Sexualidade e identidades desobedientes: Unha pedagoxía transgresora para a transición do status quo ao status queer
Calquera estratexia para eliminar a violencia de xénero, debe por tanto, comparar as carencias culturais e as estructuras sociais que a perpetúan. Lori Heise
Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía
Victoria Carrera. Licenciada en Psicopedagoxía eDoutorada pola Universidade de Vigo en 2010 coa tese “Maltrato escolar entre iguais en Educación Secundaria Obrigatoria: Prácticas de xénero e control heteronormativo”, traballo co que obtivo o Premio Extraordinario de Doutoramento en Ciencias Sociais da Universidade de Vigo (decembro de 2010). e Premio Nacional Fin de Carreira do Ministerio de Educación (2004), foi beneficiaria dunha bolsa predoutoral FPU, a bolsa máis prestixiosa que pode obterse en España para a realización do doutoramento e para a formación docente universitaria, concedida polo Ministerio de Educación e Ciencia (2006-2010). Posteriormente a Fundación Barrié de la Maza becouna cunha bolsa posdoutoral de excelencia para a realización de estadías no estranxeiro.
É autora/coautora de máis de medio cento de artigos en revistas científicas. O seu ámbito docente e investigador céntrase na construción da identidade de xénero no marco da heteronormatividade, a violencia cara á diversidade sexual, o bullying e a educación sexual integradora contextualizada nunha pedagoxía crítica e queer.
Venres 10. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A SEXUALIDADE VISTA DESDE GALICIA
A Segunda Onda Feminista iniciada a finais dos 60 e debedora da obra de Simone de Beauvoir -especialmente do seu coñecido traballo O Segundo Sexo (1949)- culminou coa definitiva desnaturalización do xénero. Desenmascarado o carácter natural do xénero, quedaba, con todo, un flanco aberto para xs detractorxs da loita pola igualdade: o sexo. Esa sustancia inalterable, fixa e prediscursiva, responsable da materialidade dos corpos, continuaba operando a favor da desigualdade. E foi tamén a tradición feminista, neste caso postestructuralista, a que tomando a testemuña das súas predecesoras, iniciou -non sen grandes resistencias que perduran aínda hoxe- a desnaturalización do sexo. Destaca nesta liña a obra da filósofa feminista norteamericana Judith Butler -precursora e máis coñecida representante da Teoría Queer- que no seu traballo O xénero en disputa: O feminismo e a subversión da identidade (1990), pon de relevo a principal premisa do seu pensamento, denunciando, do mesmo xeito que sucedera décadas atrás co xénero, o carácter culturalmente construído do sexo.
Desmitificar o carácter natural do xénero e do sexo significa afirmar que non nacemos nin homes nin mulleres, nin masculinos nin femininos, nin heterosexuais, senón que nacemos persoas cunha realidade corporal concreta que a cultura se encargará de significar, encasillándonos en dúas categorías opostas (home/muller) que cando non son excluíntes forzaranse a unha das dúas casillas a través das modernas técnicas cirúrxicas de “reparación” de xenitais. De forma que tras a asignación (ou asignación/reconstrución) do sexo construirase un xénero coherente -masculino para os homes e feminino para as mulleres- e unha orientación sexual lexítima -heterosexual para ambos- a través dun tedioso proceso de socialización que é especialmente forte na infancia, pero que se prolongará ao longo de toda a vida. Configurándose así dous únicos modos lexítimos de ser persoa: home/masculino/heterosexual e muller feminina/heterosexual. De modo que todas aquelas persoas que transgriden estas dúas casillas, que habitan identidades desobedientes, enfróntanse a unha real ou simbólica sentenza de morte, sendo patoloxizados, criminalizados e sempre afastados do ámbito da intelixibilidade.
En calquera caso, se existe algunha enfermidade ou anomalía, esta non radica nesoutras identidades transgresoras, desobedientes ou como diría Elvira Burgos “entrecruzadas” (2006) senón nunha sociedade que se nega a aceptar unha realidade que vai máis aló da rixidez do modelo dualista heteronormativo. Conscientes de que a violencia radica xa nas propias normas sociais sobre o sexo e o xénero, chegou a hora de apostar polo camiño da liberdade. Un camiño que descansa na utopía. Nunha utopía entendida non como realidade inalcanzable, senón como realidade posible, non como inxenua ou pasiva, senón como responsable e activa. Nesta liña, reivindico un espazo diferente para a educación sexual, promovendo unha formación da dimensión sexual humana de carácter integrador, como vértice crucial para alcanzar unha sociedade máis libre e democrática, unha sociedade de seres humanos. Seres humanos iguais e á súa vez diferentes, onde a diversidade sexual, é dicir, as diferentes formas de situarse no mundo como ser sexuado, sexa considerada un valor a través do cal constituír unha sociedade máis xusta e democrática. Reivindico, en definitiva, a urxente necesidade dunha pedogoxía sexual orientada a transitarmos do status quo ao status queer.