Recepción no Concello de Pontevedra
A XL Semana Galega de Filosofía foi presentada esta terza feira en Pontevedra como unha das citas culturais máis lonxevas e máis relevantes dentro do circuíto intelectual galego. Neste ano 2024, o ciclo de conferencias organizado pola Aula Castelao alcanza unha nova edición logo de catro décadas reflexionando, xerando pensamento crítico e levando até a cidade do Lérez algúns dos nomes máis relevantes dentro da filosofía contemporánea. Será do 1 ao 5 de abril.
Relatoras internacionais
“Só podemos sentir ledicia e orgullo de que Pontevedra siga a ser a casa da Semana Galega da Filosofía e de que a Aula Castelao continúe a ser a súa organizadora”, explicou Lores. “Coido que é un evento único, cunha traxectoria especial, na que conta con relatores de todos os niveis até chegar ao internacional”, engadiu.
Esta edición terá como temática principal o tempo, tal e como indicou Cendón. “Sempre temos unha acollida moi amábel e masiva, xa que as conferencias organizadas nesta Semana Galega da Filosofía son realmente moi seguidas, chegando a xente tanto de Pontevedra como de fóra”, indicou o presidente da Aula Castelao.
Cendón adiantou só “un petisco” do programa, que volverá ter sesións de mañá, tarde e noite, con distintas relatoras e relatores. A apertura correrá a cargo da filósofa catalá Fina Birulés, mentres que Arturo Leyte será o encargado da clausura. Tamén estará presente o filósofo italiano Franco Berardi, Bifo.