Filosofía e Teatro: “A Liorta”
Dentro das actividades de conmemoración do 40 aniversario da Aula Castelao de Filosofía, a nosa entidade organiza a posta en escena en Pontevedra da obra “A Liorta” de Avelaíña Teatro a vindeira sexta feira 10 de febreiro ás 20:30 h. no Teatro Principal. A entrada será de balde e libre.
Sinopse
Na mesma crise do Antigo Réxime e na mesma xénese da Idade Contemporánea, asistimos a un intenso debate de Filosofía Política entre dúas das figuras máis senlleiras da Ilustración: Voltaire e Rousseau, ambos proscritos polo poder vixente. Voltaire mira o mundo pola fiestra da razón burguesa e a súa proposta vai na liña dos intereses do capital: o liberalismo. Rousseau mira pola fiestra dos desposuídos e deseña a súa utopía dende o desexo de igualdade, o sentimento de liberdade e a esperanza de felicidade, sendo o precursor e inspirador do romanticismo e do socialismo.
O desencontro da súa traxectoria intelectual culmina coa publicación do panfleto anónimo, O sentimento dos cidadáns, que Voltaire escribe e difunde contra Rousseau coa finalidade de desacreditar a súa persoa e desautorizlo.
Asistimos á orixe do debate entre as dúas principais ideoloxías do mundo contemporáneo: o liberalimo e o socialismo.
N´A Liorta polemizan sobre a providencia e o problema do mal, o sentimento e a razón, a natureza e a cultura, sociedade, igualdade e liberdade, se a propiedade é un dereito ou un crime, e o poder, usando a lóxica propia da palestra política, inzada de ironías, falacias, insidias e insultos, non para convencer, senón para vencer e humillar o adversario.