XXXVII SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA: “FILOSOFÍA E CIVILIZACIÓN DIXITAL”

A Aula Castelao de Filosofía preséntavos un ano máis unha nova edición da Semana Galega de Filosofía.

A XXXVII Semana Galega de Filosofía terá lugar na cidade de Pontevedra do 5 ao 9 de abril de 2021, baixo a epígrafe de “Filosofía e Civilización Dixital“.

Celebrarase no Teatro Principal da cidade de Pontevedra (rúa de Paio Gómez Chariño nº 6). A asistencia é aberta e gratuíta mais con aforo limitado e por estrita orde de chegada.

Todas as conferencias serán retransmitidas en liña e as relatoras e os relatores só estarán de xeito presencial no teatro a mañá do luns e todas as tardes da semana. O teatro permanecerá aberto para aquelas persoas que desexen asistir ás conferencias ben sexa retransmitidas na pantalla ou ben presencias, con aforo limitado, como quedou dito, de acordo co plan de continxencia fronte ao COVID-19 (que contén tamén entre outras medidas o uso de máscaras e xel desinfectante, o mantemento da distancia de seguridade e dunha correcta ventilación, a realización dun rexistro de participantes…).

Porén este ano a asistencia á SGF non será certificada como formación do profesorado nin como créditos ECTS homologados por mor das mudanzas introducidas no programa derivadas do actual contexto de pandemia.

May be an image of texto

Díptico_XXXVII_SGF

Revista_XXXVII_SGF

Cancelación da Semana Galega de Filosofía en 2020 e realización da mesma en 2021 co mesmo programa previsto

A Aula Castelao de Filosofía acordou cancelar definitivamente a celebración da Semana Galega de Filosofía do presente ano. Vímonos obrigados a suspendela nas datas previstas e adiala para setembro por causa do estado de alarma. Mais, debido a que despois de rematado o actual curso académico e que as autoridades educativas acaban de estabelecer un protocolo moi cuestionado polo profesorado para o comezo das aulas á volta do verán, e dadas as advertencias das autoridades sanitarias sobre previsíbeis rebrotes do coronavirus logo das vacacións, consideramos que nesas circunstancias a realización da Semana de Filosofía en setembro non se podería levar a cabo coas garantías suficientes que fagan prever o seu normal desenvolvemento.

Téñase en conta a alta participación do profesorado neste congreso, colectivo que a estas alturas conta cun protocolo con garantías insuficientes á hora de reincorporarse ao seu labor educativo.  Así mesmo, cómpre salientar que a Semana Galega de Filosofía ten unha dimensión social, de encontro e debate que se prolonga mesmo no exterior da sala de conferencias, e que lle dá un especial atractivo a esta actividade, pois entre os seus obxectivos está o de fomentar a discusión e contraste de opinións, non só cos relatores e coas relatoras, senón tamén coas propias asistentas e asistentes.

Por todo isto, acordamos trasladar o programa previsto para esta XXXVII Semana Galega de Filosofía que leva por título “Filosofía e Civilización Dixital” para o vindeiro ano nas datas tradicionalmente estabelecidas (logo da Semana Santa, do 5 ao 9 de abril de 2021), agardando que se produza unha redución da incerteza en que hoxe nos movemos e unha consecución de máis seguridade, co fin de ofertar unhas xornadas de debate da maior calidade posíbel.

 

Elección de novo coordinador da Aula Castelao de Filosofía

Asemade, a Aula Castelao de Filosofía vén de elixir un novo coordinador para continuar coa súa actividade. Despois de 7 anos no cargo Ana Ruth Regueira García deixa a coordinación para ser substituída por Alexandre Cendón González, membro da Aula e tamén profesor de Filosofía no ensino secundario.