MANIFESTO CONTRA O ANTEPROXECTO DE REFORMA EDUCATIVA

A “Aula Castelao de Filosofía”, asociación constituída por profesionais de distintas ramas do saber, que traballan nos eidos intelectual e docente para transformar Galicia nunha sociedade de cidadáns e cidadás libres, iguais e solidari@s.

Á vista das propostas estabelecidas polo Ministerio de Educación no seu borrador do Anteproxecto de Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE).

Desexa manifestar:

Que é obriga do Estado como reitoría política e xurídica da sociedade territorial, garantir unha educación pública, igualitaria e de calidade para o conxunto da cidadanía que integra o devandito Estado.

Que a educación pública non está garantida dende o intre en que:

  • Lles deturpan os seus dereitos lingüísticos a todos aqueles cidadáns do Estado que non teñen como lingua única o castelán.
  • Se peneira a poboación no seu acceso á educación dende idades moi temperás e se especializan os centros de xeito que non hai unha garantía de acceso en condicións de igualdade á formación no ensino público en todo o territorio do Estado.
  • Se segrega a poboación no seu acceso á formación en valores éticos, facendo desaparecer dita formación do currículo obrigatorio e converténdoa nunha alternativa laica para poder xustificar o adoutrinamento relixioso dentro do sistema escolar público.
  • Se elimina o ensino da historia do pensamento (historia da filosofía) do currículo obrigatorio de segundo de bacharelato para a marxinar como unha opción a cursar nas especialidades humanísticas de bacharelato, condenando deste xeito aos alumnos e ás alumnas á perda dunha aprendizaxe fundamental como ferramenta de comprensión e análise crítica do Mundo.
  • Se equipara, no currículo académico, o valor dunha crenza e principio de actuación privada como é a relixión, coas disciplinas académicas.

Por todas as razóns anteriormente expostas a Aula Castelao de Filosofía solicita do Ministerio de Educación a retirada do citado Anteproxecto.

Pontevedra, xaneiro de 2013

 

Manifesto_LOMCE

MANIFESTO CONTRA A ACTUAL DETERIORACIÓN DO ENSINO PÚBLICO

A AULA CASTELAO DE FILOSOFÍA, como colectivo de ensinantes de educación secundaria na súa maioría, e como foro de reflexión crítica, de renovación educativa e de contribución á normalización da lingua e cultura propias de Galicia, quere manifestar e denunciar o seguinte:

Amosamos a nosa preocupación e repulsa polas medidas restritivas que nos últimos anos e até o presente foron quen de estabelecer “por goteo” os gobernos autonómico e central, provocando o desmantelamento concienciudo dunha Educación Pública, que impide no presente un traballo de calidade do profesorado sen garantir a mesma calidade e a igualdade de oportunidades para a mocidade.

Neste contexto queremos evidenciar unha deterioración do ensino provocada polos seguintes factores:

– A redución e drástico axuste do corpo de ensinantes, sometido á elevación do horario lectivo até 20 horas semanais. Isto e outras medidas aquí expostas, non deixan marxe suficiente para os labores de coordinación, dinamización, realización de actividades complementarias e extraescolares, de intercambio interdisciplinario, de formación ou renovación educativa do profesorado…, redundando negativamente na atención ao alumnado.

– O axuste do tamaño do profesorado por mor da eliminación de especialistas en cada disciplina, substituídos por profesores/as non especializad@s que se ven na obriga de cubrir o seu horario con materias afíns.

– O aumento do número de alumn@s por aula.

– A tendencia á eliminación dos desdobres nas disciplinas que os necesitan.

– A eliminación da hora de Reunión de Departamento do horario lectivo semanal, que pexa os labores de coordinación necesarios para unha posta en práctica efectiva e actualizada da Programación de Departamento e de Aula.

– A redución de horas de Titorías ao alumnado e aos pais, que está obrigando á maioría do profesorado a ter que os atender fóra do horario lectivo. Redución que asemade obstaculiza as tarefas de coordinación de actividades das Titorías dende o Departamento de Orientación de cada centro escolar.

– A falla dun marco legal que regule o horario e o traballo das Bibliotecas Escolares, que nos últimos anos están a contribuír ao desenvolvemento interdisciplinario e á renovación educativa.

– A inadecuada obriga de facer gardas de autobuses no momento de entrada e saída dos centros escolares do alumnado da ESO.

– A redución de profesorado que provoca o aumento do desemprego entre o profesorado interino.

– Os recortes salariais progresivos, até a eliminación da paga extra, coa conseguinte perda de poder adquisitivo e deterioración económica.

– As novas medidas na consideración das baixas por enfermidade que supoñen a eliminación de dereitos adquiridos e unha importante perda de ingresos económicos.

– A introdución da sección bilingüe no sistema educativo con incursión de idiomas non ambientais, co conseguinte menoscabo no currículo das materias elixidas para tal fin e a consabida selección do alumnado. Os investimentos en laboratorios de idiomas e o mantemento dos desdobres, de facérense, solucionarían as carencias idiomáticas e a mellora da súa aprendizaxe da man de especialistas.

– O Decreto do Plurilingüismo estabeleceu unha situación desfavorábel para a transmisión e aprendizaxe da lingua galega cos límites impostos nesta competencia lingüística.

– Unha inadecuada concepción, xestión e planificación do Proxecto Abalar.

– A ausencia no currículo oficial de contidos regulados por lei para atender o coñecemento da linguaxe audiovisual.

– A presenza da Relixión no horario lectivo, que por non formar parte dun saber científico, debería quedar na esfera privada. No currículo oficial da ESO está presente a materia optativa de Historia das Relixións, que cubre dun xeito adecuado o achegamento ao coñecemento do feito relixioso.

– A potenciación dunha educación de elite e das tendencias de privatización, marcando cada vez máis as diferenzas de oportunidades.

Tendo en conta o exposto, a AULA CASTELAO DE FILOSOFÍA considera que a situación é tan alarmante que se fai necesario e urxente a elaboración dun manifesto de denuncia da deterioración da Educación Pública, secundado polos Claustros de profesores e profesoras da comunidade educativa de Galicia e pola Sociedade. Amais tamén consideramos mester, a busca de medidas a acordar, xa que o novo anteproxecto da Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) non fai máis que reforzar este camiño xa trazado cara a unha educación retrógrada, clasista, segregacionista e centralista, que perpetúa o “adoutrinamento” na súa base.

Pontevedra, xaneiro de 2013

Manifesto_Ensino_Público