Solicitude de comunicacións para a XXXIX Semana Galega de Filosofía, Filosofía e Arte

Dende a AULA CASTELAO DE FILOSOFÍA desexamos anunciarvos a próxima celebración en Pontevedra da XXXIX SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA entre os días 10 e 14 de abril de 2023, co título de:

FILOSOFÍA E ARTE

Como en ocasións anteriores, solicitamos o envío de COMUNICACIÓNS relacionadas coa temática mencionada, que serán publicadas nas datas de celebración da Semana, con vistas á ampliación e enriquecemento das posibilidades de debate.

As condicións que teñen que cumprir as comunicacións son as seguintes:

Ter unha relación clara co tema da Semana.

Estaren escritas en galego.

Non sobrepasar as 300 liñas.

Nunha folla á parte: título, nome das autoras, enderezo, número de teléfono e correo electrónico se o tiver.

Como inicio da comunicación: título, autoras e enderezo ou correo electrónico para facer público.

No caso de non cumprir as devanditas condicións, así como uns requisitos mínimos de argumentación, análise e pertinencia, as comunicacións serán rexeitadas. As comunicacións deben ser remitidas por correo electrónico enviando o documento como ficheiro anexo ao enderezo:

aula@aulacastelao.com

A data límite para a recepción das comunicacións é o 31 DE XANEIRO DE 2023.

A Aula Castelao de Filosofía comeza a preparación da nova Semana Galega de Filosofía para 2023

A Aula Castelao de Filosofía leva meses estabelecendo os primeiros contactos coas relatoras e relatores da Galiza e de todo o mundo, a fin de confirmar o cartel da que vai ser a XXXIX Semana Galega de Filosofía, que se desenvolverá entre o 10 e o 14 de abril de 2023. Estas xornadas de debate filosófico traerán á cidade de Pontevedra, como outros anos, a algunhas das persoas máis relevantes do pensamento crítico mundial. Desta vez volveremos celebrar a SGF no Teatro Principal de Pontevedra.