Conclusións da XXVII SGF: Filosofía e Economía

Juan Carlos Fernández Naveiro, membro da Aula Castelao, presentou as conclusións da XXVII Semana Galega de Filosofía.

PRESENTACIÓN

Concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Vicerreitor da Universidade de Vigo, Subdirector Xeral de Caixanova, Decano do Colexio de Avogados, Director do Parador de Pontevedra, compañeiras e compañeiros: boas noites e grazas pola vosa presenza.

Chega o momento das Conclusións da 27ª Semana Galega de Filosofía. Para os membros da Aula Castelao de Filosofía a Semana non dura os 5 días que aquí aparecen ante o público, senón que é un programa que dura todo un ano. Un ano que comezou pouco despois da 26ª Semana, no 2009, coa valoración do que foi a Semana, o que alí ocorreu, o que se conseguiu, e coa decisión do tema para a presente edición. Podedes facervos cargo da cantidade de traballo previo que encetamos a partir de aí, un traballo máis ou menos escuro, cheo de tenteos, intentos, cabos soltos, ata que o traballo vai callando e por fin chega o momento de lanzarse ao definitivo xuízo do público. E aínda máis, podedes estar seguros que estas Conclusións apresuradas non son máis que o punto de partida para a autovaloración que a propia Aula fai despois de cada Semana, sempre coa dose de autocrítica necesaria para tratar de mellorarse.

Xunto ás institucións e autoridades antes mencionadas, queremos expresar o noso agradecemento aos distintos relatores da Semana, aos autores das Comunicacións recibidas e publicadas, e en fin a todas e todos as asistentes á Semana que vindes expresando a vosa fidelidade ás propostas da Aula Castelao, e que seguides a facer posible a celebración dun acontecemento filosófico tan relevante coma este, a nivel non só de Galicia senón no conxunto do Estado. Así que agradecemento, e tamén ledicia por voltar cada ano á hospitalidade da cidade de Pontevedra, unha cita para o reencontro, para o enriquecemento intelectual, e para o medre das relacións humanas e de amizade.

Non quixera deixar pasar a ocasión destas Conclusións sen facer referencia ás actividades levadas a cabo pola Aula Castelao neste último ano: refírome especialmente ás Xornadas sobre Xéneros na Arte, en colaboración coa Universidade de Vigo, que tiveron lugar entre o 9 e o 11 do pasado decembro; e ao posicionamento crítico da Aula diante das bases do novo decreto sobre o galego no ensino, que seguindo nisto a mesma liña que as principais institucións culturais do país (Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega, e agora tamén o Consello Escolar de Galiza) elaboramos no pasado mes de xaneiro, e que foi lido aquí na sesión inaugural do luns. Sen dúbida no eido lingüístico foi un ano de regresión, mais tamén de reafirmación da conciencia de país para moitas asociacións e persoas. A lingua galega é a voz da cidadanía galega, e as nosas institucións non poden deixar de oíla. Así que por diante aínda quedan batallas, e unha longa tarefa de resistencia.

A desprotección do idioma galego é un outro elemento de tirantez coas autoridades educativas galegas, que se ven a engadir ás dificultades crecentes tanto para a homologación da asistencia do público en horas de formación como para as concesións de permisos de asistencia para esta actividade. Desde logo que sería de desexar ter unhas relacións máis fluídas e fructíferas coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, e conseguir un apoio máis decidido da administración educativa ás posibilidades de formación do profesorado, e da propia cidadanía; mais temémonos que con precedentes como o ocorrido co Seminario Permanente de Filosofía en Vigo, que tal e como se expuso aquí durante a Semana está vendo seriamente dificultado o seu traballo por parte desa mesma administración educativa, despois de tantos anos dunha laboura do Seminario Permanente de Vigo tan estimulante, con tal precedente as perspectivas futuras de colaboración antóxanse cheas de dificultades. Pero nós estamos por solventalas, por avanzar nas relacións institucionais mais desde logo sen perder a independencia crítica e sen renunciar aos obxectivos fundacionais da Aula: a renovación pedagóxica, a galeguización do ensino, o impulso á participación cívica. Estamos por contribuir á formación filosófica desinteresada do público que se queira achegar ás nosas propostas.

FILOSOFÍA E ECONOMÍA

A Aula Castelao de Filosofía sempre estivo por pensar os problemas do presente a través da filosofía, na súa dimensión crítica e transformadora. Dese pulo mantido de xeito bastante insólito durante xa 27 anos xurdiron conferencias, ciclos, publicacións, dossieres de prensa, unha páxina WEB, unha cantidade inxente de arquivos con documentación, datos fichas, presentacións, todo iso nucleado en torno á actividade principal que sempre consistíu en organizar, moitas veces contra vento e marea, e sen faltar nunca á cita, a Semana Galega de Filosofía.

Na Semana Galega de Filosofía sempre se tratou de confrontar a filosofía máis ou menos académica coa realidade social, baixo o convencemento de que era –e é– preciso desprenderse dun pensar estático, a-político e a-histórico, e asumir que a filosofía sempre se dá nun contexto social, económico, e tamén vital, e que a propia realidade é histórica, conflictiva e contextual. Dentro deste mesmo plantexamento, en continuidade con él, a Aula Castelao de Filosofía está inmersa dende hai 2 anos nun proceso de renovación principalmente de carácter xeracional, con novas incorporacións procedentes de ámbitos variados, da filosofía pero tamén da arte, a filoloxía, o periodismo. Así que despois das diversas etapas e ciclos pasados pola Aula, dende a 26ª Semana do ano 2009 adicada á educación iniciouse unha nova andaina que agora, no 2010, está a continuar co tema que nos ocupou aquí esta 27ª Semana, as relacións entre FILOSOFÍA E ECONOMÍA.

Sobre este tema, procuramos reproducir o triple enfoque que configura e estructura xa clásica das Semanas:

I) Nas sesións de mañá presentamos unha perspectiva teórica xeral da economía, e pretendemos unha aproximación na que se poideran constatar as confluencias e diverxencias entre enfoques diversos. O epígrafe común era “Análise crítico da economía”, e dentro del tivemos ocasión de asistir a 5 achegas ben diferentes: a xenealoxía do economicismo que presentou a Catedrática de Antropoloxía Paz Moreno Feliu como unha “historia ficticia do liberalismo económico”; o significado e as causas da discriminación por razón de xénero no mercado de traballo por parte da Doutora en Economía Coral del Río Otero; as propostas do ecosocialismo segundo o filósofo franco-brasileiro Michel Löwy; a alternativa do altermarxismo segundo o filósofo francés Jacques Bidet; e a perspectiva da cidadanía dende o republicanismo e a súa confrontación co liberalismo por parte do filósofo e profesor de Ciencias Políticas e Socioloxía Andrés de Francisco.

Cremos que o epígrafe “Análise crítico da economía” foi cumpridamente abordado por estas achegas que se ben respondían a un propósito de pluralidade, acabaron por mostrarnos unha confluencia nun aspecto fundamental: o carácter fortemente ideolóxico da idea dun mercado autorregulado, e non digamos dun mercado que se pretende regulador dos outros aspectos da vida social; así como tamén da consideración da economía como unha esfera autónoma respecto da política e da moral, como se as forzas económicas fosen divinidades inaccesibeis ou forzas naturais ingobernabeis, e non produtos históricos da acción humana desenvolvida no marco de determinadas relacións de poder. Esta é pois a primeira conclusión relevante que podemos tirar da Semana: se lle chamamos “economicismo” a esa autonomía do económico, á subsunción de todas as esferas da vida social baixo criterios económicos, entón o economicismo é a ideoloxía propia do capitalismo, e cumpre as funcións de encubrimento, de mistificación, e tamén de misterio, que trata de xustificar unha determinada orde das cousas ao situala alén das capacidades humanas de intervención. A economía como ideoloxía na fase neo-liberal do capitalismo, ou como a nova teoloxía do tardocapitalismo. O periodista Antonio Baños Boncompain foi quen apuntou a esta idea: “a economía sostense porque moita xente cre nela” –como dicía Wittgenstein a propósito da aritmética.

A profesora Moreno Feliu desvelounos algúns compoñentes da ficción ideolóxica do liberalismo económico, da man do libro “A grande transformación” de Karl Polanyi. Polanyi descobre un paradoxo no mito do funcionamento auto-regulado da economía, e é que nen sequera o laissez faire foi posible sen unha decidida intervención estatal. Pero unha intervención estatal destrutora do modelo productivo campesiño, espoliadora e mesmo “etnocida”, cunhas consecuencias de desestruturación social e atomización comparabeis aos etnocidios dos pobos indíxenas provocados pola expansión colonial e pos-colonial (é dicir, global) do capitalismo. Esta é unha segunda conclusión importante: a economía non existe como unha esfera autónoma senón que está “embebed” (incrustada) no conxunto da orde social, e a hipóstase da economía atenta contra a propia estabilidade e estrutura da sociedade. Con talante provocador Boncompain afirma simplemente que “a economía non existe”, pero desde logo o que sí existe son os efectos negativos do economicismo e do atomismo social na vida cotiá, na desmovilización política, na privatización dos servizos públicos, nas empresas, na educación, na cultura…En todos este eidos asistimos a unha privatización xeral da existencia que atenta contra as posibilidades transformadoras da realidade social.

Outro ámbito no que podemos comprobar as consecuencias da mercantilización da vida é no tocante á discriminación das mulleres no mercado laboral, que analizou Coral del Río. A ciencia económica ten recurrido a distintas teorías para tratar de explicala (a división “natural” do traballo, as preferencias racionais das propias mulleres, a segregación ocupacional), pero tense a impresión que todas elas teñen ese mesmo compoñente ideolóxico das metodoloxías individualistas que naturalizan as relacións de desigualdade e que pechan os ollos ante os determinantes estruturais dos problemas. A discriminación das mulleres está fondamente instalada nas estruturas non só económicas senón tamén mentais de moitos homes e mulleres, ten razóns poderosas nos beneficios empresariais que conleva, e a súa orixe última remítenos á conformación patriarcal da sociedade.

A análise racional da realidade económica non é moi alentadora, pero como fixo Michael Löwy retomando a coñecida idea de Gramsci, o pesimismo da razón hai que confrontalo co optimismo da vontade. Löwy aplicou isto á problemática ecolóxica, que sen dúbida foi unha das constantes que foron reaparecendo ao longo da Semana: o decrecemento según Joaquín Sempere, a pegada ecolóxica de Galiza según Martín Palmero. A polución, o quencemento global, o cambio climático auguran unha crise ecolóxica máis profunda e drástica que a crise financeira e económica. Ao decir de Löwy estamos nunca nova era xeolóxica, o “antropoceno”, no que a man humana é quen de alterar os condicionantes climáticos, e facelo nun sentido imprevisibel potencialmente –realmente– catastrófico.

Mais non podemos responsabilizar á acción humana xenérica dese proceso, senón que obedece a unha configuración histórica ben concreta: trátase do capitalismo nos últimos 150 anos, a súa lóxica perversa, a pretensión dun crecemento ilimitado, que nos últimos 30 anos de capitalismo neo-liberal se multiplicou a agravou ata o punto de que os Estados de Benestar construidos en Europa despois da Segunda Guerra Mundial poderíanse mudar nunha efémera excepcionalidade histórica.

O rexeitamento desa pretensión do crecemento a toda costa é unha das ideas máis escoitadas na Semana: a crítica da ideoloxía do crecemento ilimitado, e do consumismo que se deriva dela.

Sabemos que o crecemento ilimitado é un imposible físico, material, medioambiental. O malo é que se nos propoñen como solucións simples medidas técnicas que recaen na mesma lóxica perversa. Fálasenos da enerxía atómica ou do bioetanol como alternativas enerxéticas sen facer un cálculo comparativo entre beneficios e perxuizos, ou de acordos políticos de reducción de emisións que non dan lugar a reduccións efectivas mínimamente significativas, e que axiña se converten en papel mollado (pensemos no recente Cumio de Copenhague).

As solucións non son fáciles mais ¿cando o foron? Seguramente non son posibles cambios drásticos, pero sen dúbida coa resignación non se dan pasos nen sequera pequenos en ningunha dirección distinta ao desastre. Pensemos que as únicas batallas perdidas son precisamente as que non se libran, e agardemos que para fuxir da capitalismo non haxa que fuxir ata a lúa ou ata Marte, como parece que prevén algúns plans secretos do Pentágono en caso de inhabitabilidade da Terra.

Nas dúas últimas sesións de mañá asistimos a moi distintos corolarios políticos desa mesma crítica do neo-liberalismo que sobrevoou a Semana: por un lado unha crítica interna ao marxismo que Jacques Bidet denomina “altermarxismo”, unha reflexión sobre a dinámica da sociedade moderna que descansa sobre o mercado e tamén sobre a organización de clase. Mercado e organización son as dúas fontes da nosa razón común, mais esta vólvese contra de nós, e nós volvémonos mercadorías, monicreques. A cuestión é saber cómo podemos liberarnos a traveso dunha loita democrática política e cultural, que puidera domesticar ises dous monstros e poñelos ao servizo da natureza e, dentro dela, dos seres humanos.

Igual que no campo da relixión o home fabrica divinidades e adóraas, no mundo capitalista o produtor adora ao produto e convértese el mesmo nun produto máis: é o feiticismo da mercadoría xa denunciado por Marx, non importa o que es senón o que tes. Bidet distinguíu tres tipos de partidos nos sitemas capitalistas: o dos propietarios ou clase dominante, o dos “competentes” (mandos intermedios, intelectuais…), e o comunismo sería a forza política da “clase fundamental”, aínda non organizada (artesáns, campesiños, traballadores, empleados, funcionarios, inmigantes…). A ista “clase fundamental” pídelle que se alíe, en posición hexemónica, co partido dos competentes en contra dos patróns e accionistas, é dicir, do partido dos propietarios. O altermarxismo adapta o pensamento marxista ás condicións da mundialización económica, e reintroduce o debate sobre o comunismo.

O outro corolario político presentóunolo Andrés de Francisco, como unha crítica ao liberalismo dende o republicanismo cívico. A cidadanía democrática só se pode construir nunha comunidade política na que todos os seus membros se poidan considerar igualmente libres, pero o capitalismo mundializado, aliado co liberalismo económico, traballa en contra dese ideal, e contén un proxecto de despolitización no que a vida política queda baleirada de contido e reducida ao dominio dos intereses económicos. Os estragos sociais do neo-liberalismo devólvennos a unha atomización que nega a moitos seres humanos a condición real de cidadáns. A relación capital-traballo non é unha relación libre no sentido republicano, pois é unha relación asimétrica na que se dan posicións de dominio. A liberdade precisa dunha “liberdade igual”, é dicir, da igualdade, e tamén da virtude cívica do autogoberno e a participación, para darlle un contido positivo á propia liberdade. Máis alá do homo economicus, é preciso recuperar a centralidade do homo politicus.

Mito da autonomía da economía; a economía como sistema de crenzas; crítica do crecemento ilimitado; necesidade dun optimismo da vontade para implementar as loitas sociais e políticas que poidan confrontarse aos perigos dun avance da civilización cara ao abismo e a catástrofe: eis as liñas principais das sesións máis propiamente teóricas.

II) Nas sesións de tarde pretendeuse contribuir á análise da “Situación socioeconómica de Galiza”. Houbo distintas aportacións que compartiron un carácter maís técnico e axustado aos contextos propios, e tamén ás metodoloxías estadísticas.

O economista Xavier Vence evidenciou a crise do neo-liberalismo en Galiza como un caso particular dentro da crise xeral dun modelo social e económico, do que a actual crise financiera e económica non é máis que un síntoma. Crise inmobiliaria, crise financiera, bursátil, bancaria, alza dos prezos do petróleo, recesión, caída dos salarios reais e dos niveis de vida nos países ricos, mentres nos países pobres exténdense a fame, a desnutrición e a violencia: Todos eles son aspectos dunha crise do modelo social que expresa o fracaso do modelo neo-liberal. Unha crise que ten a particularidade de afectar tanto ao corazón do sistema (a hexemonía norteamericana) como ás súas marxes periféricas. Neste sentido, a situación en Galicia podería parecerse cada vez máis ás problemáticas sofridas nos países que aínda mal-chamamos “en vías de desenvolvemento”.

¿Cómo saír desta crise? “O problema non está nos que se saltan as regras do xogo e a legalidade vixente, senón que o problema está nas propias regras do xogo e na legalidade vixente”, dixo Xavier Vence. O sistema financeiro ten que deixar de ser quen marque as regras do xogo; as finanzas teñen que se subordinar ás necesidades sociais; son necesarios impostos maiores para as grandes fortunas, así como maiores cotas de aforro e maiores ingresos para a maioría. A envergadura da crise non permitirá saír dela con parches e pequenas medidas, senón que se impón a necesidade dun modelo alternativo.

Unha das receitas que se propón ás veces para combater a crise recurre ao concepto de “sustentabilidade”. É unha obviedade no sentido xenérico, pero o concepto require ser expurgado do compoñente mediático que o leva a ser hoxe un eslogan tanto electoral como comercial. O economista Martín Palmero presentou os cambios na significación do concepto, que se foi deslizando dende o puramente ambiental ata unha significación máis política e institucional. A solidariedade, a globalidade, a transversalidade, a equidade, a xustiza son criterios que sirven para definir o que hoxendía debe entenderse por sustentabilidade; e un deses índices de sustentabilidade é o da pegada ecolóxica. Martín Palmero analizou os condicionantes da pegada ecolóxica galega, moi por riba da media mundial, na que incide un alto nivel de consumo de combustibles fósiles, producido entre outras causas por un sobredimensionamento do transporte por carretera.

O proceso de modernización económica capitalista tivo, e ten, un efecto devastador sobre o agro galego: despoboamento rural, depreciación dos produtos agro-gandeiros, colonización externa das redes de distribución, ruína e peche de moitas explotacións. A sindicalista Lidia Senra presentounos tal panorama, ao que se ven a engadir a distinta relación que homes e mulleres manteñen con esa probemática, que está a ser máis agresiva para as mulleres do agro. Os modelos patriarcais que son reforzados cos efectos da crise. E o paradoxo é que nun país de abundancia agro-gandeira sexamos dependentes no sector da alimentación.

Pálpase o asombro ante a pasividade da xente. Como dixo Boncompain, é extraño que ninguén asalte un banco. Tamén se dí que en grande medida a situación contense pola extensión da economía mergullada sobre a que nos falou o antropólogo Ubaldo Martínez Veiga. Outra vez atopámonos coa presenza relevante no noso país dun sector de actividade económica que parece máis propia de economías terceiromundistas, e que actúa de colchón que suaviza as tensións sociais. A correlación entrre paro e poboación inmigrante, por exemplo, é un factor decisivo a ter en conta na evolución próxima das perspectivas sociais.

E pechamos a perspectiva galega cun repaso que cremos necesario á unha parte da nosa memoria histórica, relativa ao movemento obreiro e sindical no tardofranquismo e na transición, da man dos historiadores Dionisio Pereira e Bernardo Maiz.

III) Nas sesións de noite afrontamos unha visión o máis aberta e multidisciplinar posible, nesta caso baixo o epígrafe “A mundialización a debate”. O factor clave aquí cecais sería o asombro. Os mundos, as diferentes claves, as paisaxes pouco exploradas.

A sindicalista sueca Pye Jakobson presentounos unha crítica da ocultación do discurso sobre o sexo, do seu falseamento. Vivimos moitas veces en “zonas de sombra”. E falamos por outros, negándolles o dereito a falar por eles mesmos. En referencia ás traballadoras do sexo, Pye Jakobson dixo: “Falamos moito das prostitutas, pero non se fala con elas”, usúrpase a súa voz. Así que ela ilustrounos con frases de traballadoras sexuais que falaban por sí mesmas e poñían en primeira persoa esa voz silenciada, unha voz que falaba de aillamento e de estigma social, pero tamén da fortaleza de moitas mulleres.

Un tema recurrente foi o da necesidade de combater o consumo excesivo, ou mellor, a conversión do consumo nunha necesidade social (“consumo tantálico”, según Boncompain). Fronte ao poder pseudo-teolóxico, pseudo-científico e pseudo-máxico da “econocracia”, o mesmo Boncompain opuxo a estratexia crítica do “econo-pop”, para coincidir aí co sociólogo Joaquín Sempere nunca crítica radical dos efectos perversos da publicidade.

O mesmo Sempere ampliounos o tema do decrecemento, que está no centro dos debates sobre o exceso do consumo e os límites do crecemento. A previsible degradación ecolóxica debe levarnos a unha reflexión sobre os niveis de consumo e incitarnos a un cambio de hábitos, apuntando a novos modelos sociais e tamén a novos modelos de felicidade.

Mais para procuralos sempre xurde o mesmo interrogante: ¿Qué facer? Michel Löwy, Jacques Bidet, Joaquín Sempere e Arcadi Oliveres coincidiron na necesidade de perseverar nas pequenas accións, que por acumulación ou mutación poden acabar en grandes cambios e contribuir á necesaria transformación social. É preciso exercer a responsabilidade persoal a través do consumo, pero tamén organizarse, ter propósitos asequibles e actuar.

Trala crise financeira agromou a crise económica, e tras desta vemos aparecer crises máis fondas aínda, ecolóxica e social. ¿Qué papel lle pode quedar á política, cando por todas partes vemos que está ao servizo do gran capital? A ver se na clausura Xosé Manuel Beiras nos da dende o seu compromiso e a súa praxe un pouco de luz. Pois o concepto de revolución que Marx pensou aínda está por realizar, como a esperanza dos sen esperanza de Walter Benjamín, ou o optimismo da vontade de Antonio Gramsci. Eis a tarefa aínda pendente da filosofía.

E FINAL

Deixarei paso a Xosé Manuel Beiras para concluir esta 27ª Semana Galega de Filosofía. Chegamos ao final, pero a Aula Castelao de Filosofía ten un longo traballo por diante. Haberá novos proxectos e novas Semanas, e agardamos que sigades apoiándonos coa vosa presenza e participación.

A Semana Galega de Filosofía debe seguir a ser un lugar para o pensamento e o debate, e un espazo para o compromiso co país. Pensamento, independencia crítica, vontade de intervención social, activismo vital e político: eis a nosa proposta de presente, e tamén de futuro.

Moitas grazas.