MANIFESTO EN DEFENSA DAS HUMANIDADES

DEFENSA DAS HUMANIDADES

Desde o profundo convencemento de que o hiato existente entre ciencias e humanidades debe dar paso inmediato a un achegamento, e de que este trazo debería definir a tan debatida -desde os anos sesenta do pasado século!- terceira cultura, comezamos o noso alegato:

Porque o feito de primar as ciencias sobre as humanidades déixanos en orfandade. Quedamos redeadas e rodeados polo útil, concibido como aquilo que xera solucións a curto prazo, e polo universo do artificial, aparentemente perfecto (non hai máis que ver os nosos sistemas educativos onde se impón o manexo da tecnoloxía, da informática, os procedementos algorítmicos e a economía formalista, xunto co inglés claro está). Pero esquecémonos de que a intelixencia é algo máis: é o razoamento, a reflexión, o tomar decisións e o formarse unha idea determinada da realidade.

A ciencia sen máis non xera conciencia ético-política, do coñecemento científico non se deriva directamente a conciencia cidadá, tampouco di nada -ou ben pouco- das mediacións sempre complexas polas que o ser humano pasa da teoría en sentido propio á decisión de actuar. E por suposto non nos leva, a priori nunha porcentaxe demasiado elevada, a situármonos en contra dun modo de produción danoso, dos ataques ao medio ambiente, da globalización do capital fronte á parcelación das persoas, da experimentación con seres vivos, da existencia dun precariado cada vez máis numeroso, das mentiras ou medias verdades dos medios de comunicación… A comunidade científica, moitas veces, está determinada por situacións ou intereses alleos á ciencia e por ideoloxías e capitais dominantes no momento en que se investiga. Isto non é ningún segredo.

Non podemos abandonar a reflexión filosófica, nin podemos nos abandonar a nós mesmos -o desarraigamento cultural é a mesma nada-, nin podemos perder o sentido histórico, nin a historia das civilizacións, nin a do pensamento (económico, sociolóxico, político…); non podemos abandonar a autocrítica (fronte á hybris ou soberbia dalgúns científicos), nin abandonar o outro, partindo sempre do coñecemento dos seus hábitos, das súas razóns, do seu modus vivendi… Non podemos abandonar a resistencia ante o nocivo, o amoral. Nin a sensibilidade: xa os gregos demostraron que non é patrimonio duns poucos, pois pódese -e débese- aprender. E na mesma liña, que fariamos sen a arte, sen a literatura, sen a música… sen esas outras formas de reflexión, de posicionamento, de captar o matiz… esoutros horizontes, esas outras linguaxes complexas? Sen elas, non hai a menor dúbida de que estamos condenados e condenadas a nos conformar coa nosa propia vida.

Tampouco podemos abandonar aquelas linguas como o grego e o latín, expoñentes de visións da realidade e posturas ante o mundo que unha e outra vez renacen entre nós, e non como mero postulado senón como proxecto. Linguas que afondan no sentido da propia linguaxe, que estructuran o pensamento e nos preparan para nos enfrontar aos problemas, que, ademais, nos conectan con outras moitas linguas -e non só as romances- ata o punto de podermos entender incluso o alemán a base de palabras portadoras de raíces latinas e gregas. O latín e o grego son tamén básicos de face á ortografía de moitas linguas -e non só na súa vertente culta. E básicos para entender as peculiaridades ata sintácticas non só das linguas romances e das linguas flexivas senón doutras como o propio inglés. Tampouco podemos esquecernos -por obvio que isto sexa- das achegas masivas grecolatinas ao vocabulario especializado, case global, dos ámbitos do dereito, a tecnoloxía, a medicina, a física, a bioloxía, a lingüística…

Pensar nun mundo sen humanidades non xera senón interrogantes, pois que nos quedará de dignidade? Que de liberdade? Como aprenderemos a nos defender? Como melloraremos a comprensión, a comunicación? Que creará e avivará a nosa autonomía, o noso sentido crítico, a nosa apertura mental, o noso compromiso? Que espertará a empatía? Que dará sentido ao que facemos ou ao que nos fan? Que nos abrirá ao traballo en equipo, ao respecto do outro? Que nos espertará a consciencia de que hai un mundo que cómpre ser cambiado?

Parece claro que non somos nós -as xentes de humanidades- quen temos que nos defender ante a sociedade, senón que é precisamente quen está a desmantelar o sistema educativo, a clase política (ou, con Habermas, quen vira como tal en ausencia de algo mellor), quen debe explicar por que o fai. E non lles debe resultar tan doado, pois non atopamos ningunha crítica demoledora senón máis ben eloxios. Por que entón?… E se non o poden explicar, que obren en consecuencia.

E se algún día se póñen a iso, desde aquí pedimos que o tomen moi en serio, pois a recuperación das humanidades ten que pasar pola destrución do modo de impartir case todo o que as engloba: Nós, as xentes de humanidades, queremos educar cidadáns imbuídos polo espírito, a conciencia e o posicionamento que estamos a describir. Non queremos individuos nos que o único que se potencia é a capacidade memorística (non estamos reivindicando esas humanidades que se levan a un concurso de televisión), nin individuos que visitan o Louvre porque son capaces de identificar unhas cantas obras que nin miran, só ven; ou que poden recoñecer a Porta de Brandenburgo na publicidade dunha empresa de turismo; ou que vomitan diferentes linguas sen pensar nin no que fan nin no que din; ou entenden a música como un exercicio da memoria cheo de virtuosismo. Se o miramos polo lado bo, sempre é un paso cara adiante ter xa nas mans e polo miúdo unha enorme casuística do que non se debe facer.

URXENTE! CAMBIO NOS RELATORIOS: EMANUELA FORNIARI NON PARTICIPARÁ NA XXXVI SGF

Por causas alleas á súa vontade, Emanuela Forniari non poderá participar na XXXVI Semana Galega de Filosofía, Filosofía e Fronteira.

O seu relatorio estaba previsto para o martes 23 de abril ás 10:30 horas. No seu lugar participará Alberto Cruz Bravo.

Alberto Cruz Bravo é Licenciado en Ciencias da Información (1984) e en Ciencias Políticas (1991).
Impartiu cursos e seminarios sobre Comunicación e Relacións Internacionais en diversas universidades (León, Zaragoza, Navarra) e, a requirimento de diferentes organizacións sociais, tamén en diferentes países de América Latina (Ecuador, Venezuela, México) e do Estado español.
Escribe artigos en medios de comunicación alternativos, dirixiu e escribiu guións para documentais e é autor de varios libros. O último, publicado en 2013, leva por título As bruxas da noite. O 46 Rexemento Taman de aviadoras soviéticas na II Guerra Mundial.
Na actualidade colabora co Centro Político para as Relacións Internacionais e o Desenvolvemento (CEPRID).

O seu relatorio titúlase As tormentas de area borran as raias das fronteiras.

Fiolsofía e Fronteira

DOSSIER E PROGRAMA DA XXXVI SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA: “FILOSOFÍA E FRONTEIRA”

Dossier da XXXVI Semana Galega de Filosofía: “Filosofía e Fronteira”

Download the PDF file Dossier da XXXVI SGF.

 

Programa da XXXVI Semana Galega de Filosofía: “Filosofía e Fronteira”

Download the PDF file Programa da XXXVI SGF.

Fiolsofía e Fronteira

XXXVI SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA: “FILOSOFÍA E FRONTEIRA”

A Aula Castelao de Filosofía preséntavos un ano máis unha nova edición da Semana Galega de Filosofía.

A XXXVI Semana Galega de Filosofía terá lugar na cidade de Pontevedra do 22 ao 26 de abril de 2019, baixo a epígrafe de “Filosofía e Fronteira“.

Celebrarase no Teatro Principal da cidade de Pontevedra (rúa de Paio Gómez Chariño nº 6). A asistencia é aberta e gratuita.

Como en anos anteriores asistencia á SGF poderá ser certificada como formación do profesorado (20 horas) e como 1.3 créditos ECTS homolgados por parte da Universidade de Vigo.

 

Fiolsofía e Fronteira

XXXVI SGF “Filosofía e Fronteira”

 

 

 

 

SOLICITUDE DE COMUNICACIÓNS PARA A XXXVI SGF: FILOSOFÍA E FRONTEIRA

Dende a AULA CASTELAO DE FILOSOFÍA desexamos anunciar a próxima celebración en Pontevedra da XXXVI SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA entre os días 22 e 26 de abril de 2019, co título de: Filosofía e Fronteira.

Como en ocasións anteriores, solicitamos o envío de COMUNICACIÓNS relacionadas coa temática mencionada, que serán publicadas nas datas de celebración da Semana. O prazo de admisión de comunicacións rematará o 31 de xaneiro de 2019.

As condicións que teñen que cumprir as comunicacións son as seguintes:

– Ter unha relación clara coa temática da XXXVI SGF.
– Estar escritas en galego.
– Non sobrepasar as 300 liñas.
– Nunha folla á parte: título, nome das autoras e autores, enderezo, teléfono e correo electrónico se o tiver.
– Como encabezamento da comunicación: título, autoras e autores e enderezo ou correo electrónico para facer público.

No caso que non cumprir as devanditas condicións, así como uns requisitos mínimos de argumentación, análise e pertinencia, as comunicacións serán rexeitadas.

As comunicacións deben ser remitidas por correo electrónico, enviando o documento como ficheiro adxunto, ao enderezo:
aula@aulacastelao.com