A AULA CASTELAO DE FILOSOFÍA, como colectivo de ensinantes de educación secundaria na súa maioría, e como foro de reflexión crítica, de renovación educativa e de contribución á normalización da lingua e cultura propias de Galicia, quere manifestar e denunciar o seguinte:
Amosamos a nosa preocupación e repulsa polas medidas restritivas que nos últimos anos e até o presente foron quen de estabelecer “por goteo” os gobernos autonómico e central, provocando o desmantelamento concienciudo dunha Educación Pública, que impide no presente un traballo de calidade do profesorado sen garantir a mesma calidade e a igualdade de oportunidades para a mocidade.
Neste contexto queremos evidenciar unha deterioración do ensino provocada polos seguintes factores:
– A redución e drástico axuste do corpo de ensinantes, sometido á elevación do horario lectivo até 20 horas semanais. Isto e outras medidas aquí expostas, non deixan marxe suficiente para os labores de coordinación, dinamización, realización de actividades complementarias e extraescolares, de intercambio interdisciplinario, de formación ou renovación educativa do profesorado…, redundando negativamente na atención ao alumnado.
– O axuste do tamaño do profesorado por mor da eliminación de especialistas en cada disciplina, substituídos por profesores/as non especializad@s que se ven na obriga de cubrir o seu horario con materias afíns.
– O aumento do número de alumn@s por aula.
– A tendencia á eliminación dos desdobres nas disciplinas que os necesitan.
– A eliminación da hora de Reunión de Departamento do horario lectivo semanal, que pexa os labores de coordinación necesarios para unha posta en práctica efectiva e actualizada da Programación de Departamento e de Aula.
– A redución de horas de Titorías ao alumnado e aos pais, que está obrigando á maioría do profesorado a ter que os atender fóra do horario lectivo. Redución que asemade obstaculiza as tarefas de coordinación de actividades das Titorías dende o Departamento de Orientación de cada centro escolar.
– A falla dun marco legal que regule o horario e o traballo das Bibliotecas Escolares, que nos últimos anos están a contribuír ao desenvolvemento interdisciplinario e á renovación educativa.
– A inadecuada obriga de facer gardas de autobuses no momento de entrada e saída dos centros escolares do alumnado da ESO.
– A redución de profesorado que provoca o aumento do desemprego entre o profesorado interino.
– Os recortes salariais progresivos, até a eliminación da paga extra, coa conseguinte perda de poder adquisitivo e deterioración económica.
– As novas medidas na consideración das baixas por enfermidade que supoñen a eliminación de dereitos adquiridos e unha importante perda de ingresos económicos.
– A introdución da sección bilingüe no sistema educativo con incursión de idiomas non ambientais, co conseguinte menoscabo no currículo das materias elixidas para tal fin e a consabida selección do alumnado. Os investimentos en laboratorios de idiomas e o mantemento dos desdobres, de facérense, solucionarían as carencias idiomáticas e a mellora da súa aprendizaxe da man de especialistas.
– O Decreto do Plurilingüismo estabeleceu unha situación desfavorábel para a transmisión e aprendizaxe da lingua galega cos límites impostos nesta competencia lingüística.
– Unha inadecuada concepción, xestión e planificación do Proxecto Abalar.
– A ausencia no currículo oficial de contidos regulados por lei para atender o coñecemento da linguaxe audiovisual.
– A presenza da Relixión no horario lectivo, que por non formar parte dun saber científico, debería quedar na esfera privada. No currículo oficial da ESO está presente a materia optativa de Historia das Relixións, que cubre dun xeito adecuado o achegamento ao coñecemento do feito relixioso.
– A potenciación dunha educación de elite e das tendencias de privatización, marcando cada vez máis as diferenzas de oportunidades.
Tendo en conta o exposto, a AULA CASTELAO DE FILOSOFÍA considera que a situación é tan alarmante que se fai necesario e urxente a elaboración dun manifesto de denuncia da deterioración da Educación Pública, secundado polos Claustros de profesores e profesoras da comunidade educativa de Galicia e pola Sociedade. Amais tamén consideramos mester, a busca de medidas a acordar, xa que o novo anteproxecto da Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) non fai máis que reforzar este camiño xa trazado cara a unha educación retrógrada, clasista, segregacionista e centralista, que perpetúa o “adoutrinamento” na súa base.
Pontevedra, xaneiro de 2013
Manifesto_Ensino_Público