Bouchraya Hammoudi Bayoun, representante da Fronte Polisaria, clausura a XXXVI Semana de Filosofía, adicada ás fronteiras

15 relatores/as entre os/as que cabe destacar as figuras de Saskia Sasse, Jonh Holloway, Boaventura de Sousa, etc. compartiron os seus coñecementos ao longo de 5 días co debate e a crítica como protagonistas.

Pontevedra, 25 de abril de 2019.- LMontse Bragado Trigo, membro da Aula Castelao, foi a encargada das conclusións desta sexta Semana Galega de Filosofía na que “procurabamos abrir liñas de pensamento e acción. Na reflexión sobre a fronteira viamos un punto de partida para atoparmos alternativas á realidade, opcións diferentes ás dun mundo que permite que polas súas fronteiras circule a barbarie e o capital, e que ao mesmo tempo coloca fóra das súas marxes grupos de oprimidos completamente despoxados de dereitos. Pretendiamos, en sintonía con Walter Benjamin, reivindicar unha análise das fronteiras non dende o punto de vista dos vencedores, senón dende a empatía cos vencidos polo poder. Pero dicía Foucault que “onde hai poder, hai resistencia”. Centrémonos pois nas resistencias. Centrémonos tamén nas vías de mudanza, de transformación.

Deste xeito, cales son entón esas liñas liberadoras que coidamos ter aberto ao longo desta intensa semana? Concretamente, tres.

A primeira liña é a de denuncia da realidade. Así, diciamos, as nosas fronteiras están ao servizo dos intereses do sistema económico capitalista, un sistema que só busca a acumulación infinita e ignora a dignidade humana. Na actualidade asistimos a unha transformación do capitalismo que afecta a xestión dos inmigrantes. Saskia Sassen explicóunola o luns pola mañá. Advertiunos dunha mudanza importante na lóxica do mercado global que pasou de precisar moitos traballadores consumidores, a incentivar a expulsión masiva de persoas de territorios concretos. Nesta lóxica de exclusión, ao aparello económico-político sóbralle xente. Multitude de casos internacionais son mostra disto, como é o caso dos refuxiados, ou a poboación desprazada pola compra de millóns de hectáreas de territorio no Sur global.

A este respecto, atopamos un discurso xenófobo que dende a política está xustificando a acción que sobre as fronteiras se está a realizar e que provoca unha chea de situacións de inxustiza. Enumeramos só algunhas destas situacións: a criminalización dos inmigrantes e tamén da axuda aos inmigrantes; a débeda dos países máis pobres; as políticas anti-inmigración materializadas, entre

outras cousas, con muros e valados en todos os continentes do mundo; a opresión e violencia fronte ao dereito de autodeterminación dos pobos; a situación dos que escapan da guerra, da morte e da fame e son convertidos en “sen papeis” e á vez en persoas sen dereitos.

Este discurso xenófobo tamén invade os medios de comunicación de masas. Ángeles Díez lembrounos que estes medios están a construír discursos tóxicos, pequenos velenos que se van sedimentando na mente das persoas. E a xente reproduce o que escoita, enunciados en que se normaliza a desigualdade, en que se banaliza o horror. Os medios buscan reducir resistencias. Son, deste modo, a forma mediante a cal o poder se expresa e consegue reproducirse.

É hora xa de nos liberarmos desta maquinaria de apropiación das nosas conciencias. É hora xa de que os medios de comunicación de masas deixen de colonizar a intelixencia das persoas.

Cales son as vías de fuga desta realidade? De onde podemos partir para mellorarmos a situación de inxustiza que asedia o mundo e que se materializa nas nosas fronteiras? Nestas cuestións atopamos a segunda liña proposta durante esta Semana, a de apertura á acción, ás posibilidades de mellora social. A este respecto, remarcouse a necesidade urxente de mudar o estado de cousas. Remarcouse tamén que non existe ningunha razón para pensar que non hai alternativas á realidade. Reivindicouse, en moitas ocasións, a rebeldía contra a idea fatalista de pensar que non é posible transformar o mundo, a rebeldía contra aquel famoso slogan político que sinalaba que non hai alternativas.

O xoves pola mañá, Joan Nogué afirmaba que o primeiro paso está en mudar as nosas miradas a respecto das fronteiras. As fronteiras non son só espazos xeográficos; son tamén espazos existenciais. O primeiro paso está en entender as fronteiras como lugares híbridos, que teñen moito que ensinarnos. Defendía que nestas franxas, nestes limiares reside a posibilidade de crear novos proxectos. As fronteiras son os lugares que unen as diferenzas. Busquemos, polo tanto, a resistencia desde esta óptica.

Nisto mesmo, incidiu o profesor Boaventura de Sousa Santos, quen atopa nas resistencias, nas loitas sociais dos grupos golpeados a diario polo capitalismo, o colonialismo e o patriarcado, a oportunidade, o punto de partida, para orixinar a mudanza social que abrirá as portas a un mundo máis xusto. É nesas resistencias

onde debemos extraer a aprendizaxe para actuarmos. Pois, como dixo John Holloway, “é urxente reinventar o concepto de revolución, porque o futuro nos está a perseguir”.

Porén, para a mudanza, para a modificación é preciso o compromiso; e este constitúe a terceira liña que quixemos desenvolver. Compromiso é traballar para dar voz aos oprimidos. Ao longo desta semana puidemos coñecer moitos exemplos de loita contra a invisibilización e xordeira respecto dos oprimidos. Alberto Cruz mostrounos a importancia do feminismo africano, ignorado por occidente. Ángeles Ramírez expúxonos con moita luz o feito de que as mulleres emigrantes sexan especialmente vulnerables á violencia física e sexual.

Compromiso é non silenciar estes abusos. Compromiso é visibilizar a plutocracia que está a gobernar o mundo, un mundo en que o bloque de EEUU e a UE está perdendo a hexemonía e, para evitalo, realiza ataques brutais e induce guerras, só para acumular máis riqueza, apropiándose de recursos enerxéticos e materias primas.

Hoxe, xa no final desta trixésimo sexta Semana Galega de Filosofía, queremos clausurala manifestando a nosa solidariedade con todos os pobos asediados polo vampiro do capital, por un vampiro externo a eles que lles chupa o sangue e a dignidade, arrebatándolles a súa propia soberanía”

Bragado pechou a súa intervención agradecendo en nome da Aula Castelao “ás institucións que nos axudan económicamente, porque sen este apoio o noso proxecto non podería levarse a cabo. En segundo lugar, queremos transmitir un agradecemento moi especial ao público, porque sen vós a Semana Galega de Filosofía non tería sentido. Porque é grazas a vós que existe este espazo. Espazo no que xuntos pensamos sobre o presente actual para procurar un futuro mellor. Porque como di Paula Godiño, “o futuro é para sempre”.

Pechou a Semana o representante da Fronte Polisaria, Bouchraya Hammoudi Bayoun que logo de poñer en antecedentes sobre a situación actual entre Sahara, Marrocos e Mauritania e apunta que se “España foi parte do problema – ao retirarse en 1976 do Sahara logo do acordo asinado durante o mandato de Franco – e debe ser parte da solución. O pobo saharauis ten dereito a decicir sobre a súa situación”. Tamén sinalou a constante chantaxe que Marrocos exerce sobre España

Rematou agradecendo o movemento solidario español e ao galego en particular: “Moitos gobernos non conseguiron facer máis dano ao pobo saharagui grazas a el”