Tag Archive for: dialéctica

Mercados do sexo en Galicia vs Industria da salvación

  …a prostituta está dobremente disminuida respecto ó seu cliente, pola necesidade material que a levou a ese oficio (presión de clase), polo seu estatuto de muller (presión de xénero). Pascal Bruckner

Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía

José López Riopedre. Doutor en Socioloxía, avogado, diplomado en criminoloxía e profesor-titor de Socioloxía e Antropoloxía Social no Centro Asociado da UNED en Lugo, profesor colaborador na Escola de Ciencias Policiais na Universidade de Vigo. Becario da AECI en Brasil, donde rematou os cursos de doutorado (Universidade Federal de Santa Catarina, UFSC 2000), e de CAPES/Fundación Carolina como profesor invitado no Núcleo de Estudos de Gênero/PAGU (UNICAMP/Sâo Paulo 2012), así como poñente na Comisión Especial do Senado sobre a Prostitución (2002/03). Na última década desenvolveu diversas investigacións sobre prostitución en España e en Brasil, entre elas o Estudio sociológico sobre el fenómeno de la prostitución en la ciudad de A Coruña y su área de influencia. Doutorouse cunha tese sobre traballadoras sexuais colombianas e brasileiras: Inmigración colombiana y brasileña y prostitución femenina en la ciudad de Lugo: Historias de vida de mujeres que ejercen la prostitución en pisos de contactos. As súas actuais liñas de investigación: construcción socio-política dos discursos sobre sexualidade, evolución da industria do sexo, movementos migratorios, prostitución transnacional, procesos de criminalización e victimización, etc.

Mércores 8. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A SEXUALIDADE VISTA DESDE GALICIA

Os mercados do sexo en Galicia seguen unha tendencia xeral, a igual que sucede no resto do Estado español, no senso de experimentar unha evolución ascendente (en termos de movimentos de negocio e número de persoas implicadas) dende os anos noventa e ata principios do século XXI, para a partires de mediados da pasada década comezar a sufrir un declive a causa principalmente da crise económica. Esta dinámica foi todo o tempo acompañada de unha crecente globalización dos mercados do sexo e de unha gran heteroxeneidade nos diferentes contextos e modalidades de desempeño do traballo sexual así como de unha cada vez maior asimilación do modelo abolicionista no plano político e xurídico.

É precisamente nesa sucesión étnica onde atopamos certas singularidades para Galicia, onde o colectivo brasileiro foi omnipresente a primeiros do novo século, para máis tarde recuar coa crise e producirse de seguido dous fenómenos interesantes sociolóxicamente como son o retorno das migrantes e o deslocamento e relanzamento do traballo sexual transnacional.

Fronte a observancia desas dinámicas, atopamos por outra banda o imparable avance da industria da salvación, artefacto particular produto da importación do modelo abolicionista no noso país e dende onde un chamativo conglomerado de ONG´s, burócratas e institucións do control social pugnan por dominar o espazo político-social a través do discurso apocalíptico da victimización das migrantes e as traballadoras sexuais. Deste xeito, constrúense nestes tempos en Galicia numerosas campañas e políticas públicas cheas de simbolismo trafiquista e de alto compoñente emocional que retro-alimentan os esforzos victimizantes do abolicionismo máis radical.

 Establécese entón un duro enfrontamento dialéctico entre os intereses dos mercados do sexo e aqueles empresarios morais que tratan de impoñer o paradigma da victimización, enfrontamento que, polo contrario, non chega a eclipsar o paradoxo de compartir no fondo as estratexias de mobilidade social ascendente, as prácticas utilitaristas cos actores (en especial as traballadoras do sexo) e en síntese a racionalización de recursos que acheguen o éxito económico e o lucro simbólico nesta sociedade global-capitalista.