Xenealoxía da identidade sexual
A partir e por medio dos nosos desexos, podemos establecer novas modalidades de relacións, novas modalidades amorosas e novas formas de creación. O sexo non é unha fatalidade, non; é una posibilidade de vida creativa. Michel Foucault
Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía
Elvira Burgos Díaz. Doutora en Filosofía pola Universitat de València e profesora de Filosofía na Universidade de Zaragoza. Imparte clases de pensamento e teoría feminista e de filosofía do corpo. As súas principais liñas de investigación refírense á filosofía contemporánea, e en particular ao pensamento feminista. Os seus estudos estudios feministas céntranse en especial en autoras como Judith Butler e Monique Wittig. Participou no proxecto de investigación dirixido por Beatriz Suárez Briones, profesora da Universidade de Vigo, titulado Feminismos lesbianos y queer. Representación, visibilidad y políticas.
Xoves 9. Mañán 10 10:30 a 13:30. Bloque: REFLEXIÓN FILOSÓFICA SOBOR DA SEXUALIDADE
Cuestionar o valor da orixe, criticar os principios asentados e os fundamentos inconmovibles; rastrexar a historia discontinua, azarosa, continxente; abrir posibilidades, para o presente, para o futuro. A xenealoxía de Nietzsche arríscanos por este camiño que dinamita as certezas ontolóxicas e epistemolóxicas, que derriba, por consiguinte, os fríos códigos morais universais e transcendentes. Os dualismos asentados pola tradición filosófica occidental, visibles cando menos desde a súa formulación pitagórica, abanean e a súa caída evidencia aquelo que ocultaban: a violencia que lles caracteriza, a vontade da morte. En Foucault, a xenealoxía lévanos a unha peculiar ontoloxía do presente na que o pasado non determina inexorablemente o que agora somos senón que potencia a aparición dun agora, e dun despois, aberto ao cambio e á transformación. A Historia da sexualidade de Foucault interpélanos: como seguir pensando que a nosa máis secreta e auténtica verdade está no noso sexo e na nosa sexualidade? É Rubin, sen embargo, a que desde unha ollada directamente feminista discute, en Reflexionando sobre o sexo, o esencialismo sexual, esa tesis que afirma que a sexualidade é “unha forza natural” anterior á nosa vida social. Xunto a isto, Rubin disputa a xerarquización e a estratificación sexual que dictamina sobre prácticas sexuais boas e malas e sobre os diferentes graos de bondade ou maldade. Butler reforza os argumentos desnaturalizadores das nocións de xénero, sexo e sexualidade, tras a pegada de pensadoras feministas como Beauvoir, Rubin, Wittig; deconstrúe a suposta coherencia e estabilidade das categorías que impón a “matriz heterosexual”; indaga, coa súa performatividade, nos mecanismos que configuran as nosas identidades e desde ahí nas estratexias efectivas para un desfacer que nos permita un facernos en liberdade.