Santiago Auserón pechou a XXXIX Semana Galega de Filosofía
Santiago Auserón Marruedo (Zaragoza, 1954) estudou Filosofía na Universidade Complutense de Madrid (1972-1977) e na Université de Vincennes, París VIII (1977-1978), baixo a dirección de Gilles Deleuze. No ano 2015 foi nomeado Doutor en pola Facultade de Filosofía da UCM defendendo a súa tese Música en los fundamentos del logos. Así mesmo, foi cantante e compositor do recoñecido grupo musical Radio Futura (1980-1992), e dende 1984 investiga as raíces do son cubano. Por exemplo, o seu proxecto Juan Perro caracterízase por un eclecticismo que funde o son cubano, a música africana, o jazz e o blues, e outros.
A partir da súa tese de doutoramento, Música en los fundamentos del logos, e da súa posterior reelaboración para ser publicada en libro: Arte sonora. En las fuentes del pensamiento heleno (Anagrama, 2022), Auserón presentou unha síntese de ideas xerais acerca de ditos traballos. Partindo dunha descrición da orixe sagrada da mousiké tékhne na Grecia arcaica e do seu influxo na evolución do logos dende o período arcaico ao período clásico, abordou o significado das dualidades entre imaxe e son, entre son verbal e son musical -tal como se expoñen dende os poemas homéricos en adiante-, así como o xiro que se produce na tradición coa expansión do uso da escritura.
O proceso polo que os filósofos sublimaban a harmonía, o modo en que a teoría musical renova a relación coa tradición e a posibilidade de soster que é o ritmo -aínda relegado ao marco da prosodia e o metro do verso-, proporcionou aos gregos antigos un primeiro modelo de abstracción. Esta análise permite unha reinterpretación crítica das orixes do pensamento occidental e sitúanos ante a necesidade de cuestionar as súas posibilidades de transformación.