Posicionamento sobre o decreto do galego


A Aula Castelao de Filosofía rexeita o chamado “Decreto do Plurilingüismo”.

 

 

A “Aula Castelao de Filosofía”, unha asociación constituída por profesionais de distintos ámbitos do saber, que traballan nos eidos intelectual e docente por transformar Galiza nunha sociedade de cidadás e cidadáns libres e solidari@s, ante as Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galiza que o goberno da Xunta vén de elaborar, quere manifestar o que segue:

1º A situación actual de acoso e agravio contra o idioma senlleiro e propio de Galiza, foi creada e dirixida por un sector da sociedade claramente marcado ideoloxicamente e polarizado partidariamente, interesado —dun xeito temerario— en fabricar un conflito lingüístico coa fin de extraer réditos electorais, desbaratando o anterior clima de consenso e diálogo social existente en Galiza ao respecto.

2º A suposta conculcación dos dereitos individuais defendida por ese sector baséase nunha vaga interpretación de corte neoliberal da liberdade individual, onde se esquecen ora o deber e o dereito de tód@l@s alumn@s a adquirir competencias lingüísticas indistintamente nas dúas linguas oficiais de Galiza ora, a existencia do dereito dos pobos a defenderen e protexeren a súa cultura propia.

3º Como resultado do anterior o actual goberno da Xunta de Galiza quere impoñer esta reforma no ensino non universitario, partindo dunha difusa e maliciosa percepción do uso das linguas en Galiza: baixo o pretexto da ecuanimidade, o borrador de decreto tenta equiparar a realidade sociolingüística do galego coa do castelán, e o que é peor, brincando cunha terceira lingua foránea, o inglés, nun groseiro exercicio de prestidixitación matemática que colocaría a lingua galega nunha posición aínda máis discriminada na escola.

4º O punto de partida da devandita reforma agocha a realidade sociolingüística do noso país, que teimosamente amosa a desigualdade do uso do galego fronte ao do castelán. Neste sentido é mester a continuación do implemento de medidas activas a prol da promoción da lingua galega no sistema educativo, tal e como se vén facendo de acordo coa normativa vixente.

5º Do mesmo xeito, queremos salientar o papel que ten a educación como formadora de cidadáns e cidadás libres e solidari@s, motivo que nos leva a rexeitar —por impertinente— a apropiación pola comunidade de pais dun dereito ou competencia do conxunto da sociedade. Esta apropiación confunde a educación cun servizo ofertado á elección privada dos consumidores, poñendo en perigo tanto, a solidariedade comunitaria entre a cidadanía como, a adquisición por cada alumn@ dos diferentes contidos imprescindíbeis para o desenvolvemento dunha conciencia crítica e autónoma.

Polo anteriormente exposto, a “Aula Castelao de Filosofía” solicita a paralización da actual reforma, desbotando o novo borrador de decreto sobre o galego no ensino, respectando así mesmo o actual Decreto 124/2007, de 28 de xuño de 2007, o Plan xeral de normalización da lingua galega e a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.

En Pontevedra a 29 de xaneiro de 2010.

Share on Facebook0Tweet about this on TwitterShare on Google+0Email this to someone