Tag Archive for: costume

Costumes, mitos, ritos e tabús sobre o sexo na cultura galega tradicional

Unha noite no muíño, unha noite non é nada / unha semaniña enteira, esa si que é muiñada. Cantiga popular


Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía

José Luis Garrosa Gude. En 1997 licenciouse en Filoloxía Alemá na Universidad Complutense de Madrid e anos despois en Dereito pola UNED. En 2006 obtivo o Diploma de Estudos Avanzados en Filoloxía, tamén pola UCM e na actualidade doutórase en Literatura Comparada na Universidade de Alcalá. Logo de rematar os estudos de Filoloxía, exerce como tradutor e intérprete de diferentes linguas para organismos públicos e privados. A partir do ano 2000 comeza a impartir cursos de Iniciación e Perfeccionamento de Lingua Galega –e máis tarde do CELGA– en centros galegos da Comunidade de Madrid e na Casa das Linguas da capital. Desde o curso 1999-2000 traballa como profesor de ensino secundario, da especialidade de Lingua castelá e Literatura. A súa actividade de investigación céntrase en múltiples aspectos dos campos da literatura comparada e da literatura de transmisión oral e da conferencias e relatorios en universidades e institucións oficiais (Universidade de Santiago de Compostela, a Universidad Complutense de Madrid, a Universidad de Alcalá, a Universidad Carlos III de Madrid, o Museo Etnográfico de Castilla y León de Zamora ou o Museo Provincial de Lugo).

Luns 6. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A SEXUALIDADE VISTA DESDE GALICIA

Poucos xéneros da literatura tradicional de Galicia ofrecen tantas posibilidades para a análise antroplóxica e sociolóxica como a multitude de textos que integran o ben documentado cancioneiro popular galego. Abondaría unha ollada superficial para comprobarmos que estamos ante un verdadeiro fresco dos costumes populares de vello conservado –e, xa que logo, tamén fosilizado para alegría do estudoso– na forma brevísima e concentrada da copla.

A importancia dos datos etnográficos espallados nas nosas cancións populares reside tamén na enorme difusión que estas gozaron na cultura tradicional galega e no valor case dogmático que posuían as sentenzas e a ideoloxía expresada nos versos tanto para os propios transmisores do cancioneiro coma para todos os coñecedores –a práctica totalidade da sociedade rural antiga– desta forma literaria.

O relatorio estudia a concepción da sexualidade e das relacións amorosas na cultura galega tradicional a partir de referencias tiradas do noso cancioneiro popular. Este aspecto da existencia humana –sen dúbida o máis tabuizado de todos eles– fai que debamos desvelar moitas das súas concepcións a partir de símbolos e metáforas que posúen o dobre valor de condensar e de ornamentar a expresión poética.

Vivimos nuns intres cruciais, pois aínda que podemos congratularnos da importancia que se atribúe hoxe en día ao chamado patrimonio inmaterial –mesmo en organizacións máis ou menos oficiais coma a UNESCO– das diferentes culturas universais, a nosa época ve como se van esvaecendo para sempre as formas tradicionais de transmisión oral. Por todo isto cómpre recoller o pouco que reste nas memorias máis fieis dos últimos informantes e proseguir co seu estudo rigoroso, probablemente un dos únicos xeitos de outorgarlles aos nosos cancioneiros un certo grao de inmortalidade.