Filosofía e Compromiso (Ed. Espiral Maior, A Coruña, 2004)


O xoves 15 de abril ás 13 horas no Auditorio de Caixanova de Pontevedra terá lugar a presentación do libro Filosofía e Compromiso, no que se recollen os relatorios presentados na XX SGF.
Ver máis.

Filosofía e Compromiso
A Aula Castelao de Filosofía e a Editorial Espiral Maior publican o libro Filosofía e Compromiso, no que se recollen os relatorios presentados na XX SGF.

Baixo o rótulo de Filosofía e Compromiso preséntanse as ponencias da XX Semana Galega de Filosofia. A Aula Castelao de Filosofía entendeu que a vixésima edición deste encontro debía recoller na medida do posíbel un dos seus motores de traballo, isto é, ser foro de pensamento crítico e debate de ideas. Ser un espazo para a renovación e actualización metodolóxica e disciplinaria desde unha comprensión do quefacer filosófico como o compromiso cunha realidade social que demanda novas ferramentas analíticas para fitar firmemente ao colonialismo da palabra, ao secuestro dos conceptos que deforma unha realidade que case sempre se resiste.

Porque desde a Aula Castelao de Filosofía consideramos que é importante que non se rouben as palabras, porque perfilar os campos semánticos é un labor de séculos de Teoría e Praxe, de Filosofía; hoxe ten máis sentido que nunca reflexionar sobre Filosofía e Compromiso. De aí a nosa vontade de que vexa a luz un texto sobre o pensamento e o compromiso, con importantes aportacións de intelectuais comprometidos e comprometidas con diferentes ámbitos do pensamento e da vida. Un libro que recolle unha escolma das temáticas das dezanove Semanas Galegas de Filosofía adicadas á ecoloxía, á democracia, ao poder, á latinoamérica, ao xénero, á lingua, á autodeterminación, á globalización, á ciencia e á tecnoloxía ou ao deporte entre outros.

A Aula Castelao de Filosofía compila este libro coa modestia de quen sabe que catorce textos para ler, pensar, dialogar e debatir non chegan para parar unha guerra, rexenerar as costas, paliar os problemas sociais, medioambientais e económicos derivados da neglixencia política, evitar as desigualdades e a violencia de xénero, frear a perversión da globalización mercantil e un longo ecétera, pero si co compromiso dos que traballan a prol do pensamento que non ten fronteiras, da heteroxeneidade dos discursos, da confección de múltiples lentes para ver unha realidade máis rica e complexa.

Un poliedro de miradas encamiñadas a pensar o mundo e a pensarnos, unha implicación con dous sentidos na que non podemos obviar un deles. Xa que logo, a perspectiva do global pasa por unha comprensión da nosa propia incardinación nunha estructura material e social que nos constitúe, ao mesmo tempo que a realización teórica e práctica desa situación necesita a inserción nos fluxos de información e coñecemento que configuran a metáfora máis socorrida da nosa época, isto é, a rede. Así, situados nun punto concreto da maraña de interrelacións discursivas e materiais do noso momento, que adoitamos denominar como realidade galega, tentamos buscar as conexións que nos permitan entender o coñecemento como un acto de proliferación de perspectivas e non como unha viaxe unidireccional.

A continuación preséntanse as doce conferencias das diferentes sesións de mañá, tarde e noite, a lección de clausura e as conclusións da XX Semana Galega de Filosofía segundo a orde que figura no programa da Semana de Filosofía do 2003. Esta estructa permite recoller o perfil filosófico das intervencións dos e das intelectuais adicados a pensar a Filosofía hoxe e que no seu momento forón unidos baixo o lema de “Filosofía: teoría e praxe”, estamos a falar de Adolfo Sánchez Vázquez, Celia Amorós, Raul Fornet-Betancourt e James Petras. Co epígrafe “Galiza: realidade e proxecto” recolléronse as voces de cinco pensadoras e pensadores que desde campos de investigación ou traballo distinto teñen contribuido a pensar e construir unha realidade galega máis aberta e dinámica. O terceiro bloque de discursos tivo no compromiso da palabra o seu eixo fundamental. Deste xeito co título “Imaxinación: palabra e acción” catro escritores, nomeadamente, Manuel Rivas, Alfonso Sastre, Eduardo Galeano e Xosé Luís Méndez Ferrín, que oficiou a sesión de clausura, aportaron a súa praxe lingüística e o seu compromiso vital. Este esquema de presentación e unha das múltiples liñas de lectura dos textos deste volume. Agardamos que cada quen atope a súa e, dalgún xeito, este libro sexa de utilidade na urxente tarefa de reinventar espacios de pensamento crítico.

 

Share on Facebook0Tweet about this on TwitterShare on Google+0Email this to someone