Tag Archive for: transexualidade

O sexo de pago. Os discursos en torno á pornografía e á prostitución

¿Existe un buen modo de categorizar los cuerpos? ¿Qué nos dicen las categorías? Las categorías nos dicen más sobre la necesidad de categorizar los cuerpos que sobre los cuerpos mismos. Judith Butler

Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía

Dolores Juliano Corregido. Cursou a licenciatura de Antropoloxía en Arxentina e doctorouse en Filosofía e Letras na Universidadede Barcelona, onde foi profesora titular ata a súa xubilación. Traballa desde hai moitos anos en  Antropoloxía da Educación, e en temas de xénero, inmigración e discriminación, desde unha perspectiva feminista. Forma parte de diversos equipos de investigación e ten dado cursos en varias universidades españolas e de América Latina. Recibíu o premio “Creu de Sant Jordi” outorgado pola Generalitat en 2010 polo conxunto da súa traxectoria académica e científica.

Luns 6. Noite 20:00 a 22:00. Bloque: A SEXUALIDADE A DEBATE

Dado que a base da nosa nosa organización sexo-social é a obrigatoria complementariedade heterosexual, resultan estigmatizadas todas as conductas que se sitúan á marxe do modelo, tales como homosexualidade, prostitución, transexualidade, bisexualidade, así como as transgresións ás normas de xénero. A criminalización do sexo de pago e doutras actividades incluidas dentro do negocio do sexo, como a pornografía, non depende dos delitos que se cometen dentro destas áreas, que existen pero que poden evitarse facendo uso da lexislación común, senón da estigmatización social, que se ensaña cos sectores máis desfavorecidos e se nega a escoitar as súas demandas.

O problema de outorgar credibilidade aos sectores que carecen de poder e prestixio social, pode darse mesmo  no seno dos movimentos reivindicativos. O feminismo tivo dificultades epistemolóxicas para incluir nas súas reivindicacións a voz das mulleres pertenecentes aos sectores marxinais,  atrapado en dous dilemas: Se históricamente se reclamaran dereitos civís a partir da superioridade moral da muller, que se fai con aqueles ás que se lles asignaba moralidade dubidosa ou non convencional?  Por outra banda, pero converxentemente, se se cría nun modelo único de reivindicacións universais productos da ilustración, e na existencia dun suxeito “muller” indiferenciado, como entender prioridades diferentes a partir de situacións sociais diversas, tales como os condicionamientos de clase, étnicos ou relixiosos?

A tentación de culpabilizar ás infractoras, cuxo modelo eran as prostitutas ou as sospeitosas de selo, atopou apoio dentro do sector máis intistucionalizado do movemento de mulleres. A outra posibilidade consistía en victimizalas, considerando que as conductas “inmorais” lles eran impostas externamente. Este foi o camiño que siguiu o movemento “antipornografía” de EEUU, que se extendeu por moitos países e se diversificou en distintas formas de abolicionismo.  Contra esta deriva autoritaria loitan actualmente as asociacións de traballadoras do sexo, as organizacións pro dereitos e as correntes do feminismo prosexo e queer.  Tamén dentro do campo académico multiplícanse  os estudios de ciencias sociais que procuran rescatar a voz destes sectores.

Historia do movemento LGBT en Galicia

Todas as personas producimos xénero, produzamos liberdade. Argumentemos con infinitos xéneros. Manifesto transfeminista


Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía
Laura Bugalho. Diplomada en Maxisterio e licenciada en Pedagoxía, na especialidade de Intervención Social, traballa como sindicalista da CIG desde 1992. Asemade ten destacado como activista LGBTQ, feminista e transfeminista e a prol dos dereitos das persoas migrantes. É membro do Foro Galego de Imigración, do Colectivo STOP Desafiuzamentos Compostela, Rede Transfeminista Galega, Rede Internacional pola Despatoloxización Trans, e tamén milita na causa soberanista galega. Ten publicado diversos artigos nas seguintes publicacións: Andaina, A Nosa Terra, Vozeiro O Pedroso, Vieiros, Novas da Galiza, Galiza Livre Diário Liberdade, Sermos Galiza, Páxina wweb da CIG/Avantar, Seminario Galego de Educación para a Paz (SGEP). Foi Presidenta do Consello da Xuventude de Galiza. Laura Bugalho ten recibido, entroutros o Premio Legais 2001 a Defensa dos Dereitos e Liberdades LGBT, o Premio Triángulo de Ouro EHGAM 2009 e o Premio Nicolás Salmerón 2011 na categoría de Defensa das Liberdades Sexuais.

Martes 7. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A SEXUALIDADE VISTA DESDE GALICIA

A evolución do movemento lesbigaytransexual na última década na Galiza pasou desde un activismo de cada grupo a unha confluencia dos movementos nunha Federación Galega chamada Aturuxo, sendo a proxeción pública desta amplamente recoñecida nomeadamente no Dia do Orgullo en Compostela. Esta ilusionante tarefa federativa foi indo a declive coa falla de tempo das persoas que máis fondamente levaran a iniciativa, coa entrada de intereses partidistas que en troques de apostar por manter a proposta tentou -baixo o meu punto de vista- asimilala ao Partido político gobernante naquela altura.

Asistimos despois ao nacemento do movemento transfeminista, na Galiza tamén con entidades como Maribolheras Precarias, Nomepisesofreghao, Oquenosaedacona e o Coletivo TransGaliza. O Transfeminismo xurdiu como a suma das loitas ante aquel entón parcializadas e que coa ollada de “por que imos loitar por unha parcela se o campo é todo noso?” interseccionou, baixo meu punto de vista, de maneira intelixente aqueles movementos nas marxes da sociedade. O Transfeminismo xorde do Feminismo, mantense nel os seus fundamentos, e aglutina outros activismos trans-marica-bollo-puta-inmigrante. Translada o suxeito do feminismo a un amplo grupo de persoas nos que a exclusión social e política fan que a sua loita, antes parcial ou de continxente, sexa vertebrada desde o Transfeminismo como loita global, radical e revolucionaria.

Na sexualidade (como en todo) a diversidade é a diferenza o que a igualdade é aos dereitos: o transxénero.

Coñezo o amor heterosexual e o homosexual, e como lesbiana coñecín a persecución, a maledicencia e o maltrato. Kate Millet


Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía

José Antonio Nieto Piñeroba. Catedrático emérito de Antropoloxía da Sexualidade e de Socioloxía da Diversidade na UNED.
Ten publicados, entre outros, os seguintes libros: Transexualidad, transgenerismo y cultura (Talasa 1998); Antropología de la sexualidad y diversidad cultural (UNED 2004); Transexualidad, intersexualidad y dualidad de género (Bellaterra 2008); Sociodiversidad y sexualidad (Talasa 2011).

Martes 7. Mañán 10:30 a 13:30. Bloque: REFLEXIÓN FILOSÓFICA SOBOR DA SEXUALIDADE

Diversidade, diferenza, igualdade e dereitos son compoñentes socioculturais, con especificidade propia e facetas múltiples, que necesitan ser contextualizados. Dadas as características propias que definen os contextos, calquera aproximación epistemolóxica e teórica á sexualidade obriga a unha interpretación onde o marco de referencia é de entidade superior á conceptualización científica que os termos episteme e teoría encerran. Se analizamos comparativamente a igualdade/desigualdade de dereitos, en distintas sociedades, das persoas con identidades, actitudes e condutas non orientadas sexualmente cara á “ortodoxia”, observamos realidades sociais e culturais moi dispares. A disparidade implica que os presupostos científicos usuais das ciencias sociais resultan insuficientes á hora de explicar o obxecto de estudo. Este require de premisas de dimensión maiores que a proporcionada pola estrita “obxectividade”. A desigualdade, a ausencia de dereitos dos “diferentes”, necesita, pois, ser contemplada cunha mirada que abranga a política sociosexual da realidade do contexto a estudar. Ante este modo de focalizar as carencias/omisións igualitarias e a correspondente desprotección subxectiva de dereitos, o investigador, lonxe dunha neutralidade produto dunha construción imaxinaria e polo tanto realmente inexistente, devén un analista que non só observa e describe a sociedade senón que tamén a cuestiona. En consecuencia, adopta unha postura crítica co que xenericamente pódese denominar “abuso de poder”. De non ser así, de non facer uso destas coordenadas interpretativas, ao incorrer en silencios no discurso que transmite o observado, o investigador reproduce, intencional ou involuntariamente, o abuso. Todo iso supón aprehender a diversidade sexual das sociedades dende a perspectiva dun prisma que ten en conta o principio de igualdade na diferenza. Na presentación oral deste argumentario, co fin de ilustrar o principio, recorrerase a precisar o alcance de vocábulos como “universalismo” e “particularismo”. Á súa vez, incidirase no que a súa aplicación comporta na sociedade da información globalizada.