Presentación da Aula Castelao de Filosofía
A Aula Castelao de Filosofía nace no ano 1983 co obxectivo de galeguizar o ensino da filosofía nas súas múltiples dimensións (lingua, contidos, recursos, debates etc). Preséntase dende unha concepción da educación que traspasa os valados das aulas e racha coa illamento do currículo a respecto da sociedade en que vivimos e tamén, xa que logo, traspasa as barreiras da propia materia para aplicar a perspectiva filosófica aos demais saberes.
O nome de Castelao, co que denominamos a nosa entidade, xa indica o pensamento que nos inspira. Un ideario que no eido da filosofía que nos ocupa tivo a súa concreción ao longo de máis de tres décadas de actividade nos seguintes tres eixos de traballo: unha filosofía intercultural, no noso compromiso coa defensa do ensino da filosofía, mesmo fora das aulas; unha filosofía popular, que conecte coas tradicións da historia do pensamento desbotadas e sobre todo asumindo a propia inserción nun pobo concreto, o galego, dende o cal reclamamos o seu recoñecemento coma interlocutor colectivo no diálogo internacional a través do cal tentamos esclarecer e resolver os debates que enfrontan e dividen a humanidade; e, finalmente, unha filosofía da liberación, dándolle voz a unha pluralidade de pensamentos, abertos a escoitar todas as opinións, optamos explicitamente por non esquecer os dominados. Comprometémonos pois coa nación asoballada, coa clase explotada, co sexo subordinado e con todas as vítimas das inxustizas do mundo en que vivimos para contribuír modestamente á súa liberación. Dende o respecto ao pluralismo que sempre temos presente, tentamos corrixir as desvantaxes desde as que se parten, para substituír o monólogo imperante polo diálogo útil para a emancipación.