Artigos

“Ocho apellidos de regiones escasamente romanizadas”: Cultura da Transición e conflito colonial interno no Estado español

Nesta conferencia abordarei o conflito territorial interno do Estado español dende unha perspectiva poscolonial, facendo fincapé nas súas dimensións simbólica e material. En consonancia con varias das voces críticas da Transición española que falan do conflito colonial interno no Estado español como un indicador da democraticidade fallida que instaurou o proceso constitucional de 1978 (Pastor, Bastida), nesta conferencia desenvolverei a idea de que a chamada Cultura da Transición se sustenta, en parte, nun protocolo discursivo recoñecible para o tratamento deste conflito (o recurso a metáforas suaves, a miúdo tiradas do campo semántico do amor romántico; a énfase en afectos como o remorso, o medo e a compaixón; a priorización de formas de memoria individual no canto de colectiva; a deshistorización e despolitización do conflito). Trazarei a perdurabilidade destas características discursivas nun feixe de produtos culturais aliñados co paradigma da Cultura da Transición, incluíndo os recentes filmes da franquicia Ocho apellidos, e a súa vixencia no tratamento que a Nova Política española lle outorga ao conflito colonial interno.

Filosofía e Política. XXXIII Semana Galega de Filosofía. Xoves 31. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A POLÍTICA VISTA DESDE GALICIA

HELENA MIGÉLEZ CARBALLEIRA é profesora titular en Estudos Hispánicos na Universidade de Bangor (Gales) e directora do Centro de Estudos Galegos na mesma localidade. Formouse en Filoloxía Inglesa na Universidade de Vigo, e máis adiante na Universidade de Edimburgo cun Máster en Estudos de Tradución e o doutoramento en Estudos Hispánicos.

Especialista nas formas do conflito nacional interno en España ao longo do tempo e na contemporaneidade, pretende partillar o seu traballo a través do blog “Postcolonial Spain” pero tamén a través de publicacións e intervencións académicas.

É autora dunha monografía publicada pola University of Wales Press en 2013 que foi traducida ao ano seguinte en Galicia baixo o título Galicia, um povo sentimental? Género, Cultura e política e que tivo unha importante recepción.

Coeditora do volume Companion to Galician Cultures (Tamesis, 2014) e dos especiais de Translation Studies e do Bulletin of Hispanic Studies, autora de numerosos capítulos de libros, de artigos e colaboracións en publicacións especializadas e non especializadas galegas e estranxeiras (Anuario de Estudos Galegos, Grial, El País, Journal of Spanish Cultural Studies, Men and Masculinities, Hispanic Reseach, Journal, New Voices in Translation Studies…).

Tradutora, colaboradora en proxectos internacionais, fundadora editora da revista Galicia 21, ademais de membro de asociacións académicas e conferenciante en diferentes ámbitos e foros nacionais e internacionais.

Máis información sobre a actividade profesional no sitio web: www.hmcarballeira.net.

Consecuencias económicas do rol dependente de Galiza no estado español no marco da UE

Galiza insírese no Estado Español dun xeito politicamente dependente e economicamente periférico, xa que logo, alleo aos centros de decisión política e económica. A pertenza do Estado español á Unión Europea, onde o Estado español forma parte dos países periféricos dunha unión que prima os intereses do capital financeiro franco-alemán, reforza a condición do noso país como “periferia da periferia” europea, agravada pola total ausencia de compromiso político na defensa dos nosos sectores produtivos por parte do Estado, especialmente evidente xa nas negociacións de entrada na CEE en 1986.

A falta de capacidade de decisión política ten un impacto directo na nosa economía e na potencialidade do noso país para xerar un desenvolvemento endóxeno. Os exemplos son múltiples. Dende unha política estatal de infraestruturas pensada desde e para Madrid ate unha reestruturación bancaria levada a cabo dende os poderes político-económicos centralistas, que tivo como consecuencia a perda de entidades financeiras propias e un espolio sen precedentes do noso aforro; pasando polo sector eléctrico, onde Galiza é excedentaria na produción de electricidade, soportando custos sociais e medioambientais, mais sen obter beneficio algún desa condición. Non en van, moitos economistas teñen acuñado o termo de “capitalismo castizo” para referirse á importancia que ten a proximidade aos círculos de poder político da capital do Estado español para a obtención de beneficios.

Porén, o discurso oficial trata de presentarnos a Galiza como un territorio atrasado, que depende para subsistir dunha suposta solidariedade estatal. As balanzas fiscais, que amosan os fluxos fiscais entre Galiza e o Estado español, son o instrumento do que se valen para defender esa tese. Neste sentido compre facer unha fonda crítica á metodoloxía empregada nas mesmas así como á interpretación que se realiza dos seus resultados.

Filosofía e Política. XXXIII Semana Galega de Filosofía. Martes 29. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A POLÍTICA VISTA DESDE GALICIA

ALEIXO VILAS CASTRO. Licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela 1998-2003. Estudos de Doutorado en Economía Aplicada (USC). Diploma de Estudos Avanzados (DEA) 2003-2005.

Participou nos seguintes proxectos de investigación: “Desigualdades interrexionais e intrarrexionais en Europa: o papel da diversidade estrutural e institucional na evolución das disparidades rexionais” (2003-2005). “O sistema galego de innovación na primeira década do século XXI e a economía baseada no coñecemento: novos sectores, novas infraestruturas, novos axentes” (2005). Publicacións: “Examinando a desigualdade global: a evolución das desigualdades internas e entre países no contexto da globalización”, Revista: Economía de Galicia. Exerce a coordinación da Comisión Nacional de Economía, Industria e Emprego do BNG. Ten colaborado como columnista en diferentes medios escritos como Sermos Galiza ou La Voz de Galicia, e participado en numerosas conferencias sobre temáticas como o sector eléctrico de Galiza, financiamento autonómico, balanzas fiscais, etc.