Sexualidade, produción e mercadorías
A quen primeiro lle rouban o seu devir para imporlle unha historia ou unha prehistoria é á moza. O turno do mozo ven despois, pois ó porlle á moza como exemplo, ó amosarlle á moza como obxecto de desexo, fabrícanlle á vez un organismo oposto, unha historia dominante. A moza é a primeira víctima, pero tamén debe servir de exemplo e de trampa. Gilles Deleuze
Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía
Belén Castellanos Rodríguez. Naceu en Avilés en 1978. É Licenciada e Doutora en Filosofía pola UNED, coa tese “La crítica de Deleuze al psicoanálisis: el proyecto de un deseo políticamente constituyente”. Desde 2014 Profesora titora de Ética, Metafísica e Teoría da Arte na UNED e Membro do grupo de investigación “Ecología crítica para un mundo globalizado”. Desde 2012 é Membro do grupo de investigación ONHERLEN (Ontoloxía, hermenéutica e linguaxe) I+d+i (UNED). E desde o 2010 Persoal Docente Investigador no EMUI (Instituto universitario da Universidade Complutense de Madrid, Departamentos Historia e Civilización, e Estudos de xénero).
Mércores 8. Mañán 10:30 a 13:30. Bloque: REFLEXIÓN FILOSÓFICA SOBOR DA SEXUALIDADE
Tratarase de expor dúas liñas de discurso para abordar os dous posibles e entrelazados xeitos de comprender a idea filósofica de sexualidade humana: como unha das dimensións relacionais, isto é, como un modo de encontrarse; e como un dispositivo de identidade, en cuxo caso estariamos a falar máis ben de sexuación.
O primeiro dos fíos consistirá nun esbozo do que sexa a relación sexual, aquilo que implica, que é o que se está compoñendo alí e que relación garda coa produción e a reprodución. A proposta consiste en procurar na sexualidade unha figura paradigmática que difumina as barreiras clásicas entre produción e reprodución. Para elo percorreranse tamén diferentes esquemas nos que a relación sexual se pode atrapar, partindo dos matices conceptuais que adquira o termo “producción”: sexo como actividade, sexo como traballo, sexo como ocio. Con elo tentaremos exercer a sospeita sobre o modelo de produción-consumo, xa que a sexualidade serve tamén como figura para comprender que producir e consumir son só perspectivas, e que incluso no consumo hay unha produción aínda que non se recoñeza social, laboral ou contractualmente como tal.
No segundo dos fíos interesa amosar a cuestión do traballo afectivo e da feminización das condicións laborais nos tempos actuais, é dicir, de cómo aquelas cualidades tradicionalmente asociadas ao traballo feminino (coidados, transmisión de valores, xeración de afectos, comunicación, expresión verbal e portación da linguaxe, tempo difuso de traballo, dispoñibilidade emocional cuasi-permanente, xeración de capital en economía mergullada, etc.) xeralízanse arestora coa terciarización laboral e cos novos requerimentos do mercado, tales como a crecente imposición do ocultamento do carácter explotado do traballo a partir da imposta e fraudulenta condición do obreiro como autónomo, a flexibilidade horaria revertida a favor do capital ou a difuminación do exercicio laboral, da cualificación, da concreción de tarefas que facilita enormemente a arbitrariedade dos convenios.
Finalmente, uniranse ambos fíos baixo a cuestión da propia sexualización da actividade laboral no momento no que o sexo devén mercadoría segundo os aspectos sexuais do perfil do traballador entran de cheo na selección do persoal. Veremos que isto ten lugar na época do que Marx prognosticaba baixo o nome de subsunción total da vida no capital.