Tag Archive for: heterosexualidade

Xenealoxía da identidade sexual

A partir e por medio dos nosos desexos, podemos establecer novas modalidades de relacións, novas modalidades amorosas e novas formas de creación. O sexo non é unha fatalidade, non; é una posibilidade de vida creativa. Michel Foucault

Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía

Elvira Burgos Díaz. Doutora en Filosofía pola Universitat de València e profesora de Filosofía na Universidade de Zaragoza. Imparte clases de pensamento e teoría feminista e de filosofía do corpo. As súas principais liñas de investigación refírense á filosofía contemporánea, e en particular ao pensamento feminista. Os seus estudos estudios feministas céntranse en especial en autoras como Judith Butler e Monique Wittig. Participou no proxecto de investigación dirixido por Beatriz Suárez Briones, profesora da Universidade de Vigo, titulado Feminismos lesbianos y queer. Representación, visibilidad y políticas.

Xoves 9. Mañán 10 10:30 a 13:30. Bloque: REFLEXIÓN FILOSÓFICA SOBOR DA SEXUALIDADE

Cuestionar o valor da orixe, criticar os principios asentados e os fundamentos inconmovibles; rastrexar a historia discontinua, azarosa, continxente; abrir posibilidades, para o presente, para o futuro. A xenealoxía de Nietzsche arríscanos por este camiño que dinamita as certezas ontolóxicas e epistemolóxicas, que derriba, por consiguinte, os fríos códigos morais universais e transcendentes. Os dualismos asentados pola tradición filosófica occidental, visibles cando menos desde a súa formulación pitagórica, abanean e a súa caída evidencia aquelo que ocultaban: a violencia que lles caracteriza, a vontade da morte. En Foucault, a xenealoxía lévanos a unha peculiar ontoloxía do presente na que o pasado non determina inexorablemente o que agora somos senón que potencia a aparición dun agora, e dun despois, aberto ao cambio e á transformación. A Historia da sexualidade de Foucault  interpélanos: como seguir pensando que a nosa máis secreta e auténtica verdade está no noso sexo e na nosa sexualidade? É Rubin, sen embargo, a que desde unha ollada directamente feminista discute, en Reflexionando sobre o sexo, o esencialismo sexual, esa tesis que afirma que a sexualidade é “unha forza natural” anterior á nosa vida social. Xunto a isto, Rubin disputa a xerarquización e a estratificación sexual que dictamina sobre prácticas sexuais boas e malas e sobre os diferentes graos de bondade ou maldade. Butler reforza os argumentos desnaturalizadores das nocións de xénero, sexo e sexualidade, tras a pegada de pensadoras feministas como Beauvoir, Rubin, Wittig; deconstrúe a suposta coherencia e estabilidade das categorías que impón a “matriz heterosexual”; indaga, coa súa performatividade, nos mecanismos que configuran as nosas identidades e desde ahí nas estratexias efectivas para un desfacer que nos permita un facernos en liberdade.

Na sexualidade (como en todo) a diversidade é a diferenza o que a igualdade é aos dereitos: o transxénero.

Coñezo o amor heterosexual e o homosexual, e como lesbiana coñecín a persecución, a maledicencia e o maltrato. Kate Millet


Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía

José Antonio Nieto Piñeroba. Catedrático emérito de Antropoloxía da Sexualidade e de Socioloxía da Diversidade na UNED.
Ten publicados, entre outros, os seguintes libros: Transexualidad, transgenerismo y cultura (Talasa 1998); Antropología de la sexualidad y diversidad cultural (UNED 2004); Transexualidad, intersexualidad y dualidad de género (Bellaterra 2008); Sociodiversidad y sexualidad (Talasa 2011).

Martes 7. Mañán 10:30 a 13:30. Bloque: REFLEXIÓN FILOSÓFICA SOBOR DA SEXUALIDADE

Diversidade, diferenza, igualdade e dereitos son compoñentes socioculturais, con especificidade propia e facetas múltiples, que necesitan ser contextualizados. Dadas as características propias que definen os contextos, calquera aproximación epistemolóxica e teórica á sexualidade obriga a unha interpretación onde o marco de referencia é de entidade superior á conceptualización científica que os termos episteme e teoría encerran. Se analizamos comparativamente a igualdade/desigualdade de dereitos, en distintas sociedades, das persoas con identidades, actitudes e condutas non orientadas sexualmente cara á “ortodoxia”, observamos realidades sociais e culturais moi dispares. A disparidade implica que os presupostos científicos usuais das ciencias sociais resultan insuficientes á hora de explicar o obxecto de estudo. Este require de premisas de dimensión maiores que a proporcionada pola estrita “obxectividade”. A desigualdade, a ausencia de dereitos dos “diferentes”, necesita, pois, ser contemplada cunha mirada que abranga a política sociosexual da realidade do contexto a estudar. Ante este modo de focalizar as carencias/omisións igualitarias e a correspondente desprotección subxectiva de dereitos, o investigador, lonxe dunha neutralidade produto dunha construción imaxinaria e polo tanto realmente inexistente, devén un analista que non só observa e describe a sociedade senón que tamén a cuestiona. En consecuencia, adopta unha postura crítica co que xenericamente pódese denominar “abuso de poder”. De non ser así, de non facer uso destas coordenadas interpretativas, ao incorrer en silencios no discurso que transmite o observado, o investigador reproduce, intencional ou involuntariamente, o abuso. Todo iso supón aprehender a diversidade sexual das sociedades dende a perspectiva dun prisma que ten en conta o principio de igualdade na diferenza. Na presentación oral deste argumentario, co fin de ilustrar o principio, recorrerase a precisar o alcance de vocábulos como “universalismo” e “particularismo”. Á súa vez, incidirase no que a súa aplicación comporta na sociedade da información globalizada.