A desarticulación da sociedade galega: territorio, migración, destrución do tecido produtivo e dos mecanismos de cobertura social
O resultado da hexemonía do sistema capitalista na Galicia contemporánea exprésase nunha ocupación moi desigual, pouco racional, do territorio. Un territorio que sufriu un proceso urbanizador intenso e moi rápido no tempo, que establece unha división do país en dúas partes ben diferenciadas. O eixo urbano atlántico, urbano e superpoboado, que se estende desde Ferrolterra ao Baixo Miño e concentra unha ampla maioría da poboación e da capacidade económica. E case o 75% do espazo xeográfico, rural e interior, caracterizado polas súas dinámicas de despoboamento, abandono e atonía económica. O valor de cambio do solo impúxose ao seu valor de uso, coa conseguinte perda de importancia das actividades agrarias e das vinculadas á extracción de recursos, fronte a novos conceptos como a financiarización da economía, que procura rendas de localización a través de procesos especulativos de acumulación do capital. Nos mesmos tanto a burbulla imobiliaria como as lóxicas de accesibilidade teñen moito que dicir. Esta nova dinámica tamén se traduce noutro fracaso: Galicia perde habitantes, avelléntase, sen deseñar nin o inicio dunha nova etapa de xestión sustentable do territorio e puxanza baseada nas súas potencialidades internas. De feito, a superación desta interpretación do capitalismo como modelo e estado de cousas, será a única vía para abrir unha nova etapa na Xeografía do país.
Filosofía e Política. XXXIII Semana Galega de Filosofía. Mércores 30. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A POLÍTICA VISTA DESDE GALICIA
RUBÉN C. LOIS GONZÁLEZ é Catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela. Foi profesor convidado das universidades de Le Mans, Caen e Toulouse-Le Mirail (Francia), e Bergen e Finmark Universitary College (Noruega). Profesor visitante en Calgary (Canadá). Entre 2005-2009 exerceu como Director Xeral de Turismo da Xunta de Galicia. Autor de máis de duascentas publicacións, destaca polo seu interese na Xeografía urbana. É coautor do “Diccionario de urbanismo, geografía urbana e ordenación do territorio” (Ed. Cátedra. 2013) e coordinador do manual “Los espacios urbanos” (Ed. Biblioteca Nueva, 2012). Máis recentemente coordinou o libro “New Tourism in the 21st Century” (Cambridge Schollars Pbs., 2014). Ten publicado máis de noventa artigos en revistas académicas entre as que cómpre nomear “Annales de Géographie”, “Espaces et Societés”, “Tourism Geographies”, “Mobilities”, “Scripta Nova” y “Die Erde”. Investigador principal de varios proxectos internacionais, é consultor para temas de investigación dos gobernos italiano e romanés.