Pensar a política emancipatoria despois da posmodernidade


A fin dos “grandes relatos” preconizada no seu día polo discurso posmoderno apuntaba, sobre todo, á fin das “metanarrativas de emancipación” trazadas tamén no seu día polo discurso filosófico-político moderno. Coa súa radical posta en cuestión dos fundamentos conceptuais básicos que serviron de eixo reitor ao proxecto emancipatorio da modernidade, o pensamento posmoderno acabou socavando as propias bases epistemolóxicas e normativas sobre as que se fundamentou e lexitimou dito proxecto emancipatorio, avogando ao cabo polo seu abandono ou liquidación. Neste sentido, o pensamento posmoderno supón un serio desafío que non pode ser facilmente ignorado. Pois como trataremos de amosar non só nos obriga a repensar ou reformular cantos relatos igualitarios, emancipatorios e racionalistas se teñen por herdeiros do legado da modernidade ilustrada, senón calquera estratexia de transformación social e política que poida ser formulada nos nosos días.

Filosofía e Política. XXXIII Semana Galega de Filosofía. Venres 1. Mañán 10:30 a 13:30. Bloque: REFLEXIÓN FILOSÓFICA SOBOR DA POLÍTICA

JUAN GARCÍA MORÁN-ESCOBEDO é licenciado en Filosofía pola Universidade de Oviedo; doutor en Filosofía pola UNED e diplomado en Ciencia Política e Dereito Constitucional polo Centro de Estudos Políticos e Constitucionais de Madrid. Na actualidade é Profesor Colaborador de Filosofía da Historia e Filosofía Política no Departamento de Filosofía e Filosofía Moral e Política da UNED. Con anterioridade foi membro do Instituto de Filosofía do CSIC e formou parte do Consello de Redacción da Revista Internacional de Filosofía Política dende a súa fundación. As súas liñas de investigación céntranse na filosofía práctica moderna e contemporánea. Entre as súas últimas publicacións cabería salientar: John Dewey, individualismo e democracia, Filosofía política versus política da filosofía: Unha presentación de Leo Strauss e O “gran relato” rehabilitado: Francis Fukuyama e “a fin da Historia”.

Share on Facebook0Tweet about this on TwitterShare on Google+0Email this to someone