Tag Archive for: oligarquía

O suxeito político e a cuestión nacional

Por suxeito político enténdese a colectividade (non multitude) que é quen de crear unha subxectivación tal –con independencia do lugar asignado no seo do capitalismo- que irrompe decisivamente contra a orde establecida por ese modo de produción. No caso galego, o axioma é nidio: sen liquidar a opresión de clase e sen afirmar a idea de nación e responsabilidade nacional, calquera suxeito político resulta estéril, opaco ou equívoco. O nihilismo nacional, sob a forma de cosmopolitismo non só é un erro, é unha interpretación interesada da oligarquía. Afastar o contido do internacionalismo da súa forma nacional é a praxe daqueles que non entenden nada da solidariedade entre as nacións. Esta amósase vencellada por enteiro á resolta disposición pola soberanía nacional.

Filosofía e Política. XXXIII Semana Galega de Filosofía. Luns 28. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A POLÍTICA VISTA DESDE GALICIA

FRANCISCO SAMPEDRO OJEDA. Doutor en Filosofía. Premio da Crítica de Ensaio en dúas convocatorias (1998: Ideoloxía e distorsión. 2006: A violencia excedente). É colaborador en diversas revistas de filosofía internacionais, así como autor na prensa galega de múltiples traballos arredor de crítica literaria e política. Membro, entre outras organizacións, da SPLF (Societé de philosophie de langue française), ou da Association Louis Althusser… Publica con regularidade na revista galega de pensamento crítico A Trabe de Ouro, de cuxo consello de redacción forma parte. Ten publicado diversos ensaios sobre autores galegos (Dieste, Novoneyra, Vicente Risco…). Traduce asemade a filósofos contemporáneos, e ten realizado edicións críticas dalgúns deles, como Alain Badiou (Dun desastre escuro), Slavoj Zizek (O espectro segue a roldar. Actualidade do Manifesto Comunista), J-P. Sartre (O existencialismo é un humanismo), ou Simone de Beauvoir (Hai que queimar a Sade?). Impartiu conferencias nas Universidades de Santiago de Compostela, Vigo, Lausanne, Poitiers, Bologna, na École Normale Supérieure de Paris, e na Semana de Filosofía de Pontevedra entre outras institucións.