete obsoleto nun curto período de tempo. O dominio do atomismo, o egoísmo da sociedade da desconfianza mutua, encláustranos nas nosas vivendas de 90 metros cadrados, con acceso ao mundo sen saír da nosa cova. Falamos con contestadores e véndennos tocomochos dende afastados cubículos, xente moi mal pagada, homes e mulleres fiscalizados por ventas case imposibles a incómodas e indignantes horas. A tecnoloxía debería instrumentalizarse cara a liberación dunha pesada e esgotadora xornada laboral, mais o seu uso cego constriñe a comunicación e modifica as nosas costumes, obrigándonos a unha dependencia insatisfactoria e empobrecedora.

E aínda non falamos do negocio agochado tralas grandilocuentes palabras, preocupacións envelenadas dende as altas instancias, na procura dunha modernización acelerada, en absoluto racional. Nós somos un exemplo: Segundo as administracións, os docentes sobran, os repetidores só aderezan a ratio de trinta alumnos, os espazos asignados aos departamentos convértense en caixas de mistos, apropiadas para as optativas de humanidades. O que non sobra son cartos para o material máis caro do mercado: ultraportátiles, canons, encerados dixitais, wifi… todo un carrusel tecnolóxico para mellorar a formación dos alumnos, segundo din os políticos de toda cor. Sen embargo, non desvelan o seu interese real. Marcuse, pola contra, advertía que a sociedade tecnolóxica é un sistema de dominación na que os produtos adoutrinan e manipulan, promovendo unha falsa conciencia feliz, inmune a súa falsidade. Estes produtos son accesibles a case tódolos individuos, polo que o adoutrinamento que conlevan deixa de ser publicidade, converténdose así, en modus vivendi.

Eulalia Pérez, Fracesc Llorens, Ramón Gil e Montserrat Boix adentraranse na falacia e na ficción desta alegoría virtual e alienante.

Orwell vaticinaba un futuro de dimensións apocalípticas no concernente a liberdade. Entre as características a ter en conta, nese mundo gobernado polo medo e as prohibicións, atopamos: o empobrecemento interesado da linguaxe, o baleirado conceptual e a reescritura da historia. Non é necesario esgrimir razóns cando os feitos non son analizados co rigor propio dunha perspectiva autónoma e crítica. A autonomía perdémola fai tempo cando lexislamos ate o infinito condutas que deberían rexerse pola cordura, reflexión e compromiso. Chega un momento no que os gobernos regodéanse no paternalismo máis insultante. A critica, pola contra, estámpase sen vergoña en cada un dos documentos que se nos presentan, máis carece de todo valor, xa que se minimiza na lección cotiá. Non esquezamos o desprezo que a sociedade materialista e mercantilista ten por todo aquilo que non cae baixo a fórmula da mercadoría. Aborrece a verdadeira crítica, pois podería transformarse nunha ferramenta extremadamente perigosa para cos seus intereses. Quizás, por iso, os políticos xogan co noso sistema educativo, modificándoo cada catro anos e somerxéndoo na voluptuosidade dos informes, onde unha palabrería farragosa bota unha man á hora de eliminar esa arma punzante, que faría de nós individuos autosuficientes e capaces de esixir responsabilidades a todos eses titores paternalistas da nosa perpetua infancia.

O empobrecemento da linguaxe palpámola cada día na escola. Os rapaces odian os libros e o consumismo tecnolóxico non invita ao repouso e o pracer da lectura: arte da imaxinación, e da intelixibilidade informativa e formativa, por antonomasia. Á par, camiña o baleirado dos nosos conceptos fundamentais. Nocións como democracia ou liberdade, na boca dos nosos políticos, convértense en sons sen sentido, sentido que só adquiren no contexto da propaganda ou da publicidade máis soez. E que dicir da fraternidade, trocada vilmente en seguridade, medo… Terror xerado interesadamente en aras a perder o que realmente importa: a liberdade. Os silencios, a censura e as prohibicións tomámolos como algo lóxico xa que deste xeito a nosa tranquilidade é maior, non? Mais a seguridade, ven a significar -nin máis nin menos- espazo libre para os exércitos e as armas, para a guerra bendicida desde os estados demócratas, eliminando terroristas en Palestina, Iraq ou Afganistán; e perseguindo a democracia -dun xeito consensuado, iso si- en países empobrecidos como Libia. Koyré afirmou que só unha actitude crítica do pobo podería liberarnos da propaganda totalitaria. Evidentemente falaba dos fascismos e quizá teríamos que espertar do cándido sono e enfrontarnos as novas maneiras de sometemento popular.
Teresa Oñate, Antía Pérez e Nines Maestro desenredarán algúns fíos, do tecido enmarañado nos sofismas, deste labirinto chamado presente.

O venres contaremos coa presenza de José Carlos Bermejo, Luis Villares e Henrique Costas. A temática elixida obríganos a lanzar unhas cantas preguntas ó aire: Estamos ante o fin dos tempos? A realidade dos feitos é inmutable? Hegel afirmaba que a Filosofía só pode admitir como necesidade absoluta, a meta da Historia, unha finalidade desenvolta cal providencia divina. O Estado é o único que posúe Historia e os seres humanos só representan medios prescindibles, a través dos cales, aprovéitase a razón para se realizar como Estado dominante, unha realización do Espírito Universal.

En boca de moitos a expresión predilecta ven sendo “¡Éche o que hai!”. Tómase coma unha verdade indiscutible da nosa época, un feito incontrovertible, ante a cal, só un tolo podería rebatela. Esta mentira engádese a outra peor: “A ideoloxía esta morta” ou “Todos os políticos son iguais, ningunha idea merece a pena”. Comecemos xa a derribar as mentiras do capitalismo, como a de que todos temos un prezo. ¡Non estamos en venta xa que non somos mercadoría! Esquecemos, quizás, todas as mortes, sacrificios e loitas, das xentes que crían na posibilidade dun cambio na historia. Algún deses heroes son coñecidos, a maioría non teñen nome, mais as achegas acadadas na xustiza e dereitos humanos non poden ser desestimadas sen máis. Marx negou a premisa maior contra Hegel e defendeu a posibilidade do cambio, xa que o ser humano non é un ser pasivo senón activo, e a súa praxe permitiralle proporcionar un xiro xustificado ao temón do tempo. A realidade precisa das contradicións e das revoltas necesarias, e nós transformámonos nos artífices, no loitador máis numeroso das clases antagonistas. É sorprendente observar como, hoxe en día, sempre pertencemos a grupos enfrontados como brancos e negros, homes e mulleres, ateos e relixiosos, occidentais e asiáticos, pero a antítese de clase desapareceu. Todos somos -parece ser- clase media e nesa miscelánea pérdese a diferenza esencial: ricos e traballadores, oligarcas e proletarios.

Isto non é o que hai, senón o que nós permitimos. A toma de conciencia da nosa realidade e das posibilidades de cambio definen a un ser maior de idade, kantianamente falando. E tampouco deixaremos que o estado, as súas institucións, ou os dereitos inalienables sexan abelorios sen valor, para quen os considera simples mercadorías. Debéronse a unha construción conxunta, e polo tanto defenderémolas ante o laissez-fair (deixar facer) do capitalismo obsceno. Outro mundo é posible, e sobre iso Samir Amin terá moito que dicir.

Antes de rematar, non podemos esquecer dous hitos: Hai dúas semanas, o 14 de Abril, conmemoramos una data histórica para este Estado, una data na que moitas Reformas revolucionarias, naquel intre, conlevaron un progreso social até de agora indiscutible. Hoxe, 25 de Abril, levamos no noso peito aqueles cravos honrados polos nosos irmáns lusos, cravos que nos obrigan a continuar loitando contra a interesada sinrazón do poder dominante.

Nestas xornadas, invitámosvos a reflexionar e a debater sobre a mentira, empregando a filosofía como arma eficaz, reclamando así a súa relevante presenza nunha sociedade pobre en análises críticas, conformista, e medrosa ante a voracidade duns mercados lúgubres, cal marea negra. Só a razón pode iluminar as sombras funestas da aparencia. E remato con Nietzsche: Sen dúbida menten coa boca, pero coa face que enseñoran, continúan amosando a verdade. Grazas.

Inscrición XXVIII SGF *Pechada

Inscricións pechadas dende o xoves 21 de abril ás 00:00 horas.

 

>> Listaxe de matriculación

NOVAS

AULA CASTELAO

AULA CASTELAO DE FILOSOFÍA: TRINTA E SEIS ANOS DE COMPROMISO

Unha acta de 26 de setembro de 1983 recolleu a constitución formal en Pontevedra da Aula Castelao de Filosofía. Esta ten por obxectivos a renovación temática e metodolóxica no campo da Filosofía –prestando especial atención ao profesorado de ensino medio- e a normalización da nosa lingua, principalmente no ensino, co horizonte de pensar os problemas do presente a través da filosofía, na súa dimensión crítica e transformadora. A mediados da terceira década levou a efecto gran cantidade de conferencias e ciclos (Castelao, Marx, Xuventude, Perestroika, Portugal, Engels, Filosofía e Ensino, O Manifesto Comunista, Simone de Beauvoir e O Segundo Sexo, Faustino Cordón: Ciencia e compromiso, Educación e Cidadanía…), tomou parte en diversos congresos, xornadas pedagóxicas, foros…, creou a web www.aulacastelao.com e reuniu nos seus arquivos unha inxente documentación: centos de horas de gravación en casete e filmada, traballos inéditos, dossieres de prensa, fichas bio-bibliográficas, correspondencia, base de datos, etc.

No que atinxe a publicacións, sería prolixo enumerar a gran cantidade de información xerada en xornais, semanarios, revistas, radio, televisión, portais e páxinas web. Múltiples relatorios do noso Congreso anual figuran en revistas e libros de ensaio, ademais de estaren colgadas na rede. Membros da asociación, seguindo os obxectivos dos que se falou na liña anterior, editaron –en equipo ou individualmente- investigacións sobre pensadores galegos e estranxeiros como: Celso Emilio Ferreiro, Bouza Brey, Xoán Vicente Viqueira, Amor Ruibal, Indalecio Armesto, Ricardo Mella, J. P. Sartre, E. Fromm, Garaudy… Así mesmo sobre Feminismos, Literatura Iberoamericana, movementos alternativos… Son merecedores dunha mención especial os libros de texto e outros materiais para o ensino medio nos campos da filosofía, da xeografía e da historia. Entre os ensaios editados figuran:

  • Antón Losada, Teoría e Praxe (Vigo, 1984, 2ª ed. esgotada).
  • O pensamento galego na historia. Aproximación crítica. (Santiago de Compostela, 1992, 2ª ed.).
  • Postmodernidade e Poder (Vigo, 1989).
  • América Latina. Entre a realidade e a utopía (Xerais, Vigo, 1992).
  • Filosofía e Xénero (Xerais, Vigo, 1996).
  • Filosofía e Lingua (Laiovento, Compostela, 1997).
  • Globalización e Cambio de Milenio (Xerais Universitaria, Vigo, 2001).
  • Filosofía e Compromiso (Espiral Maior, A Coruña, 2004).

Mais, sen dúbida, as actuacións de maior relevo veñen sendo as Semanas Galegas de Filosofía, das que van xa trinta edicións. Un grupo de amigos filósofos, profesores do Ensino Medio, iniciaron hai trinta e un anos a andaina do que é hoxe un foro crítico, interdisciplinario e aberto á totalidade de niveis do ensino e mesmo a outros sectores sociais que teñan por meta o exercicio de autocrítica da razón.

A actualidade e a visión holística presidiron a temática e a posición en escena das Semanas e do resto de actuacións, e acudiron como relatores un considerábel número de intelectuais galegos, unha importante lista de filósofos españois afamados e unha boa escolma de pensadores europeos, americanos e, inclusive, asiáticos e africanos. Pontevedra está a ser todos os anos, na semana de Pascua, obrigada cita de galegos e non galegos preocupados por estar ao día, convencidos de que facer filosofía é ser capaces de traducir en ideas os problemas vivos, prementes e preocupantes de cada época. Estudantes universitarios, máis numerosos en cada ocasión, profesorado das diferentes escalas, público non relacionado co ensino, acoden a esta vila e fan boa esa tradición, que non debemos deixar que esmoreza, de ser cidade de fortes inquedanzas culturais.

As Semanas son fermento que leveda a masa de todo un ano laboral, abren vieiros, proporcionan bibliografía actualizada, permiten que se fagan públicas todo tipo de pescudas sobre o tema ou didácticas, facilitan contactos e intercambios, favorecen a xestación de traballos en común, tornan fácil a dirección de teses de licenciatura e teses, etc., etc. Son, sen dubidalo, unha boa ocasión, non só como complemento intelectual, senón para a medra das relacións humanas e da amizade. As trinta e unha edicións até agora celebradas, tiveron os seguintes títulos:

Trinta e seis anos e sempre co apoio constante de todos e todas os que cada ano asisten e participan nas Semanas Galegas de Filosofía, que potencian os debates e reclaman que a Aula Castelao continúe a ser o, a estas alturas, xa máis consolidado foro de pensamento crítico dos que se celebran en Galiza.

Esta realidade foi recoñecida a nivel institucional con diversos premios e distincións, como o Premio Cidade de Pontevedra 2005 na modalidade de persoa xurídica e concedido por unanimidade polos colectivos veciñais, culturais e da comunicación de Pontevedra ademais de todos os grupos municipais, que dedicamos a todas as xentes pontevedresas, o Pedrón de Ouro 2006, ofrecido a todos os galegos comprometidos co noso pobo, no Ano da Memoria no que relembramos a todos aqueles grazas aos que Galiza existe con cara propia, o Pontevedreses do ano 2007, na categoría de cultura ou o Xoán Manuel Pintos do ano 2011, que o facemos extensíbel á tódalas persoas que usan o galego no seu día a día e nas súas diferentes tarefas e traballos. Galardóns que agradecemos e entendemos como un reto máis de continuidade e rigor que agardamos goce do voso apoio, presentándovos a XXXVI SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA: FILOSOFÍA E FRONTEIRA.

VÍDEO

XXXI SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA

ARVE Error: src mismatch
provider:    youtube
url: https://www.youtube.com/watch?v=qGFXrKE5Nxs&list=PLfJPTIeWw-nBgzCW7Nbj9S5Ht1hOSIB18

src: https://www.youtube-nocookie.com/embed/qGFXrKE5Nxs?list=PLfJPTIeWw-nBgzCW7Nbj9S5Ht1hOSIB18
src gen: https://www.youtube-nocookie.com/embed/qGFXrKE5Nxs

 

XXX SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA

ARVE Error: src mismatch
provider:    youtube
url: https://www.youtube.com/watch?v=6aJCGajE8uM&list=PL1cKxgBuPSwpEJito0WtpkkXI8K-8G2q3

src: https://www.youtube-nocookie.com/embed/6aJCGajE8uM?list=PL1cKxgBuPSwpEJito0WtpkkXI8K-8G2q3
src gen: https://www.youtube-nocookie.com/embed/6aJCGajE8uM

 

AULA CASTELAO EN YOUTUBE

IMAXES

XXIX SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA

XXVIII SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA

XXVII SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA

XXVI SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA

 

AUDIO

k
k
k
k
k
k
k
k
k
k
k
k
k
k
k
k

kkk

Promoción de actividades

Os dous obxectivos anteriores esixen, por coherencia, o compromiso dos membros da Aula con todo tipo de actos que potencien e desenvolvan os mesmos. A Aula, por tanto, tenta organizar e participar en todo tipo de “ágoras” onde un se renove e se desenvolva, dalgún xeito, a realidade na que nos tocou vivir. Conferencias, seminarios, congresos, semanas … serán medios a potenciar para que a vida “flúa” e non se “encerre”, “aniquilándose” nas aulas, nos centros, nas institucións … Crear, pois, a necesidade de “dudar”, de “superarse”, de “criticar” é finalidade urxente dos “vivos” e non dos “mortos”. Son os vivos os que teñen que “apelar” ós demais para que a morte non se enseñoree do medio que vivimos.

Obxectivos

A orixe anterior levounos a prantexar unha morea de actividades dirixidas todas elas por uns fins moi concretos, e a vez moi xerais, que permitisen a inserción de tódalas persoas que quixesen superar e vivir a problemática anterior e a vez evitase a caída nun activismo sen propósito. Isos fins ou obxetivos xeradores, definidores e reguladores da actividade concrétanse deste xeito:

 

>> Anovación

Nun comezo os membros da Aula éramos só ensinantes que sentíamos, e sentíamos, a necesidade de renovarnos, de pórnos o día no noso traballo. Este traballo, hoxe, non se reduce ó encino, é algo aberto, toda persoa tenta pórse ó día no seo da súa vida e do seu traballo. Permítenos, pois, unha posibilidade grande de incorporar a quen sinta crítica e autocríticamente, é dicir, a quen pense que a verdade é loita, superación, búsqueda e rebúsqueda. Centrámonos noeido educativo a anovación sentímola, e sentímola, nos eidostemáticos (ou contidos específicos de cada materia, e sobre todo nos eidos da visión de “totalidade” sempre esixnte, no senso de ter que tela, e sempre evanescente, no senso de que cada feito novo, cada aportación racha o “universo” que xa críamos definido e definitivo), nos eidos didácticos (ou loita por un mellor modo de achegarnos os outros e de achegar o noso traballo), nos eidos metodolóxicos (é dicir, loita por unha teoría que sistematice e xustifique contidos e presente un material que as técnicas didáticas, sinaladas en segundo lugar, poidan tratar de comunicar e elaborar).

>> Galeguización

É unha vella loita, sobre todo no eido filosófico, pero extensible a outros campos do saber o de conciliar a “particularidade” ca “universalidade”. Non é un obxetivo o sinalar aquí en concreto cal é a posición sa Aula, senón o de dicir que tomamos conciencia e tentaremos de loitar para que todos o fagan. A filosofía, e o saber en xeral, ten de xurdir duna “praxe” e tratar de crear unha “teoría” que sirva para continuar o traballo, acción que, a súa vez, pode, e debe, axudar á modificación da teoría para que sirva para novas aportacións e direccións. Só tendo en conta a realidade concreta e o momento en que se produce a mesma se poderá avanzar e caminar cara unha “universalidade”, sempre limitada, onde todos sexamos, vivamos e entendámolo “ser”.

Orixe

Orixe:

A aula Castelao aparece no curso 1981-1982 por necesidades sociais e personais duna morea de persoas que querían superar, e non anular, as contradiccións nacidas do feito de ter que vivir no seo duna sociedade concreta, a sociedade galega, que ten uns problemas concretos o do feito correlativo de querer entender mellor os problemas anteriores. Diante duna realidade ferinte, como é a anterior, dúas son as saídas, como xa se insinou, pasar delas, é dicir, tomar o camiño do que está de volta, do que fracasou ou non se plantexa os problemas, ou tentar superar, dende a limitación do noso campo a mesma. Nós tomamolo segundo.E certo que temos dúbidas, é certo que lle vemos saídas, saídas que só se poden desbotar tras comprobar a súa inutilidade. A renuncia a loita era para nós, e segue a ser, a vivencia do fracaso, a renuncia a vida e a vivencia do inferno.

CONTACTO

FORMULARIO DE CONTACTO

[contact-form-7 id=”1328″ title=”Formulario de contacto”]

aula@aulacastelao.com
Apdo. Correos 332
36080 Pontevedra (Galiza)
Fax: 986 868 081
 

RELATORAS

ACTIVIDADES

[catlist name=actividades excerpt=yes]

Publicacións

HISTORIA

Orixe

A aula Castelao aparece no curso 1981-1982 por necesidades sociais e personais duna morea de persoas que querían superar, e non anular, as contradiccións nacidas do feito de ter que vivir no seo duna sociedade concreta, a sociedade galega, que ten uns problemas concretos o do feito correlativo de querer entender mellor os problemas anteriores. Diante duna realidade ferinte, como é a anterior, dúas son as saídas, como xa se insinou, pasar delas, é dicir, tomar o camiño do que está de volta, do que fracasou ou non se plantexa os problemas, ou tentar superar, dende a limitación do noso campo a mesma. Nós tomamolo segundo.E certo que temos dúbidas, é certo que lle vemos saídas, saídas que só se poden desbotar tras comprobar a súa inutilidade. A renuncia a loita era para nós, e segue a ser, a vivencia do fracaso, a renuncia a vida e a vivencia do inferno.

SEMANAS

[catlist name=”semanas” thumbnail=”yes” excerpt=”full” excerpt_size=”100″ date=yes date_tag=span date_class=lcp_date pagination=”no” posts_morelink=”Ver máis…” morelink=”Máis semanas”]

MULTIMEDIA

Nesta páxina pódese acceder ó contido multimedia recollido durante as diferentes edicións da Semana Galega de Filosofía (vídeos e audio das ponencias e galerías de imaxes).

[catlist name=”video,audio,imaxes” excerpt=full excerpt_size=150 pagination=no excerpt_strip=”no”  posts_morelink=”…” posts_morelink_class=”lcp_morelink” morelink=”Máis contido multimedia >>” date=yes date_tag=time date_class=lcp_date author=yes author_class=lcp_author author_tag=span]

Conclusións da XXVII SGF: Filosofía e Economía

Juan Carlos Fernández Naveiro, membro da Aula Castelao, presentou as conclusións da XXVII Semana Galega de Filosofía.

PRESENTACIÓN

Concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Vicerreitor da Universidade de Vigo, Subdirector Xeral de Caixanova, Decano do Colexio de Avogados, Director do Parador de Pontevedra, compañeiras e compañeiros: boas noites e grazas pola vosa presenza.

Chega o momento das Conclusións da 27ª Semana Galega de Filosofía. Para os membros da Aula Castelao de Filosofía a Semana non dura os 5 días que aquí aparecen ante o público, senón que é un programa que dura todo un ano. Un ano que comezou pouco despois da 26ª Semana, no 2009, coa valoración do que foi a Semana, o que alí ocorreu, o que se conseguiu, e coa decisión do tema para a presente edición. Podedes facervos cargo da cantidade de traballo previo que encetamos a partir de aí, un traballo máis ou menos escuro, cheo de tenteos, intentos, cabos soltos, ata que o traballo vai callando e por fin chega o momento de lanzarse ao definitivo xuízo do público. E aínda máis, podedes estar seguros que estas Conclusións apresuradas non son máis que o punto de partida para a autovaloración que a propia Aula fai despois de cada Semana, sempre coa dose de autocrítica necesaria para tratar de mellorarse.

Read more

Posicionamento sobre o decreto do galego

A Aula Castelao de Filosofía rexeita o chamado “Decreto do Plurilingüismo”.

 

 

A “Aula Castelao de Filosofía”, unha asociación constituída por profesionais de distintos ámbitos do saber, que traballan nos eidos intelectual e docente por transformar Galiza nunha sociedade de cidadás e cidadáns libres e solidari@s, ante as Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galiza que o goberno da Xunta vén de elaborar, quere manifestar o que segue:

1º A situación actual de acoso e agravio contra o idioma senlleiro e propio de Galiza, foi creada e dirixida por un sector da sociedade claramente marcado ideoloxicamente e polarizado partidariamente, interesado —dun xeito temerario— en fabricar un conflito lingüístico coa fin de extraer réditos electorais, desbaratando o anterior clima de consenso e diálogo social existente en Galiza ao respecto.

2º A suposta conculcación dos dereitos individuais defendida por ese sector baséase nunha vaga interpretación de corte neoliberal da liberdade individual, onde se esquecen ora o deber e o dereito de tód@l@s alumn@s a adquirir competencias lingüísticas indistintamente nas dúas linguas oficiais de Galiza ora, a existencia do dereito dos pobos a defenderen e protexeren a súa cultura propia.

Read more

XXVII SGF: Inscrición

O prazo de inscrición rematou o mércores 31 de marzo de 2010.
En ningún caso é posíbel a matrícula no Auditorio de Caixanova durante a celebración da Semana.

Read more

XXVII SGF: Permisos

Lembrámoslle ao profesorado que o desexe que debe solicitar o permiso para asistir á SGF o antes posíbel, e como mínimo con quince días de antelación ao comezo do Congreso.

Lexislación: Circular Nº 3/98 da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e F.P.

XXVII SGF: Inscrición

O prazo de inscrición remata o mércores 31 de marzo de 2010.Por favor, realizade a inscrición unha soa vez. En aproximadamente tres días podedes comprobar aquí a listaxe de matriculados e matriculadas.

En ningún caso é posíbel a matrícula no Auditorio de Caixanova durante a celebración da Semana.

XXVII SGF: Comunicacións

Listaxe das comunicacións aceptadas.

Read more

XXVII SGF: Programa

Xa podes ver aquí o programa da XXVII SGF: Filosofía e Economía.
Do 5 ao 9 de abril de 2010, no Auditorio de Caixanova de Pontevedra.

 

En apoio de Aminetu Haidar

A Aula Castelao de Filosofía suscribe o manifesto en apoio de Aminetu Haidar e da causa do pobo saharauí promovido desde Galiza. Podes lelo e colaborar premendo embaixo.

Read more

XORNADAS DE ARTE: “Xéneros na Arte”

Por enfermidade do relator de hoxe, hai un cambio nos relatorios de hoxe e mañá:

-Mércores, 9 de decembro de 2009

“A muller real versus a muller ideal a finais do século XIX.”

Erika Bornay Campoamor

Profesora de Historia da Arte na Universidade de Barcelona.

-Xoves, 10 de decembro de 2009

“Mulleres artistas: outra mirada na historia da arte”

Lourdes García Vázquez

Profesora de Historia IES do Castro de Vigo

-Venres, 11 de decembro de 2009

“Intervencións feministas na(s) historia(s) da arte.”

Patricia Mayayo

Profesora de Historia da Arte na Universidade Autónoma de Madrid.

Read more

XORNADAS DE ARTE: “Xéneros na Arte”

Os días 9, 10 e 11 de decembro de 2009, dentro da Programación de Outono da Vicerreitoría de Pontevedra da Universidade de Vigo, a Aula Castelao de Filosofía organiza as Xornadas Xeneros na Arte.

Lugar: Casa das Campás, Pontevedra. Ás 20:00 horas. Entrada libre.

Read more

XXVII SGF: Filosofía e Economía

Do 5 ao 9 de abril de 2010 celebrarase a XXVII Semana Galega de Filosofía en Pontevedra. Este ano o título é Filosofía e Economía.

Xa está aberto o prazo para enviar comunicacións. Prazo até o 31 de xaneiro de 2010.

Read more

Conclusións da XXVI SGF: Filosofía e Educación

Eduardo García Parada, membro da Aula Castelao, presentou as conclusións da XXVI Semana Galega de Filosofía.

1.

Concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Delegada de Cultura da Xunta de Galiza, Vicerreitor da UVigo, Subdirector Xeral de Caixanova, Decano do Colexio de Avogados, Director do Parador de Pontevedra, relatores e relatoras, compañeiros e compañeiras, boas noites e grazas pola vosa presenza. Chega o momento do remate: as conclusións da XXVI SGF.

O tren que encetaba a súa vixésimosexta andaina hai cinco días chega hoxe á súa estación final. Cada un de nós collerá agora o seu particular camiño de ferro para retornar ás nosas casas, aos nosos estudos, aos nosos quefaceres cotiáns, aos nosos centros de ensino.

Momento confuso, provocado talvez polo cansazo logo dunha intensa semana de actividade, mais seguramente debido ás sensacións e sentimentos que fomos acumulando ao longo destes cinco días. Confusión tal vez por non atopar todas as respostas que gostaríamos de ter a tantas preguntas, algunhas que xa traiamos, outras que nos foron xurdindo na exposición dos relatorios, nos debates, nas lecturas e nas conversas. Confusión por levarmos unha chea de novos coñecementos, reflexións e materiais que nos permitirán principiar ou seguer a manter unha opinión e unha actitude crítica baseada no saber das cousas que se están a falar, e que moitos e moitas de nós poderemos levar ás aulas.

“Espero que lles quede todo suficientemente confuso”, dicialles a profesora Dolores Juliano aos seus alumnos -Manuel Delgado e Pedro García Olivo entre eles- logo dunha aula, pois esa confusión socrática é o inicio do pensamento propio.

Ledicia e agradecemento por estarmos neste lugar de encontro, mergullados nesta cidade acubilladora e amábel, que acreditan neste foro de debate e compromiso e valora a vosa presenza.

Son as institucións (que figuran no cartaz e) aquí representadas as que tamén valoran con entusiasmo o protagonismo cultural que adquire Pontevedra durante esta Semana. Cómpre un especial recoñecemento ao apoio amosado ininterrumpidamente polo Concello de Pontevedra, Caixanova e Universidade de Vigo, institucións que sempre nos deron o seu apoio e que lle dan estabilidade a este evento.

A ACF sempre procurou manter unhas relacións institucionais en base aos principios de lealdade, non inxerencia e respecto mútuos, entendendo que é obriga das institucións públicas facilitar á sociedade exercer o seu dereito a unha programación cultural e educativa digna e plural.

Agradecer aos participantes a súa presenza, incluíndo nesta a colaboración, esforzo e paciencia. Paciencia que agradecemos tamén no cumprimento de certas tarefas administrativas que nos desagradan, esgotan e rebordan a nosa paciencia tanto ou máis que a calquera, supoñendo ademais un gran e desagradecido traballo de oficina, visíbel e oculto, que non nos produce ningún tipo de compensación, cando non desegradábeis momentos durante a propia Semana.

Os asistentes á Semana son os que lle dan sentido de seu. Non deixamos de ficarmos abraiados do vosa fidelidade e asistencia: unha media de 400 persoas en cada sesión, difícil de crer nestes tempos de nihilismo. Aos comunicantes, agradecerlles a súa contribución con comunicacións que nos permiten levar preocupacións e estudos feitos desde o noso país, materiais que paga a pena ler de vagar. Aos relatores e relatoras, agradecerlles o esforzo e agardar que a súa estadía no noso país pagara a pena e lles permitira un coñecemento da nosa realidade para aqueles que a descoñecían.

2.

Na pasada edición da SGF ademais de ser a simbolicamente importante XXV pechamos unha triloxía de Semanas formada por Violencias, Diferenzas e Utopía.

Para encetar esta nova xeira, rapidamente acordamos hai xa case un ano, abordar un tema que profesionalmente nos afectaba á maioría dos membros da Aula e que sen dúbida é fulcral en calquera sociedade: a educación.

Sempre é un bo momento para falar de educación, mais cómpre termos en conta que xa levamos uns cantos anos enchendo o vaso e nestes momentos xa reborda. Tal vez xa leve algún tempo botando por fóra. Ou posibelmente sempre cichou algo…

Para non irmonos moi atrás, 1990 pode ser un bo ano de referencia. A implantación da LOXSE, que podemos dicir que marcou un punto de inflexión entre o sistema educativo da transición e unha reforma xa plenamente desenvolvida na era democrática do estado español.

Non podemos dicir que a LOXSE fose unha mala lei: procuraba a democratización do saber mediante tres reformas: modificación estrutural, mellora na calidade da ensinanza e innovación pedagóxica. Sobre o seu éxito seguro que xa non estariamos tan de acordo. Afirmaba Marina Subirats que foi unha lei demasiado radical, non se preparou aos docentes –nin se contou con eles nin se financiou axeitadamente engadiriamos-. E xa non deu tempo. En 18 anos, no estado español houbo tres reformas educativas, cos seus correspondentes desenvolvementos a nivel estatal e autonómico.

Faise a lei pero non se desenvolve correctamente ou non se financia suficientemente, e pretende solucionarse parcheando cunha nova lei, que normalmente adolece das mesmas eivas.

Tal vez a calidade non sexa tanto unha cuestión de modelo como do xeito no que se aplica. Nas avaliacións educativas da OCDE tipo informe PISA, Finlandia e Corea do Sul acadan os mellores resultados, con modelos educativos moi dispares: comprensivo un, segregado o outro, pero moi eficaces na súa aplicación. Os denominadores comúns son principalmente:

– Considerar á infancia e á mocidade como o centro do proceso educativo procurando a súa formación para conseguir o seu éxito e a súa mellor integración na sociedade;

– Darlle gran valor e importancia social e política á educación;

– Promover a implicación e participación das familias na educación dos seus fillos;

– Dedicarlle unha importante cantidade de recursos públicos;

– Prestixiar o labor dos docentes;

– Formar e implicar ao profesorado;

– Darlle unha alta autonomía aos centros.

Segundo César Coll e outros expertos educativos, no estado español ten lugar actualmente unha combinación explosiva de vellos e novos problemas: a progresiva perda de valor da educación como mecanismo de cambio social, a escasa importancia que a sociedade e os poderes públicos lle outorgan, o sistema de valores imperante que se transmite polos medios de comunicación, unha endémica financiación insuficiente, a cada vez menor implicación das familias na formación dos fillos, a baixa consideración que se ten do labor dos docentes, o escaso apoio que reciben na súa actividade na aula, os limitados recursos dos centros e a súa limitada autonomía, a ausencia de estratexias e apoio para afrontar a heteroxeneidade do alumnado, a escolarización do alumnado inmigrante, etc.

Cómpre un pulo desde abaixo, unha nova ilusión, non máis leis. A renovación non ten que vir pola pedagoxía, ten que ser un impulso moral, ético.

A educación é responsabilidade non só das aulas, senón tamén das familias, das políticas públicas e da propia sociedade.

A situación sociocultural do alumnado e nomeadamente o seu contorno familiar tamén son decisivos. A modernización dos sistemas educativos español e galego produciuse dun xeito moi acelerado. Como indicaba o finado Xan Bouzada, “A cultura é un proceso acumulativo”. Non é doado resolver en vinte anos un proceso de varias xeracións. Non é doado que os rapaces lean de seu cando só na Escola se le, pois os referentes fóra da escola non len

Dicía Marcial Gondar que “a lareira nos vellos tempos é hoxe a pantalla de televisor ou os videoxogos e representan o máis potente instrumento socializador dos que van configurando a nosa identidade como persoas”.

E tamén as novas estruturas familiares, que debemos asumir… todos, pero de xeito moi salientábel a escola. En palabras de Fernández Liria, “a ensinanza secundaria é, cada vez máis un asunto de asistencia social e non un asunto académico”. É antes cando a escola debe actuar de xeito decidido. Dicianos Subirats que temos que abordar a socialización primaria da infancia, esa que antes se producía fóra da escola, na familia e no contorno próximo. Senón, os elementos de socialización primaria serán a TV e internet, que ofrecen servizos case á carta, co que faltan elementos de cohesión social. A escola non debe ter como fin a inserción no mercado laboral ou manter un estatus de clase. Debe ser un sitio de SOCIALIZACIÓN.

Os modelos de éxito dos estudantes non sempre pasan polo éxito académico, coa perspectiva mileurista como síntoma de crise nas expectativas de inserción laboral e de desprestixio do ensino superior. Na nosa sociedade, os estudantes con capacidade, motivación e gañas de estudar teñen poucos incentivos, especialmente ao chegaren ao ensino secundario, cando a importancia do grupo e dos líderes mediáticos se volve prioritaria. A sociedade convirte en modelos a imitar aqueles que garanten o fracaso académico. Admiramos e somos cómplices co cantante, deportista ou outro personaxe público que conta o ben que lle vai na vida apuntando como mérito as aulas que colgaba, as “chuletas” que facía ou como lle tomaba o pelo aos profesores e incluso a algúns compañeiros máis débiles ou estudosos. “Son cousas da idade, é o normal”. Prefírese a astucia do aproveitado á intelixencia ou ao esforzo do bo estudante.

En palabras de Miguel Vázquez Freire: “É a cultura de preguiza que veñen difundido os medios, como que se pode aprender inglés en sete días e sen esforzo”.

3.

A Grecia clásica proponse convertir ao neno en humano, ser civilizado. Coñecer a cultura helenística convírtese en asunto da polis. O obxectivo é formar cidadáns libres e críticos, merecedores do disfrute da beleza, do saber. O contexto non é a escola, ler e escribir non colma a formación, o pensamento e a reflexión exercítanse coas vellas historias míticas en escea, son o teatro e as festas lugar para a reflexión sobre a condición humana.

Na Ilustración o individuo configúrase como suxeito de dereitos dentro da orde social establecida. Alfabetizado e cultivado, o seu obxectivo debe ser a autonomía ética e crítica que garanta a súa realización social e se constitúa como axente activo no exercicio dos seus dereitos e da súa construcción identitaria no marco do estado de dereito. O súbdito debe mudar en cidadán. A educación deixa de considerarse como un asunto individual, familiar e sectorial e se converte nun problema social, nunha cuestión de estado. Debe consolidar os principios do novo estado liberal revolucionario, debe transformar as conciencias. Pero as institucións escolares existentes, unha boa parte delas rexidas polo modelo xesuítico e controladas pola igrexa non son o espazo que garanta a formación dun “home novo”. Unha vez máis o contexto educativo é a sociedade no seu conxunto que debe funcionar como unha escola de cidadanía. E esa escola que debía contribuir ao cambio social, basada nunha educación racional, laica, artífice do cidadán, consolídase como fundamentación do estado centralizado e da futura clase económica dominante, ao tempo que vai desbrozando as identidades sociais dominantes no Antigo Réxime.

Con todo, o tempo das transformacións sociais, de carácter universal, han tardar. Á marxe ficaban as mulleres, como forza de traballo doméstico, como soporte do coidado da familia, non é suxeito de dereitos e deberes, non é oportuna a súa autonomía. Alfabetización, educación e coñecemento non son compatíbeis coa muller decente.

Afortunadamente hoxe corresponde falar de cambio cultural, do imparable proceso de tranformación que nos últimos 50 anos vense producíndo coa universalización da educación e con ela a incorporación da muller ao sistema educativo.

Estaremos de acordo en entender a Educación como formación integral, participativa e comunitaria, considerándoa unha necesidade básica alén das necesidades ligadas directamente coa supervivencia, que nos permite participar na cultura, un dereito esencial, e a chave do desenvolvemento. O acceso ao coñecemento favorece a participación, a defensa dos dereitos individuais e colectivos, aumenta a calidade de vida e reduce a dependencia das persoas e dos grupos humanos respecto a diversas instancias de poder.

“Sería realmente unha ilusión que os oprimidos puideran esperar que as elites de poder estimulasen un tipo de educación que as desenmascare máis ainda do que xa o fan as contradicións sociais en que se achan envoltas” dicía Paulo Freire, posibelmente un dos últimos pedagogos en analizar a educación de xeito integral. Freire entende o proceso educativo non como un mero depósito de coñecementos, senón como un acto cognoscente que serve á liberación crebando a contradición entre educador e educando. Orientada cara a acción e a reflexión das persoas sobre a realidade, destrúe a pasividade do educando que propicia a adaptación a unha situación opresiva. Isto tradúcese na procura da transformación da realidade, na que opresor e oprimido atoparán a liberdade humanizándose.

Marina Subirats explicounos que á hora de facer unha reforma priorízase primeiro que o sistema educativo siga a ser unha máquina de etiquetaxe social, como dicía Marx: “A reprodución dos coñecementos escolares é a reprodución das desigualdades sociais”. No estado español, isto pasa polo debate entre escola pública e privada. En segundo lugar, están os intereses corporativos dos diferentes colectivos que forman a comunidade escolar, e por último –e lonxe dos dous anteriores- está o que debemos transmitir, o que debemos ensinar. É de sentido dicir que isto último debería ser o primeiro e fundamental.

Outro factor necesario para unha mellora notábel da educación é a necesidade de mudar o modelo cultural masculino. Seguimos a educar aos nenos nunha socialización violenta, a obrigalos a ser o número un. Cómpre reintroducir, revalorizar todos os aspectos que se consideran tradicionalmente propios das mulleres, como o coidado e o diálogo, e rebaixar os niveis de violencia e competitividade.

O saber non debe fragmentarse en exceso. A educación secundaria e universitaria ten un exceso de optatividade que favorece a dispersión, que non exista unha visión global, crítica e dialéctica. O saber superespecializado é un xeito de non saber. É o dominio do empirismo puro, a falta dun pensamento xeral que vertebre. O exceso de información ao que estamos sometidos na actualidade produce ruido e falta de reflexión, non dá tempo!

A educación medioambiental é hoxe tamén un aspecto que cómpre reafirmar nun ensino de calidade. A importancia do respecto pola natureza e polo medio ambiente debe permear todo o ensino e todas as accións sociais. A necesidade de concienciación sobre o sufrimento animal e a acción na defensa de especies e ecosistemas ameazados leva ao desenvolvemento de proxecto como o Gran Simio que nos presentou a Paula Casal.

Con respecto ao EEES, Galcerán afirmou que a información e a comunicación son unha nova mercadoría. As novas TICs ocultan unha adecuación das reformas previstas no plan Bolonia ás esixencias do chamado capitalismo cognitivo. Acábase por substituir o dereito á formación pola idea da formación como unha inversión que debe ser pagada e debe ser rendíbel, sempre de acordo aos intereses do mercado

A formación do profesorado era un dos obxectivos básicos da reforma na procura da calidade educativa. Un deber e un dereito do profesorado. Intentouse atender a un alumnado moi variado sen contar cos recursos suficientes nin sopexar axeitadamente o profesorado co que se contaba e a súa implicación.

En Finlandia, o profesorado conta cun prestixio social do que carece no estado español. A súa formación é das máis duras. En canto á formación, falar do CAP como curso de formación para exercer de profesor ou profesora en educación secundaria é directamente esbozar un sorriso de complicidade, un éche o que hai! E non parece que vaiamos por bo camiño, pois o Máster de Formación do Profesorado inserido no proceso de Bolonia que propón o Ministerio semella ser unha versión alongada do antigo CAP: pura teoría psicopedagóxica e didáctica. Tal vez o recente cambio no Ministerio poda aínda modificar este despropósito, tendo en conta as declaracións previas do actual ministro Ángel Gabilondo.

A formación continua do profesorado é excesivamente burocrática e afastada da realidade das aulas e das súas necesidades.

García Olivo presentounos o “educador mercenario”, o profesor moderno, operario da “domesticación do outro”, represor cotián da diferenza e encargado de difundir os valores e principios da “nosa” cultura. É o colonialismo interior. Cara fóra aniquílanse as culturas autóctonas, non occidentais, cara dentro as especificacións rexionais, locais.

A crecente chegada de inmigrantes non europeos forza á Escola a reaccionar e a modificar o seu centralismo nacionalista. Comeza o discurso da “multiculturalidade”, o novo discurso “cidadanista” para os que se lles nega a cidadanía, como dicía Delgado. O insustancial “diálogo de culturas”. A escola inicia a integración selectiva, permite a “alteridade domesticada”, non entende que todos somos seres complexos, tamén os inmigrantes. Unha vez máis, non atende á diversidade.

Explica Jiménez Cortiñas que para a comunidade xitana o verdadeiro camiño cara a igualdade é a instrución no sentido máis amplo.

Eva López e Laura Cruz situáronnos no mecanismos de prevención e intervención en situacións de desprotección da infancia, unha obriga de toda a sociedade e nomeadamente da administración.

A escola pública non debe ser un lugar asocial onde se prepara aos individuos para a competición laboral. Á hora de entender a función social da educación, debemos procurar que os que van vivir xuntos se eduquen xuntos. Non se pon en dúbida o dereito dos pais a educar aos seus fillos. O que non posúen é o monopolio da súa formación. Os pais poden transmitirlles os valores que prefiran, pero non poden negarlle á escola a obriga de ensinarlles que tamén hai outras opinións e outros criterios. Como di Fernando Savater “os pais que de verdade se preocupan pola educación en valores dos seus fillos non lles ensinan a pensar coma eles, senón a pensar por si mesmos”. “Os pais non poden marcar o currículo escolar” defendeu Domingos Garcia Fernandes.

A educación é unha responsabilidade social. Toda sociedade ten a responsabilidade histórica de proporcionarlle á seguinte xeración as ferramentas intelectuais e éticas necesarias para habérselas no mundo e melloralo. Esta responsabilidade non pode ser substituida por obxectos materiais, nin se pode delegar ou suspender, e reborda o ámbito de calquera sistema educativo, por moi ben deseñado que este estea.

A autonomía ética (isto é, ser quen de encauzar a acción según a racionalidade) e a autonomía intelectual (distinguir o coñecemento da crenza, do prexuizo e da superstición) son os obxectivos irrenunciábeis dunha educación racional orientada cara a xustiza e a liberdade. Todo sistema educativo que non asuma estas prioridades é un fraude social, ben porque serve a intereses particulares, ben porque é froito da irreflexión histórica.

A filosofía é o ámbito da reflexión sobre estas cuestións cruciais para a humanidade (o coñecemento e a ética) e, xa que logo, o ámbito de reflexión racional sobre toda actividade humana (a economía, a sociedade, a xustiza, a liberdade, a relixión, a ciencia, a humanidade, a igualdade, a arte…). As relixións ou calquera outras doutrinas moralizantes non garanten por sí mesmas a autonomía ética das persoas. Do mesmo xeito, unha aprendizaxe memorística e mecánica das ciencias e das humanidades non proporciona unha verdadeira autonomía intelectual.

Un sistema educativo que prioriza a formación técnico-profesional sobre a formación ética e intelectual serve únicamente aos intereses da economía. A toma de decisións tanto na esfera privada como na pública realizarase en función do interese particular, e no caso dun nivel intelectual baixo, fundamentada en prexuizos, erros ou supersticións. A consecuencia deste modelo educativo é a irracionalidade económica, política e social, tanto a nivel público como privado.

Acreditamos ademais que todo ser racional, teña a idade que teña, pode acadar mediante a aprendizaxe a súa autonomía ética e intelectual.

O ilustrado Condorcet dicía que era incompatíbel o ensino público e o ensino relixioso. A relixión non ten cabida no ensino común. A escola debe eliminar dos nenos e nenas os prexuizos do pasado. A relixión na escola significa volver a modelos rancios e opresores, significa aceptar hoxe a división entre moros e cristianos, unha volta ao pasado.

As institucións relixiosas son entidades privadas, que non teñen dereito a intervir no sistema educativo para que inclúa a catequese no currículo escolar, nin a amosar símbolos confesionais nos lugares públicos, nin a posuír espazos de culto dentro dos edificios da Administración do Estado.

Narciso de Gabriel explicounos a evolución do sistema educativo en Galiza. O fracaso en Galiza dos tímidos proxectos educativos españois debeuse fundamentalmente á dispersión da poboación e ao caciquismo. O pobo dotuose de fórmulas escolarizadoras propias, como as escolas de ferrado e tamén as escolas de indianos, persistindo algunhas até 1970. Tamén antes de 1936 houbo nalgunhas cidades escolas laicas e escolas do ensino galego, procurando seren alternativas ao ensino relixioso e centralista.

Galiza precisa un sistema educativo plenamente galego, planificado e ordenado en función das nosas necesidades, inserido na nosa realidade social, económica e cultural e ao servizo de todos os galegos e as galegas. Entendemos que para que haxa calidade e equidade educativa é preciso reafirmar a nosa identidade como pobo e galeguizar o ensino.

Con respecto á lingua, ao contrario do que se nos quere facer crer, debido ás manipulacións de grupos minoritarios que procuran a desaparición do noso idioma, o galego sofre unha situación deficitaria no ensino, e desproporcionada no seu uso respecto do español.

Ah! pero hai un conflito lingüístico en Cataluña?, contestáballe Manuel Delgado á pregunta intencionada dunha xornalista.

A utilización deste tamén artifical conflito lingüístico en Galiza por parte do PP na última campaña electoral semella que obriga ao agora presidente da Xunta a utilizar expresións baleiras de contido como “amabilidade lingüística” ou “bilingüísmo cordial”, que agardamos desacougados a que nos expliquen o seu significado. Será a “amabilidade” á que se refería Manuel Delgado cando falaba da impostura do politicamente correcto?

Os únicos amábeis –lingüisticamente- (e tal vez dentro de pouco os únicos bilingües) somos os que estamos instalados no galego, pois somos quen de sentirnos cómodos tamén en castelán, e somos tolerantes e dialogantes. A nosa lingua leva toda a vida cun estatus inferior ao castelán –xurídico, educativo e social- e ainda así poñemos boa cara e seguimos a procurar convencer a quen quere oir das virtudes de falarmos a lingua propia de Galiza, o noso legado cultural máis valioso, a envexa de calquera pobo que ten consciencia de seu. As virtudes de falarmos cando menos dúas linguas –galego e castelán- con plena competencia e con calidade, como defendeu Goretti Sanmartín. E se son tres ou máis, pois mellor (trilingüísmo, cuadrilingüísmo, pentalingüísmo, etc)!

Sen embargo, cantos dos que se declaran en Galiza castelanfalantes son quen de ter a mesma competencia e seguranza en galego? E ao revés? E logo, cal é o problema? O problema é que algúns queren ser menos formados, menos cultos e con menos posibilidades que os seus veciños. Tamén é verdade que só cunha actitude favorábel é posíbel a aprendizaxe, ben o sabemos os que nos dedicamos ao ensino.

Para o novo presidente Alberto Núñez Feijoo o galego parécelle o problema máis urxente do pais. “Acaso non podemos aunar a liberdade individual e a normalización?”, di Feijoo. Palabras novamente baleiras. No sistema educativo, a “liberdade das familias” non consiste en determinar como vai ser a aprendizaxe, ou como se vai conseguir que o alumnado teña a mesma competencia nas dúas linguas oficiais do pais –porque isto querémolo todos, non?-. Mal comezo se isto vai ser a pedra angular da súa política educativa. Separarán ao alumnado en función dos que queiran aprender a multiplicar pero non a restar? Ou haberá que preguntarlle aos pais se lles parece ben que a capital de Franza sexa París? Ten dereito un alumno ou alumna a chegar ao final da súa escolarización e non ser quen de falar e escribir en galego ou esixirlle porque lle peta (“liberdade individual”) ao profesor que fale en castelán, que parece ser que é a lingua común dos galegos. Home, se llo pide amabelmente!

Feijoo dixo no seu discurso de investidura o pasado martes:  “o novo decreto será elaborado coa participación e orientación dos expertos e as institucións”. Agardamos que sexan galegas e recoñecidas, e que cumpra a súa palabra, sen manipulacións.

“Estamos nun tempo de pensamento túzaro”, en palabras de Manuel Rivas.

O idioma é a chave coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble, o pensar máis profundo.

[…]

O idioma é a forza que nos xungue e sostén.
Se perdemos a fala non seremos ninguén!

Manuel Maria

5.

Desde a ACF consideramos indispensábel:

1. O cesamento do continuo cambalache de horas, materias, criterios e definicións psicopedagóxicas, que está a prexudicar gravemente á educación e que apuntan a unha falta de criterio nas decisións que se están a tomar.

2. Que os obxectivos prioritarios de calquera reforma educativa sexan a autonomía ética e intelectual, e a socialización de toda a cidadanía. A formación técnico-profesional debe estar supeditada á consecución destes obxectivos, e non á inversa.

3. Que a filosofía, como reflexión racional sobre todo o coñecemento e actividade humana, teña no sistema educativo o lugar fundamental que lle corresponde en todas as etapas, en contra da tendencia actual a recortar o seu ámbito tanto a nivel curricular como a nivel horario. Esta tendencia evidencia un enfoque sometido aos intereses da economía e do mercado.

4. Que os lexisladores comprendan que poñer no texto legal “conseguir a autonomía ética e intelectual” ou “fomentar o espíritu crítico” ou “desenvolver as competencias” ou “aprender a aprender” ou “educar en valores” é un acto declarativo sen ningún efecto se non é acompañado das accións executivas precisas e coñecidas para que realmente se implemente. Non sempre é cuestión de escribir unha nova lei educativa nun papel e enchela de frases bonitas, senón que cómpre acreditar no que se escribe e poñer os medios humanos, materiais e formativos para conseguir os seus obxectivos. Conseguir implicar ao profesorado. O profesorado debe sentirse parte activa dos procesos de cambio.

5. A formación do profesorado debe recoller os seus intereses e inquedanzas e debe responder a necesidades reais das aulas.

6. A escola debe adaptarse aos cambios sociais e ás novidades que se produzan na sociedade. Para isto cómpre non só a boa vontade do profesorado, senón a implicación real de toda a comunidade educativa e da administración.

7. A escola debe ser laica. A ensinanza da relixión debe ser eliminada do currículo escolar. O currículo escolar do sistema educativo debe estar integrado exclusivamente, na parte correspondente á formación intelectual, por contidos avalados obxectivamente, e na parte referente á socialización, por valores universais que o enraícen no medio e contribúan a construír unha sociedade mundial de pobos e cidadáns iguais e libres.

8. A nosa identidade como a de calquera outra nación con consciencia de seu precisa dun sistema educativo propio e acaido as súas características. A nosa lingua debe ocupar o lugar prioritario que lle corresponde co obxectivo de conseguir a seguranza lingüística do alumnado no galego.

CALIDADE / PENSAMENTO LIBRE E CRÍTICO / CIDADANÍA / ENSINO PÚBLICO / UNIVERSAL / LAICISMO / LINGUA GALEGA / ENSINO GALEGO.

6.

Eis as conclusións da XXVI SGF. 25 anos son moitos anos, todo un ciclo do que non sentimos moi orgullosos. Non quere dicir isto que non se poderían ter feito mellor as cousas nin moito menos. Mais consideramos o traballo ben feito, tendo en conta en especial que o medio non sempre foi amigábel e que as persoas que ao longo destes 25 anos configuraron a ACF fixeron o seu traballo SEMPRE de xeito gratuito, compartido e solidario, e procurando os obxectivos fundacionais de ANOVACIÓN, GALEGUIZACIÓN e PARTICIPACIÓN.

Todo proxecto precisa renovación, cando menos humana, para sobrevivir. É como a vida mesma. Ao culminar esta XXVI SGF albiscamos que o proxecto ten continuidade, segue vivo, está presente e ten futuro. Futuro con novas persoas, e coas persoas de sempre presentes. O proxecto ACF segue adiante. E permitide a inmodestia: é necesario, segue a ser necesario.

A “Aula Castelao de Filosofía” estivo e está constituída por persoas chegadas de distintas ramas do saber, principalmente do ensino e da filosofía, que traballan nos eidos intelectual e docente. E que manteremos o compromiso por transformar Galiza nunha sociedade de cidadáns libres e solidarios.

Vinte e seis anos de COMPROMISO e sempre co apoio constante de todos e todas os que cada ano asistides e participades nas Semanas Galegas de Filosofía, que potenciades os debates e que lle dades sentido ao noso esforzo. Xentes que reclamades lugares de reflexión que nos permitan logo a acción. Que gustades do pensamento crítico.

Cómpre lembrar, unha vez máis, a necesidade de que o ensino -e a sociedade no seu conxunto- procuren o “sapere aude”, que todos ousemos, que nos atrevamos a pensar. A ACF fixo esa aposta desde o principio e seguimos a propoñela coma un desafío. Tentaremos manter aceso o facho dun pensamento crítico que non se contente con interpretar de diversos xeitos, senón que quere transformar; ese pensamento nado e sustentado na memoria subversiva e encoraxinada; ese pensamento que aniña na independencia.

Este é o noso pasado e é a nosa proposta de futuro. Contamos con vós.

Pontevedra, 17 de abril de 2009

XXVI SGF: Comunicacións

Listaxe das comunicacións aceptadas embaixo. Podes consultalas e imprimilas en formato pdf aquí.

Read more

XXVI SGF: Programa

Xa podes ver aquí o programa da XXVI SGF: Filosofía e Educación.

Do 13 ao 17 de abril de 2009, no Auditorio de Caixanova de Pontevedra.

Read more

XXVI SGF: Homologación de horas de formación

A Aula Castelao de Filosofía e a Universidade de Vigo recoñecen o Congreso XXVI SGF con 50 horas de formación.

Read more

XXVI SGF: Inscrición

XXVI SGF: Filosofía e Educación

Do 13 ao 17 de abril de 2009 celebrarase a XXVI Semana Galega de Filosofía en Pontevedra. Este ano o título é Filosofía e Educación.

Xa está aberto o prazo para enviar comunicacións. Prazo até o 31 de xaneiro de 2009.

Read more

Conclusións da XXV SGF: Filosofía e Utopía

Francisco Ramil, membro da Aula Castelao, presentou as conclusións da XXV Semana Galega de Filosofía.

Read more

XXV SGF: Inscrición PECHADA !!

En ningún caso é posíbel a matrícula no Auditorio de Caixanova durante a celebración da Semana.

O prazo de inscrición rematou o luns 17 de marzo de 2008.

O control de asistencia levarase a cabo diariamente no Auditorio.