Cancelación da Semana Galega de Filosofía en 2020 e realización da mesma en 2021 co mesmo programa previsto
A Aula Castelao de Filosofía acordou cancelar definitivamente a celebración da Semana Galega de Filosofía do presente ano. Vímonos obrigados a suspendela nas datas previstas e adiala para setembro por causa do estado de alarma. Mais, debido a que despois de rematado o actual curso académico e que as autoridades educativas acaban de estabelecer un protocolo moi cuestionado polo profesorado para o comezo das aulas á volta do verán, e dadas as advertencias das autoridades sanitarias sobre previsíbeis rebrotes do coronavirus logo das vacacións, consideramos que nesas circunstancias a realización da Semana de Filosofía en setembro non se podería levar a cabo coas garantías suficientes que fagan prever o seu normal desenvolvemento.
Téñase en conta a alta participación do profesorado neste congreso, colectivo que a estas alturas conta cun protocolo con garantías insuficientes á hora de reincorporarse ao seu labor educativo. Así mesmo, cómpre salientar que a Semana Galega de Filosofía ten unha dimensión social, de encontro e debate que se prolonga mesmo no exterior da sala de conferencias, e que lle dá un especial atractivo a esta actividade, pois entre os seus obxectivos está o de fomentar a discusión e contraste de opinións, non só cos relatores e coas relatoras, senón tamén coas propias asistentas e asistentes.
Por todo isto, acordamos trasladar o programa previsto para esta XXXVII Semana Galega de Filosofía que leva por título “Filosofía e Civilización Dixital” para o vindeiro ano nas datas tradicionalmente estabelecidas (logo da Semana Santa, do 5 ao 9 de abril de 2021), agardando que se produza unha redución da incerteza en que hoxe nos movemos e unha consecución de máis seguridade, co fin de ofertar unhas xornadas de debate da maior calidade posíbel.
Elección de novo coordinador da Aula Castelao de Filosofía
Asemade, a Aula Castelao de Filosofía vén de elixir un novo coordinador para continuar coa súa actividade. Despois de 7 anos no cargo Ana Ruth Regueira García deixa a coordinación para ser substituída por Alexandre Cendón González, membro da Aula e tamén profesor de Filosofía no ensino secundario.