Artigos

Pensar a política emancipatoria despois da posmodernidade

A fin dos “grandes relatos” preconizada no seu día polo discurso posmoderno apuntaba, sobre todo, á fin das “metanarrativas de emancipación” trazadas tamén no seu día polo discurso filosófico-político moderno. Coa súa radical posta en cuestión dos fundamentos conceptuais básicos que serviron de eixo reitor ao proxecto emancipatorio da modernidade, o pensamento posmoderno acabou socavando as propias bases epistemolóxicas e normativas sobre as que se fundamentou e lexitimou dito proxecto emancipatorio, avogando ao cabo polo seu abandono ou liquidación. Neste sentido, o pensamento posmoderno supón un serio desafío que non pode ser facilmente ignorado. Pois como trataremos de amosar non só nos obriga a repensar ou reformular cantos relatos igualitarios, emancipatorios e racionalistas se teñen por herdeiros do legado da modernidade ilustrada, senón calquera estratexia de transformación social e política que poida ser formulada nos nosos días.

Filosofía e Política. XXXIII Semana Galega de Filosofía. Venres 1. Mañán 10:30 a 13:30. Bloque: REFLEXIÓN FILOSÓFICA SOBOR DA POLÍTICA

JUAN GARCÍA MORÁN-ESCOBEDO é licenciado en Filosofía pola Universidade de Oviedo; doutor en Filosofía pola UNED e diplomado en Ciencia Política e Dereito Constitucional polo Centro de Estudos Políticos e Constitucionais de Madrid. Na actualidade é Profesor Colaborador de Filosofía da Historia e Filosofía Política no Departamento de Filosofía e Filosofía Moral e Política da UNED. Con anterioridade foi membro do Instituto de Filosofía do CSIC e formou parte do Consello de Redacción da Revista Internacional de Filosofía Política dende a súa fundación. As súas liñas de investigación céntranse na filosofía práctica moderna e contemporánea. Entre as súas últimas publicacións cabería salientar: John Dewey, individualismo e democracia, Filosofía política versus política da filosofía: Unha presentación de Leo Strauss e O “gran relato” rehabilitado: Francis Fukuyama e “a fin da Historia”.

O sexo de pago. Os discursos en torno á pornografía e á prostitución

¿Existe un buen modo de categorizar los cuerpos? ¿Qué nos dicen las categorías? Las categorías nos dicen más sobre la necesidad de categorizar los cuerpos que sobre los cuerpos mismos. Judith Butler

Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía

Dolores Juliano Corregido. Cursou a licenciatura de Antropoloxía en Arxentina e doctorouse en Filosofía e Letras na Universidadede Barcelona, onde foi profesora titular ata a súa xubilación. Traballa desde hai moitos anos en  Antropoloxía da Educación, e en temas de xénero, inmigración e discriminación, desde unha perspectiva feminista. Forma parte de diversos equipos de investigación e ten dado cursos en varias universidades españolas e de América Latina. Recibíu o premio “Creu de Sant Jordi” outorgado pola Generalitat en 2010 polo conxunto da súa traxectoria académica e científica.

Luns 6. Noite 20:00 a 22:00. Bloque: A SEXUALIDADE A DEBATE

Dado que a base da nosa nosa organización sexo-social é a obrigatoria complementariedade heterosexual, resultan estigmatizadas todas as conductas que se sitúan á marxe do modelo, tales como homosexualidade, prostitución, transexualidade, bisexualidade, así como as transgresións ás normas de xénero. A criminalización do sexo de pago e doutras actividades incluidas dentro do negocio do sexo, como a pornografía, non depende dos delitos que se cometen dentro destas áreas, que existen pero que poden evitarse facendo uso da lexislación común, senón da estigmatización social, que se ensaña cos sectores máis desfavorecidos e se nega a escoitar as súas demandas.

O problema de outorgar credibilidade aos sectores que carecen de poder e prestixio social, pode darse mesmo  no seno dos movimentos reivindicativos. O feminismo tivo dificultades epistemolóxicas para incluir nas súas reivindicacións a voz das mulleres pertenecentes aos sectores marxinais,  atrapado en dous dilemas: Se históricamente se reclamaran dereitos civís a partir da superioridade moral da muller, que se fai con aqueles ás que se lles asignaba moralidade dubidosa ou non convencional?  Por outra banda, pero converxentemente, se se cría nun modelo único de reivindicacións universais productos da ilustración, e na existencia dun suxeito “muller” indiferenciado, como entender prioridades diferentes a partir de situacións sociais diversas, tales como os condicionamientos de clase, étnicos ou relixiosos?

A tentación de culpabilizar ás infractoras, cuxo modelo eran as prostitutas ou as sospeitosas de selo, atopou apoio dentro do sector máis intistucionalizado do movemento de mulleres. A outra posibilidade consistía en victimizalas, considerando que as conductas “inmorais” lles eran impostas externamente. Este foi o camiño que siguiu o movemento “antipornografía” de EEUU, que se extendeu por moitos países e se diversificou en distintas formas de abolicionismo.  Contra esta deriva autoritaria loitan actualmente as asociacións de traballadoras do sexo, as organizacións pro dereitos e as correntes do feminismo prosexo e queer.  Tamén dentro do campo académico multiplícanse  os estudios de ciencias sociais que procuran rescatar a voz destes sectores.

Xenealoxía da identidade sexual

A partir e por medio dos nosos desexos, podemos establecer novas modalidades de relacións, novas modalidades amorosas e novas formas de creación. O sexo non é unha fatalidade, non; é una posibilidade de vida creativa. Michel Foucault

Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía

Elvira Burgos Díaz. Doutora en Filosofía pola Universitat de València e profesora de Filosofía na Universidade de Zaragoza. Imparte clases de pensamento e teoría feminista e de filosofía do corpo. As súas principais liñas de investigación refírense á filosofía contemporánea, e en particular ao pensamento feminista. Os seus estudos estudios feministas céntranse en especial en autoras como Judith Butler e Monique Wittig. Participou no proxecto de investigación dirixido por Beatriz Suárez Briones, profesora da Universidade de Vigo, titulado Feminismos lesbianos y queer. Representación, visibilidad y políticas.

Xoves 9. Mañán 10 10:30 a 13:30. Bloque: REFLEXIÓN FILOSÓFICA SOBOR DA SEXUALIDADE

Cuestionar o valor da orixe, criticar os principios asentados e os fundamentos inconmovibles; rastrexar a historia discontinua, azarosa, continxente; abrir posibilidades, para o presente, para o futuro. A xenealoxía de Nietzsche arríscanos por este camiño que dinamita as certezas ontolóxicas e epistemolóxicas, que derriba, por consiguinte, os fríos códigos morais universais e transcendentes. Os dualismos asentados pola tradición filosófica occidental, visibles cando menos desde a súa formulación pitagórica, abanean e a súa caída evidencia aquelo que ocultaban: a violencia que lles caracteriza, a vontade da morte. En Foucault, a xenealoxía lévanos a unha peculiar ontoloxía do presente na que o pasado non determina inexorablemente o que agora somos senón que potencia a aparición dun agora, e dun despois, aberto ao cambio e á transformación. A Historia da sexualidade de Foucault  interpélanos: como seguir pensando que a nosa máis secreta e auténtica verdade está no noso sexo e na nosa sexualidade? É Rubin, sen embargo, a que desde unha ollada directamente feminista discute, en Reflexionando sobre o sexo, o esencialismo sexual, esa tesis que afirma que a sexualidade é “unha forza natural” anterior á nosa vida social. Xunto a isto, Rubin disputa a xerarquización e a estratificación sexual que dictamina sobre prácticas sexuais boas e malas e sobre os diferentes graos de bondade ou maldade. Butler reforza os argumentos desnaturalizadores das nocións de xénero, sexo e sexualidade, tras a pegada de pensadoras feministas como Beauvoir, Rubin, Wittig; deconstrúe a suposta coherencia e estabilidade das categorías que impón a “matriz heterosexual”; indaga, coa súa performatividade, nos mecanismos que configuran as nosas identidades e desde ahí nas estratexias efectivas para un desfacer que nos permita un facernos en liberdade.

Sexus e Eros versus Locus genitalis

A nítida diferenciación dos sexos na nosa cultura debeu probablemente a súa configuración á monogamia e á monosexualidade e os seus tabús. Foi unha violación da natureza. Laurence Durrell


Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía

Efigenio Amezúa Ortega. Doutor en Sexoloxía, director do Instituto de Sexoloxía Incisex, Estudos de Postgrao de Sexoloxía Incisex –Universidade de Alcalá e Máster en Sexoloxía: educación e asesoramento sexual. É tamén fundador (1979) e editor da Revista Española de Sexología.

Luns 6. Mañán 10:30 a 13:30. Bloque: REFLEXIÓN FILOSÓFICA SOBOR DA SEXUALIDADE

“Seguindo a pista do léxico, a historia de como o locus genitalis se convirte en sexo ou chegou a suplantar a Sexus e Eros é unha historia ben curiosa” que o profesor Amezúa explica no seu relatorio “Sexus e Eros versus Locus genitalis”.

Introdúcenos ás primeiras miradas sobre a sexualidade da Grecia Clásica no Acto primeiro: Eros e Sexus. Atenas 385 a.C. condúcenos dende o eros platónico do Banquete cara o sexus dividido de Aristófanes, construindo o relato da sexuación ata o Ars Amandi de Ovidio.

No Acto segundo: O locus genitalis. Illa de Cos, 395 a. C. prodúcese a inxerencia da xenitalidade. No entorno da Escola de Hipócrates “o proto-médico ou físico ” a observación concéntrase na fisicidade xenital dando especial relevancia á xeración (genós, genus), o interese radica  na reprodución.

A través das miradas pasadas presentes Efigenio Amezúa chega ó Acto terceiro. Nos nosos días onde as visións primeiras configuran as teorías maiores como “fondo histórico e conceptual na procura dunha articulación epistemolóxica do Feito Sexual Humano” e outras teorías menores -máis anecdóticas se cadra- que baixo intereses “de orde moral ou socio-política” configuran a dexeneración, a libido e o xénero. Pero a historia continúa.