Tag Archive for: inmigración

Historia do movemento LGBT en Galicia

Todas as personas producimos xénero, produzamos liberdade. Argumentemos con infinitos xéneros. Manifesto transfeminista


Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía
Laura Bugalho. Diplomada en Maxisterio e licenciada en Pedagoxía, na especialidade de Intervención Social, traballa como sindicalista da CIG desde 1992. Asemade ten destacado como activista LGBTQ, feminista e transfeminista e a prol dos dereitos das persoas migrantes. É membro do Foro Galego de Imigración, do Colectivo STOP Desafiuzamentos Compostela, Rede Transfeminista Galega, Rede Internacional pola Despatoloxización Trans, e tamén milita na causa soberanista galega. Ten publicado diversos artigos nas seguintes publicacións: Andaina, A Nosa Terra, Vozeiro O Pedroso, Vieiros, Novas da Galiza, Galiza Livre Diário Liberdade, Sermos Galiza, Páxina wweb da CIG/Avantar, Seminario Galego de Educación para a Paz (SGEP). Foi Presidenta do Consello da Xuventude de Galiza. Laura Bugalho ten recibido, entroutros o Premio Legais 2001 a Defensa dos Dereitos e Liberdades LGBT, o Premio Triángulo de Ouro EHGAM 2009 e o Premio Nicolás Salmerón 2011 na categoría de Defensa das Liberdades Sexuais.

Martes 7. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A SEXUALIDADE VISTA DESDE GALICIA

A evolución do movemento lesbigaytransexual na última década na Galiza pasou desde un activismo de cada grupo a unha confluencia dos movementos nunha Federación Galega chamada Aturuxo, sendo a proxeción pública desta amplamente recoñecida nomeadamente no Dia do Orgullo en Compostela. Esta ilusionante tarefa federativa foi indo a declive coa falla de tempo das persoas que máis fondamente levaran a iniciativa, coa entrada de intereses partidistas que en troques de apostar por manter a proposta tentou -baixo o meu punto de vista- asimilala ao Partido político gobernante naquela altura.

Asistimos despois ao nacemento do movemento transfeminista, na Galiza tamén con entidades como Maribolheras Precarias, Nomepisesofreghao, Oquenosaedacona e o Coletivo TransGaliza. O Transfeminismo xurdiu como a suma das loitas ante aquel entón parcializadas e que coa ollada de “por que imos loitar por unha parcela se o campo é todo noso?” interseccionou, baixo meu punto de vista, de maneira intelixente aqueles movementos nas marxes da sociedade. O Transfeminismo xorde do Feminismo, mantense nel os seus fundamentos, e aglutina outros activismos trans-marica-bollo-puta-inmigrante. Translada o suxeito do feminismo a un amplo grupo de persoas nos que a exclusión social e política fan que a sua loita, antes parcial ou de continxente, sexa vertebrada desde o Transfeminismo como loita global, radical e revolucionaria.

Mercados do sexo en Galicia vs Industria da salvación

  …a prostituta está dobremente disminuida respecto ó seu cliente, pola necesidade material que a levou a ese oficio (presión de clase), polo seu estatuto de muller (presión de xénero). Pascal Bruckner

Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía

José López Riopedre. Doutor en Socioloxía, avogado, diplomado en criminoloxía e profesor-titor de Socioloxía e Antropoloxía Social no Centro Asociado da UNED en Lugo, profesor colaborador na Escola de Ciencias Policiais na Universidade de Vigo. Becario da AECI en Brasil, donde rematou os cursos de doutorado (Universidade Federal de Santa Catarina, UFSC 2000), e de CAPES/Fundación Carolina como profesor invitado no Núcleo de Estudos de Gênero/PAGU (UNICAMP/Sâo Paulo 2012), así como poñente na Comisión Especial do Senado sobre a Prostitución (2002/03). Na última década desenvolveu diversas investigacións sobre prostitución en España e en Brasil, entre elas o Estudio sociológico sobre el fenómeno de la prostitución en la ciudad de A Coruña y su área de influencia. Doutorouse cunha tese sobre traballadoras sexuais colombianas e brasileiras: Inmigración colombiana y brasileña y prostitución femenina en la ciudad de Lugo: Historias de vida de mujeres que ejercen la prostitución en pisos de contactos. As súas actuais liñas de investigación: construcción socio-política dos discursos sobre sexualidade, evolución da industria do sexo, movementos migratorios, prostitución transnacional, procesos de criminalización e victimización, etc.

Mércores 8. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A SEXUALIDADE VISTA DESDE GALICIA

Os mercados do sexo en Galicia seguen unha tendencia xeral, a igual que sucede no resto do Estado español, no senso de experimentar unha evolución ascendente (en termos de movimentos de negocio e número de persoas implicadas) dende os anos noventa e ata principios do século XXI, para a partires de mediados da pasada década comezar a sufrir un declive a causa principalmente da crise económica. Esta dinámica foi todo o tempo acompañada de unha crecente globalización dos mercados do sexo e de unha gran heteroxeneidade nos diferentes contextos e modalidades de desempeño do traballo sexual así como de unha cada vez maior asimilación do modelo abolicionista no plano político e xurídico.

É precisamente nesa sucesión étnica onde atopamos certas singularidades para Galicia, onde o colectivo brasileiro foi omnipresente a primeiros do novo século, para máis tarde recuar coa crise e producirse de seguido dous fenómenos interesantes sociolóxicamente como son o retorno das migrantes e o deslocamento e relanzamento do traballo sexual transnacional.

Fronte a observancia desas dinámicas, atopamos por outra banda o imparable avance da industria da salvación, artefacto particular produto da importación do modelo abolicionista no noso país e dende onde un chamativo conglomerado de ONG´s, burócratas e institucións do control social pugnan por dominar o espazo político-social a través do discurso apocalíptico da victimización das migrantes e as traballadoras sexuais. Deste xeito, constrúense nestes tempos en Galicia numerosas campañas e políticas públicas cheas de simbolismo trafiquista e de alto compoñente emocional que retro-alimentan os esforzos victimizantes do abolicionismo máis radical.

 Establécese entón un duro enfrontamento dialéctico entre os intereses dos mercados do sexo e aqueles empresarios morais que tratan de impoñer o paradigma da victimización, enfrontamento que, polo contrario, non chega a eclipsar o paradoxo de compartir no fondo as estratexias de mobilidade social ascendente, as prácticas utilitaristas cos actores (en especial as traballadoras do sexo) e en síntese a racionalización de recursos que acheguen o éxito económico e o lucro simbólico nesta sociedade global-capitalista.