A UVigo renova a súa colaboración coa Semana Galega de Filosofía

Co concepto de tempo como núcleo temático, a Semana Galega de Filosofía celebrará do 1 ao 5 de abril os seus 40 anos de traxectoria, e farao contando novamente coa colaboración da Universidade de Vigo. Con ese obxectivo, este venres tivo lugar a sinatura do anexo ao acordo marco que a institución académica mantén desde 1996 coa Aula Castelao de Filosofía, que por segundo ano consecutivo participará na organización das Xornadas de Pensamento e Creación, no marco das actividades da Semana da Creatividade.

“Un dos nosos obxectivos é achegar o coñecemento á sociedade e iso é algo que conseguimos a través da colaboración con asociacións como a Aula Castelao”, salientou a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, tras a sinatura deste acordo, xunto ao coordinador desta entidade, Alexandre Cendón. A vicerreitora lembrou que a Semana Galega de Filosofía é un evento aberto ao público, que contribúe “a transferencia do coñecemento”, e no que se insiren un conxunto de “conferencias divulgativas, que poden ser de interese tanto para o alumnado e o profesorado como para a poboación en xeral”.

Eses mesmos obxectivos, lembrou Lantarón, están tamén presentes nas Xornadas de Pensamento e Creación, que o pasado contaron por primeira vez coa participación da Aula Castelao na súa organización, no marco das actividades da Semana da Creatividade, que a Vicerreitoría promove no marco do seu proxecto de especialización como Campus Crea. Estas xornadas, que no mes de abril celebrarán a súa cuarta edición, englobaron conferencias e actuacións musicais e “despois do éxito do ano pasado, este seguiremos na mesma liña”, engadiu Lantarón, que lembrou que se trata dunha actividade que contribúe tamén a “ese obxectivo de achegarnos á sociedade”.

Filosofía e tempo

“Para nós é moi importante manter esta colaboración coa Universidade de Vigo, porque queremos achegarnos a todo o público, tamén ao universitario, ao estudantado e o profesorado”, subliñou Cendón tras a sinatura deste acordo. Baixo o título de Filosofía e tempo, a LX Semana Galega de Filosofía desenvolverase entre o 1 e o 5 de abril no Teatro Principal, pondo o foco, a raíz da conmemoración do 40 aniversario, nun “concepto fundamental, como é o tempo”.

Nese senso, tanto o presente e o futuro, como o propio final do tempo que supón a morte, formarán parte dos contidos dunha semana que, como sinalou Cendón, ten como propósito “achegar á filosofía á rúa”. O programa desta edición, que abrangue tanto sesións matinais, como outras de tarde, centradas en Galicia, e de noite, será presentado a vindeira semana por parte das e dos integrantes da Aula Castelao na Casa das Campás. Entre outros, o evento contará neste 2024 coa participación da filosofa catalá Fina Birulés, encargada da sesión de apertura, co filósofo italiano Franco Bifo Berardi e co que fora catedrático de Filosofía na Universidade de Vigo Arturo Leyte, responsable da conferencia de clausura.