Tag Archive for: Galicia

“Ocho apellidos de regiones escasamente romanizadas”: Cultura da Transición e conflito colonial interno no Estado español

Nesta conferencia abordarei o conflito territorial interno do Estado español dende unha perspectiva poscolonial, facendo fincapé nas súas dimensións simbólica e material. En consonancia con varias das voces críticas da Transición española que falan do conflito colonial interno no Estado español como un indicador da democraticidade fallida que instaurou o proceso constitucional de 1978 (Pastor, Bastida), nesta conferencia desenvolverei a idea de que a chamada Cultura da Transición se sustenta, en parte, nun protocolo discursivo recoñecible para o tratamento deste conflito (o recurso a metáforas suaves, a miúdo tiradas do campo semántico do amor romántico; a énfase en afectos como o remorso, o medo e a compaixón; a priorización de formas de memoria individual no canto de colectiva; a deshistorización e despolitización do conflito). Trazarei a perdurabilidade destas características discursivas nun feixe de produtos culturais aliñados co paradigma da Cultura da Transición, incluíndo os recentes filmes da franquicia Ocho apellidos, e a súa vixencia no tratamento que a Nova Política española lle outorga ao conflito colonial interno.

Filosofía e Política. XXXIII Semana Galega de Filosofía. Xoves 31. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A POLÍTICA VISTA DESDE GALICIA

HELENA MIGÉLEZ CARBALLEIRA é profesora titular en Estudos Hispánicos na Universidade de Bangor (Gales) e directora do Centro de Estudos Galegos na mesma localidade. Formouse en Filoloxía Inglesa na Universidade de Vigo, e máis adiante na Universidade de Edimburgo cun Máster en Estudos de Tradución e o doutoramento en Estudos Hispánicos.

Especialista nas formas do conflito nacional interno en España ao longo do tempo e na contemporaneidade, pretende partillar o seu traballo a través do blog “Postcolonial Spain” pero tamén a través de publicacións e intervencións académicas.

É autora dunha monografía publicada pola University of Wales Press en 2013 que foi traducida ao ano seguinte en Galicia baixo o título Galicia, um povo sentimental? Género, Cultura e política e que tivo unha importante recepción.

Coeditora do volume Companion to Galician Cultures (Tamesis, 2014) e dos especiais de Translation Studies e do Bulletin of Hispanic Studies, autora de numerosos capítulos de libros, de artigos e colaboracións en publicacións especializadas e non especializadas galegas e estranxeiras (Anuario de Estudos Galegos, Grial, El País, Journal of Spanish Cultural Studies, Men and Masculinities, Hispanic Reseach, Journal, New Voices in Translation Studies…).

Tradutora, colaboradora en proxectos internacionais, fundadora editora da revista Galicia 21, ademais de membro de asociacións académicas e conferenciante en diferentes ámbitos e foros nacionais e internacionais.

Máis información sobre a actividade profesional no sitio web: www.hmcarballeira.net.

Consecuencias económicas do rol dependente de Galiza no estado español no marco da UE

Galiza insírese no Estado Español dun xeito politicamente dependente e economicamente periférico, xa que logo, alleo aos centros de decisión política e económica. A pertenza do Estado español á Unión Europea, onde o Estado español forma parte dos países periféricos dunha unión que prima os intereses do capital financeiro franco-alemán, reforza a condición do noso país como “periferia da periferia” europea, agravada pola total ausencia de compromiso político na defensa dos nosos sectores produtivos por parte do Estado, especialmente evidente xa nas negociacións de entrada na CEE en 1986.

A falta de capacidade de decisión política ten un impacto directo na nosa economía e na potencialidade do noso país para xerar un desenvolvemento endóxeno. Os exemplos son múltiples. Dende unha política estatal de infraestruturas pensada desde e para Madrid ate unha reestruturación bancaria levada a cabo dende os poderes político-económicos centralistas, que tivo como consecuencia a perda de entidades financeiras propias e un espolio sen precedentes do noso aforro; pasando polo sector eléctrico, onde Galiza é excedentaria na produción de electricidade, soportando custos sociais e medioambientais, mais sen obter beneficio algún desa condición. Non en van, moitos economistas teñen acuñado o termo de “capitalismo castizo” para referirse á importancia que ten a proximidade aos círculos de poder político da capital do Estado español para a obtención de beneficios.

Porén, o discurso oficial trata de presentarnos a Galiza como un territorio atrasado, que depende para subsistir dunha suposta solidariedade estatal. As balanzas fiscais, que amosan os fluxos fiscais entre Galiza e o Estado español, son o instrumento do que se valen para defender esa tese. Neste sentido compre facer unha fonda crítica á metodoloxía empregada nas mesmas así como á interpretación que se realiza dos seus resultados.

Filosofía e Política. XXXIII Semana Galega de Filosofía. Martes 29. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A POLÍTICA VISTA DESDE GALICIA

ALEIXO VILAS CASTRO. Licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela 1998-2003. Estudos de Doutorado en Economía Aplicada (USC). Diploma de Estudos Avanzados (DEA) 2003-2005.

Participou nos seguintes proxectos de investigación: “Desigualdades interrexionais e intrarrexionais en Europa: o papel da diversidade estrutural e institucional na evolución das disparidades rexionais” (2003-2005). “O sistema galego de innovación na primeira década do século XXI e a economía baseada no coñecemento: novos sectores, novas infraestruturas, novos axentes” (2005). Publicacións: “Examinando a desigualdade global: a evolución das desigualdades internas e entre países no contexto da globalización”, Revista: Economía de Galicia. Exerce a coordinación da Comisión Nacional de Economía, Industria e Emprego do BNG. Ten colaborado como columnista en diferentes medios escritos como Sermos Galiza ou La Voz de Galicia, e participado en numerosas conferencias sobre temáticas como o sector eléctrico de Galiza, financiamento autonómico, balanzas fiscais, etc.

 

 

 

Historia do movemento LGBT en Galicia

Todas as personas producimos xénero, produzamos liberdade. Argumentemos con infinitos xéneros. Manifesto transfeminista


Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía
Laura Bugalho. Diplomada en Maxisterio e licenciada en Pedagoxía, na especialidade de Intervención Social, traballa como sindicalista da CIG desde 1992. Asemade ten destacado como activista LGBTQ, feminista e transfeminista e a prol dos dereitos das persoas migrantes. É membro do Foro Galego de Imigración, do Colectivo STOP Desafiuzamentos Compostela, Rede Transfeminista Galega, Rede Internacional pola Despatoloxización Trans, e tamén milita na causa soberanista galega. Ten publicado diversos artigos nas seguintes publicacións: Andaina, A Nosa Terra, Vozeiro O Pedroso, Vieiros, Novas da Galiza, Galiza Livre Diário Liberdade, Sermos Galiza, Páxina wweb da CIG/Avantar, Seminario Galego de Educación para a Paz (SGEP). Foi Presidenta do Consello da Xuventude de Galiza. Laura Bugalho ten recibido, entroutros o Premio Legais 2001 a Defensa dos Dereitos e Liberdades LGBT, o Premio Triángulo de Ouro EHGAM 2009 e o Premio Nicolás Salmerón 2011 na categoría de Defensa das Liberdades Sexuais.

Martes 7. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A SEXUALIDADE VISTA DESDE GALICIA

A evolución do movemento lesbigaytransexual na última década na Galiza pasou desde un activismo de cada grupo a unha confluencia dos movementos nunha Federación Galega chamada Aturuxo, sendo a proxeción pública desta amplamente recoñecida nomeadamente no Dia do Orgullo en Compostela. Esta ilusionante tarefa federativa foi indo a declive coa falla de tempo das persoas que máis fondamente levaran a iniciativa, coa entrada de intereses partidistas que en troques de apostar por manter a proposta tentou -baixo o meu punto de vista- asimilala ao Partido político gobernante naquela altura.

Asistimos despois ao nacemento do movemento transfeminista, na Galiza tamén con entidades como Maribolheras Precarias, Nomepisesofreghao, Oquenosaedacona e o Coletivo TransGaliza. O Transfeminismo xurdiu como a suma das loitas ante aquel entón parcializadas e que coa ollada de “por que imos loitar por unha parcela se o campo é todo noso?” interseccionou, baixo meu punto de vista, de maneira intelixente aqueles movementos nas marxes da sociedade. O Transfeminismo xorde do Feminismo, mantense nel os seus fundamentos, e aglutina outros activismos trans-marica-bollo-puta-inmigrante. Translada o suxeito do feminismo a un amplo grupo de persoas nos que a exclusión social e política fan que a sua loita, antes parcial ou de continxente, sexa vertebrada desde o Transfeminismo como loita global, radical e revolucionaria.

As mulleres na historia moderna de Galicia: Entre os desexos e as realidades

As razóns que levaron a moita mulleres ó claustro foron varias, aínda que é certo que estamos ante un fenómeno non cuantificable. M.J. Lanzagorta Arco

Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía

Ofelia Rey Castelao. Ofelia Rey Castelao é catedrática de Historia Moderna na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, na que exerce dende 1978. Ten publicados doce libros e máis de 150 artigos en obras colectivas e en revistas –Mundo agrario, Pedralbes, Manuscrits, Mélanges de la Casa de Velázquez, Annales de démographie historique, Iter (Piamonte), Chronica Nova, Historia, antropología y fuentes orales, Stvdia Historica, Estudos Regionais (Portugal), XVIIe siècle, etc. Ten impartido docencia en universidades de Arxentina, Italia e Francia –Ecole des Hautes Etudes en Sciences Sociales de París como directora de estudios. Da súa obra reciente, unha gran parte está centrada nas mulleres de Galicia e das monarquía hispánica na Idade Moderna; en especial destacan o libro “Historia de las mujeres en Galicia, siglos XVI-XIX”, en colaboración con S. Rial (Nigratrea, 2010); coordinou a  “Historia das mulleres en Galicia”, publicada pola Xunta de Galicia.

Xoves 9. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A SEXUALIDADE VISTA DESDE GALICIA

As mulleres na Galicia da Idade Moderna eran rurais en máis dun noventa por cento; o resto vivía en cidades e vilas pequenas e tradicionais, salvo A Coruña ou Ferrol a fins do XVIII, abertas a novas influencias. Na teoría, a Igrexa, omnipresente, impoñía o seu dominio na moral privada, pero na práctica, as investigacións históricas teñen posto á luz comportamentos bastante ao marxe das normas: alta ilexitimidade, alto porcentaxe de concepcións prenupciais, gran frecuencia de abandono de nenos, etc. As razóns que o explican teñen que ver con realidades sociais evidentes, en especial a elevada tasa de solteiría, a idade tardía ao casar, a emigración masculina, etc. e tamén con interpretacións libres do discurso da Igrexa. Non hai datos de prostitución rural -ainda que si de convivencias sen casar-, pero sí moitos das cidades, en especial de Ferrol a partires de 1750. O estudo da relación entre as realidades evidente e o que se ocultaba tras delas é o centro desta poñencia.

Costumes, mitos, ritos e tabús sobre o sexo na cultura galega tradicional

Unha noite no muíño, unha noite non é nada / unha semaniña enteira, esa si que é muiñada. Cantiga popular


Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía

José Luis Garrosa Gude. En 1997 licenciouse en Filoloxía Alemá na Universidad Complutense de Madrid e anos despois en Dereito pola UNED. En 2006 obtivo o Diploma de Estudos Avanzados en Filoloxía, tamén pola UCM e na actualidade doutórase en Literatura Comparada na Universidade de Alcalá. Logo de rematar os estudos de Filoloxía, exerce como tradutor e intérprete de diferentes linguas para organismos públicos e privados. A partir do ano 2000 comeza a impartir cursos de Iniciación e Perfeccionamento de Lingua Galega –e máis tarde do CELGA– en centros galegos da Comunidade de Madrid e na Casa das Linguas da capital. Desde o curso 1999-2000 traballa como profesor de ensino secundario, da especialidade de Lingua castelá e Literatura. A súa actividade de investigación céntrase en múltiples aspectos dos campos da literatura comparada e da literatura de transmisión oral e da conferencias e relatorios en universidades e institucións oficiais (Universidade de Santiago de Compostela, a Universidad Complutense de Madrid, a Universidad de Alcalá, a Universidad Carlos III de Madrid, o Museo Etnográfico de Castilla y León de Zamora ou o Museo Provincial de Lugo).

Luns 6. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A SEXUALIDADE VISTA DESDE GALICIA

Poucos xéneros da literatura tradicional de Galicia ofrecen tantas posibilidades para a análise antroplóxica e sociolóxica como a multitude de textos que integran o ben documentado cancioneiro popular galego. Abondaría unha ollada superficial para comprobarmos que estamos ante un verdadeiro fresco dos costumes populares de vello conservado –e, xa que logo, tamén fosilizado para alegría do estudoso– na forma brevísima e concentrada da copla.

A importancia dos datos etnográficos espallados nas nosas cancións populares reside tamén na enorme difusión que estas gozaron na cultura tradicional galega e no valor case dogmático que posuían as sentenzas e a ideoloxía expresada nos versos tanto para os propios transmisores do cancioneiro coma para todos os coñecedores –a práctica totalidade da sociedade rural antiga– desta forma literaria.

O relatorio estudia a concepción da sexualidade e das relacións amorosas na cultura galega tradicional a partir de referencias tiradas do noso cancioneiro popular. Este aspecto da existencia humana –sen dúbida o máis tabuizado de todos eles– fai que debamos desvelar moitas das súas concepcións a partir de símbolos e metáforas que posúen o dobre valor de condensar e de ornamentar a expresión poética.

Vivimos nuns intres cruciais, pois aínda que podemos congratularnos da importancia que se atribúe hoxe en día ao chamado patrimonio inmaterial –mesmo en organizacións máis ou menos oficiais coma a UNESCO– das diferentes culturas universais, a nosa época ve como se van esvaecendo para sempre as formas tradicionais de transmisión oral. Por todo isto cómpre recoller o pouco que reste nas memorias máis fieis dos últimos informantes e proseguir co seu estudo rigoroso, probablemente un dos únicos xeitos de outorgarlles aos nosos cancioneiros un certo grao de inmortalidade.