A mediocracia, a banalización da política e o show electoral.

Dicía Voltaire que calquera que tivera o poder de facer crer idioteces tiña o poder de facer cometer inxustizas. Ese poder xa non o teñen os políticos senón os medios masivos e a súa extensión dixital, as redes sociais.

Os medios de comunicación de masas téñense convertido nunha pedra angular dos sistemas representativos aos que chamamos “democracias” O que deben os medios ás democracias e concretamente ao capitalismo é algo máis ou menos coñecido, grazas a elas puideron desenvolverse como industrias altamente rendibles e son unha das  maiores fontes de acumulación de capital xunto coas empresas de armas. Producen mercadorías sen as que sería difícil imaxinar o progreso actual (información, ocio, cultura, educación …) pero que lle debe a democracia aos medios de comunicación? En que medida os medios de comunicación configuran os nosos sistemas representativos á súa imaxe e semellanza? Como é que se converte os cidadáns en público e a política en espectáculo? Que son a campañas electorais para os medios? E para os votantes? Por qué os partidos se constrúen como marcas que compiten no mercado do voto tratando de captar o desexo do votante como se dun cliente se tratase?

A comunicación masiva ten modificado a política, non só o xeito no que se fai, senón tamén os contidos e os obxectivos que se formula. De aí que os medios sexan a forma en que se presenta/representa a política nas nosas mentes. Do mesmo xeito que a representación é o principio lexitimador de determinada forma de organización política, aquela que, como dixera Weber, ten resultado historicamente máis eficaz para o desenvolvemento do capitalismo. Os principios que rexen a política teñen  chegado a coincidir cos principios mercantís:

1.- oferta-demanda

2.- cuantificación e contaxe de vontades (mediante o voto)

3.- universalización dunha forma particular e histórica (o goberno representativo)

4.- Resolución de problemas pola técnica

5.- obxectivación e cousificación do suxeito político.

Os medios masivos teñen substituído a experiencia da xente, incluída a experiencia da política. Un fenómeno que se ve acrecentado coa extensión e fusión dos mass media coas redes sociais, e coa crecente fragmentación e illamento do suxeito. Os cidadáns xa non opinan, twitean, e seguen as contas sociais dos políticos como o fan cos seus cantantes favoritos.

Nada que non tiveran inventado hai tempo os estadounidenses ao deixar en mans dos storytelling, que son quen de colocar no mercado calquera mercancía contando unha boa historia, as campañas electorais. Contar historias, ser breves e ser emocionais foi a receita de David Axelrod (coñecido como o Narrador de Obama). E a dos novos políticos en España? Por qué temos a impresión de que as nosas  campañas se asemellan cada vez máis ás estadounidenses? No caso do Estado español os publicistas electorais transitan entre o guión cinematográfico e o folletín.

A función principal das campañas electorais é a ocultación de igual xeito que no comercio a publicidade dunha mercadoría se dirixe a potenciar o desexo do comprador e non a reflectir as características, as utilidades e os compoñentes do produto. O de menos son os programas electorais dos partidos e o de máis o desempeño do “líder”, a súa imaxe e as expectativas que consiga xerar. Se o público se identifica coa imaxe da marca o éxito de ventas está asegurado.

Necesariamente debemos preguntarnos que ten sido da política cando xa non se fai política.

Filosofía e Política.  XXXIII Semana Galega de Filosofía. Xoves 31. Noite 20:00 a 22:00. Bloque: A POLÍTICA A DEBATE

ÁNGELES DÍEZ RODRÍGUEZ. Doutora en C. Políticas e Socioloxía pola Universidade Complutense de Madrid (UCM), actualmente profesora do departamento de Cambio Social da Facultade de CC. Políticas da mesma universidade. Realizou o seu doutoramento no programa de América Latina contemporánea do Instituto Ortega y Gasset con varias estadías no Colegio de México en México Distrito Federal. As súas liñas de investigación principais teñen sido a acción colectiva, os movementos sociais e ONGs, as novas tecnoloxías da comunicación e a información nas súas repercusións sociais e os medios de comunicación e a política.

Actualmente traballa sobre violencia colectiva, conflito político, modelos democráticos, e a utilización de recursos cinematográficos na formación en Ciencias Sociais. Imparte docencia nas seguintes materias: Socioloxía Política, Bases sociais dos réximes políticos, Análise comparada das democracias, e cine social e político. Dirixe o Título propio da UCM sobre “Cine, fotografía e vídeo político e social” que cun grupo de oito docentes de diversas universidades de Madrid desenvolve a utilización de recursos audiovisuais nas ciencias sociais.

Entre os anos 2001 e 2004 co-dirixiu o curso “Medios de comunicación e manipulación” da Universidade Española de Educación a Distancia. Ten participado en documentais e escrito múltiplos artigos sobre a manipulación mediática. Na actualidade, ademais da docencia na UCM, coordina un seminario sobre Historia e teoría do poder que patrocina o Instituto Complutense de Ciencias da Administración (ICCA) do que tamén forma parte. Ten dirixido proxectos de Innovación educativa Complutense sobre a utilización do cine, a literatura e a música na formación universitaria en ciencias sociais. Algunhas das súas publicacións máis relevantes son “Podemos” y la folletinización de la política: Pablo González o Felipe Iglesias” (2014) “La 2ª Transición española: Suárez, Felipe VI, Podemos y el Escudo antimisiles” (2014) “La imagen de la mujer como propaganda de guerra: víctimas, instigadoras, testigos y oposición” (2014) “Ciberespacio y síntoma comunitario: una lectura a partir del 15M” (2013), “La percepción social de la calidad educativa en España” (2012), Manipulación y medios en la sociedad de la información (2007) El modelo de participación de las ONG. La construcción social del voluntariado y el papel de los Estados” en Cooperación para el desarrollo y ONG una visión crítica (2001) “Las ONG como campo de relaciones sociales” en Las ONG y la política (2002)“Nuevas tecnologías, educación y sociedad. Perspectivas críticas” (2003), Ciudadanía cibernética, la nueva utopía tecnológica de la democracia en Aprendiendo a ser ciudadanos (2003), e numerosos artigos e crónicas na revista dixital Rebelión (www.rebelion.org) sobre o 15M, medios de comunicación, manipulación, e conflitos políticos. Así mesmo ten impartido numerosas conferencias sobre o papel dos medios de comunicación nas novas formas de guerra e a manipulación mediática.

É membro da asociación de documentalistas DOCMA, da Asociación de educomunicadores Aire e da Unión de Cineastas, e do consello de redacción da Revista Esbozos.

“Ocho apellidos de regiones escasamente romanizadas”: Cultura da Transición e conflito colonial interno no Estado español

Nesta conferencia abordarei o conflito territorial interno do Estado español dende unha perspectiva poscolonial, facendo fincapé nas súas dimensións simbólica e material. En consonancia con varias das voces críticas da Transición española que falan do conflito colonial interno no Estado español como un indicador da democraticidade fallida que instaurou o proceso constitucional de 1978 (Pastor, Bastida), nesta conferencia desenvolverei a idea de que a chamada Cultura da Transición se sustenta, en parte, nun protocolo discursivo recoñecible para o tratamento deste conflito (o recurso a metáforas suaves, a miúdo tiradas do campo semántico do amor romántico; a énfase en afectos como o remorso, o medo e a compaixón; a priorización de formas de memoria individual no canto de colectiva; a deshistorización e despolitización do conflito). Trazarei a perdurabilidade destas características discursivas nun feixe de produtos culturais aliñados co paradigma da Cultura da Transición, incluíndo os recentes filmes da franquicia Ocho apellidos, e a súa vixencia no tratamento que a Nova Política española lle outorga ao conflito colonial interno.

Filosofía e Política. XXXIII Semana Galega de Filosofía. Xoves 31. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A POLÍTICA VISTA DESDE GALICIA

HELENA MIGÉLEZ CARBALLEIRA é profesora titular en Estudos Hispánicos na Universidade de Bangor (Gales) e directora do Centro de Estudos Galegos na mesma localidade. Formouse en Filoloxía Inglesa na Universidade de Vigo, e máis adiante na Universidade de Edimburgo cun Máster en Estudos de Tradución e o doutoramento en Estudos Hispánicos.

Especialista nas formas do conflito nacional interno en España ao longo do tempo e na contemporaneidade, pretende partillar o seu traballo a través do blog “Postcolonial Spain” pero tamén a través de publicacións e intervencións académicas.

É autora dunha monografía publicada pola University of Wales Press en 2013 que foi traducida ao ano seguinte en Galicia baixo o título Galicia, um povo sentimental? Género, Cultura e política e que tivo unha importante recepción.

Coeditora do volume Companion to Galician Cultures (Tamesis, 2014) e dos especiais de Translation Studies e do Bulletin of Hispanic Studies, autora de numerosos capítulos de libros, de artigos e colaboracións en publicacións especializadas e non especializadas galegas e estranxeiras (Anuario de Estudos Galegos, Grial, El País, Journal of Spanish Cultural Studies, Men and Masculinities, Hispanic Reseach, Journal, New Voices in Translation Studies…).

Tradutora, colaboradora en proxectos internacionais, fundadora editora da revista Galicia 21, ademais de membro de asociacións académicas e conferenciante en diferentes ámbitos e foros nacionais e internacionais.

Máis información sobre a actividade profesional no sitio web: www.hmcarballeira.net.

Definición de esquerda e análise da situación

Parte da constatación da posta en crise da esquerda, chegando os máis audaces a sancionar o seu anacronismo e os máis inconscientes a decretar a súa inexistencia. E trata de esclarecer as determinacións empíricas, os motivos ideolóxicos e as carencias teóricas que levaron a converter en tópico banal unha percepción triplamente “ilusoria”: ilusión da “dereita” de invisibilizar o seu inimigo, ilusión da “post-esquerda” de se saír da historia e ilusión da “esquerda” buscándose a si mesma fóra de si.

Filosofía e Política. XXXIII Semana Galega de Filosofía. Xoves 31. Mañán 10:30 a 13:30. Bloque: REFLEXIÓN FILOSÓFICA SOBOR DA POLÍTICA 

JOSÉ MANUEL BERMUDO ÁVILA é Catedrático Emérito de Filosofía Política da Universidade de Barcelona. Actualmente dirixe o Seminario de Filosofía Política da UB (para graduados e doutorandos). É investigador principal do grupo de investigación “Crisis de la razón práctica”, que traballa nun programa sobre a crise contemporánea da razón política. Escribiu libros e artigos sobre varios pensadores da época moderna, como Maquiavelo, Diderot, Rousseau, Kant ou Marx. Preparou edicións en castelán de relevantes obras filosóficas, como El Sistema de la Naturaleza, de d’Holbach (1983), Del Espíritu, de Helvétius (1984); Historia de la Filosofía de l’Encyclopédie, de Diderot (1987); Profesión de fe del vicario Saboyardo, de Rousseau (1984); La Ciencia Nueva, de Vico (1985) ou o Tratado de los Sistemas y de las leyes, de Condillac (1995). Entre as súas últimas publicacións mencionamos o seu libro Filosofía Política, en tres volumes: Luces y sombras de la ciudad (2001), Los jalones de la libertad (2001) e Asaltos a la razón política (2005); Filosofía y Globalización (2004) y Adiós al ciudadano (2010).