XORNADAS DE PENSAMENTO E CREACIÓN. FILOSOFÍA E CINEMA
Dentro dos actos de conmemoración dos 40 anos de existencia da Aula Castelao de Filosofía imos levar a cabo, conxuntamente coa Universidade de Vigo, as Xornadas de Pensamento e Creación, co obxectivo de analizar a relación entre filosofía e cinema. A Semana de Filosofía este ano achegouse á arte. E as artes, nas diversas canles de expresión e variedade, e a súa relación coa filosofía, serán tamén motivo de diferentes eventos lúdicos e de debate que estamos a levar a cabo durante este aniversario. Se coa obra A Liorta nos achegamos ao teatro como xeito de expoñer e provocar pensamento, agora queremos abordar os vencellos co cinema. Se ben entendemos tamén este desde unha perspectiva de arte total, en que se conxugan todas as demais artes.
Xoves 27 de abril
Nesta xornada, o ciclo ábrese ás 18.00 horas cunha conferencia da cineasta Ángeles Huerta, cuxa última longametraxe O Corpo Aberto, era recoñecida, entre outros, cos galardóns á mellor película, dirección e guión nos Mestre Mateo. Esta película, xunto con outros traballos documentais como Esquece Monelos, desta mesma directora, responden a unha reflexión sobre preocupacións intelectuais que presentará neste relatorio sobre a relación do cinema coa filosofía.
A continuación, ás 20.00 horas terá lugar unha actuación do músico Paulo Pascual, autor da banda sonora do documental Negro Púrpura, a primeira realizada integramente cun theremín. Paulo Pascual é un músico que desde 2003 traballa co instrumento electrónico intanxíbel (theremin) desenvolvendo obradoiros e gravando discos con material propio onde o instrumento convive con sintetizadores, pianos, violoncellos, guitarras etc. Ten dous LPs editados, un chamado Planeta Theremin (edición 2018 en vinilo transparente), co seu pseudónimo Modulador de Ondas e outro gravado en 2021: Paulo Pascual: Modulador de Ondas.
Venres 28
Ás 19:30 proxectarase o documental Doe o Courel, coa participación do seu realizador Xacobe Meléndrez.
A mediados do mes de xullo de 2022, despois dunha primavera moi seca, a Serra do Courel, unha das xoias botánicas e paisaxísticas de Galiza, sufriu un Grande Incendio alimentado pola inxente cantidade de combustíbel acumulado, as condicións meteorolóxicas e a orografía.
Máis de 13.000 hectáreas arrasadas polo lume, no que foi o maior incendio que se lembra.
Ás 21:00 h. Actuación do grupo Samudra Trío. Nado en 2019 coa finalidade de crear un estilo propio coma agrupación camerística, nese mesmo ano obtén o segundo premio de Música de Cámara na XIXª edición do Concurso Internacional de Música de Chieri. En 2022 convértese no grupo premiado da IX edición dos Premios Martín Códax da Música na categoría de Música Clásica e Contemporánea.
O seu interese polo repertorio descoñecido máis aló das correntes occidentais e a recuperación do patrimonio musical levoulles a explorar fóra do repertorio orixinal para a devandita formación e a incorporar obras de compositoras e compositores esquecidas, así como realizar adaptacións para trío. Esta saída do canon establecido consolídase no seu primeiro álbum, Odisea. Un percorrido musical por catro continentes que quere provocar a reflexión nos seus oíntes.