SOLICITUDE DE COMUNICACIÓNS PARA A XLII SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA, FILOSOFÍA E ALIMENTO
Dende a AULA CASTELAO DE FILOSOFÍA desexamos anunciarvos a próxima celebración en Pontevedra da XLII SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA entre os días 6 e 10 de abril de 2026, co título de:
FILOSOFÍA E ALIMENTO
Como en ocasións anteriores, solicitamos o envío de COMUNICACIÓNS relacionadas coa temática mencionada que serán publicadas nas datas de celebración da Semana, con vistas á ampliación e enriquecemento das posibilidades de debate.
As condicións que teñen que cumprir as comunicacións son as seguintes:
Teren unha relación clara co tema da Semana.
– Estaren escritas en galego.
– Non sobrepasar os 20.000 caracteres con espazos, ter un interlineado de 1,5 e 2,5 de marxes, e unha tipografía arial de 12 puntos.
– Nunha folla á parte: título, nome das autoras, enderezo, número de teléfono e correo electrónico.
– Como inicio da comunicación: título, autoras e enderezo ou correo electrónico para facer público.
No caso de non cumprir as devanditas condicións, así como uns requisitos mínimos de argumentación, análise e pertinencia, as comunicacións serán rexeitadas.
As comunicacións deben ser remitidas por correo electrónico enviando o documento como ficheiro adxunto ao enderezo:
aula@aulacastelao.com
A data límite para a recepción das comunicacións é o 28 DE FEBREIRO DE 2026.



