A UVigo colabora un ano máis coa Semana Galega de Filosofía
A Universidade de Vigo colaborará un ano máis coa Semana Galega de Filosofía, que entre o 21 e o 25 de abril desenvolverá no Teatro Principal de Pontevedra a súa XLI edición, co nihilismo como eixe temático. A vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, e o presidente da Aula Castelao de Filosofía, Alexandre Cendón, asinaron este venres o anexo ao acordo marco que a institución académica mantén desde 1996 coa asociación promotora deste congreso, que colaborará ademais coa programación cultural da Vicerreitoría, na organización dunhas xornadas no mes de outubro.
Tras a sinatura deste acordo, Lantarón destacou que “estamos encantados de continuar esta colaboración coa Aula Castelao, participando na organización da Semana Galega de Filosofía”, á vez que puxo de relevo a “importancia e relevancia deste evento, cunha traxectoria de máis de 40 anos”, que se ve reflectida, lembrou, polo feito de que conte coa colaboración do Concello de Pontevedra, Deputación Provincial e Xunta de Galicia, ademais da propia Universidade. Tanto a vicerreitora como Cendón puxeron o foco así mesmo na vontade deste foro de achegar o coñecemento e a filosofía á rúa, o que levou ao presidente da Aula Castelao a pór en valor a importancia que que ten para a Semana Galega de Filosofía esta “colaboración continuada” coa UVigo en aspectos como “a difusión deste congreso internacional aberto a toda a cidadanía”.
Nesa mesma liña, Lantarón incidiu tamén en que “o percorrido da Semana Galega de Filosofía” responde tamén á necesidade de promover, a través das achegas de pensadores e investigadores e investigadoras de diferentes eidos, “unha reflexión sobre aspectos tan interesantes e tan cruciais para a nosa sociedade como o que se vai abordar este ano”. Non en van, lembrou, “para atopar solucións é preciso definir e acoutar cales son os problemas”.
Unha edición que buscará rebater o nihilismo
Baixo o título de Filosofía e nihilismo, a XLI Semana Galega de Filosofía, buscará pór o foco na “sensación de desacougo, tanto individual como colectivo” que, sinalou Cendón, pode observarse nunha parte da sociedade. Farao, destacou o presidente da Aula Castelao, co propósito de tratar de rebatela, de denunciar “ese estado de ánimo de falta de valores, de desesperanza e de falta de horizonte” e de ofrecer visións alternativas, á vez que buscará tamén pór o foco nas súas “consecuencias psicolóxicas”.
As e os representantes da Aula Castelao de Filosofía presentarán o vindeiro martes na Casa das Campás, o programa completo desta edición, integrado por quince conferencias en tres franxas horarias, e do que Cendón destacou o seu “carácter internacional”. Un dos obxectivos da organización para esta edición, sinalou, foi o de tratar de sumar a esta análise desta situación visións procedentes de múltiples contextos, máis aló do mundo occidental. Con esa idea, esta foro contará, entre outros, coa participación da escritora e pensadora brasileira Márcia Tiburi e do profesor da Universidade de Bos Aires Néstor Kohan, responsable da conferencia de apertura. A sesión de clausura, por outra banda, correrá a cargo da escritora mozambicana Paulina Chiziane e entre os conferenciantes participantes neste foro atópase tamén o profesor de Filosofía da Universidade de Vigo Brais González Arribas.
Colaboración máis aló da semana
No encontro celebrado este mediodía na Casa das Campás, tanto Lantarón como Cendón incidiron tamén en que a colaboración entre as duas entidades continuará máis aló da propia Semana Galega de Filosofía. Neste senso, a Aula Castelao participará na organización dunhas xornadas, previstas para o mes de outubro, “que contribúen a estender a programación cultural da Vicerreitoría ao longo de todo o ano”, como sinalou a vicerreitora, dando continuidade á colaboración da aula nas dúas últimas edicións das Xornadas de Pensamento e Creación.