XORNADAS DE PENSAMENTO E CREACIÓN. FILOSOFÍA E CINEMA

Dentro dos actos de conmemoración dos 40 anos de existencia da Aula Castelao de Filosofía imos levar a cabo, conxuntamente coa Universidade de Vigo, as Xornadas de Pensamento e Creación, co obxectivo de analizar a relación entre filosofía e cinema. A Semana de Filosofía este ano achegouse á arte. E as artes, nas diversas canles de expresión e variedade, e a súa relación coa filosofía, serán tamén motivo de diferentes eventos lúdicos e de debate que estamos a levar a cabo durante este aniversario. Se coa obra A Liorta nos achegamos ao teatro como xeito de expoñer e provocar pensamento, agora queremos abordar os vencellos co cinema. Se ben entendemos tamén este desde unha perspectiva de arte total, en que se conxugan todas as demais artes.

Xoves 27 de abril

Nesta xornada, o ciclo ábrese ás 18.00 horas cunha conferencia da cineasta Ángeles Huerta, cuxa última longametraxe O Corpo Aberto, era recoñecida, entre outros, cos galardóns á mellor película, dirección e guión nos Mestre Mateo. Esta película, xunto con outros traballos documentais como Esquece Monelos, desta mesma directora, responden a unha reflexión sobre preocupacións intelectuais que presentará neste relatorio sobre a relación do cinema coa filosofía.

A continuación, ás 20.00 horas terá lugar unha actuación do músico Paulo Pascual, autor da banda sonora do documental Negro Púrpura, a primeira realizada integramente cun theremín. Paulo Pascual é un músico que desde 2003 traballa co instrumento electrónico intanxíbel (theremin) desenvolvendo obradoiros e gravando discos con material propio onde o instrumento convive con sintetizadores, pianos, violoncellos, guitarras etc. Ten dous LPs editados, un chamado Planeta Theremin (edición 2018 en vinilo transparente), co seu pseudónimo Modulador de Ondas e outro gravado en 2021: Paulo Pascual: Modulador de Ondas.

Venres 28

Ás 19:30 proxectarase o documental Doe o Courel, coa participación do seu realizador Xacobe Meléndrez.

A mediados do mes de xullo de 2022, despois dunha primavera moi seca, a Serra do Courel, unha das xoias botánicas e paisaxísticas de Galiza, sufriu un Grande Incendio alimentado pola inxente cantidade de combustíbel acumulado, as condicións meteorolóxicas e a orografía.

Máis de 13.000 hectáreas arrasadas polo lume, no que foi o maior incendio que se lembra.

Ás 21:00 h. Actuación do grupo Samudra Trío. Nado en 2019 coa finalidade de crear un estilo propio coma agrupación camerística, nese mesmo ano obtén o segundo premio de Música de Cámara na XIXª edición do Concurso Internacional de Música de Chieri. En 2022 convértese no grupo premiado da IX edición dos Premios Martín Códax da Música na categoría de Música Clásica e Contemporánea.

O seu interese polo repertorio descoñecido máis aló das correntes occidentais e a recuperación do patrimonio musical levoulles a explorar fóra do repertorio orixinal para a devandita formación e a incorporar obras de compositoras e compositores esquecidas, así como realizar adaptacións para trío. Esta saída do canon establecido consolídase no seu primeiro álbum, Odisea. Un percorrido musical por catro continentes que quere provocar a reflexión nos seus oíntes.

XXXIX SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA: FILOSOFÍA E ARTE

A Aula Castelao de Filosofía preséntavos un ano máis unha nova edición da Semana Galega de Filosofía.

A XXXIX Semana Galega de Filosofía terá lugar na cidade de Pontevedra do 10 ao 14 de abril de 2023, baixo a epígrafe de “Filosofía e Arte“.

Xa está aberto o prazo de matriculación, pecharase o domingo 9 de abril ás 13:00 horas.

Se queredes matricularvos podedes facelo dende esta ligazón.

A XXXIX Semana Galega de Filosofía celebrarase no Teatro Principal da cidade de Pontevedra (rúa de Paio Gómez Chariño nº 6). A asistencia é aberta e a matrícula é de balde.

Como en anos anteriores a asistencia á SGF poderá ser certificada como formación do profesorado (20 horas).

Cartel_XXXIX_SGF

Tríptico_XXXIX_SGF

Filosofía e Teatro: “A Liorta”

Dentro das actividades de conmemoración do 40 aniversario da Aula Castelao de Filosofía, a nosa entidade organiza a posta en escena en Pontevedra da obra “A Liorta” de Avelaíña Teatro a vindeira sexta feira 10 de febreiro ás 20:30 h. no Teatro Principal. A entrada será de balde e libre.
Read more

Solicitude de comunicacións para a XXXIX Semana Galega de Filosofía, Filosofía e Arte

Dende a AULA CASTELAO DE FILOSOFÍA desexamos anunciarvos a próxima celebración en Pontevedra da XXXIX SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA entre os días 10 e 14 de abril de 2023, co título de:

FILOSOFÍA E ARTE

Como en ocasións anteriores, solicitamos o envío de COMUNICACIÓNS relacionadas coa temática mencionada, que serán publicadas nas datas de celebración da Semana, con vistas á ampliación e enriquecemento das posibilidades de debate.

As condicións que teñen que cumprir as comunicacións son as seguintes:

Ter unha relación clara co tema da Semana.

Estaren escritas en galego.

Non sobrepasar as 300 liñas.

Nunha folla á parte: título, nome das autoras, enderezo, número de teléfono e correo electrónico se o tiver.

Como inicio da comunicación: título, autoras e enderezo ou correo electrónico para facer público.

No caso de non cumprir as devanditas condicións, así como uns requisitos mínimos de argumentación, análise e pertinencia, as comunicacións serán rexeitadas. As comunicacións deben ser remitidas por correo electrónico enviando o documento como ficheiro anexo ao enderezo:

aula@aulacastelao.com

A data límite para a recepción das comunicacións é o 31 DE XANEIRO DE 2023.

A Aula Castelao de Filosofía comeza a preparación da nova Semana Galega de Filosofía para 2023

A Aula Castelao de Filosofía leva meses estabelecendo os primeiros contactos coas relatoras e relatores da Galiza e de todo o mundo, a fin de confirmar o cartel da que vai ser a XXXIX Semana Galega de Filosofía, que se desenvolverá entre o 10 e o 14 de abril de 2023. Estas xornadas de debate filosófico traerán á cidade de Pontevedra, como outros anos, a algunhas das persoas máis relevantes do pensamento crítico mundial. Desta vez volveremos celebrar a SGF no Teatro Principal de Pontevedra.

Presentación da Aula Castelao de Filosofía

A Aula Castelao de Filosofía nace no ano 1983 co obxectivo de galeguizar o ensino da filosofía nas súas múltiples dimensións (lingua, contidos, recursos, debates etc). Preséntase dende unha concepción da educación que traspasa os valados das aulas e racha coa illamento do currículo a respecto da sociedade en que vivimos e tamén, xa que logo, traspasa as barreiras da propia materia para aplicar a perspectiva filosófica aos demais saberes.

O nome de Castelao, co que denominamos a nosa entidade, xa indica o pensamento que nos inspira. Un ideario que no eido da filosofía que nos ocupa tivo a súa concreción ao longo de máis de tres décadas de actividade nos seguintes tres eixos de traballo: unha filosofía intercultural, no noso compromiso coa defensa do ensino da filosofía, mesmo fora das aulas; unha filosofía popular, que conecte coas tradicións da historia do pensamento desbotadas e sobre todo asumindo a propia inserción nun pobo concreto, o galego, dende o cal reclamamos o seu recoñecemento coma interlocutor colectivo no diálogo internacional a través do cal tentamos esclarecer e resolver os debates que enfrontan e dividen a humanidade; e, finalmente, unha filosofía da liberación, dándolle voz a unha pluralidade de pensamentos, abertos a escoitar todas as opinións, optamos explicitamente por non esquecer os dominados. Comprometémonos pois coa nación asoballada, coa clase explotada, co sexo subordinado e con todas as vítimas das inxustizas do mundo en que vivimos para contribuír modestamente á súa liberación. Dende o respecto ao pluralismo que sempre temos presente, tentamos corrixir as desvantaxes desde as que se parten, para substituír o monólogo imperante polo diálogo útil para a emancipación.

XXXVII SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA: “FILOSOFÍA E CIVILIZACIÓN DIXITAL”

A Aula Castelao de Filosofía preséntavos un ano máis unha nova edición da Semana Galega de Filosofía.

A XXXVII Semana Galega de Filosofía terá lugar na cidade de Pontevedra do 5 ao 9 de abril de 2021, baixo a epígrafe de “Filosofía e Civilización Dixital“.

Celebrarase no Teatro Principal da cidade de Pontevedra (rúa de Paio Gómez Chariño nº 6). A asistencia é aberta e gratuíta mais con aforo limitado e por estrita orde de chegada.

Todas as conferencias serán retransmitidas en liña e as relatoras e os relatores só estarán de xeito presencial no teatro a mañá do luns e todas as tardes da semana. O teatro permanecerá aberto para aquelas persoas que desexen asistir ás conferencias ben sexa retransmitidas na pantalla ou ben presencias, con aforo limitado, como quedou dito, de acordo co plan de continxencia fronte ao COVID-19 (que contén tamén entre outras medidas o uso de máscaras e xel desinfectante, o mantemento da distancia de seguridade e dunha correcta ventilación, a realización dun rexistro de participantes…).

Porén este ano a asistencia á SGF non será certificada como formación do profesorado nin como créditos ECTS homologados por mor das mudanzas introducidas no programa derivadas do actual contexto de pandemia.

May be an image of texto

Díptico_XXXVII_SGF

Revista_XXXVII_SGF