Filosofía e Compromiso (Ed. Espiral Maior, A Coruña, 2004)

O xoves 15 de abril ás 13 horas no Auditorio de Caixanova de Pontevedra terá lugar a presentación do libro Filosofía e Compromiso, no que se recollen os relatorios presentados na XX SGF.
Ver máis.

Filosofía e Compromiso
A Aula Castelao de Filosofía e a Editorial Espiral Maior publican o libro Filosofía e Compromiso, no que se recollen os relatorios presentados na XX SGF.

Baixo o rótulo de Filosofía e Compromiso preséntanse as ponencias da XX Semana Galega de Filosofia. A Aula Castelao de Filosofía entendeu que a vixésima edición deste encontro debía recoller na medida do posíbel un dos seus motores de traballo, isto é, ser foro de pensamento crítico e debate de ideas. Ser un espazo para a renovación e actualización metodolóxica e disciplinaria desde unha comprensión do quefacer filosófico como o compromiso cunha realidade social que demanda novas ferramentas analíticas para fitar firmemente ao colonialismo da palabra, ao secuestro dos conceptos que deforma unha realidade que case sempre se resiste.

Porque desde a Aula Castelao de Filosofía consideramos que é importante que non se rouben as palabras, porque perfilar os campos semánticos é un labor de séculos de Teoría e Praxe, de Filosofía; hoxe ten máis sentido que nunca reflexionar sobre Filosofía e Compromiso. De aí a nosa vontade de que vexa a luz un texto sobre o pensamento e o compromiso, con importantes aportacións de intelectuais comprometidos e comprometidas con diferentes ámbitos do pensamento e da vida. Un libro que recolle unha escolma das temáticas das dezanove Semanas Galegas de Filosofía adicadas á ecoloxía, á democracia, ao poder, á latinoamérica, ao xénero, á lingua, á autodeterminación, á globalización, á ciencia e á tecnoloxía ou ao deporte entre outros.

A Aula Castelao de Filosofía compila este libro coa modestia de quen sabe que catorce textos para ler, pensar, dialogar e debatir non chegan para parar unha guerra, rexenerar as costas, paliar os problemas sociais, medioambientais e económicos derivados da neglixencia política, evitar as desigualdades e a violencia de xénero, frear a perversión da globalización mercantil e un longo ecétera, pero si co compromiso dos que traballan a prol do pensamento que non ten fronteiras, da heteroxeneidade dos discursos, da confección de múltiples lentes para ver unha realidade máis rica e complexa.

Un poliedro de miradas encamiñadas a pensar o mundo e a pensarnos, unha implicación con dous sentidos na que non podemos obviar un deles. Xa que logo, a perspectiva do global pasa por unha comprensión da nosa propia incardinación nunha estructura material e social que nos constitúe, ao mesmo tempo que a realización teórica e práctica desa situación necesita a inserción nos fluxos de información e coñecemento que configuran a metáfora máis socorrida da nosa época, isto é, a rede. Así, situados nun punto concreto da maraña de interrelacións discursivas e materiais do noso momento, que adoitamos denominar como realidade galega, tentamos buscar as conexións que nos permitan entender o coñecemento como un acto de proliferación de perspectivas e non como unha viaxe unidireccional.

A continuación preséntanse as doce conferencias das diferentes sesións de mañá, tarde e noite, a lección de clausura e as conclusións da XX Semana Galega de Filosofía segundo a orde que figura no programa da Semana de Filosofía do 2003. Esta estructa permite recoller o perfil filosófico das intervencións dos e das intelectuais adicados a pensar a Filosofía hoxe e que no seu momento forón unidos baixo o lema de “Filosofía: teoría e praxe”, estamos a falar de Adolfo Sánchez Vázquez, Celia Amorós, Raul Fornet-Betancourt e James Petras. Co epígrafe “Galiza: realidade e proxecto” recolléronse as voces de cinco pensadoras e pensadores que desde campos de investigación ou traballo distinto teñen contribuido a pensar e construir unha realidade galega máis aberta e dinámica. O terceiro bloque de discursos tivo no compromiso da palabra o seu eixo fundamental. Deste xeito co título “Imaxinación: palabra e acción” catro escritores, nomeadamente, Manuel Rivas, Alfonso Sastre, Eduardo Galeano e Xosé Luís Méndez Ferrín, que oficiou a sesión de clausura, aportaron a súa praxe lingüística e o seu compromiso vital. Este esquema de presentación e unha das múltiples liñas de lectura dos textos deste volume. Agardamos que cada quen atope a súa e, dalgún xeito, este libro sexa de utilidade na urxente tarefa de reinventar espacios de pensamento crítico.

 

Conclusións da XX SGF

XX Semana Galega de Filosofía: Filosofía e Compromiso
Conclusións da XX Semana Galega de Filosofía

Ramón Regueira
Presidente de honra da Aula Castelao de Filosofía

Chegamos con este acto ao final da Vixésima Semana Galega de Filosofía. Toda Semana leva consigo unha PROGRAMACIÓN, unha EXECUCIÓN e unha AVALIACIÓN da mesma. A programación dura, para a Aula Castelao, un ano. Tras rematar unha semana, nos dez días seguintes, reúnense os membros para debater o tema e o programa da seguinte e facer a avaliación fonda da anterior. A execución realízase durante cinco días intensos de nove horas de traballo diario e a avaliación ten dúas fases, unha primeira, superficial e outra máis profunda, da que falamos antes e na que a autocrítica, asegúrolles, é dura. Isto que vou a dicir pertence a esa avaliación feita a presa dado que estamos asulagados pola realización da Semana. Este ano é especial. Remata un ciclo. Finalizan certas formas de facer. Escomenzan novas etapas. É esta a razón de que a primeira e a última, das 7 conclusións teñan por obxecto o pasado, a historia da Aula Castelao, e a última sexa un adianto, máis ben un desexo, dun futuro, que por selo, está moi aberto.

A 1ª CONCLUSIÓN: ORIXE, OBXECTIVOS e ESTILO da AULA CASTELAO.

A Aula Castelao constitúise no curso 1981-1982 con tres obxectivos claros e precisos: ANOVACIÓN, GALEGUIZACIÓN e PARTICIPACIÓN. As persoas que nos xuntamos naquel inicio sentiamos un desacougo fondo. En xeral, a nosa profesión era a de ensinantes. O ensino parecíanos algo arredado da realidade social e política. Era, xa que logo, imprescindible renovarse. O renacemento tiña de estar máis ca nas formas didácticas e metodolóxicas –que por certo eran as que naquel intre estaban de moda- nos contidos. O eixo directivo debía ser o que a realidade era histórica, conflictiva e contextual. En cambio o que nos ofrecían os programas, sobre todo de filosofía, eran metafísicas, neutrais e abstractas. A anovación era, pois, necesaria se non queriamos seguir vivindo e ensinando algo alleo aos tempos e o peor, alienando, ás persoas. Desacougábanos un pensar académico, estático, apolítico e ahistórico. Sigue, ao fío dos tempos, pasando o mesmo, en efecto, chegounos unha circular da Consellería de Educación na que, de novo, se fala dunha “educación non politizada” como se o obxectivo da educación tivera que ser un mero adestramento en habilidades e non unha comprensión da realidade e dos seus conflictos que nos moralice non só no senso de ter uns valores, senón, tamén, de ter enerxía, vigor para levar adiante unha vida decente. Se queremos isto último a educación terá de ser non despolitizada, senón, ao revés, politizada e politizada fondamente para que tras ver esa realidade, eses valores, un se indigne, en primeiro termo, e logo se ilusione cun futuro diferente para o que se necesita un pensar vivo, dinámico e situacional.

Este feito que xustificaba o primeiro obxectivo, é dicir, a anovación, implicábase co segundo, a galeguización, que foi o eixo central perante istos anos. A filosofía presentábase, seguindo a Hegel e a Heidegger, como un corpus único, unha historia única, un logos único que, tras o paso do mito ao logos, escomenzou un desenvolvemento no que continúa. Só hai unha filosofía, dirá Heidegger, a grega. Antes diría Hegel o mesmo ao afirmar que” a filosofía non comenza deica chegar o mundo grego”. Para nós iso era a asimilación doutros logos por un logos quue se presentaba como científico, moderno, mestizo…Era, no mellor dos casos, reducir o noso “territorio” a mera “rexión” do pensar occidental. Necesitabamos liberarnos, en principio, das ataduras desta forma de filosofar que chegaba a afirmar ideas como que non se podía facer filosofía en línguas que non fosen o grego, o latín, o alemán, ou en último termo, o inglés ou o español como afirmaría Ortega e hoxe G.Bueno. Como podía, en efecto, explicarse a Platón, Heidegger, Marx, Kant, Wittgenstein…en Galego? Este ceibarse do xugo do monologos tería de levarnos, inmediatamente, a unha nova construcción filosófica para a que era necesario o coñecemento do noso “ser histórico”con toda a súa cantidade de tradicións, mitos, narracións, historias, ritos…que hai no “SER” de Galiza. En conclusión, tentabamos sublevarnos, non delegar a palabra, alzar as voces reprimidas e marxinadas. Des-difinir a filosofía e re-ubicala, é dicir, situala no noso contexto que é un universo concreto de vida. A par teriamos que asumir a tarefa de coñecer as tradicións e conflictos que hai en nós e desde eles liberarnos das asimetrías. Nen deixarnos asimilar, colonizar; nen sacralizar o propio como se non se desen contradiccións e conflictos internos.

Finalmente queriamos sacar a filosofía da “academia”. Impregnala e confrontala coa realidade social da que falamos. Para iso teriamos de estar onde se dese debate, argumentación, contradiccións, dúbidas. A participación, pois, en todo tipo de ágoras onde poidésemos vivir a realidade tiña que ser unha teima e un compromiso de todolos membros.

Esta foi a teoría, este foi o paradigma que nos propuxemos. ¿E que resultou na práctica?, ¿Como exercemos os obxectivos durante istos vinte e un anos? Cremos que foron as SEMANAS de FILOSOFIA o intento máis serio que usamos para facer realidade os tres obxectivos. Nesas semanas tentamos impor un ESTILO e non só un método de pensar. O estilo formalízase na forma de executar cada día, dos cinco que consta, cada semana. Cada xornada ten tres sesións: a de mañá onde, centrándose no tema da mesma, se intenta que se exercite a INTERCULTURALIDADE, é dicir, que se presente diante de todos unha forma de pensamento filosófico. Esta interpélanos, esíxenos diálogo e faino desde o seu logos e respetando o noso. A tarde, tendo como eixo a Galiza, pretende desenvolver a INTERDISCIPLINARIEDADE. Na realidade do noso ser hai aspectos, conflictos, tradicións…e para coñecelos é necesario con-vocar e escoitar aos diversos saberes para que cos seus métodos describan, analicen e interpreten unha “rexión” dese ser. Escoitalos é atoparse coa información necesaria e precisa que se necesita para coñecer o “mundo”que posibilita o exercicio da liberdade e da autonomía dos seres radicados nel. Finalmente, nas sesións da noite, é a VITALIDADE ,a MATERIALIDADE o que se presenta diante de todos nós. A academia cede o lugar a vida. As persoas concretas, con imaxinacións, desexos, frustracións concretas fanse presentes na semana. É este o espacio filosófico real. A el é a quen a filosofía ten de servir se quere ser transformadora e non contempladora, abstracta e ideloxizadora no senso negativo da mesma.

Este estilo, que se exercitou aquí perante istos vinte anos, deu como resultado istos 6 productos que sinalo someramente:

A- Que por Pontevedra pasaron máis de 400 intelectuiais de todolos campos: filosóficos, sociolóxicos, políticos, biolóxicos, literarios…e de todas as partes do mundo. Deixaron a súa palabra fonda e precisa. As súas intervencións, caseque na totalidade, están recollidas en cintas agardando a súa publicación

B- Que na Aula Castelao e na Semana Galega de Filosofía deixaron as súas ideas máis de 200 comunicantes que aprisionados polo espacio e o tempo sintetizaron pensmentos, cando menos, impactantes. Están, en xeral, publicados nos dosieres que entregamos ao inicio de cada semana.

C- Que as semanas deron como resultado máis de 10 publicaciós. Están sinaladas no pequeño informe da A.C. que nos dosieres se atopa na última páxina dos mesmos.

D- Que por estas semanas pasaron máis de 18.000 persoas que, como dicimos nesa información que citei antes, fixeron que “as semanas fosen formento que leveda a masa de todo un ano laboral abrindo vieiros, proporcionando bibliografías…son unha boa ocasión non só para a complementación intelectual senón para o medre das relacións humanas e de amizade”.

E-Finalmente, das semanas xurdiron varias teses doutorais, cátedras universitarias, distintos seminarios (Portugal Hoxe, Filosofía Zuche, F.Cordón, S.de Beauvoir, Marx, Engels…) e, sobre todo, aquilo que un asistente dicía fai algúns anos: ”levo a cabeza barrenada ,agora teño que sentarme e organizar todo e, o peor, é como farei para levar isto as miñas clases e a miña actividade social”.

Isto foi o que aconteceu istos anos. Pero, non estamos contentos. Tiñamos uns obxectivos. Tentamos executalos. Pero sigue a filosofía única, sigue pouco usada a língua galega dentro dela, o pensmento galego non se desenvolveu, seguimos, se o pensamos a fondo, desprezando e odiando o noso. Fracaso? Só sabemos que os problemas están aí e se están timos un obxectivo para seguir. Non podemos fuxir. Sabemos onde non podemos estar, ainda que moitas veces non sabemos, onde estar e como estar.

En resumo: Tres obxectivos, 20 semanas e uns productos en formas de presenzas, teses, libros e amizades. Isto foi o mellor. Seguimos, os membros de A.C., tendo amor ao traballo que facemos, consideramos que a educación é importante e, como non esperamos outra cousa, dalgún xeito sentímonos felices co que fixemos, facemos e, espero, faremos.

A 2ª CONCLUSION céntrase nas sesións da mañá e podemos formulala así: CATRO FORMAS DE EXERCER A TEORÍA E A PRÁCTICA FILOSÓFICA.

Catro pensadores interpeláronnos e esixiron de nós o que os escoitaramos, en primeiro lugar, dialogaramos, en segundo, e debateramos coeles en terceiro. Os profesores Adolfo Sánchez Vázquez, Celia Amorós, Raúl Fornet e James Petras presentaron a nosa mirada 4 formas, 4 paradigmas desde os que pensan, describen, analizan e miran. O modelo marxista, o modelo feminista, o modelo do diálogo intercultural e o modelo globalizador foron pro-postos ao noso diálogo. A desigualdade social como motor do pensar; a diferencia de xénero; o diálogo e respeto entre as culturas que esixen ser escoitadas, respectadas e non colonizadas e a loita urxente contra unha forza bestial, que baixo a capa da intercomunicación, arranca, explota, anula a igualdade, foron as ideas forza que nos deixaron. Concluiron, en xeral, que a miseria real e mental, a pobreza e a ignorancia, son a realidade do noso tempo. Para eles unha nova filosofia ten de xurdir diante dunha inxustiza universal que esixe o noso descontento e coel unha revolta, unha aposta, unha lóxica e unha universalidade diferentes. Temos que enfrontarnos, nunha aposta decidida, por unha nova universalidade, unha nova mundialización que xurda dunha lóxica distinta que ten na protesta, na contradicción e na rebelión fronte a ese mundo excluinte, o seu obxectivo. O interés pola solidaridade, a xustiza, a verdade ten de ser ese horizonte que hoxe parece utópico, pero de nós depende convertilo en realidade. As ideas e os compromisos e non a falsedade, a manipulación, os bombardeos, a xustificación perversa, teñen que dirixir o noso facer e pensar. A miseria mental amósase hoxe non tanto no dicir, na liberdade de expresarse, canto no pensar. Darnos conta do que pensamos, por que pensamos, e se pensamos, en último termo, o que dicimos ou máis ben falamos e pensamos como se fósemos menores de idade ao ditado duns monstruos que nos quitan a liberdade de ver tras do aparente o que se agocha, a verdade, que perversamente se dilue nunha linguaxe falta de referentes que só se usa e non significa.

A 3ª CONCLUSIÓN céntrase nas sesións de tarde e expresámola deste xeito:

O PRESENTE E O FUTURO DE GALIZA.

Os cinco ponentes, adaptándose a proposición da Aula, quixeron amosar o compromiso cun espacio, unha cultura, unha historia, unha língua. Os profesores Xesús Alonso M ,Domingo Docampo, Mª Xosé Queizán, Xosé M.Beiras e Xosé Luís Barreiro B. realizaron, acertadamente, o obxectivo que o estilo, do que falamos, propón para as sesións da tarde: A interdisciplinariedade. A cultura, a universidade, a escrita, a economía política e a filosofía xurden nun espacio, nun contexto concreto e sirven ao mesmo. A negación dunha cultura propia, dun logos propio, a negación dunha organización económica propia, a intención asimiladora por todolos medios das nosas voces, a negación, bloqueo e desconfianza da nosa soberanía é o obxectivo primeiro na dialéctica de liberación/sometemento, pero, a par, hai que coñecer, analisar e comprometerse cos conflictos internos a esta realidade que moitos negan ou ocultan. Os feitos que ocurriron, e siguen a suceder, durante a preparación da semana foron, e son, aguillóns que teñen de servir para tomar conciencia e opción por maneiras distintas de ver, pensar e facer.

O compromiso con Galiza foi, xa que logo, unha conclusión dos 5. Ese compromiso significa, nen máis nen menos, que a recuperación do tribunal das víctimas que son, sucesivamente, Galiza como un todo e dentro dese todo aqueles que dun xeito ou doutro sufren asimetrías de traballo, xénero, información, educación, saúde…No intre no que nos atopamos son urxentes as chamadas a ver que unha patria, unha nación, sostense en realidades moi concretas como son a xustiza, a educación, a necesidade do público, a soberanía sobre o propio, a protección da natureza…Se esas realidades existisen, e non fosen só desexos, acontecementos como o do “Prestige”, o das “vacas tolas”, o do paro, a sanidade, o traballo, o da muller… terían outras solucións e afectaríannos doutro xeito.

As diferencias son a riqueza que nos da a vida, só son ameaza para esa globalización, esa ideoloxía imperial que neutraliza e coloniza o mundo. Galiza é un povo que loita polo seu dereito a autodeterminación económica, política e cultural e non se comprende nen como parte “de” unha cultura, filosofía…é dicir, asimilada por elas, tampouco se deixa “inculturar” sería recoñecer a superioridade do logos que a reformula, incluso non se comprende como mestiza, senón como realidade diferenciada que quere dispor de si. Con iso non pretende asimilar a ningén só quere un territorio onde vivir o seu en respeitividade, é dicir, comunicar a súa vida e a súa historia aos outros para no diálogo conseguir unha universalidade que non se impón, senón que resulta da convocatoria de todos e onde cada quen, desde o seu tronco, asumen aquilo que os fai medrar como seres e povos diferentes e singulares. Só desde a simetría e o recoñecemento se pode falar de mestizaxes.

4ª CONCLUSIÓN: IMAXINACIÓN:PALABRA e ACCIÓN.

Así se formulaban as sesións da noite e expresa certeiramente o que nelas ocurríu. O ser humano é creador. A imaxinación representa na persoa a forza creadora. Esa forza necesita ser nutrida. Para os 6 ponentes destas sesións esa alimentación ten de xurdir da realidade, do lugar social onde viven. Ese territorio esíxelles respostas, palabras, accións. Non imaxinan para “di-vertirse”, para escapar, para illarse. ¡Non! .Imaxinan porque sen iso “estouparían”. É tal o que ven que necesitan por en cancións, en poesías, en novelas, en obras de teatro outros mundos onde non sexa necesario “estourar”. ¿Lograrono? Eu creo que non. Se así fose non esistirían prestiges, guerras, linguaxes perversos, explotacións laborais, reformas educativas, cando menos, insensatas… pero, ao menos, non poñen a súa imaxinación ao servizo dun IMPERIO que uniformiza, disciplina, anula a capaicidade de ser libre e diferente. O peor non é non ser libre, é non decatarse de que así é. Uxía Senlle e Mª del Mar Bonet, Manuel Rivas, Alfonso Sastre, Eduardo Galeano e Xosé Luís Méndez Ferrín nunca deixaron que a súa imaxinación e a súa palabra servisen como narcotizantes ao servizo dun poder onde todo pensamento, autonomía e liberdade son perigosos. Cumpriron, por tanto, e con creces, o obxectivo que a A.C. atribúe as sesións da noite: ser viveiros de vida, de historia, de desacougo. Loitaron denodadamente por evitar o retorcemento e vaciamento das palabras. Desvelaron a miseria mental das clases dirixentes. Enfrontáronse cunha manipulación da linguaxe que, utilizando os prodixiosos avances tecnolóxicos, domestican as conciencias e fainas ver, mirar e pensar como eles queren. Coas súas armas, as das cancións e palabras fixeron xurdir as contradiccións, os intereses, as necesidades que se agachan, pero, tamén, pariron esperanzas, linguaxes, pensamentos diferentes. Todos eles, nos 4 días, e hoxe espero que o faga, como sempre, o profesor Ferrín, crearon en nós ese sentimento indescriptible que é o da amizade. Ese sentimento de estar nun mundo común onde sexa posible a diferencia, pero non a desigualdade; a solidaridade, pero non a competencia; a irmandade e non a enemistade; a palabra e non o silencio; o pracer e non a dor que xera a crueldade, a violencia, o desprezo e a guerra. Foron eles, en fin, imaxe doutro modo de ver e de actuar: o da xustiza que é esa amizade secularizada que a A.C. quere para todos Vs. Fronte a unha literatura impersoal, en conclusión, incorporaron a vida ese compromiso real que se convertíu en algo co-vivido.

A 5ª CONCLUSIÓN refírese a todalas INSTITUCIÓNS que durante istos anos permitiron e posibilitaron que isto tivese lugar e que podemos formular: RECOÑECEMENTO ás INSTITUCIÓNS

Nós, os membros da A.C., podemos ofrecer o noso traballo. De feito nestes anos ninguén tivo a menor remuneración económica ou social. Ninguén se servíu da Aula para o seu medre. Isto foi, e é, así, pero non chega. Necesítanse medios de todo tipo, pese a que todolos ponentes foron connosco desprendidos. Sabían das nosas limitacións e dos nosos intereses. Sen esas institucións que aparecen e apareceron nos PROGRAMAS e CARTACES isto non sería posible. O voluntarismo sirve para preparar, relizar e avaliar, pero non paga nada. Só ten valor de uso e non de cambio. A todas elas MOITO OBRIGADOS. É de xustiza e de bonomía lembrarse hoxe do CONCELLO de PONTEVEDRA (desde o inicio axudou, colaborou, engrandeceu este congreso. Nos derradeiros anos, incluso, aumentou significativamente a súa presenza en todolos campos para que este evento seguise adiante); da DEPUTACIÓN de PONTEVEDRA (que, igual que o Concello, axudou desde o inicio e nos últimos anos fixo esforzos de todo tipo para que o material da Semana chegase as vosas mans); a CAIXANOVA (permítannos un recordo a Caixa Pontevedra, e aos seus traballadores, que desde os comenzos puxo ao noso dispor as instalacións. Hoxe Caixanova sigue o camiño con aumentos progresivos na súa colaboración); a UNIVERSIDADE de VIGO (que desde fai anos co-organiza este evento e formaliza os títulos); ao COLEXIO de AVOGADOS (desde fai algúns anos colabora na medida das súas forzas para que as semanas continúen) e finalmente a XUNTA de GALICIA que a través da Consellería de Cultura e da Consellería de Educación nos apoiou nestes anos. Non está demais, sen embargo, dicir que os membros da A.C., que como dixemos entregan gratuitamente o seu esforzo, non entenden como organismos como a DIRECCIÓN XERAL de POLÍTICA LINGÜÍSTICA, a DIRECCION XERAL de Ordenación Educativa e en xeral a CONSELLERÍA de EDUCACIÓN neguen, nos últimos anos, calquer tipo de axuda. É, cando menos, increible que unha organización que usa só o galego e ten a galeguización como obxectivo central sexa excluida por Política Lingüística das súas axudas por non “acadar a suficiente prioridade de acordo cos criterios establecidos”-son palabras textuais-.Tamén resulta, ao menos, chocante que facendo o que facemos, tendo o indice de participación que se ten e contando con ponentes de recoñecida valía intelectual, a Consellería nen siquera se digne contestar as nosas peticións económicas. Non sempre foi así. Pero os tempos parece que son outros. En canto a Consellería de Cultura, a Delegación de Pontevedra foi, en xeral, moi receptiva, non así a Consellería. ¿Por que? As respostas son de todos Vs.

6ª CONCLUSIÓN: LEMBRANZA dos PAIS BIOGRÁFICOS

Con esta formula expresamos a nosa débeda con todolos que nos axudaron a construirnos como Aula e como persoas. A Aula Castelao fixo uso desde fai anos dunha distinción que nos ven ben aquí para tirar esta conclusión. Os pais biolóxicos tócannos. Non os eliximos. Dannos a materia prima que ao contacto co medio se transformará na personalidade de cada quen, pero é nese medio onde aparecen os múltiples pais biográficos que xeran o noso carácter, o noso ser. A Aula Castelao. tivo moitos pais biográficos. De todos somos debedores, pero algúns xa nos deixaron fisicamente non así como posibilidades para seguir creándonos, apropiándonos da nosa liberdade e autonomía. Queremos recordar a eses pais biográficos, algúns deles foron modelos a imitar, outros modelos a evitar, pero todos foron posibilidades, como dixemos, para ser. Permítannos que, como exemplos, nos lembremos destes: J.LuísAranguren, F.Cordón, G.Selser, C.Lerena, F.González Bernáldez, I.Ellacuría, M.Sacristán, J.M.Valverde, V.Muñoz Delgado, María Casares, R.Carvalho Calero, Marta Fuentes, Uxío Novo Neira e a nosa compañeira da Aula Castelao Belén Feliú. Con Martí decimoslles:”honrar,honra”.Máis non é só honra o que recibimos de vós, senón ser, personalidade, autonomía, liberdade, responsabilidade, conciencia. Moito obrigados por elo.

7ª CONCLUSIÓN: a FILOSOFÍA, o PENSAMENTO, a DIALÉCTICA.

Nestas tres verbas cargadas de significado reúnense o que pretendemos seguir a construir. Dixemos que os problemas seguian. Afirmamos que hoxe campea un “espirito asimilador”, negador das diferencias ,homoxeneizador do planeta segundo as leis do mercado, creador dunha antropoloxía onde a persoa só é o ser que consume. Un espirito que utilizando a dimensión financieiro-económica, a informática, a organización do traballo e a homoxeneización cultural, crea unha exclusión masiva de grandes partes da humanidade. Ese está aí. Está aí querendo que todos renunciemos a pensar, a filosofar, a dubidar, a desacougarse, a ver. A A.C. non debe morrer. Os seus obxectivos, o seu estilo, parecennos armas que deben seguir porque son “de destrucción masiva” contra un estado de cousas que se resume nisto: Fuxide de toda esperanza de cambio. Todo é e non pode ser doutro xeito. Fronte a iso afirma: o mundo pode ser diferente, Galiza pode ser distinta. E que significa ser diferente, ser distinta? Significa ser máis igual. Igualdade dos povos. Igualdade das persoas. Igualdade de traballo. A igualdade non se da, conquírese. Merece a pena. Todos seremos máis ricos despois.

Resumo este final, e perdoen que sexa aquí algo persoal, neste 3 testos, algúns dos cales xa usei cos mesmos obxectivos: presentar a necesidade da filosofía, do pensamento e da dialéctica.

1º.-Dicía H.Cámara: ”Se axudo aos probes, chámanme santo e queren canonizarme, pero se pregunto polo por que da pobreza, entón alcúmanme de comunista e queren, no mellor dos casos, fusilarme”.

Se a filosofía é sempre a resposta ao por que esta é a súa forza. A verdade sempre foi revolucionaria, pero hai que desvelala porque se agocha.

2º.-Esta pequena poesía de B.Brecht que usamos en moitas ocasións nas nosas aulas non para “violar”, como di o Sr.Fraga, senón para educar na rigurosidade, na disponibilidade e no desenvolvemento da imaxinación, e que dí:

Xeneral,O teu tanque é máis forte que un coche

Arrasa un bosque e aplasta cen homes

Mais ten un defeito:

necesita un conductor

Xeneral,o teu bombardeiro é poderoso

Voa máis rápido que a tormenta e carga máis que un elefante.

Mais ten un defeito:

Necesita un piloto.

Xeneral,o home é moi útil.

Pode voar e pode matar.

Mais ten un defeito:

Pode pensar.

3º.-Mediante esta poesía,tamén de B.Brecht,salientamos outra das intencións: a da analise das contradiccións e do compromiso:

“Os asoballadores dispóñense a dominar outros dez mil anos

a brutalidade avala que todo seguirá o mesmo.

Non se oe outra voz ca dos dominadores

E no mercado berra a explotación:Agora é cando empezo.

E entre os oprimidos,moitos din agora:

Nunca se acadará o que queremos.

Quen estea vivo ainda non diga “nunca”

O firme non é firme.

Todo non seguirá igual.

Cando teñan falado os que dominan

Falarán os dominados.

¿Quen se pode atrever a dicir “nunca”?

¿De quen depende que siga o asoballamento? De Nós

De quen que remate? De nós tamén

¡Que se erga aquel que está abatido!

¡Aquel que estea perdido,que loite!

¿Quen poderá conter ao que sabe da súa condición?

(pois) Os vencidos de hoxe son os vencedores de mañá

(e) o nunca convírtese no agora mesmo”

Sras. e Sres.,compañeiras e compañeiros, a Aula Castelao NUNCA dixo, e atrévome a afirmalo para o futuro, o que D.Rumsfel afirmou: ”Estamos en guerra, e como Vs. Comprenderán, imos a mentir”. Minte quen non quere ir a raiz dos problemas, quen non ve os conflictos, quen non ve aos explotadores e explotados, vencedores e vencidos, excluintes e excluidos. A filosofía que nestes vinte anos tentamos practicar foi esta: A de non mentir. En tempos onde non só asistimos a unha guerra inxusta, senón a creba da legalidade, da palabra, da verdade, da moral e da conciencia recoñecer isto é, e foi, o noso compromiso. Para nós é o tribunal das víctimas o que xuzga. Queda moito por facer, por desvelar, por esclarecer é, pois, unha tarefa que nos supera. Non temos forzas nen medios. O cartaz de Castelao que usamos para divulgar o tema da Semana e que dí: ”non lle poñades chatas a obra namentras non se remata. O que pense que vai mal que traballe nela; hai sitio para todos”,non queremos que sirva para xustificar o noso fracaso, só que sirva para implicar a todos na obra do pensar. Renunciar a facelo é caer na cegueira que hoxe ten culpables claros: O imperialismo que se agocha baixo esa vaporosa verba que é a da globalización. Tenta negar que hai outros camiños, que hai utopías. Pretende convencernos de que é natural e ineludible o camiño de exclusión e colonización que tomou hoxe o mundo. Non é así. De nós depende que siga a selo. Podemos dicir NON. Non a exclusión, non ao monoculturalismo, non ao traballo porquería, non ao paro, non a fame, non ao autoodio, non a destrucción dos recursos da humanidade, non a negación da nosa lingua, non a ausencia do Estado cando se necesita. SI a igualdade, a solidaridade, ao pensamento transformador. Para iso necesitámonos todos porque, como dicía B.Brecht, “hai homes que loitan un día e son bós, hainos que loitan moitos días e son mellores, hai homes que loitan un ano e son moi bós, pero hai homes que loitan toda a vida e isos son os imprescindibles”. Vós,todos, sodes imprescindibles para un futuro onde cada quen reciba segundo as súas necesidades.

NOTA: Estas conclusións foron pensadas para ser lidas.

Apertura da XX SGF

XX Semana Galega de Filosofía: Filosofía e Compromiso
Apertura da XX Semana Galega de Filosofía

Carme Adán Villamarín
Coordenadora da Aula Castelao de Filosofía

NON

Si dixese que sí,
que todo está moi ben,
que o mundo está moi bon,
que cada quen é cada quen…
Conformidá.

Ademiración…
Calar, calar, calar,
e moita precaución.
Si dixese que acaso
as cousas son esí,
porque sí,
veleí
e non lle demos voltas.
(Si aquil está enriba
i aquil outro debaixo
é por culpa da vida.

Si algunhos van de porta en porta
cun saco de cinza ás costas

é porque son uns docas.)

Si dixera que sí…
Entón sería o intre de falar seriamente
da batalla de froles
nas festas do patrón.

Pero non.

Queremos dicir non como un acto de afirmación. Como un acto de resistencia para enxendrar espacios de transformación. ¿U-la está a ciudadanía adormecida cando aínda escoitamos os ecos dunha polifonía de voces que berran Nunca Máis, Non a guerra? Adormecidos están os discursos da mascarada imperialista, da palabra fácil propiedade da propaganda.

O resto non estamos adormecidos. Non todo dá igual. Nin somos relativistas, nin nihilistas, pode que nin tan sequera posmodernos porque a modernidade aínda é un proxecto por iniciar. Semella que ás veces estexamos calados. Mais o tempo do silencio tamén é o tempo do pensamento. Do espacio da reflexión que toma distancia e permite a análise. Isto é o que un ano máis propoñemos. Un exercicio de compromiso coa Palabra e o Pensamento que leveda na materialidade da vida cotiá.

O tempo da Filosofía é o tempo do compromiso cunha realidade social que demanda novas ferramentas analíticas para fitar firmemente ao colonialismo da palabra, ao secuestro dos conceptos para tentar deformar unha realidade, que case sempre se resiste. Porque non queremos que se rouben as palabras, porque perfilar os campos semánticos é un labor de séculos de Teoría e Praxe, de Filosofía; hoxe ten máis sentido que nunca unha semana de Filosofía, unha semana sobre o compromiso, unha semana con intelectuais comprometidos e comprometidas con diferentes ámbitos do pensamento e da vida. Unha Semana que recolle unha escolma, todos sería imposíbel, dos máis de cincocentos intelectuais que nos acompañaron na nosa andaina, que recolle parte das temáticas de semanas adicadas á ecoloxía, á democracia, ao poder, á latinoamérica, ao xénero, á lingua, á autodeterminación, á globalización, á ciencia e á tecnoloxía ou ao deporte entre outras, que recolle un esquema para nós xa clasico: as mañás adicadas á Filosofía, as tardes centradas na realidade galega e as noites abertas a focaxes máis xerais. Unha semana que recolle a fidelidade dun público preocupado e participativo. Un encontro aberto e gratuito.
Unha semana para pensar. Pensar Galicia, pensar o mundo, pensarnos. Este foi o obxectivo dunha traxectoria que se iniciou no ano académico 1981-1982 cando un grupo de docentes constituían a Aula Castelao de Filosofía e convertían as Semanas Galegas de Filosofía no punto central da súa actividade anual organizando en 1984 a Primeira Semana Galega de Filosofía que levaba por título Filosofía: Teoría e praxe.

A Aula Castelao de Filosofía ten realizado un grande esforzo para primavera tras primavera organizar este encontro, coa modestia de saber que cinco días para pensar, dialogar e debatir non chegan para parar unha guerra, rexenerar a costa, paliar os problemas sociais e económicos derivados da neglixencia política, evitar as desigualdades, frear a perversión da globalización mercantil e un longo ecetera, pero si co compromiso de quen traballa a prol do pensamento que non ten fronteiras, da heteroxeneidade dos discursos, da confección de múltiples lentes para ver unha realidade máis rica e complexa.

Benvidas e benvidos á vixésima Semana Galega de Filosofía.

Benvido Ilustrísimo Alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, que neste momento representa a un Concello que apostou sempre polo noso proxecto. Que entende que a cultura é unha das partes fundamentais dunha cidade aberta e acolledora.

Benvido Vicerrector, Antón Fernández, que representa a Universidade de Vigo, que apoia unha entidade totalmente independente do seu organigrama como é a nosa.

Asemade, o agradecemento o resto das institucións que fixeron posíbel a organización desta Semana de Filosofía, Caixanova parte fundamental do noso patrocinio e que desde o principio cedeu as súas instalacións e a Deputación de Pontevedra a quen lle debemos o patrocinio do material impreso que entregamos aos asistentes. Agradecemos tamén o esforzo que fai o Colexio de Avogados desta cidade que colabora de forma importante dentro das súas posibilidades. Lamentamos non poder agradecer o patrocinio da Xunta de Galicia, nada interesada nin na formación do profesorado nin na cultura fóra do espectáculo mediático.

Dun xeito especial debemos salientar a colaboración do Concello de Pontevedra e o Vicerrectorado de Extensión Universitaria coa Aula Castelao no Patrocinio do Concerto MarUxia, que hoxe ás 8:30 conmemora vinte primaveras de pensamento crítico na Cidade de Pontevedra.

Vinte anos organizando as Semanas Galegas de Filosofía, un encontro que persigue a participación e o debate, que desde o seu nacemento agarda ser unha fiestra aberta ao mundo.

Filosofía e Xénero (Xerais, Vigo, 1996)

Máis info proximamente disponible.

Postmodernidade e Poder (Vigo, 1989)

Máis info proximamente disponible.

Teoría e Praxe (Vigo, 1984, 2ª ed. esgotada)

Máis info proximamente disponible