XXXVII SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA: “FILOSOFÍA E CIVILIZACIÓN DIXITAL”

A Aula Castelao de Filosofía preséntavos un ano máis unha…

Cancelación da Semana Galega de Filosofía en 2020 e realización da mesma en 2021 co mesmo programa previsto

A Aula Castelao de Filosofía acordou cancelar definitivamente a celebración da Semana Galega de Filosofía do presente ano. Vímonos obrigados a suspendela nas datas previstas e adiala para setembro por causa do estado de alarma. Mais, debido a que despois de rematado o actual curso académico e que as autoridades educativas acaban de estabelecer un protocolo moi cuestionado polo profesorado para o comezo das aulas á volta do verán, e dadas as advertencias das autoridades sanitarias sobre previsíbeis rebrotes do coronavirus logo das vacacións, consideramos que nesas circunstancias a realización da Semana de Filosofía en setembro non se podería levar a cabo coas garantías suficientes que fagan prever o seu normal desenvolvemento. Por todo isto, acordamos trasladar o programa previsto para esta XXXVII Semana Galega de Filosofía que leva por título “Filosofía e Civilización Dixital” para o vindeiro ano nas datas tradicionalmente estabelecidas (logo da Semana Santa, do 5 ao 9 de abril de 2021), agardando que se produza unha redución da incerteza en que hoxe nos movemos e unha consecución de máis seguridade, co fin de ofertar unhas xornadas de debate da maior calidade posíbel.

MANIFESTO EN DEFENSA DAS HUMANIDADES

Desde o profundo convencemento de que o hiato existente entre ciencias e humanidades debe dar paso inmediato a un achegamento, e de que este trazo debería definir a tan debatida -desde os anos sesenta do pasado século!- terceira cultura, comezamos o noso alegato: Porque o feito de primar as ciencias sobre as humanidades déixanos en orfandade. Quedamos redeadas e rodeados polo útil, concibido como aquilo que xera solucións a curto prazo, e polo universo do artificial, aparentemente perfecto (non hai máis que ver os nosos sistemas educativos onde se impón o manexo da tecnoloxía, da informática, os procedementos algorítmicos e a economía formalista, xunto co inglés claro está). Pero esquecémonos de que a intelixencia é algo máis: é o razoamento, a reflexión, o tomar decisións e o formarse unha idea determinada da realidade.