A relación sexual entre homes e mulleres non se pode escribir

A relación sexual non existe. Jaques Lacan

Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía.
Araceli Fuentes García-Romero. Psicoanalista en Madrid. Formada na ensinanza de Jaques Lacan. Analizouse en París coa Sra. Colette Soler. Membro da Escola Lacaniana de psicanálise e da Asociación Mundial de psicanálise. Realizou o seu pase e foi nomeada Analista da Escola en novembro de 2010, desenvolvendo o seu traballo como A.E. ao longo de tres anos na sede de Madrid da Escola Lacaniana de psicanálise (ELP) e en diferentes Congresos da Asociación Mundial de psicanálise (AMP). Na actualidade, é docente do Nucep-Madrid, onde é responsable do Departamento “O corpo e os seus goces” e coordina o Seminario do Campo Freudiano en Madrid.

Venres 10. Mañán 10:30 a 13:30. Bloque: REFLEXIÓN FILOSÓFICA SOBOR DA SEXUALIDADE

A descuberta da psicanálise a fins do século XIX, que amosa a importancia da sexualidade na formación dos síntomas e na propia vida humana, supuxo un escándalo na sociedade victoriana na que Freud vivía, causando o maior abraio pensar que os nenos e nenas xa teñen acceso á sexualidade polimorfa. Estamos no século XXI e as cousas mudaron moito respecto da sexualidade no discurso social; poderíase dicir que nos atopamos no polo oposto ao da sociedade victoriana. Hoxe asistimos á difusión masiva da pornografía a nível planetario, e a sexualidade non só non se reprime senón que nos vemos sometidos a un imperativo que empurra ao goce. Esto supón algo novo que podemos detectar no modo no que as novas xeracións operan a súa aprendizaxe. A psicanálise recolle as consecuencias do modo actual de vivir a sexualidade e as mudanzas que se produciron son o produto da acción combinada de dous discursos: o discurso da ciencia e o discurso capitalista, que exerceron unha fonda transformación na reprodución, na sexualidade e na familia.

A psicanálise tamén se viu afectada por estos cambios, nos que a orde simbólica quedou asemade tocada. A función paterna perdeu o privilexio que lle atribuían tanto a tradición como até certo intre a psicanálise. Non obstante, esta última, a diferenza doutros discursos embebidos do relativismo postmoderno, guíase polo real –polo “seu” real, un real diferente do da ciencia. Para a psicanálise non todo é relativo, porque o real existe, e iso dótaa dunha perspectiva da que outros discursos carecen.

A psicanálise é fundamentalmente unha praxe, e é desta praxe da que aquela extrae o seu saber. Esta ponencia inserida nun Congreso de Filosofía bríndanos a posibilidade de conversar con outros sobre o que a nosa praxe nos ten ensinado encol da sexualidade dos seres falantes.

Sexualidade e identidades desobedientes: Unha pedagoxía transgresora para a transición do status quo ao status queer

Calquera estratexia para eliminar a violencia de xénero, debe por tanto, comparar as carencias culturais e as estructuras sociais que a perpetúan. Lori Heise

Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía

Victoria Carrera. Licenciada en Psicopedagoxía eDoutorada pola Universidade de Vigo en 2010 coa tese “Maltrato escolar entre iguais en Educación Secundaria Obrigatoria: Prácticas de xénero e control heteronormativo”, traballo co que obtivo o Premio Extraordinario de Doutoramento en Ciencias Sociais da Universidade de Vigo (decembro de 2010). e Premio Nacional Fin de Carreira do Ministerio de Educación (2004), foi beneficiaria dunha bolsa predoutoral FPU, a bolsa máis prestixiosa que pode obterse en España para a realización do doutoramento e para a formación docente universitaria, concedida polo Ministerio de Educación e Ciencia (2006-2010). Posteriormente a Fundación Barrié de la Maza becouna cunha bolsa posdoutoral de excelencia para a realización de estadías no estranxeiro.
É autora/coautora de máis de medio cento de artigos en revistas científicas. O seu ámbito docente e investigador céntrase na construción da identidade de xénero no marco da heteronormatividade, a violencia cara á diversidade sexual, o bullying e a educación sexual integradora contextualizada nunha pedagoxía crítica e queer.

Venres 10. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A SEXUALIDADE VISTA DESDE GALICIA
A Segunda Onda Feminista iniciada a finais dos 60 e debedora da obra de Simone de Beauvoir -especialmente do seu coñecido traballo O Segundo Sexo (1949)- culminou coa definitiva desnaturalización do xénero. Desenmascarado o carácter natural do xénero, quedaba, con todo, un flanco aberto para xs detractorxs da loita pola igualdade: o sexo. Esa sustancia inalterable, fixa e prediscursiva, responsable da materialidade dos corpos, continuaba operando a favor da desigualdade. E foi tamén a tradición feminista, neste caso postestructuralista, a que tomando a testemuña das súas predecesoras, iniciou -non sen grandes resistencias que perduran aínda hoxe- a desnaturalización do sexo. Destaca nesta liña a obra da filósofa feminista norteamericana Judith Butler -precursora e máis coñecida representante da Teoría Queer- que no seu traballo O xénero en disputa: O feminismo e a subversión da identidade (1990), pon de relevo a principal premisa do seu pensamento, denunciando, do mesmo xeito que sucedera décadas atrás co xénero, o carácter culturalmente construído do sexo.
Desmitificar o carácter natural do xénero e do sexo significa afirmar que non nacemos nin homes nin mulleres, nin masculinos nin femininos, nin heterosexuais, senón que nacemos persoas cunha realidade corporal concreta que a cultura se encargará de significar, encasillándonos en dúas categorías opostas (home/muller) que cando non son excluíntes forzaranse a unha das dúas casillas a través das modernas técnicas cirúrxicas de “reparación” de xenitais. De forma que tras a asignación (ou asignación/reconstrución) do sexo construirase un xénero coherente -masculino para os homes e feminino para as mulleres- e unha orientación sexual lexítima -heterosexual para ambos- a través dun tedioso proceso de socialización que é especialmente forte na infancia, pero que se prolongará ao longo de toda a vida. Configurándose así dous únicos modos lexítimos de ser persoa: home/masculino/heterosexual e muller feminina/heterosexual. De modo que todas aquelas persoas que transgriden estas dúas casillas, que habitan identidades desobedientes, enfróntanse a unha real ou simbólica sentenza de morte, sendo patoloxizados, criminalizados e sempre afastados do ámbito da intelixibilidade.
En calquera caso, se existe algunha enfermidade ou anomalía, esta non radica nesoutras identidades transgresoras, desobedientes ou como diría Elvira Burgos “entrecruzadas” (2006) senón nunha sociedade que se nega a aceptar unha realidade que vai máis aló da rixidez do modelo dualista heteronormativo. Conscientes de que a violencia radica xa nas propias normas sociais sobre o sexo e o xénero, chegou a hora de apostar polo camiño da liberdade. Un camiño que descansa na utopía. Nunha utopía entendida non como realidade inalcanzable, senón como realidade posible, non como inxenua ou pasiva, senón como responsable e activa. Nesta liña, reivindico un espazo diferente para a educación sexual, promovendo unha formación da dimensión sexual humana de carácter integrador, como vértice crucial para alcanzar unha sociedade máis libre e democrática, unha sociedade de seres humanos. Seres humanos iguais e á súa vez diferentes, onde a diversidade sexual, é dicir, as diferentes formas de situarse no mundo como ser sexuado, sexa considerada un valor a través do cal constituír unha sociedade máis xusta e democrática. Reivindico, en definitiva, a urxente necesidade dunha pedogoxía sexual orientada a transitarmos do status quo ao status queer.

O sexo de pago. Os discursos en torno á pornografía e á prostitución

¿Existe un buen modo de categorizar los cuerpos? ¿Qué nos dicen las categorías? Las categorías nos dicen más sobre la necesidad de categorizar los cuerpos que sobre los cuerpos mismos. Judith Butler

Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía

Dolores Juliano Corregido. Cursou a licenciatura de Antropoloxía en Arxentina e doctorouse en Filosofía e Letras na Universidadede Barcelona, onde foi profesora titular ata a súa xubilación. Traballa desde hai moitos anos en  Antropoloxía da Educación, e en temas de xénero, inmigración e discriminación, desde unha perspectiva feminista. Forma parte de diversos equipos de investigación e ten dado cursos en varias universidades españolas e de América Latina. Recibíu o premio “Creu de Sant Jordi” outorgado pola Generalitat en 2010 polo conxunto da súa traxectoria académica e científica.

Luns 6. Noite 20:00 a 22:00. Bloque: A SEXUALIDADE A DEBATE

Dado que a base da nosa nosa organización sexo-social é a obrigatoria complementariedade heterosexual, resultan estigmatizadas todas as conductas que se sitúan á marxe do modelo, tales como homosexualidade, prostitución, transexualidade, bisexualidade, así como as transgresións ás normas de xénero. A criminalización do sexo de pago e doutras actividades incluidas dentro do negocio do sexo, como a pornografía, non depende dos delitos que se cometen dentro destas áreas, que existen pero que poden evitarse facendo uso da lexislación común, senón da estigmatización social, que se ensaña cos sectores máis desfavorecidos e se nega a escoitar as súas demandas.

O problema de outorgar credibilidade aos sectores que carecen de poder e prestixio social, pode darse mesmo  no seno dos movimentos reivindicativos. O feminismo tivo dificultades epistemolóxicas para incluir nas súas reivindicacións a voz das mulleres pertenecentes aos sectores marxinais,  atrapado en dous dilemas: Se históricamente se reclamaran dereitos civís a partir da superioridade moral da muller, que se fai con aqueles ás que se lles asignaba moralidade dubidosa ou non convencional?  Por outra banda, pero converxentemente, se se cría nun modelo único de reivindicacións universais productos da ilustración, e na existencia dun suxeito “muller” indiferenciado, como entender prioridades diferentes a partir de situacións sociais diversas, tales como os condicionamientos de clase, étnicos ou relixiosos?

A tentación de culpabilizar ás infractoras, cuxo modelo eran as prostitutas ou as sospeitosas de selo, atopou apoio dentro do sector máis intistucionalizado do movemento de mulleres. A outra posibilidade consistía en victimizalas, considerando que as conductas “inmorais” lles eran impostas externamente. Este foi o camiño que siguiu o movemento “antipornografía” de EEUU, que se extendeu por moitos países e se diversificou en distintas formas de abolicionismo.  Contra esta deriva autoritaria loitan actualmente as asociacións de traballadoras do sexo, as organizacións pro dereitos e as correntes do feminismo prosexo e queer.  Tamén dentro do campo académico multiplícanse  os estudios de ciencias sociais que procuran rescatar a voz destes sectores.

Ciencia, inocencia e sexo

A inxenua analoxía dos órganos dos dous sexos desapareceu, pero aínda temos que desprendernos de moitos outros errores heredados, pois o percorrido desde a disección ata a formulación é tan complicado, tan pouco directo e tan condicionado pola cultura coma antes. Ludwik Fleck


Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía

Javier Peteiro Cartelle. Nado na Coruña en 1953. É Licenciado en Medicina e Ciruxía. É Doutor en Medicina e Ciruxía coa tese “Influencia dun campo magnético estático sobre a cinética celular de meristemos de Allium e linfocitos humanos. Análise citoxenético da súa capacidade mutaxénica en ambos sistemas experimentais”. É especialista en Análises Clínicas. Foi Secretario Xeral do Colexio Médico da provincia da Coruña e Coordinador da Unidade de Patoloxías de Baixa Prevalencia na mesma institución até o 2006. Na actualidade é Xefe de Sección de Bioquímica e Laboratorio de Alerxia no CHUAC. Ten desenvolvido tamén actividade docente como Profesor colaborador de Biofísica e Bioquímica na Escola Universitaria de Enfermería de A Coruña (1978-1997), Profesor de Bioestatística da mesma Escola (1983-1991) ou como Profesor de Terceiro Ciclo (2007-2012) en programas sobre “Aspectos básicos e clínicos do transplante” e “Medicina clínica. Avances e investigación”. É autor dun blog de reflexión, que mantén na actualidade, centrado no xogo entre memoria e esquecemento: “Cerca del leteo”.

Martes 7. Noite 20:00 a 22:00. Bloque: A SEXUALIDADE A DEBATE

Na conferencia analizaranse os aspectos que seguen:

  1. Evolución da sexualidade. Naturaleza do individual. Individuo versus suxeito.
  2. A diferencia sexual. Dimorfismo sexual.
  3. O suxeto sexuado. Atracción sexual, reproducción e estabilidade de parella.
  4. A inocencia sexual bioloxicista.

Historia do movemento LGBT en Galicia

Todas as personas producimos xénero, produzamos liberdade. Argumentemos con infinitos xéneros. Manifesto transfeminista


Filosofía e Sexualidade. XXXII Semana Galega de Filosofía
Laura Bugalho. Diplomada en Maxisterio e licenciada en Pedagoxía, na especialidade de Intervención Social, traballa como sindicalista da CIG desde 1992. Asemade ten destacado como activista LGBTQ, feminista e transfeminista e a prol dos dereitos das persoas migrantes. É membro do Foro Galego de Imigración, do Colectivo STOP Desafiuzamentos Compostela, Rede Transfeminista Galega, Rede Internacional pola Despatoloxización Trans, e tamén milita na causa soberanista galega. Ten publicado diversos artigos nas seguintes publicacións: Andaina, A Nosa Terra, Vozeiro O Pedroso, Vieiros, Novas da Galiza, Galiza Livre Diário Liberdade, Sermos Galiza, Páxina wweb da CIG/Avantar, Seminario Galego de Educación para a Paz (SGEP). Foi Presidenta do Consello da Xuventude de Galiza. Laura Bugalho ten recibido, entroutros o Premio Legais 2001 a Defensa dos Dereitos e Liberdades LGBT, o Premio Triángulo de Ouro EHGAM 2009 e o Premio Nicolás Salmerón 2011 na categoría de Defensa das Liberdades Sexuais.

Martes 7. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A SEXUALIDADE VISTA DESDE GALICIA

A evolución do movemento lesbigaytransexual na última década na Galiza pasou desde un activismo de cada grupo a unha confluencia dos movementos nunha Federación Galega chamada Aturuxo, sendo a proxeción pública desta amplamente recoñecida nomeadamente no Dia do Orgullo en Compostela. Esta ilusionante tarefa federativa foi indo a declive coa falla de tempo das persoas que máis fondamente levaran a iniciativa, coa entrada de intereses partidistas que en troques de apostar por manter a proposta tentou -baixo o meu punto de vista- asimilala ao Partido político gobernante naquela altura.

Asistimos despois ao nacemento do movemento transfeminista, na Galiza tamén con entidades como Maribolheras Precarias, Nomepisesofreghao, Oquenosaedacona e o Coletivo TransGaliza. O Transfeminismo xurdiu como a suma das loitas ante aquel entón parcializadas e que coa ollada de “por que imos loitar por unha parcela se o campo é todo noso?” interseccionou, baixo meu punto de vista, de maneira intelixente aqueles movementos nas marxes da sociedade. O Transfeminismo xorde do Feminismo, mantense nel os seus fundamentos, e aglutina outros activismos trans-marica-bollo-puta-inmigrante. Translada o suxeito do feminismo a un amplo grupo de persoas nos que a exclusión social e política fan que a sua loita, antes parcial ou de continxente, sexa vertebrada desde o Transfeminismo como loita global, radical e revolucionaria.