VÍDEOS DA XXXIII SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA

Vídeos da XXXIII Semana Galega de Filosofía, Filosofía e Política:

Clausura Filosofía e Política. XXXIII Semana Galega de Filosofía

Lección de clausura a cargo de LAURA MINTEGI LAKARRA (Estella, Navarra; 26 de outubro de 1955) é unha escritora en euskera, profesora da Universidade do País Vasco e expolítica española. Foi candidata á presidencia do Goberno Vasco pola coalición Euskal Herria Bildu para as eleccións ao Parlamento Vasco de 2012. Aínda que naceu en Navarra, cando era pícara a familia trasladouse a Vizcaya. Residiu en Bilbao e desde 1973 vive en Algorta, no municipio vizcaíno de Guecho. Está licenciada en Historia e é doutora en Psicoloxía. Desde 1981 é profesora do Departamento de Didáctica de Lingua e Literatura da Universidade do País Vasco (UPV/EHU). Foi directora deste Departamento desde 1999 ata 2006, cargo que volveu a asumir desde 2010 ata a actualidade. foi candidata á rectoría da UPV/EHU en dúas ocasións. Desde 2004 preside o Club Euskal PEN, a rama vasca do PEN Club Internacional, asociación internacional de escritores en favor da liberdade de expresión. No ano 2006, a Real Academia da Lingua Vasca nomeouna académica correspondente. recibiu entre outros premios literarios, o Premio de Novela Azkue, o Premio Cidade de San Sebastián e o Premio Jon Mirande. Noutros tantos premios foi parte do xurado, por exemplo no Certamen de Narrativa María Maeztu, as Becas Joseba Jaka, o Premio de Xornalismo Rikardo Arregi, o Premio Anton Abbadia e o Premio de Dereitos Humanos René Cassin. Forma parte do Consello de Dirección da revista científica Revista de Psicodidáctica e colabora habitualmente nos medios de comunicación, tanto audiovisuales (ETB, Hamaika Telebista, Bizkaia Irratia, Egin Irratia, Bilboko Hiria Irratia, Euskalerria Irratia e Euskadi Irratia) como escritos (Anaitasuna, Argia, Susa, Ttu-ttuá, Egin, Egunkaria, Gara, Berria, Jakin e Hegats, entre outros). A súa obra máis popular é Sísifo maite minez, un ensaio-novela sobre o enamoramento. Esa novela foi traducida ao castelán no ano 2003 como Sísifo namorado e ao neerlandés no ano 2011, como Sisyphus verliefd. Laura Mintegi tamén desenvolveu actividades políticas. Participou nas listas de Herri Batasuna nas eleccións ao Parlamento Europeo de 1987 e de 1989. Ese mesmo ano foi nomeada responsable da caixa de resistencia dos profesores asociados que reclamaban a figura do profesorado propio para a UPV. Nas eleccións xerais de novembro de 2011, foi candidata ao Senado por Vizcaya dentro da coalición Amaiur. Nas eleccións de outubro de 2012 foi candidata á presidencia do Goberno Vasco pola coalición Euskal Herria Bildu. Tras exercer de portavoz da coalición no Parlamento Vasco durante case dous anos, en xullo de 2014 anunciou que deixaba o seu escano para volver ao seu traballo universitario.

Obras Narrativa: Ilusioaren ordaina (1983, Erein). Novela: Bai… baina ez (1986, Susa): Reeditada en Elkarlanean 1999. Legez kanpo (1991, Elkar). Nerea eta biok (1994, Txalaparta). Sisifo maite minez (2001, Txalaparta). Ecce homo (2006, Txalaparta)

Ensaio: Sujektibitatea euskal nobelagintzan: Stephen Crane-ren “The Rede Badge of Courage” (1999, EHU). Biografía: Julene Azpeitia (1988, Goberno Vasco).

Obra traducida: A topera en Antoloxía da Narrativa Vasca Actual (1986, Edicions do Mall) (castelán). Mole Hole en Contemporary Basque Fiction (1990, University of Nevada/Reno) (inglés). Sisifo namorado (2003, Txalaparta) (castelán). Nerea and I (2005, Peter Lang, New York) (inglés). Ecce homo (2007, ONCE) (braille en euskera). Ecce homo (2009, Txalaparta) (castelán). Sisyphus verliefd (2011, Zirimiri Press, Amsterdam) (neerlandés). Ecce homo (2012, Pahl-Rugenstein, Bonn) (alemán).

Políticas enerxéticas e ambientais na Galiza: metabolismo socioeconómico e conflitos sociais

As políticas enerxéticas e ambientais na Galiza nos últimos anos poden ser analizadas a través da súa coherencia cun metabolismo socioeconómico necesitado de cantidades crecentes de materiais, enerxía e auga. O territorio é visto como un lugar de onde extraer recursos susceptíbeis de seren transformados, dentro ou fóra do país, en bens e servizos diversos por grandes conglomerados empresariais, ou un lugar onde depositar os residuos procedentes das actividades industriais ou de consumo. Desde esta perspectiva, o medio físico é considerado só polas posibilidades que ofrece para estender as relacións económicas capitalistas baseadas na ganancia e no crecemento continuado. Deste modo a lóxica produtivista domina sobre a preservación doutros valores naturais, socioculturais ou dos propios dunha economía fundamentada noutros parámetros máis conservacionistas. Cando existe, a escasa protección ambiental semella dirixida, sobre todo, a un ambiente deshumanizado: os seres humanos poden ser observadores da paisaxe mais non fan parte dela e, polo tanto, poden ser desprazados do territorio en calquera momento. A preeminencia do interese privado duns poucos sobre o público ou colectivo acaba por dirixir a acción política dos gobernos, xustificada por unha suposta utilidade pública ou por un suposto interese social. Estas prácticas conducen inevitabelmente á aparición de conflitos sociais nos que a compoñente ambiental é decisiva, mais que tamén representan un novo escenario no conflito de clases, unha confrontación ideolóxica, unha fractura entre diversos modos de vida e mesmo, se consideramos os lugares onde acontecen, un novo episodio das agresións continuadas sobre o mundo rural.

Filosofía e Política. XXXIII Semana Galega de Filosofía. Venres 1. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A POLÍTICA VISTA DESDE GALICIA

XOÁN R. DOLDÁN GARCÍA. Profesor Titular de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Licenciado en Ciencias Económicas pola USC, Doutor en Ciencias Económicas pola USC, coa tese de doutoramento: Problemas metodolóxicos referidos ao cómputo económico dos fluxos de materiais, enerxía e auga na industria. Análise da súa aplicación á industria manufactureira galega 1992 obtendo a cualificación de Sobresaínte cum laude, Posgraduado en Economía dos Recursos Naturais e do Medio Ambiente pola Universidade de Alcalá de Henares. Membro do Grupo de Investigación da USC: Bioeconomía. Económica Ecolóxica e dos Recursos Naturais, Presidente da Asociación de Economía Ecolóxica en España, Vicepresidente da Asociación Véspera de Nada. Por unha Galiza sen petróleo (desde decembro de 2015; anteriormente presidente). Ademais, representa a esta asociación en colectivos como ContraMINAcción e a Plataforma Fumigacións Non, Vogal da Asociación de Economía Crítica.

De 2005 a 2008 foi director do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) e conta entre as súas publicacións:

  • Editor da Guía para o descenso enerxético (2014)
  • Autor de “O metabolismo socioeconómico de Galicia 1996-2010 dentro do libro colectivo O metabolismo económico rexional español (2015)
  • Autor de “A necesidade dun novo modelo enerxético para Galicia” dentro do libro colectivo Ecoloxía Política. Olladas desde Galicia (2015)

E outras actividades de investigación:

  • Publicacións: colaboracións en varios libros, e máis de corenta artigos en revistas científicas e de divulgación
  • Máis de 80 Comunicacións /palestras/relatorios en Congresos/Xornadas etc

Dirixiu varias teses de doutoramento e licenciatura sobre sectores productivos: o sector de mexillón en Galiza; o sector eólico en Galiza; revisión das fontes estatísticas do sector eléctrico en España; límites do crecemento económico e problemática medioambiental no pensamento económico…

Pensar a política emancipatoria despois da posmodernidade

A fin dos “grandes relatos” preconizada no seu día polo discurso posmoderno apuntaba, sobre todo, á fin das “metanarrativas de emancipación” trazadas tamén no seu día polo discurso filosófico-político moderno. Coa súa radical posta en cuestión dos fundamentos conceptuais básicos que serviron de eixo reitor ao proxecto emancipatorio da modernidade, o pensamento posmoderno acabou socavando as propias bases epistemolóxicas e normativas sobre as que se fundamentou e lexitimou dito proxecto emancipatorio, avogando ao cabo polo seu abandono ou liquidación. Neste sentido, o pensamento posmoderno supón un serio desafío que non pode ser facilmente ignorado. Pois como trataremos de amosar non só nos obriga a repensar ou reformular cantos relatos igualitarios, emancipatorios e racionalistas se teñen por herdeiros do legado da modernidade ilustrada, senón calquera estratexia de transformación social e política que poida ser formulada nos nosos días.

Filosofía e Política. XXXIII Semana Galega de Filosofía. Venres 1. Mañán 10:30 a 13:30. Bloque: REFLEXIÓN FILOSÓFICA SOBOR DA POLÍTICA

JUAN GARCÍA MORÁN-ESCOBEDO é licenciado en Filosofía pola Universidade de Oviedo; doutor en Filosofía pola UNED e diplomado en Ciencia Política e Dereito Constitucional polo Centro de Estudos Políticos e Constitucionais de Madrid. Na actualidade é Profesor Colaborador de Filosofía da Historia e Filosofía Política no Departamento de Filosofía e Filosofía Moral e Política da UNED. Con anterioridade foi membro do Instituto de Filosofía do CSIC e formou parte do Consello de Redacción da Revista Internacional de Filosofía Política dende a súa fundación. As súas liñas de investigación céntranse na filosofía práctica moderna e contemporánea. Entre as súas últimas publicacións cabería salientar: John Dewey, individualismo e democracia, Filosofía política versus política da filosofía: Unha presentación de Leo Strauss e O “gran relato” rehabilitado: Francis Fukuyama e “a fin da Historia”.

A mediocracia, a banalización da política e o show electoral.

Dicía Voltaire que calquera que tivera o poder de facer crer idioteces tiña o poder de facer cometer inxustizas. Ese poder xa non o teñen os políticos senón os medios masivos e a súa extensión dixital, as redes sociais.

Os medios de comunicación de masas téñense convertido nunha pedra angular dos sistemas representativos aos que chamamos “democracias” O que deben os medios ás democracias e concretamente ao capitalismo é algo máis ou menos coñecido, grazas a elas puideron desenvolverse como industrias altamente rendibles e son unha das  maiores fontes de acumulación de capital xunto coas empresas de armas. Producen mercadorías sen as que sería difícil imaxinar o progreso actual (información, ocio, cultura, educación …) pero que lle debe a democracia aos medios de comunicación? En que medida os medios de comunicación configuran os nosos sistemas representativos á súa imaxe e semellanza? Como é que se converte os cidadáns en público e a política en espectáculo? Que son a campañas electorais para os medios? E para os votantes? Por qué os partidos se constrúen como marcas que compiten no mercado do voto tratando de captar o desexo do votante como se dun cliente se tratase?

A comunicación masiva ten modificado a política, non só o xeito no que se fai, senón tamén os contidos e os obxectivos que se formula. De aí que os medios sexan a forma en que se presenta/representa a política nas nosas mentes. Do mesmo xeito que a representación é o principio lexitimador de determinada forma de organización política, aquela que, como dixera Weber, ten resultado historicamente máis eficaz para o desenvolvemento do capitalismo. Os principios que rexen a política teñen  chegado a coincidir cos principios mercantís:

1.- oferta-demanda

2.- cuantificación e contaxe de vontades (mediante o voto)

3.- universalización dunha forma particular e histórica (o goberno representativo)

4.- Resolución de problemas pola técnica

5.- obxectivación e cousificación do suxeito político.

Os medios masivos teñen substituído a experiencia da xente, incluída a experiencia da política. Un fenómeno que se ve acrecentado coa extensión e fusión dos mass media coas redes sociais, e coa crecente fragmentación e illamento do suxeito. Os cidadáns xa non opinan, twitean, e seguen as contas sociais dos políticos como o fan cos seus cantantes favoritos.

Nada que non tiveran inventado hai tempo os estadounidenses ao deixar en mans dos storytelling, que son quen de colocar no mercado calquera mercancía contando unha boa historia, as campañas electorais. Contar historias, ser breves e ser emocionais foi a receita de David Axelrod (coñecido como o Narrador de Obama). E a dos novos políticos en España? Por qué temos a impresión de que as nosas  campañas se asemellan cada vez máis ás estadounidenses? No caso do Estado español os publicistas electorais transitan entre o guión cinematográfico e o folletín.

A función principal das campañas electorais é a ocultación de igual xeito que no comercio a publicidade dunha mercadoría se dirixe a potenciar o desexo do comprador e non a reflectir as características, as utilidades e os compoñentes do produto. O de menos son os programas electorais dos partidos e o de máis o desempeño do “líder”, a súa imaxe e as expectativas que consiga xerar. Se o público se identifica coa imaxe da marca o éxito de ventas está asegurado.

Necesariamente debemos preguntarnos que ten sido da política cando xa non se fai política.

Filosofía e Política.  XXXIII Semana Galega de Filosofía. Xoves 31. Noite 20:00 a 22:00. Bloque: A POLÍTICA A DEBATE

ÁNGELES DÍEZ RODRÍGUEZ. Doutora en C. Políticas e Socioloxía pola Universidade Complutense de Madrid (UCM), actualmente profesora do departamento de Cambio Social da Facultade de CC. Políticas da mesma universidade. Realizou o seu doutoramento no programa de América Latina contemporánea do Instituto Ortega y Gasset con varias estadías no Colegio de México en México Distrito Federal. As súas liñas de investigación principais teñen sido a acción colectiva, os movementos sociais e ONGs, as novas tecnoloxías da comunicación e a información nas súas repercusións sociais e os medios de comunicación e a política.

Actualmente traballa sobre violencia colectiva, conflito político, modelos democráticos, e a utilización de recursos cinematográficos na formación en Ciencias Sociais. Imparte docencia nas seguintes materias: Socioloxía Política, Bases sociais dos réximes políticos, Análise comparada das democracias, e cine social e político. Dirixe o Título propio da UCM sobre “Cine, fotografía e vídeo político e social” que cun grupo de oito docentes de diversas universidades de Madrid desenvolve a utilización de recursos audiovisuais nas ciencias sociais.

Entre os anos 2001 e 2004 co-dirixiu o curso “Medios de comunicación e manipulación” da Universidade Española de Educación a Distancia. Ten participado en documentais e escrito múltiplos artigos sobre a manipulación mediática. Na actualidade, ademais da docencia na UCM, coordina un seminario sobre Historia e teoría do poder que patrocina o Instituto Complutense de Ciencias da Administración (ICCA) do que tamén forma parte. Ten dirixido proxectos de Innovación educativa Complutense sobre a utilización do cine, a literatura e a música na formación universitaria en ciencias sociais. Algunhas das súas publicacións máis relevantes son “Podemos” y la folletinización de la política: Pablo González o Felipe Iglesias” (2014) “La 2ª Transición española: Suárez, Felipe VI, Podemos y el Escudo antimisiles” (2014) “La imagen de la mujer como propaganda de guerra: víctimas, instigadoras, testigos y oposición” (2014) “Ciberespacio y síntoma comunitario: una lectura a partir del 15M” (2013), “La percepción social de la calidad educativa en España” (2012), Manipulación y medios en la sociedad de la información (2007) El modelo de participación de las ONG. La construcción social del voluntariado y el papel de los Estados” en Cooperación para el desarrollo y ONG una visión crítica (2001) “Las ONG como campo de relaciones sociales” en Las ONG y la política (2002)“Nuevas tecnologías, educación y sociedad. Perspectivas críticas” (2003), Ciudadanía cibernética, la nueva utopía tecnológica de la democracia en Aprendiendo a ser ciudadanos (2003), e numerosos artigos e crónicas na revista dixital Rebelión (www.rebelion.org) sobre o 15M, medios de comunicación, manipulación, e conflitos políticos. Así mesmo ten impartido numerosas conferencias sobre o papel dos medios de comunicación nas novas formas de guerra e a manipulación mediática.

É membro da asociación de documentalistas DOCMA, da Asociación de educomunicadores Aire e da Unión de Cineastas, e do consello de redacción da Revista Esbozos.

“Ocho apellidos de regiones escasamente romanizadas”: Cultura da Transición e conflito colonial interno no Estado español

Nesta conferencia abordarei o conflito territorial interno do Estado español dende unha perspectiva poscolonial, facendo fincapé nas súas dimensións simbólica e material. En consonancia con varias das voces críticas da Transición española que falan do conflito colonial interno no Estado español como un indicador da democraticidade fallida que instaurou o proceso constitucional de 1978 (Pastor, Bastida), nesta conferencia desenvolverei a idea de que a chamada Cultura da Transición se sustenta, en parte, nun protocolo discursivo recoñecible para o tratamento deste conflito (o recurso a metáforas suaves, a miúdo tiradas do campo semántico do amor romántico; a énfase en afectos como o remorso, o medo e a compaixón; a priorización de formas de memoria individual no canto de colectiva; a deshistorización e despolitización do conflito). Trazarei a perdurabilidade destas características discursivas nun feixe de produtos culturais aliñados co paradigma da Cultura da Transición, incluíndo os recentes filmes da franquicia Ocho apellidos, e a súa vixencia no tratamento que a Nova Política española lle outorga ao conflito colonial interno.

Filosofía e Política. XXXIII Semana Galega de Filosofía. Xoves 31. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A POLÍTICA VISTA DESDE GALICIA

HELENA MIGÉLEZ CARBALLEIRA é profesora titular en Estudos Hispánicos na Universidade de Bangor (Gales) e directora do Centro de Estudos Galegos na mesma localidade. Formouse en Filoloxía Inglesa na Universidade de Vigo, e máis adiante na Universidade de Edimburgo cun Máster en Estudos de Tradución e o doutoramento en Estudos Hispánicos.

Especialista nas formas do conflito nacional interno en España ao longo do tempo e na contemporaneidade, pretende partillar o seu traballo a través do blog “Postcolonial Spain” pero tamén a través de publicacións e intervencións académicas.

É autora dunha monografía publicada pola University of Wales Press en 2013 que foi traducida ao ano seguinte en Galicia baixo o título Galicia, um povo sentimental? Género, Cultura e política e que tivo unha importante recepción.

Coeditora do volume Companion to Galician Cultures (Tamesis, 2014) e dos especiais de Translation Studies e do Bulletin of Hispanic Studies, autora de numerosos capítulos de libros, de artigos e colaboracións en publicacións especializadas e non especializadas galegas e estranxeiras (Anuario de Estudos Galegos, Grial, El País, Journal of Spanish Cultural Studies, Men and Masculinities, Hispanic Reseach, Journal, New Voices in Translation Studies…).

Tradutora, colaboradora en proxectos internacionais, fundadora editora da revista Galicia 21, ademais de membro de asociacións académicas e conferenciante en diferentes ámbitos e foros nacionais e internacionais.

Máis información sobre a actividade profesional no sitio web: www.hmcarballeira.net.

Definición de esquerda e análise da situación

Parte da constatación da posta en crise da esquerda, chegando os máis audaces a sancionar o seu anacronismo e os máis inconscientes a decretar a súa inexistencia. E trata de esclarecer as determinacións empíricas, os motivos ideolóxicos e as carencias teóricas que levaron a converter en tópico banal unha percepción triplamente “ilusoria”: ilusión da “dereita” de invisibilizar o seu inimigo, ilusión da “post-esquerda” de se saír da historia e ilusión da “esquerda” buscándose a si mesma fóra de si.

Filosofía e Política. XXXIII Semana Galega de Filosofía. Xoves 31. Mañán 10:30 a 13:30. Bloque: REFLEXIÓN FILOSÓFICA SOBOR DA POLÍTICA 

JOSÉ MANUEL BERMUDO ÁVILA é Catedrático Emérito de Filosofía Política da Universidade de Barcelona. Actualmente dirixe o Seminario de Filosofía Política da UB (para graduados e doutorandos). É investigador principal do grupo de investigación “Crisis de la razón práctica”, que traballa nun programa sobre a crise contemporánea da razón política. Escribiu libros e artigos sobre varios pensadores da época moderna, como Maquiavelo, Diderot, Rousseau, Kant ou Marx. Preparou edicións en castelán de relevantes obras filosóficas, como El Sistema de la Naturaleza, de d’Holbach (1983), Del Espíritu, de Helvétius (1984); Historia de la Filosofía de l’Encyclopédie, de Diderot (1987); Profesión de fe del vicario Saboyardo, de Rousseau (1984); La Ciencia Nueva, de Vico (1985) ou o Tratado de los Sistemas y de las leyes, de Condillac (1995). Entre as súas últimas publicacións mencionamos o seu libro Filosofía Política, en tres volumes: Luces y sombras de la ciudad (2001), Los jalones de la libertad (2001) e Asaltos a la razón política (2005); Filosofía y Globalización (2004) y Adiós al ciudadano (2010).

Eurasia como eixe do século XXI

Desde Occidente pode verse esta afirmación de dúas formas: ou moi irreal ou moi arriscada. O certo é que mentres nos entretemos en cuestións menores, o eixe do mundo desprazouse irreversiblemente cara a esa zona do mundo e non fai tanto tempo.

Si hai que sinalar unha data esta é 2008, cando como consecuencia do inicio da aínda inacabada crise económica, política e moral. Véxase o que está sucedendo en Europa cos refuxiados- dous países, Rusia e China, viron chegado o seu momento. O primeiro, intentando recuperar e restablecer a súa influencia nos países que formaron parte da Unión Soviética establecendo a Unión Económica Euroasiática. O segundo, seguindo a tradición confucianista, estendendo a súa influencia polo mundo, desde a propia Asia ata África e América Latina.

Actuando cada un ao seu xeito, tanto Rusia como China viron que había que facer de Eurasia o eixe central do planeta. A forma de logralo foi revitalizar a Organización de Cooperación de Shanghai. Aínda que evitaron con coidado as acusacións de Occidente de que a OCS supón unha especie de OTAN en Asia, a realidade é que este é un compoñente moi importante da OCS, a seguridade militar no continente. Isto supón un freo claro ás intencións imperialistas, clásicas, por outra banda, de EEUU que vendo o que se lle viña encima xa aprobou en 2013 unha nova Doutrina de Seguridade Nacional na que se establecía que Asia era a rexión sobre a que tiña que centrar a súa atención. Esta é unha consecuencia non prevista do que está sucedendo en Oriente Próximo, onde como consecuencia da retirada de EEUU xurdiron potencias rexionais con intereses propios e, ás veces, contrapostos aos de EEUU.

Rusia e China convertéronse en dous aliados estratéxicos o que lles fai prácticamente invulnerables ás presións occidentais. Pese ás sancións, ou grazas a elas, os intereses políticos, económicos e militares destes dous países van cada vez a máis. A recente firma dun acordo para que Rusia forneza de petróleo e gas a China durante 30 anos -co que China reduce sustancialmente a súa dependencia do petróleo de Oriente Próximo-, os movementos conxuntos para que no comercio bilateral deixe de funcionar o dólar e sexa posible nas súas propias moedas e o máis importante, a creación do Banco Asiático de Investimento en Infraestructuras, pon de manifesto que non hai volta atrás e que estamos asistindo ao nacemento dunha nova era. A creación do BAII provocou que o FMI reformase o seu sistema de cotas tras cinco anos de negarse a iso, pero é un movemento que xa chega tarde. En xaneiro deste ano o BAII púxose de forma oficial en funcionamento. Os seus créditos serán en yuanes, a moeda chinesa. No mesmo teñen unha participación moi importante tanto China como Rusia e India, por mencionar outro país. Moito máis importante que a que teñen no FMI, malia a reforma que ha ter que realizar. Polo tanto, non é difícil adiviñar que o BAII converterase a curto e medio prazo na alternativa ao FMI e ao BM. Estamos asistindo a fin da hexemonía occidental e ao xurdimento dunha nova era que xa non pivotará nin sobre Europa nin sobre EEUU, nin sobre as súas institucións, senón sobre Eurasia, os seus países e as súas institucións. Co 60% da poboación do planeta e o 60% dos recursos as institucións como o BAII, a OCS (da que tamén forman parte India e Pakistán e á que se incorporará en xuño deste ano Irán) ou a UEE teñen o campo abonado para a súa expansión ou afianzamento. Gústelle ou non -que non lle gusta- a Occidente.

Filosofía e Política.  XXXIII Semana Galega de Filosofía. Mércores 30. Noite 20:00 a 22:00. Bloque: A POLÍTICA A DEBATE

ALBERTO CRUZ BRAVO. Licenciado en Ciencias da Información (1984) e en Ciencias Políticas (1991). Impartiu cursos e seminarios sobre Comunicación e Relacións Internacionais en diversas universidades (León, Zaragoza, Navarra) e, a requerimento de diferentes organizacións sociais, tamén en diferentes países de América Latina (Ecuador, Venezuela, México) e do Estado español. Escribe artigos en medios de comunicación alternativos, dirixiu e escribiu guions para documentais e é autor de varios libros. O último, publicado en 2013, leva por título de As bruxas da medianoite. O 46 Reximento Taman de aviadoras soviéticas na II Guerra Mundial. na actualidade colabora co Centro Político para as Relacións Internacionais e o Desenvolvemento (CEPRID).

A desarticulación da sociedade galega: territorio, migración, destrución do tecido produtivo e dos mecanismos de cobertura social

O resultado da hexemonía do sistema capitalista na Galicia contemporánea exprésase nunha ocupación moi desigual, pouco racional, do territorio. Un territorio que sufriu un proceso urbanizador intenso e moi rápido no tempo, que establece unha división do país en dúas partes ben diferenciadas. O eixo urbano atlántico, urbano e superpoboado, que se estende desde Ferrolterra ao Baixo Miño e concentra unha ampla maioría da poboación e da capacidade económica. E case o 75% do espazo xeográfico, rural e interior, caracterizado polas súas dinámicas de despoboamento, abandono e atonía económica. O valor de cambio do solo impúxose ao seu valor de uso, coa conseguinte perda de importancia das actividades agrarias e das vinculadas á extracción de recursos, fronte a novos conceptos como a financiarización da economía, que procura rendas de localización a través de procesos especulativos de acumulación do capital. Nos mesmos tanto a burbulla imobiliaria como as lóxicas de accesibilidade teñen moito que dicir. Esta nova dinámica tamén se traduce noutro fracaso: Galicia perde habitantes, avelléntase, sen deseñar nin o inicio dunha nova etapa de xestión sustentable do territorio e puxanza baseada nas súas potencialidades internas. De feito, a superación desta interpretación do capitalismo como modelo e estado de cousas, será a única vía para abrir unha nova etapa na Xeografía do país.

Filosofía e Política. XXXIII Semana Galega de Filosofía. Mércores 30. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A POLÍTICA VISTA DESDE GALICIA

RUBÉN C. LOIS GONZÁLEZ é Catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela. Foi profesor convidado das universidades de Le Mans, Caen e Toulouse-Le Mirail (Francia), e Bergen e Finmark Universitary College (Noruega). Profesor visitante en Calgary (Canadá). Entre 2005-2009 exerceu como Director Xeral de Turismo da Xunta de Galicia. Autor de máis de duascentas publicacións, destaca polo seu interese na Xeografía urbana. É coautor do “Diccionario de urbanismo, geografía urbana e ordenación do territorio” (Ed. Cátedra. 2013) e coordinador do manual “Los espacios urbanos” (Ed. Biblioteca Nueva, 2012). Máis recentemente coordinou o libro “New Tourism in the 21st Century” (Cambridge Schollars Pbs., 2014). Ten publicado máis de noventa artigos en revistas académicas entre as que cómpre nomear “Annales de Géographie”, “Espaces et Societés”, “Tourism Geographies”, “Mobilities”, “Scripta Nova” y “Die Erde”. Investigador principal de varios proxectos internacionais, é consultor para temas de investigación dos gobernos italiano e romanés.

 

 

 

 

 

 

Política en Movemento. Movementos sociais e soberanía

Neste relatorio preténdese facer un repaso histórico das principais achegas e legado dos grandes ciclos de protesta dende metade do século XX até a actualidade. Amais, procúrase achegar e discutir algunhas claves interpretativas de certos movementos contemporáneos e o papel político que poden xogar.

Filosofía e Política. XXXIII Semana Galega de Filosofía

Mércores 30. Mañán 10:30 a 13:30. Bloque: REFLEXIÓN FILOSÓFICA SOBOR DA POLÍTICA 

ARNAU MATAS MORELL. Doutor en Filosofía e Máster en Estudos de Paz, Conflitos e Desenvolvemento. Investigador especializado en movementos sociais. Ten participado en diferentes proxectos relacionados coa comunicación alternativa, o movemento estudantil e a recuperación da memoria histórica. É fundador do medio de comunicación alternativo “contrainfo.cat”.

Perigo! Un tratado que nos ameaza. Paremos o Tratado Transatlántico de Libre Comercio e Inversión, TTIP!

O TTIP é un tratado que se está negociar desde xuño de 2013 entre a Unión Europea e Estados Unidos, cunha total falta de transparencia, de costas á cidadanía e aos seus representantes elixidos democraticamente. O seu obxectivo principal é, segundo recoñeceron os negociadores, eliminar as “barreiras” reguladoras que limitan os beneficios potenciais das corporacións transnacionais aos dous lados do Atlántico.

O TTIP atenta contra a democracia non só pola súa falta de transparencia senón porque hai un acordo explícito e público entre a Comisión Europea e EE.UU. de conceder ás grandes empresas multinacionais máis poder que aos cidadáns á hora de establecer leis reguladoras a ambos os lados do Atlántico.

Para iso o TTIP, así como o resto de tratados que se están negociando: o TISA (Tratado sobre Comercio e Servizos) e o CETA (Tratado de comercio e investimento con Canadá) dotaranse de:

Un Consello de Cooperación Regulatoria, que se materializou o 14 de novembro de 2013, como parte das negociacións. Este consello non só controlará a aplicación dos compromisos existentes en materia de desregulación senón que ademais dará ás multinacionais o poder de escoller e eliminar outras normativas unha vez finalizadas as negociacións do TTIP, así como de recibir notificación de todas as propostas de normas e leis novas antes da súa introdución, e terá a potestade de eliminar as restricións non desexadas sobre actividades comerciais.

Un Mecanismo de Resolución de Disputas Investidor-Estado – ISDS que é a ameaza á democracia máis grande que se deriva do TTIP xa que é o mecanismo que concede ás corporacións transnacionais o poder de demandar directamente a países concretos por perdas nas súas áreas de competencia como resultado de decisións de política pública. Esta disposición para a resolución de conflitos entre investidores e Estados (ISDS, polas súas siglas en inglés) non ten parangón nas súas consecuencias, pois equipara a condición xurídica do capital multinacional á do Estado-nación. Se se aprobar o TTIP, outorgaríaselles ás corporacións europeas e estadounidenses o poder de cuestionar decisións democráticas tomadas por Estados soberanos e de pedir indemnizacións cando estas decisións afecten de forma adversa aos seus beneficios. E o máis aberrante é que estas disputas non se dirimen nos tribunais internacionais xa existentes, senón que se presentan a un tribunal privado composto por tres avogados que teñen intereses económicos na disputa e que son os que acordarán a sanción e a sentenza, e sen posibilidade por parte do estado sancionado de recorrer a sentenza.

A firma do Tratado implicaría por tanto a perda da soberanía nacional e o sometemento dos nosos sistemas lexislativos aos intereses das empresas multinacionais.

As consecuencias irreversibles da firma do TTIP afectarían, entre outros, a:

Dereitos laborais:

  • Eliminación dos dereitos de folga, sindicación e negociación colectiva.

Emprego:

  • Perda estimada dun millón de postos de traballo.
  • Redución de salarios. Deslocalizacións. Eliminación das pequenas e medianas empresas.

Servizos:

  • Privatización da Sanidade, a Educación, a Administración Pública, os servizos públicos tales como a auga, o transporte, a xestión de residuos, o sistema público de pensións.

Agricultura:

  • As multinacionais controlarían a produción de sementes e alimentos.
  • Eliminación de pequenas e medianas explotacións agrarias a favor das grandes explotacións.
  • Imposición a gran escala do modelo agrario de agricultura industrial e perda drástica das producións ecolóxicas. Entrada libre de transxénicos no noso país e eliminación da etiquetaxe.
  • Desmantelamento das regulacións europeas en seguridade alimentaria e dereitos do consumidor.
  • Introdución nos alimentos de todo tipo de agrotóxicos que en Europa están prohibidos.

Protección ambiental:

  • Incremento no ritmo de explotación dos recursos naturais.
  • Na práctica quedarían desmanteladas todas as regulacións de protección ambiental.
  • Ademais, a harmonización da regulación podería abrir a porta ao fracking en Europa.

Finanzas:

  • Eliminación dos controis financeiros, impedindo a Estados e Gobernos calquera tipo de regulación.

Protección de datos:

  • Eliminación do dereito civil á protección dos nosos datos persoais, dando pé ao comercio co noso historial médico ou de consumo.

Cultura:

  • Fronte aos Estados Unidos, onde a industria do entretemento é a segunda maior fonte das exportacións, a liberalización do sector audiovisual e cinematográfico levará á destrución de todo o que até agora protexera, promovido e axudado a desenvolver as culturas europeas.

Filosofía e Política.  XXXIII Semana Galega de Filosofía. Martes 29. Noite 20:00 a 22:00. Bloque: A POLÍTICA A DEBATE

RICARDO GARCIA ZALDIVAR. Licenciado en Economía pola Universidade de Bilbao, Doutor en Estudos Territoriais e Urbanos pola Univ. de Paris Sorbonne e Doutor en Economía pola Universidade de Bilbao.

TRAXECTORIA PROFESIONAL

  • Profesor asociado de Economía na materia Mercados e Medio Ambiente na Universidade Carlos III de Madrid, de 2004 a 2012 (Profesor acreditado pola ANECA en 2007).
  • Consultor en temas medioambientais, territoriais, urbanísticos, turísticos e de desenvolvemento de diversas entidades públicas e privadas, desde 1976 até hoxe. Até 1980 como integrante da empresa consultora ESTUDIO LIMON, con sede en Madrid. E desde 1980 até 2004, como xerente e membro fundador da empresa consultora Compañía Planificadora, S.L., con domicilio en Madrid, Paseo de la Habana 52. Do centenar de traballos e proxectos realizados como profesional da empresa consultora, asumiu normalmente a responsabilidade e coordinación dos aspectos medioambientais e socioeconómicos dos documentos e traballos.
  • Consultor da Organización Mundial do Turismo. Madrid. Misión na República Dominicana en 1989, en cinco estados do Brasil en 1993 e en Panamá en 2005. Proxectos de turismo sostible. Consultor IGUALMENTE en materia de turismo e medio ambiente no Instituto de Cooperación Iberoamericana (I.C.I.). Madrid. Misión en Uruguai en 1984.
  • Profesor de Teoría Económica na Facultade de C.E. de la U. Complutense. Madrid, 1976-1985.
  • Profesor de Economía dos Recursos Naturais do curso de postgrao na Escola de Economía do Instituto Politécnico Nacional. México, 1975.
  • Integrante e fundador do Equipo de Investigación del CECODES (Centro de Investigación en Ecodesarrollo). México, 1975. Principal proxecto de investigación: Proyecto de colonización y desarrollo rural de la zona tropical de Balancán – Tenosique. México. Secretaría Presidencia República Mexicana.
  • Integrante do Equipo de Investigación del CIRED (Centre International de Recherches sur l’Environnement et le Developpement). París 1973 e 1974. Participación en varios proxectos de investigación. Entre eles: Technologies alternatives en matière de transport. París. OCDE. 1973; e Aspects economiques de la protection de l’environnement. París. Naciones Unidas. 1974.
  • Preparación e obtención dun doutorado en 1974 na Universidade de Paris I (Pantheon-Sorbonne) sobre o tema Contaminación industrial no Gran Bilbao. Beneficiario dunha beca do Goberno Francés para a Cooperación Técnica con España, para a preparación do Doutorado na Especialidade en Estudios Territoriais e Urbanos. París, 1972.

MOVEMENTOS SOCIAIS, SOLIDARIDADE E COOPERACIÓN

  • Portavoz de Attac España desde Setembro de 2014. Presidente desde maio de 2011 a xuño 2014. Coordinador de 2006 a 2008 y Vicecoordinador 2004 y 2005. Attac España é un movemento social internacional que persegue avanzar no control social dos mercados financeiros.
  • Profesor no Máster en Acción Solidaria Internacional y de Inclusión social da Universidade Carlos III de Madrid desde 2006.
  • Profesor responsable de impartir o módulo Globalización no proxecto Universitarios por una economía más justa, financiado pola AECID, desenvolto desde 2008 e que está xa na 3º fase (2014).
  • Responsable-coordinador do Curso de Humanidades sobre el Control Social de los Mercados Financieros na Universidade Carlos III de Madrid. 2003-2204; 2004-2205, 2005-2006 e 2006-2007.
  • Coordinador do Seminario sobre Globalización Financeira da Universidade Autónoma de Madrid. Dentro da semana da Solidaridade da UAM. Madrid 2004, 2005 y 2006.
  • Coordinador do Curso de Movilización Social, Redes y Medios desenvolto pola CONGDE en 12 Coordinadoras autonómicas. 2005-2006.

 

Consecuencias económicas do rol dependente de Galiza no estado español no marco da UE

Galiza insírese no Estado Español dun xeito politicamente dependente e economicamente periférico, xa que logo, alleo aos centros de decisión política e económica. A pertenza do Estado español á Unión Europea, onde o Estado español forma parte dos países periféricos dunha unión que prima os intereses do capital financeiro franco-alemán, reforza a condición do noso país como “periferia da periferia” europea, agravada pola total ausencia de compromiso político na defensa dos nosos sectores produtivos por parte do Estado, especialmente evidente xa nas negociacións de entrada na CEE en 1986.

A falta de capacidade de decisión política ten un impacto directo na nosa economía e na potencialidade do noso país para xerar un desenvolvemento endóxeno. Os exemplos son múltiples. Dende unha política estatal de infraestruturas pensada desde e para Madrid ate unha reestruturación bancaria levada a cabo dende os poderes político-económicos centralistas, que tivo como consecuencia a perda de entidades financeiras propias e un espolio sen precedentes do noso aforro; pasando polo sector eléctrico, onde Galiza é excedentaria na produción de electricidade, soportando custos sociais e medioambientais, mais sen obter beneficio algún desa condición. Non en van, moitos economistas teñen acuñado o termo de “capitalismo castizo” para referirse á importancia que ten a proximidade aos círculos de poder político da capital do Estado español para a obtención de beneficios.

Porén, o discurso oficial trata de presentarnos a Galiza como un territorio atrasado, que depende para subsistir dunha suposta solidariedade estatal. As balanzas fiscais, que amosan os fluxos fiscais entre Galiza e o Estado español, son o instrumento do que se valen para defender esa tese. Neste sentido compre facer unha fonda crítica á metodoloxía empregada nas mesmas así como á interpretación que se realiza dos seus resultados.

Filosofía e Política. XXXIII Semana Galega de Filosofía. Martes 29. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A POLÍTICA VISTA DESDE GALICIA

ALEIXO VILAS CASTRO. Licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela 1998-2003. Estudos de Doutorado en Economía Aplicada (USC). Diploma de Estudos Avanzados (DEA) 2003-2005.

Participou nos seguintes proxectos de investigación: “Desigualdades interrexionais e intrarrexionais en Europa: o papel da diversidade estrutural e institucional na evolución das disparidades rexionais” (2003-2005). “O sistema galego de innovación na primeira década do século XXI e a economía baseada no coñecemento: novos sectores, novas infraestruturas, novos axentes” (2005). Publicacións: “Examinando a desigualdade global: a evolución das desigualdades internas e entre países no contexto da globalización”, Revista: Economía de Galicia. Exerce a coordinación da Comisión Nacional de Economía, Industria e Emprego do BNG. Ten colaborado como columnista en diferentes medios escritos como Sermos Galiza ou La Voz de Galicia, e participado en numerosas conferencias sobre temáticas como o sector eléctrico de Galiza, financiamento autonómico, balanzas fiscais, etc.

 

 

 

Crise, adelgazamento e deformación dos conceptos ético-políticos

A maioría dos conceptos ético-políticos que manexamos na actualidade (liberdade, xustiza, igualdade, democracia, revolución, utopía, etc.) remóntanse á antigüidade, malia que convendremos en que o seu significado data das orixes da modernidade, como moi ben sinalara o filósofo alemán Reinhart Koselleck na súa historia conceptual. Sen embargo, parecera que nas últimas década asistimos a un adelgazamento e incluso deformación da propia semántica destes conceptos, como si se referiran a unha situación socio-política moi diferente.

Na presente conferencia analizarase se nos momentos de cambios culturais, políticos, económicos e sociais, e especialmente nos de crise xeneralizada como o que vivimos, os antigos conceptos vólvense caducos, e ata que punto é esta a ocasión máis propicia para investigalos. Así mesmo se mostrará como a crítica filosófica e ideolóxica resulta indispensable na tarefa, porque é precisamente nas crises cando os antigos paradigmas hexemónicos son substituídos por outros e resulta inaprazable buscar novos argumentos.

Filosofía e Política. XXXIII Semana Galega de Filosofía

Martes 29. Mañán 10:30 a 13:30. Bloque: REFLEXIÓN FILOSÓFICA SOBOR DA POLÍTICA 

CONCHA ROLDÁN é Profesora de investigación no Instituto de Filosofía (IFS) do CSIC, do que é Directora desde 2007. Ademais, é presidenta da Asociación de Ética e Filosofía Política (AEEFP) e da Sociedade española Leibniz para estudos do Barroco e da Ilustración (SeL), vicepresidenta da Asociación GENET (Red transversal de Estudos de Xénero) e presidenta da Comisión de Investigación da xunta directiva da Rede española de Filosofía (REF). Coordinadora no CSIC da liña de investigación “Conceptos e valores” e membro do Grupo Theoria cum praxi, é codirectora das coleccións Theoria cum Praxi (CSIC-Plaza y Valdés), Clásicos del Pensamiento (CSIC-Trotta) e Eidética (Herder); membro do Comité Científico da Colección Feminismos de Cátedra e de diversas revistas de filosofía (Isegoria, Daimon, Éndoxa, Revista de Filosofía, Clepsidra, Cuadernos Koré, Dilemata, Dianoia, etc.). Becaria da Fundación Alexander von Humboldt, foi profesora invitada na TU de Berlin, así como en universidades de Mainz, Munich, México e Argentina. Actualmente dirixe o Proyecto Europeo Marie Curie  “Philosophy of History and Globalisation of Knowledge. Cultural Bridges Between Europe and Latin America” e o proxecto I+D “Prismas filosófico-morales das crises. Cara unha nova pedagoxía social”. Ten numerosas publicacións sobre filosofía moderna, Ilustración, ética, estudios de xénero e filosofía da historia, entre as que cabe destacar os seus libros Entre Casandra y Clío. Una historia de la filosofía de la historia (1997, 2ª ed. 2005) e Leibniz. En el mejor de los mundos posibles (2015).

O “procés català” e a política do século XXI. Soberanías, representación e discurso para unha revolución democrática

Ridiculizado, minusvalorado e insultado, o proceso político republicano en Catalunya leva sete anos consolidando novas formas políticas, de discurso e de representación. Dende as movilizacións masivas ata a creación de novos suxeitos políticos (ANC) dende a trituración de vellos partidos (CiU, ICV, PSC…) ata a consolidación dunha vía democrática que leve á creación da República Catalana. A charla pretende trazar as claves do “procés” tanto dende elementos diacrónicos (o catalanismo político, o esgotamento do 78…) como os sincrónicos (crise económica, corrupción dos partidos, cambio xeracional).
Un aspecto a destacar do procés como esencial é a evolución do discurso independentista en termos da hexemonía cultural. Como conseguiu modular dende rexistros populares (redes, música, gráfica) a madurar o postnacionalismo catalán hacia posicións que actúan sobre os conflitos básicos das sociedades occidentais do século XXI: identidade/globalidade. Representación/política transnacional. Democracia/ mercado. Monarquía do 78/ república do XXI.

Filosofía e Política.  XXXIII Semana Galega de Filosofía

Luns 28. Noite 20:00 a 22:00. Bloque: A POLÍTICA A DEBATE. Filosofía e Política. XXXIII Semana Galega de Filosofía.

ANTONIO BAÑOS BONCOMPAIN. Xornalista, político, músico e escritor. Foi o cabeza de lista da CUP nas eleccións ao Parlamento de Cataluña de 2015 e resultou elixido deputado no Parlamento catalán. Anunciou a súa dimisión durante as negociacións de Junts pel Si e a CUP. Formalizó a súa renuncia ao acta de deputado o 12 de xaneiro de 2016. É membro da plataforma Sumar na que continúa militando trala súa dimisión como deputado. Nacido no distrito barcelonés de Nou Barris en 1967, é licenciado en Ciencias da información pola Universidade Autónoma de Barcelona. traballou en prensa escrita e foi colaborador do programa de radio de RNE Asuntos Propios, na sección Economía para idiotas. Publicou dous libros sobre economía, nos que se mostra crítico con esta disciplina e cos economistas. Obra: A Economía non existe. Libelo contra a Econocracia (Os Libros do Lince, 2009). Posteconomía. Cara a un capitalismo feudal (Os Libros do Lince, 2012). A rebel-lio catalá (A Butxaca, 2013).

 

O suxeito político e a cuestión nacional

Por suxeito político enténdese a colectividade (non multitude) que é quen de crear unha subxectivación tal –con independencia do lugar asignado no seo do capitalismo- que irrompe decisivamente contra a orde establecida por ese modo de produción. No caso galego, o axioma é nidio: sen liquidar a opresión de clase e sen afirmar a idea de nación e responsabilidade nacional, calquera suxeito político resulta estéril, opaco ou equívoco. O nihilismo nacional, sob a forma de cosmopolitismo non só é un erro, é unha interpretación interesada da oligarquía. Afastar o contido do internacionalismo da súa forma nacional é a praxe daqueles que non entenden nada da solidariedade entre as nacións. Esta amósase vencellada por enteiro á resolta disposición pola soberanía nacional.

Filosofía e Política. XXXIII Semana Galega de Filosofía. Luns 28. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A POLÍTICA VISTA DESDE GALICIA

FRANCISCO SAMPEDRO OJEDA. Doutor en Filosofía. Premio da Crítica de Ensaio en dúas convocatorias (1998: Ideoloxía e distorsión. 2006: A violencia excedente). É colaborador en diversas revistas de filosofía internacionais, así como autor na prensa galega de múltiples traballos arredor de crítica literaria e política. Membro, entre outras organizacións, da SPLF (Societé de philosophie de langue française), ou da Association Louis Althusser… Publica con regularidade na revista galega de pensamento crítico A Trabe de Ouro, de cuxo consello de redacción forma parte. Ten publicado diversos ensaios sobre autores galegos (Dieste, Novoneyra, Vicente Risco…). Traduce asemade a filósofos contemporáneos, e ten realizado edicións críticas dalgúns deles, como Alain Badiou (Dun desastre escuro), Slavoj Zizek (O espectro segue a roldar. Actualidade do Manifesto Comunista), J-P. Sartre (O existencialismo é un humanismo), ou Simone de Beauvoir (Hai que queimar a Sade?). Impartiu conferencias nas Universidades de Santiago de Compostela, Vigo, Lausanne, Poitiers, Bologna, na École Normale Supérieure de Paris, e na Semana de Filosofía de Pontevedra entre outras institucións.

 

Política e Vulnerabilidade

Desde Platón, como subliñan diversos autores e autoras (Alasdair MacIntyre, Martha Nussbaum, Adriana Cavarero) a historia da filosofía ignora a vulnerabilidade humana. Nos últimos anos, non obstante, constatase que a vulnerabilidade vai adquirindo unha presenza cada vez máis importante no pensamento filosófico, ético e político. Ben é certo que desde os anos setenta a vulnerabilidade aparece no vocabulario da man do medioambientalismo e do ecoloxismo en referencia ao dano que se causa ou se pode causar a seres vivos, organismos, ecosistemas, xa pola acción humana, xa por catástrofes naturais. Igualmente, despois do 11 de setembro do 2001, faise un uso moi extensivo do termo, referindo aos temores, aos medos, ás inseguridades, á indefensión ou ao estar expostos, acrecentados pola dimensión global e os cambios na sociedade contemporánea. Malia o uso xeneralizado, a vulnerabilidade esixe unha maior precisión conceptual e tamén a súa comprensión como experiencia, esixe indagar nas súas articulacións ontolóxicas, éticas e políticas. Cuestións tais como se a vulnerabilidade é unha categoria negativa, se é unha condición universal ou non, se é unha noción relacional ou si pode sustraerse do campo da violencia, non só nos levarán a reflexionar sobre a vulnerabilidade compartida, sobre a súa distribución diferencial (sobre as vulnerabilidades, os grupos vulnerables, a precariedade, a fraxilidade), senón tamén sobre o humano, inhumano, posthumano, transhumano. Á derradeira, pensar as políticas da vulnerabilidade e a xustiza.

Filosofía e Política. XXXIII Semana Galega de Filosofía. Luns 28. Mañán 10:30 a 13:30. Bloque: REFLEXIÓN FILOSÓFICA SOBOR DA POLÍTICA

María Xosé Agra Romero. Licenciada en Filosofía e Ciencias da Educación. Sección Filosofía (1978) pola Universidade de Santiago de Compostela. Grado de Licenciatura en Filosofía e Ciencias da Educación Sección Filosofía (1980) pola Universidade de Santiago de Compostela. Doutora en Filosofía e Ciencias da Educación Sección Filosofía (1984) pola Universidade de Santiago de Compostela. Catedrática de Filosofía Política. Área de Filosofía Moral (Universidade de Santiago de Compostela). Membro do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e Estudos de Xénero (CIFEX) da Universidade de Santiago de Compostela. Membro da Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos (USC). Coordinadora da Comisión de Igualdade e membro do Plenario do Consello da Cultura Galega.

 

 

XXXIII SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA: “FILOSOFÍA E POLÍTICA”

 

Entre os días 28 de marzo e 1 de abril de 2016 celebrouse na cidade de Pontevedra a XXXIII SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA, baixo a epígrafe de Filosofía e Política.