VÍDEOS DA XXXII SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA

Podedes ollar os vídeos dos relatorios da pasada edición da Semana Galega de Filosofía, XXXII SGF “Filosofía e sexualidade”, dende aquí:

A relación sexual entre homes e mulleres non se pode escribir

A relación sexual non existe. Jaques Lacan

Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía.
Araceli Fuentes García-Romero. Psicoanalista en Madrid. Formada na ensinanza de Jaques Lacan. Analizouse en París coa Sra. Colette Soler. Membro da Escola Lacaniana de psicanálise e da Asociación Mundial de psicanálise. Realizou o seu pase e foi nomeada Analista da Escola en novembro de 2010, desenvolvendo o seu traballo como A.E. ao longo de tres anos na sede de Madrid da Escola Lacaniana de psicanálise (ELP) e en diferentes Congresos da Asociación Mundial de psicanálise (AMP). Na actualidade, é docente do Nucep-Madrid, onde é responsable do Departamento “O corpo e os seus goces” e coordina o Seminario do Campo Freudiano en Madrid.

Venres 10. Mañán 10:30 a 13:30. Bloque: REFLEXIÓN FILOSÓFICA SOBOR DA SEXUALIDADE

A descuberta da psicanálise a fins do século XIX, que amosa a importancia da sexualidade na formación dos síntomas e na propia vida humana, supuxo un escándalo na sociedade victoriana na que Freud vivía, causando o maior abraio pensar que os nenos e nenas xa teñen acceso á sexualidade polimorfa. Estamos no século XXI e as cousas mudaron moito respecto da sexualidade no discurso social; poderíase dicir que nos atopamos no polo oposto ao da sociedade victoriana. Hoxe asistimos á difusión masiva da pornografía a nível planetario, e a sexualidade non só non se reprime senón que nos vemos sometidos a un imperativo que empurra ao goce. Esto supón algo novo que podemos detectar no modo no que as novas xeracións operan a súa aprendizaxe. A psicanálise recolle as consecuencias do modo actual de vivir a sexualidade e as mudanzas que se produciron son o produto da acción combinada de dous discursos: o discurso da ciencia e o discurso capitalista, que exerceron unha fonda transformación na reprodución, na sexualidade e na familia.

A psicanálise tamén se viu afectada por estos cambios, nos que a orde simbólica quedou asemade tocada. A función paterna perdeu o privilexio que lle atribuían tanto a tradición como até certo intre a psicanálise. Non obstante, esta última, a diferenza doutros discursos embebidos do relativismo postmoderno, guíase polo real –polo “seu” real, un real diferente do da ciencia. Para a psicanálise non todo é relativo, porque o real existe, e iso dótaa dunha perspectiva da que outros discursos carecen.

A psicanálise é fundamentalmente unha praxe, e é desta praxe da que aquela extrae o seu saber. Esta ponencia inserida nun Congreso de Filosofía bríndanos a posibilidade de conversar con outros sobre o que a nosa praxe nos ten ensinado encol da sexualidade dos seres falantes.

Sexualidade e identidades desobedientes: Unha pedagoxía transgresora para a transición do status quo ao status queer

Calquera estratexia para eliminar a violencia de xénero, debe por tanto, comparar as carencias culturais e as estructuras sociais que a perpetúan. Lori Heise

Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía

Victoria Carrera. Licenciada en Psicopedagoxía eDoutorada pola Universidade de Vigo en 2010 coa tese “Maltrato escolar entre iguais en Educación Secundaria Obrigatoria: Prácticas de xénero e control heteronormativo”, traballo co que obtivo o Premio Extraordinario de Doutoramento en Ciencias Sociais da Universidade de Vigo (decembro de 2010). e Premio Nacional Fin de Carreira do Ministerio de Educación (2004), foi beneficiaria dunha bolsa predoutoral FPU, a bolsa máis prestixiosa que pode obterse en España para a realización do doutoramento e para a formación docente universitaria, concedida polo Ministerio de Educación e Ciencia (2006-2010). Posteriormente a Fundación Barrié de la Maza becouna cunha bolsa posdoutoral de excelencia para a realización de estadías no estranxeiro.
É autora/coautora de máis de medio cento de artigos en revistas científicas. O seu ámbito docente e investigador céntrase na construción da identidade de xénero no marco da heteronormatividade, a violencia cara á diversidade sexual, o bullying e a educación sexual integradora contextualizada nunha pedagoxía crítica e queer.

Venres 10. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A SEXUALIDADE VISTA DESDE GALICIA
A Segunda Onda Feminista iniciada a finais dos 60 e debedora da obra de Simone de Beauvoir -especialmente do seu coñecido traballo O Segundo Sexo (1949)- culminou coa definitiva desnaturalización do xénero. Desenmascarado o carácter natural do xénero, quedaba, con todo, un flanco aberto para xs detractorxs da loita pola igualdade: o sexo. Esa sustancia inalterable, fixa e prediscursiva, responsable da materialidade dos corpos, continuaba operando a favor da desigualdade. E foi tamén a tradición feminista, neste caso postestructuralista, a que tomando a testemuña das súas predecesoras, iniciou -non sen grandes resistencias que perduran aínda hoxe- a desnaturalización do sexo. Destaca nesta liña a obra da filósofa feminista norteamericana Judith Butler -precursora e máis coñecida representante da Teoría Queer- que no seu traballo O xénero en disputa: O feminismo e a subversión da identidade (1990), pon de relevo a principal premisa do seu pensamento, denunciando, do mesmo xeito que sucedera décadas atrás co xénero, o carácter culturalmente construído do sexo.
Desmitificar o carácter natural do xénero e do sexo significa afirmar que non nacemos nin homes nin mulleres, nin masculinos nin femininos, nin heterosexuais, senón que nacemos persoas cunha realidade corporal concreta que a cultura se encargará de significar, encasillándonos en dúas categorías opostas (home/muller) que cando non son excluíntes forzaranse a unha das dúas casillas a través das modernas técnicas cirúrxicas de “reparación” de xenitais. De forma que tras a asignación (ou asignación/reconstrución) do sexo construirase un xénero coherente -masculino para os homes e feminino para as mulleres- e unha orientación sexual lexítima -heterosexual para ambos- a través dun tedioso proceso de socialización que é especialmente forte na infancia, pero que se prolongará ao longo de toda a vida. Configurándose así dous únicos modos lexítimos de ser persoa: home/masculino/heterosexual e muller feminina/heterosexual. De modo que todas aquelas persoas que transgriden estas dúas casillas, que habitan identidades desobedientes, enfróntanse a unha real ou simbólica sentenza de morte, sendo patoloxizados, criminalizados e sempre afastados do ámbito da intelixibilidade.
En calquera caso, se existe algunha enfermidade ou anomalía, esta non radica nesoutras identidades transgresoras, desobedientes ou como diría Elvira Burgos “entrecruzadas” (2006) senón nunha sociedade que se nega a aceptar unha realidade que vai máis aló da rixidez do modelo dualista heteronormativo. Conscientes de que a violencia radica xa nas propias normas sociais sobre o sexo e o xénero, chegou a hora de apostar polo camiño da liberdade. Un camiño que descansa na utopía. Nunha utopía entendida non como realidade inalcanzable, senón como realidade posible, non como inxenua ou pasiva, senón como responsable e activa. Nesta liña, reivindico un espazo diferente para a educación sexual, promovendo unha formación da dimensión sexual humana de carácter integrador, como vértice crucial para alcanzar unha sociedade máis libre e democrática, unha sociedade de seres humanos. Seres humanos iguais e á súa vez diferentes, onde a diversidade sexual, é dicir, as diferentes formas de situarse no mundo como ser sexuado, sexa considerada un valor a través do cal constituír unha sociedade máis xusta e democrática. Reivindico, en definitiva, a urxente necesidade dunha pedogoxía sexual orientada a transitarmos do status quo ao status queer.

O sexo de pago. Os discursos en torno á pornografía e á prostitución

¿Existe un buen modo de categorizar los cuerpos? ¿Qué nos dicen las categorías? Las categorías nos dicen más sobre la necesidad de categorizar los cuerpos que sobre los cuerpos mismos. Judith Butler

Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía

Dolores Juliano Corregido. Cursou a licenciatura de Antropoloxía en Arxentina e doctorouse en Filosofía e Letras na Universidadede Barcelona, onde foi profesora titular ata a súa xubilación. Traballa desde hai moitos anos en  Antropoloxía da Educación, e en temas de xénero, inmigración e discriminación, desde unha perspectiva feminista. Forma parte de diversos equipos de investigación e ten dado cursos en varias universidades españolas e de América Latina. Recibíu o premio “Creu de Sant Jordi” outorgado pola Generalitat en 2010 polo conxunto da súa traxectoria académica e científica.

Luns 6. Noite 20:00 a 22:00. Bloque: A SEXUALIDADE A DEBATE

Dado que a base da nosa nosa organización sexo-social é a obrigatoria complementariedade heterosexual, resultan estigmatizadas todas as conductas que se sitúan á marxe do modelo, tales como homosexualidade, prostitución, transexualidade, bisexualidade, así como as transgresións ás normas de xénero. A criminalización do sexo de pago e doutras actividades incluidas dentro do negocio do sexo, como a pornografía, non depende dos delitos que se cometen dentro destas áreas, que existen pero que poden evitarse facendo uso da lexislación común, senón da estigmatización social, que se ensaña cos sectores máis desfavorecidos e se nega a escoitar as súas demandas.

O problema de outorgar credibilidade aos sectores que carecen de poder e prestixio social, pode darse mesmo  no seno dos movimentos reivindicativos. O feminismo tivo dificultades epistemolóxicas para incluir nas súas reivindicacións a voz das mulleres pertenecentes aos sectores marxinais,  atrapado en dous dilemas: Se históricamente se reclamaran dereitos civís a partir da superioridade moral da muller, que se fai con aqueles ás que se lles asignaba moralidade dubidosa ou non convencional?  Por outra banda, pero converxentemente, se se cría nun modelo único de reivindicacións universais productos da ilustración, e na existencia dun suxeito “muller” indiferenciado, como entender prioridades diferentes a partir de situacións sociais diversas, tales como os condicionamientos de clase, étnicos ou relixiosos?

A tentación de culpabilizar ás infractoras, cuxo modelo eran as prostitutas ou as sospeitosas de selo, atopou apoio dentro do sector máis intistucionalizado do movemento de mulleres. A outra posibilidade consistía en victimizalas, considerando que as conductas “inmorais” lles eran impostas externamente. Este foi o camiño que siguiu o movemento “antipornografía” de EEUU, que se extendeu por moitos países e se diversificou en distintas formas de abolicionismo.  Contra esta deriva autoritaria loitan actualmente as asociacións de traballadoras do sexo, as organizacións pro dereitos e as correntes do feminismo prosexo e queer.  Tamén dentro do campo académico multiplícanse  os estudios de ciencias sociais que procuran rescatar a voz destes sectores.

Ciencia, inocencia e sexo

A inxenua analoxía dos órganos dos dous sexos desapareceu, pero aínda temos que desprendernos de moitos outros errores heredados, pois o percorrido desde a disección ata a formulación é tan complicado, tan pouco directo e tan condicionado pola cultura coma antes. Ludwik Fleck


Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía

Javier Peteiro Cartelle. Nado na Coruña en 1953. É Licenciado en Medicina e Ciruxía. É Doutor en Medicina e Ciruxía coa tese “Influencia dun campo magnético estático sobre a cinética celular de meristemos de Allium e linfocitos humanos. Análise citoxenético da súa capacidade mutaxénica en ambos sistemas experimentais”. É especialista en Análises Clínicas. Foi Secretario Xeral do Colexio Médico da provincia da Coruña e Coordinador da Unidade de Patoloxías de Baixa Prevalencia na mesma institución até o 2006. Na actualidade é Xefe de Sección de Bioquímica e Laboratorio de Alerxia no CHUAC. Ten desenvolvido tamén actividade docente como Profesor colaborador de Biofísica e Bioquímica na Escola Universitaria de Enfermería de A Coruña (1978-1997), Profesor de Bioestatística da mesma Escola (1983-1991) ou como Profesor de Terceiro Ciclo (2007-2012) en programas sobre “Aspectos básicos e clínicos do transplante” e “Medicina clínica. Avances e investigación”. É autor dun blog de reflexión, que mantén na actualidade, centrado no xogo entre memoria e esquecemento: “Cerca del leteo”.

Martes 7. Noite 20:00 a 22:00. Bloque: A SEXUALIDADE A DEBATE

Na conferencia analizaranse os aspectos que seguen:

  1. Evolución da sexualidade. Naturaleza do individual. Individuo versus suxeito.
  2. A diferencia sexual. Dimorfismo sexual.
  3. O suxeto sexuado. Atracción sexual, reproducción e estabilidade de parella.
  4. A inocencia sexual bioloxicista.

Historia do movemento LGBT en Galicia

Todas as personas producimos xénero, produzamos liberdade. Argumentemos con infinitos xéneros. Manifesto transfeminista


Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía
Laura Bugalho. Diplomada en Maxisterio e licenciada en Pedagoxía, na especialidade de Intervención Social, traballa como sindicalista da CIG desde 1992. Asemade ten destacado como activista LGBTQ, feminista e transfeminista e a prol dos dereitos das persoas migrantes. É membro do Foro Galego de Imigración, do Colectivo STOP Desafiuzamentos Compostela, Rede Transfeminista Galega, Rede Internacional pola Despatoloxización Trans, e tamén milita na causa soberanista galega. Ten publicado diversos artigos nas seguintes publicacións: Andaina, A Nosa Terra, Vozeiro O Pedroso, Vieiros, Novas da Galiza, Galiza Livre Diário Liberdade, Sermos Galiza, Páxina wweb da CIG/Avantar, Seminario Galego de Educación para a Paz (SGEP). Foi Presidenta do Consello da Xuventude de Galiza. Laura Bugalho ten recibido, entroutros o Premio Legais 2001 a Defensa dos Dereitos e Liberdades LGBT, o Premio Triángulo de Ouro EHGAM 2009 e o Premio Nicolás Salmerón 2011 na categoría de Defensa das Liberdades Sexuais.

Martes 7. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A SEXUALIDADE VISTA DESDE GALICIA

A evolución do movemento lesbigaytransexual na última década na Galiza pasou desde un activismo de cada grupo a unha confluencia dos movementos nunha Federación Galega chamada Aturuxo, sendo a proxeción pública desta amplamente recoñecida nomeadamente no Dia do Orgullo en Compostela. Esta ilusionante tarefa federativa foi indo a declive coa falla de tempo das persoas que máis fondamente levaran a iniciativa, coa entrada de intereses partidistas que en troques de apostar por manter a proposta tentou -baixo o meu punto de vista- asimilala ao Partido político gobernante naquela altura.

Asistimos despois ao nacemento do movemento transfeminista, na Galiza tamén con entidades como Maribolheras Precarias, Nomepisesofreghao, Oquenosaedacona e o Coletivo TransGaliza. O Transfeminismo xurdiu como a suma das loitas ante aquel entón parcializadas e que coa ollada de “por que imos loitar por unha parcela se o campo é todo noso?” interseccionou, baixo meu punto de vista, de maneira intelixente aqueles movementos nas marxes da sociedade. O Transfeminismo xorde do Feminismo, mantense nel os seus fundamentos, e aglutina outros activismos trans-marica-bollo-puta-inmigrante. Translada o suxeito do feminismo a un amplo grupo de persoas nos que a exclusión social e política fan que a sua loita, antes parcial ou de continxente, sexa vertebrada desde o Transfeminismo como loita global, radical e revolucionaria.

Mercados do sexo en Galicia vs Industria da salvación

  …a prostituta está dobremente disminuida respecto ó seu cliente, pola necesidade material que a levou a ese oficio (presión de clase), polo seu estatuto de muller (presión de xénero). Pascal Bruckner

Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía

José López Riopedre. Doutor en Socioloxía, avogado, diplomado en criminoloxía e profesor-titor de Socioloxía e Antropoloxía Social no Centro Asociado da UNED en Lugo, profesor colaborador na Escola de Ciencias Policiais na Universidade de Vigo. Becario da AECI en Brasil, donde rematou os cursos de doutorado (Universidade Federal de Santa Catarina, UFSC 2000), e de CAPES/Fundación Carolina como profesor invitado no Núcleo de Estudos de Gênero/PAGU (UNICAMP/Sâo Paulo 2012), así como poñente na Comisión Especial do Senado sobre a Prostitución (2002/03). Na última década desenvolveu diversas investigacións sobre prostitución en España e en Brasil, entre elas o Estudio sociológico sobre el fenómeno de la prostitución en la ciudad de A Coruña y su área de influencia. Doutorouse cunha tese sobre traballadoras sexuais colombianas e brasileiras: Inmigración colombiana y brasileña y prostitución femenina en la ciudad de Lugo: Historias de vida de mujeres que ejercen la prostitución en pisos de contactos. As súas actuais liñas de investigación: construcción socio-política dos discursos sobre sexualidade, evolución da industria do sexo, movementos migratorios, prostitución transnacional, procesos de criminalización e victimización, etc.

Mércores 8. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A SEXUALIDADE VISTA DESDE GALICIA

Os mercados do sexo en Galicia seguen unha tendencia xeral, a igual que sucede no resto do Estado español, no senso de experimentar unha evolución ascendente (en termos de movimentos de negocio e número de persoas implicadas) dende os anos noventa e ata principios do século XXI, para a partires de mediados da pasada década comezar a sufrir un declive a causa principalmente da crise económica. Esta dinámica foi todo o tempo acompañada de unha crecente globalización dos mercados do sexo e de unha gran heteroxeneidade nos diferentes contextos e modalidades de desempeño do traballo sexual así como de unha cada vez maior asimilación do modelo abolicionista no plano político e xurídico.

É precisamente nesa sucesión étnica onde atopamos certas singularidades para Galicia, onde o colectivo brasileiro foi omnipresente a primeiros do novo século, para máis tarde recuar coa crise e producirse de seguido dous fenómenos interesantes sociolóxicamente como son o retorno das migrantes e o deslocamento e relanzamento do traballo sexual transnacional.

Fronte a observancia desas dinámicas, atopamos por outra banda o imparable avance da industria da salvación, artefacto particular produto da importación do modelo abolicionista no noso país e dende onde un chamativo conglomerado de ONG´s, burócratas e institucións do control social pugnan por dominar o espazo político-social a través do discurso apocalíptico da victimización das migrantes e as traballadoras sexuais. Deste xeito, constrúense nestes tempos en Galicia numerosas campañas e políticas públicas cheas de simbolismo trafiquista e de alto compoñente emocional que retro-alimentan os esforzos victimizantes do abolicionismo máis radical.

 Establécese entón un duro enfrontamento dialéctico entre os intereses dos mercados do sexo e aqueles empresarios morais que tratan de impoñer o paradigma da victimización, enfrontamento que, polo contrario, non chega a eclipsar o paradoxo de compartir no fondo as estratexias de mobilidade social ascendente, as prácticas utilitaristas cos actores (en especial as traballadoras do sexo) e en síntese a racionalización de recursos que acheguen o éxito económico e o lucro simbólico nesta sociedade global-capitalista.

Nocións de sexosofía antiga

Mentres o sexo sexa tratado coa actual confusión, ignorancia e sofisticación, negación e indulxencia, supresión e estimulación, castigo e explotación, misterio e proposta, será asociado coa duplicidade e indecencia en vez de honestidade intelectual ou dignidade humana. Alfred Kinsey

Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía

Joserra Landarroitajauregi Gara. Sexólogo. Pedagogo. Psicólogo. Co-director do Centro de Atención á Parella BIKO ARLOAK (Bilbao). Responsable de Training de Sexología Clínica. Profesor de Formación de Postgrao en Sexología (Master en Sexoloxía da Universidade de Alcalá, Master en Sexoloxía da Universidade Camilo José Cela). Profesor de Formación de Postgrado en Psicoloxía Clínica (Master en Terapia Familiar e Intervencións Sistémicas da Universidade Pontificia de Salamanca, Master en Saúde Mental e Terapias Psicolóxicas da Universidade Deusto). Membro Fundador da Asociación Estatal de Profesionais da Sexoloxía.

Luns 6. Noite 20:00 a 22:00. Bloque: A SEXUALIDADE A DEBATE

A intervención fará un percorrido histórico, polas aportacións da filosófía e inxerencias da moral relixiosa. O relatorio analiza como se reflexionou sobre o sexo ao longo dos tempos, nunha revisión que ten como finalidade última atopar respostas aos interrogantes actuais, transitando a través do noso pasado para comprender o sexo de aquí e agora mediante unha revisión intertextualizada da sexuación e sexación.

As mulleres na historia moderna de Galicia: Entre os desexos e as realidades

As razóns que levaron a moita mulleres ó claustro foron varias, aínda que é certo que estamos ante un fenómeno non cuantificable. M.J. Lanzagorta Arco

Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía

Ofelia Rey Castelao. Ofelia Rey Castelao é catedrática de Historia Moderna na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, na que exerce dende 1978. Ten publicados doce libros e máis de 150 artigos en obras colectivas e en revistas –Mundo agrario, Pedralbes, Manuscrits, Mélanges de la Casa de Velázquez, Annales de démographie historique, Iter (Piamonte), Chronica Nova, Historia, antropología y fuentes orales, Stvdia Historica, Estudos Regionais (Portugal), XVIIe siècle, etc. Ten impartido docencia en universidades de Arxentina, Italia e Francia –Ecole des Hautes Etudes en Sciences Sociales de París como directora de estudios. Da súa obra reciente, unha gran parte está centrada nas mulleres de Galicia e das monarquía hispánica na Idade Moderna; en especial destacan o libro “Historia de las mujeres en Galicia, siglos XVI-XIX”, en colaboración con S. Rial (Nigratrea, 2010); coordinou a  “Historia das mulleres en Galicia”, publicada pola Xunta de Galicia.

Xoves 9. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A SEXUALIDADE VISTA DESDE GALICIA

As mulleres na Galicia da Idade Moderna eran rurais en máis dun noventa por cento; o resto vivía en cidades e vilas pequenas e tradicionais, salvo A Coruña ou Ferrol a fins do XVIII, abertas a novas influencias. Na teoría, a Igrexa, omnipresente, impoñía o seu dominio na moral privada, pero na práctica, as investigacións históricas teñen posto á luz comportamentos bastante ao marxe das normas: alta ilexitimidade, alto porcentaxe de concepcións prenupciais, gran frecuencia de abandono de nenos, etc. As razóns que o explican teñen que ver con realidades sociais evidentes, en especial a elevada tasa de solteiría, a idade tardía ao casar, a emigración masculina, etc. e tamén con interpretacións libres do discurso da Igrexa. Non hai datos de prostitución rural -ainda que si de convivencias sen casar-, pero sí moitos das cidades, en especial de Ferrol a partires de 1750. O estudo da relación entre as realidades evidente e o que se ocultaba tras delas é o centro desta poñencia.

Concepção da filosofia e da religião Africana sobre sexualidade feminina: Mitos ou factos

Matriliñalidade e matrilocalidade asumen unha serie de vantaxes vistas do punto de vista de mulleres e comparado coa patriliñalidade e patrilocalidade. Signe Arnfred

Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía

Manuel Cochole Paulo Gomane. Licenciou-se em Filosofia pela Universidade Pedagógica de Moçambique onde também realizou estudos de mestrado nessa área. Atualmente, é professor do Departamento de Filosofia da delegação da Maxixe (Inhambane, Moçambique) dessa mesma Universidade. É responsável pela docência de matérias como Introdução à Filosofia, Métodos de Estudo e Antropologia Cultural de Moçambique. Nos últimos anos tem participado em diversos projetos de investigação tanto no âmbito da filosofia como da antropologia. Foi membro e pesquisador do Centro de Estudos Moçambicanos e de Etnociências (CEMEC), um dos centros de pesquisa da Universidade Pedagógica, tendo coordenado paralelamente o projeto multicultural “Modernizando Tradições – Cultura e Desenvolvimento” assim como o projecto “Saber local gi-tonga entre o multi e interculturalismo na Maxixe: Experiência de lágrimas e sorrisos”. Foi membro do grupo do projecto de pesquisa antropológica do Centro Junod, de Ricatla (Maputo, Moçambique). Atualmente é coordenador e chefe do Departamento de Pesquisa, Extensão e Publicação da Universidade Pedagógica (Delegação da Maxixe), onde também coordena as atividades do Núcleo de Pesquisa sobre Género e Educação.

Xoves 9. Noite 20:00 a 22:00. Bloque: A SEXUALIDADE A DEBATE

Na filosofia e religião africana a sexualidade feminina está permeada de mitos, o que até certo ponto tem justificado toda uma serie de actos de discriminação de género e violência contra as mulheres na sociedade. Debates sobre sexualidade na filosofia Africana como disciplina académica são relativamente novos quando comparados ao lugar que a sexualidade feminina ocupa na religião tradicional Africana. O objectivo deste artigo foi o de mostrar até que ponto a representação da sexualidade feminina na filosofia e religião africana podem constituir um mito e/ou facto. Como metodologia, o estudo utilizou a consulta bibliográfica. A conclusão a que o estudo chegou é de que a concepção da filosofia e da religião Africana sobre sexualidade feminina está repleta de mitos embora haja alguma verdade, não estando além da cosmovisão filosófica grega que associava a sexualidade feminina ao corpo, considerando os como uma deformidade natural. O estudo terminou por recomendar formas de se extrair, dentro da filosofia e da religião africana, elementos emancipatórios que possam ser utilizados no combate contra a discriminação de género.

Costumes, mitos, ritos e tabús sobre o sexo na cultura galega tradicional

Unha noite no muíño, unha noite non é nada / unha semaniña enteira, esa si que é muiñada. Cantiga popular


Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía

José Luis Garrosa Gude. En 1997 licenciouse en Filoloxía Alemá na Universidad Complutense de Madrid e anos despois en Dereito pola UNED. En 2006 obtivo o Diploma de Estudos Avanzados en Filoloxía, tamén pola UCM e na actualidade doutórase en Literatura Comparada na Universidade de Alcalá. Logo de rematar os estudos de Filoloxía, exerce como tradutor e intérprete de diferentes linguas para organismos públicos e privados. A partir do ano 2000 comeza a impartir cursos de Iniciación e Perfeccionamento de Lingua Galega –e máis tarde do CELGA– en centros galegos da Comunidade de Madrid e na Casa das Linguas da capital. Desde o curso 1999-2000 traballa como profesor de ensino secundario, da especialidade de Lingua castelá e Literatura. A súa actividade de investigación céntrase en múltiples aspectos dos campos da literatura comparada e da literatura de transmisión oral e da conferencias e relatorios en universidades e institucións oficiais (Universidade de Santiago de Compostela, a Universidad Complutense de Madrid, a Universidad de Alcalá, a Universidad Carlos III de Madrid, o Museo Etnográfico de Castilla y León de Zamora ou o Museo Provincial de Lugo).

Luns 6. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A SEXUALIDADE VISTA DESDE GALICIA

Poucos xéneros da literatura tradicional de Galicia ofrecen tantas posibilidades para a análise antroplóxica e sociolóxica como a multitude de textos que integran o ben documentado cancioneiro popular galego. Abondaría unha ollada superficial para comprobarmos que estamos ante un verdadeiro fresco dos costumes populares de vello conservado –e, xa que logo, tamén fosilizado para alegría do estudoso– na forma brevísima e concentrada da copla.

A importancia dos datos etnográficos espallados nas nosas cancións populares reside tamén na enorme difusión que estas gozaron na cultura tradicional galega e no valor case dogmático que posuían as sentenzas e a ideoloxía expresada nos versos tanto para os propios transmisores do cancioneiro coma para todos os coñecedores –a práctica totalidade da sociedade rural antiga– desta forma literaria.

O relatorio estudia a concepción da sexualidade e das relacións amorosas na cultura galega tradicional a partir de referencias tiradas do noso cancioneiro popular. Este aspecto da existencia humana –sen dúbida o máis tabuizado de todos eles– fai que debamos desvelar moitas das súas concepcións a partir de símbolos e metáforas que posúen o dobre valor de condensar e de ornamentar a expresión poética.

Vivimos nuns intres cruciais, pois aínda que podemos congratularnos da importancia que se atribúe hoxe en día ao chamado patrimonio inmaterial –mesmo en organizacións máis ou menos oficiais coma a UNESCO– das diferentes culturas universais, a nosa época ve como se van esvaecendo para sempre as formas tradicionais de transmisión oral. Por todo isto cómpre recoller o pouco que reste nas memorias máis fieis dos últimos informantes e proseguir co seu estudo rigoroso, probablemente un dos únicos xeitos de outorgarlles aos nosos cancioneiros un certo grao de inmortalidade.

Lección de Clausura a cargo de Román Gubern

A rede permite (e hasta estimula) un cambio de identidade sexual (gender swapping) do operador, para experimentar coa transexualidade virtual, pois cada suxeito pode xogar ó cambio de sexo e de personalidade para explorar, sin risco, unha alteridade sexual que lle resultaría moi complicada e arriscada na interacción cara a cara. O eros electrónico

Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía

Román Gubern Garriga-Nogués. Doutor en Dereito pola Universidade Autónoma de Barcelona (1980) e Doutor honoris causa pola Universidade CarlosIII de Madrid (2013), traballou como investigador invitado no Massachusetts Institute of Technology (1971-72) e foi profesor de Historia do Cine na University of Southern California (Os Angeles) e a California Institute of Technology (Pasadena) (1975-77), ademais da Venice International University (Italia, setembro-decembro de 1998) e fundador e director do Instituto Cervantes en Roma (1994-95). Dende 1983 é Catedrático de Comunicación Audiovisual na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade Autónoma de Barcelona, da que tamén foi Decano (1987-88). Dende 2004, tras a súa xubilación, exerce como Catedrático Emérito na mesma institución e dirixe o máster de Documental Creativo da mesma institución (dende 1998). Foi presidente da Asociación Española de Historiadores do Cine (1990-95) e da Asociación Colexial de Escritores de Cataluña, é membro da Association Française pour a Recherche sur l ´ Histoire du Cinéma, académico da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, da Real Academia de Doutores de España, da Academia de Artes e Ciencias Cinematográficas de España, da Academia do Cinema Català, da Societat Catalana de Comunicació, do Padroado do Teatre Lliure de Barcelona, do Instituto Luís Buñuel (SGAE), da American Association for the Advancement of Science, do Comité de Honra da International Association for Visual Semiotics e do consello do International Journal of Media and Cultural Politics.

Membro fundador da Escola de Comunicación e Deseño Eina (Barcelona) en 1967 e do Institut del Cinema Català en 1975. Pronunciou numerosas conferencias (na Universidade de Harvard, a California Institute of Arts, a Universidade de Yale, a New York University, o MoMA, a Universidade da Sorbona (París), a Universidade París VIII, a Universidade La Sapienza de Roma, a Cinemateca de Helsinki, a Bienal de Venecia, etc.). Medalla da Universidade Politécnica de Valencia en 1986, xurado dos Festivais de Cine de San Sebastián, Huelva, Valladolid, Las Palmas, Montpellier, Nantes e Dijon (Francia) da Bienal de Venecia en 1986 e presidente do xurado do festival de Mar, do Prata en 2005, Oficial da Ordre deas Palmes Académiques (Francia, 1994), profesor honoris causa da Universidade de Lima (1995), medalla da Asociación Española de Historiadores do Cine (2004), medalla de Oro das Belas Artes (2010) e Premio Sant Jordi de Cinematografía de Radio Nacional de España (2011). Creu de Sant Jordi da Generalitat de Catalunya (2013).

Venres 10. Noite 20:00 a 22:00. Bloque: A SEXUALIDADE A DEBATE

Xenealoxía da identidade sexual

A partir e por medio dos nosos desexos, podemos establecer novas modalidades de relacións, novas modalidades amorosas e novas formas de creación. O sexo non é unha fatalidade, non; é una posibilidade de vida creativa. Michel Foucault

Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía

Elvira Burgos Díaz. Doutora en Filosofía pola Universitat de València e profesora de Filosofía na Universidade de Zaragoza. Imparte clases de pensamento e teoría feminista e de filosofía do corpo. As súas principais liñas de investigación refírense á filosofía contemporánea, e en particular ao pensamento feminista. Os seus estudos estudios feministas céntranse en especial en autoras como Judith Butler e Monique Wittig. Participou no proxecto de investigación dirixido por Beatriz Suárez Briones, profesora da Universidade de Vigo, titulado Feminismos lesbianos y queer. Representación, visibilidad y políticas.

Xoves 9. Mañán 10 10:30 a 13:30. Bloque: REFLEXIÓN FILOSÓFICA SOBOR DA SEXUALIDADE

Cuestionar o valor da orixe, criticar os principios asentados e os fundamentos inconmovibles; rastrexar a historia discontinua, azarosa, continxente; abrir posibilidades, para o presente, para o futuro. A xenealoxía de Nietzsche arríscanos por este camiño que dinamita as certezas ontolóxicas e epistemolóxicas, que derriba, por consiguinte, os fríos códigos morais universais e transcendentes. Os dualismos asentados pola tradición filosófica occidental, visibles cando menos desde a súa formulación pitagórica, abanean e a súa caída evidencia aquelo que ocultaban: a violencia que lles caracteriza, a vontade da morte. En Foucault, a xenealoxía lévanos a unha peculiar ontoloxía do presente na que o pasado non determina inexorablemente o que agora somos senón que potencia a aparición dun agora, e dun despois, aberto ao cambio e á transformación. A Historia da sexualidade de Foucault  interpélanos: como seguir pensando que a nosa máis secreta e auténtica verdade está no noso sexo e na nosa sexualidade? É Rubin, sen embargo, a que desde unha ollada directamente feminista discute, en Reflexionando sobre o sexo, o esencialismo sexual, esa tesis que afirma que a sexualidade é “unha forza natural” anterior á nosa vida social. Xunto a isto, Rubin disputa a xerarquización e a estratificación sexual que dictamina sobre prácticas sexuais boas e malas e sobre os diferentes graos de bondade ou maldade. Butler reforza os argumentos desnaturalizadores das nocións de xénero, sexo e sexualidade, tras a pegada de pensadoras feministas como Beauvoir, Rubin, Wittig; deconstrúe a suposta coherencia e estabilidade das categorías que impón a “matriz heterosexual”; indaga, coa súa performatividade, nos mecanismos que configuran as nosas identidades e desde ahí nas estratexias efectivas para un desfacer que nos permita un facernos en liberdade.

Sexualidade, produción e mercadorías

A quen primeiro lle rouban o seu devir para imporlle unha historia ou unha prehistoria é á moza. O turno do mozo ven despois, pois ó porlle á moza como exemplo, ó amosarlle á moza como obxecto de desexo, fabrícanlle á vez un organismo oposto, unha historia dominante. A moza é a primeira víctima, pero tamén debe servir de exemplo e de trampa. Gilles Deleuze

Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía

Belén Castellanos Rodríguez. Naceu en Avilés en 1978. É Licenciada e Doutora en Filosofía pola UNED, coa tese “La crítica de Deleuze al psicoanálisis: el proyecto de un deseo políticamente constituyente”. Desde 2014 Profesora titora de Ética, Metafísica e Teoría da Arte na UNED e Membro do grupo de investigación “Ecología crítica para un mundo globalizado”. Desde 2012 é Membro do grupo de investigación ONHERLEN (Ontoloxía, hermenéutica e linguaxe) I+d+i (UNED). E desde o 2010 Persoal Docente Investigador no EMUI (Instituto universitario da Universidade Complutense de Madrid, Departamentos Historia e Civilización, e Estudos de xénero).

Mércores 8. Mañán 10:30 a 13:30. Bloque: REFLEXIÓN FILOSÓFICA SOBOR DA SEXUALIDADE

Tratarase de expor dúas liñas de discurso para abordar os dous posibles e entrelazados xeitos de comprender a idea filósofica de sexualidade humana: como unha das dimensións relacionais, isto é, como un modo de encontrarse; e como un dispositivo de identidade, en cuxo caso estariamos a falar máis ben de sexuación.

O primeiro dos fíos consistirá nun esbozo do que sexa a relación sexual, aquilo que implica, que é o que se está compoñendo alí e que relación garda coa produción e a reprodución. A proposta consiste en procurar na sexualidade unha figura paradigmática que difumina as barreiras clásicas entre produción e reprodución. Para elo percorreranse tamén diferentes esquemas nos que a relación sexual se pode atrapar, partindo dos matices conceptuais que adquira o termo “producción”: sexo como actividade, sexo como traballo, sexo como ocio. Con elo tentaremos exercer a sospeita sobre o modelo de produción-consumo, xa que a sexualidade serve tamén como figura para comprender que producir e consumir son só perspectivas, e que incluso no consumo hay unha produción aínda que non se recoñeza social, laboral ou contractualmente como tal.

No segundo dos fíos interesa amosar a cuestión do traballo afectivo e da feminización das condicións laborais nos tempos actuais, é dicir, de cómo aquelas cualidades tradicionalmente asociadas ao traballo feminino (coidados, transmisión de valores, xeración de afectos, comunicación, expresión verbal e portación da linguaxe, tempo difuso de traballo, dispoñibilidade emocional cuasi-permanente, xeración de capital en economía mergullada, etc.) xeralízanse arestora coa terciarización laboral e cos novos requerimentos do mercado, tales como a crecente imposición do ocultamento do carácter explotado do traballo a partir da imposta e fraudulenta condición do obreiro como autónomo, a flexibilidade horaria revertida a favor do capital ou a difuminación do exercicio laboral, da cualificación, da concreción de tarefas que facilita enormemente a arbitrariedade dos convenios.

Finalmente, uniranse ambos fíos baixo a cuestión da propia sexualización da actividade laboral no momento no que o sexo devén mercadoría segundo os aspectos sexuais do perfil do traballador entran de cheo na selección do persoal. Veremos que isto ten lugar na época do que Marx prognosticaba baixo o nome de subsunción total da vida no capital.

Na sexualidade (como en todo) a diversidade é a diferenza o que a igualdade é aos dereitos: o transxénero.

Coñezo o amor heterosexual e o homosexual, e como lesbiana coñecín a persecución, a maledicencia e o maltrato. Kate Millet


Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía

José Antonio Nieto Piñeroba. Catedrático emérito de Antropoloxía da Sexualidade e de Socioloxía da Diversidade na UNED.
Ten publicados, entre outros, os seguintes libros: Transexualidad, transgenerismo y cultura (Talasa 1998); Antropología de la sexualidad y diversidad cultural (UNED 2004); Transexualidad, intersexualidad y dualidad de género (Bellaterra 2008); Sociodiversidad y sexualidad (Talasa 2011).

Martes 7. Mañán 10:30 a 13:30. Bloque: REFLEXIÓN FILOSÓFICA SOBOR DA SEXUALIDADE

Diversidade, diferenza, igualdade e dereitos son compoñentes socioculturais, con especificidade propia e facetas múltiples, que necesitan ser contextualizados. Dadas as características propias que definen os contextos, calquera aproximación epistemolóxica e teórica á sexualidade obriga a unha interpretación onde o marco de referencia é de entidade superior á conceptualización científica que os termos episteme e teoría encerran. Se analizamos comparativamente a igualdade/desigualdade de dereitos, en distintas sociedades, das persoas con identidades, actitudes e condutas non orientadas sexualmente cara á “ortodoxia”, observamos realidades sociais e culturais moi dispares. A disparidade implica que os presupostos científicos usuais das ciencias sociais resultan insuficientes á hora de explicar o obxecto de estudo. Este require de premisas de dimensión maiores que a proporcionada pola estrita “obxectividade”. A desigualdade, a ausencia de dereitos dos “diferentes”, necesita, pois, ser contemplada cunha mirada que abranga a política sociosexual da realidade do contexto a estudar. Ante este modo de focalizar as carencias/omisións igualitarias e a correspondente desprotección subxectiva de dereitos, o investigador, lonxe dunha neutralidade produto dunha construción imaxinaria e polo tanto realmente inexistente, devén un analista que non só observa e describe a sociedade senón que tamén a cuestiona. En consecuencia, adopta unha postura crítica co que xenericamente pódese denominar “abuso de poder”. De non ser así, de non facer uso destas coordenadas interpretativas, ao incorrer en silencios no discurso que transmite o observado, o investigador reproduce, intencional ou involuntariamente, o abuso. Todo iso supón aprehender a diversidade sexual das sociedades dende a perspectiva dun prisma que ten en conta o principio de igualdade na diferenza. Na presentación oral deste argumentario, co fin de ilustrar o principio, recorrerase a precisar o alcance de vocábulos como “universalismo” e “particularismo”. Á súa vez, incidirase no que a súa aplicación comporta na sociedade da información globalizada.

Sexus e Eros versus Locus genitalis

A nítida diferenciación dos sexos na nosa cultura debeu probablemente a súa configuración á monogamia e á monosexualidade e os seus tabús. Foi unha violación da natureza. Laurence Durrell


Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía

Efigenio Amezúa Ortega. Doutor en Sexoloxía, director do Instituto de Sexoloxía Incisex, Estudos de Postgrao de Sexoloxía Incisex –Universidade de Alcalá e Máster en Sexoloxía: educación e asesoramento sexual. É tamén fundador (1979) e editor da Revista Española de Sexología.

Luns 6. Mañán 10:30 a 13:30. Bloque: REFLEXIÓN FILOSÓFICA SOBOR DA SEXUALIDADE

“Seguindo a pista do léxico, a historia de como o locus genitalis se convirte en sexo ou chegou a suplantar a Sexus e Eros é unha historia ben curiosa” que o profesor Amezúa explica no seu relatorio “Sexus e Eros versus Locus genitalis”.

Introdúcenos ás primeiras miradas sobre a sexualidade da Grecia Clásica no Acto primeiro: Eros e Sexus. Atenas 385 a.C. condúcenos dende o eros platónico do Banquete cara o sexus dividido de Aristófanes, construindo o relato da sexuación ata o Ars Amandi de Ovidio.

No Acto segundo: O locus genitalis. Illa de Cos, 395 a. C. prodúcese a inxerencia da xenitalidade. No entorno da Escola de Hipócrates “o proto-médico ou físico ” a observación concéntrase na fisicidade xenital dando especial relevancia á xeración (genós, genus), o interese radica  na reprodución.

A través das miradas pasadas presentes Efigenio Amezúa chega ó Acto terceiro. Nos nosos días onde as visións primeiras configuran as teorías maiores como “fondo histórico e conceptual na procura dunha articulación epistemolóxica do Feito Sexual Humano” e outras teorías menores -máis anecdóticas se cadra- que baixo intereses “de orde moral ou socio-política” configuran a dexeneración, a libido e o xénero. Pero a historia continúa.

XXXII SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA: “FILOSOFÍA E SEXUALIDADE”

Entre os días 6 e 10 de abril de 2015 celebrouse no Teatro Principal de Pontevedra a XXXII SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA co título de: Filosofía e Sexualidade.

Programa:

  • Mañá: REFLEXIÓN FILOSÓFICA SOBRE A SEXUALIDADE. Este eixo desenvolverá os relatorios de maior contido e peso académico. Abrirá o debate o Profesor Efigenio Amezúa da Universidade de Alcalá, máximo expoñente da Sexoloxía en España e editor da Revista Española de Sexología. Estarán con el na reflexión José Antonio Nieto Piñeroba, Belén Castellanos Rodríguez, Elvira Burgos e Araceli Fuentes García-Romero.
  • Tarde: A SEXUALIDADE VISTA DENDE GALICIA. Un “ollar o escenario galego” articula as conferencias da tarde. Concentrará a súa atención en Galicia recorrendo cunha visión histórica o camiño que nos trae dende os mitos e tabús ancestrais, atravesando os feminismos e os actuais movementos LGBT até outras comprensións máis disidentes da sexualidade. Ilustrarán este ámbito Xosé Luis Garrosa Gude, Laura Bugalho, José López Riopedre, Ofelia Rey Castelao, e Maria Victoria Carrera.
  • Noite: A SEXUALIDADE A DEBATE. Coma cada ano as sesión da noite están trazadas cun perfil máis divulgativo e accesible, non por iso será o percorrido menos histórico xa que permitirá trazar unha ollada dende a sexosofía máis antiga, os máis remotos factos da sexualidade africana pasando polos actuais discursos sobre os mercados do sexo. O mapa debuxarano nas noites Dolores Juliano, Javier Peteiro Cartelle, Joserra Landarroitajauregi Garai, e Manuel Cochole Paolo Gomane. Será na última das sesións de noite onde terá lugar a sesión de clausura a cargo de Román Gubern historiador de medios de comunicación de masas e especialista en cultura da imaxe e comunicación audiovisual, actual colaborador de El País que foi pioneiro en estudos sobre a pornografía no estado español.