AULA CASTELAO DE FILOSOFÍA: TRINTA E SEIS ANOS DE COMPROMISO

Unha acta de 26 de setembro de 1983 recolleu a constitución formal en Pontevedra da Aula Castelao de Filosofía. Esta ten por obxectivos a renovación temática e metodolóxica no campo da Filosofía –prestando especial atención ao profesorado de ensino medio- e a normalización da nosa lingua, principalmente no ensino, co horizonte de pensar os problemas do presente a través da filosofía, na súa dimensión crítica e transformadora. A mediados da terceira década levou a efecto gran cantidade de conferencias e ciclos (Castelao, Marx, Xuventude, Perestroika, Portugal, Engels, Filosofía e Ensino, O Manifesto Comunista, Simone de Beauvoir e O Segundo Sexo, Faustino Cordón: Ciencia e compromiso, Educación e Cidadanía…), tomou parte en diversos congresos, xornadas pedagóxicas, foros…, creou a web www.aulacastelao.com e reuniu nos seus arquivos unha inxente documentación: centos de horas de gravación en casete e filmada, traballos inéditos, dossieres de prensa, fichas bio-bibliográficas, correspondencia, base de datos, etc.

No que atinxe a publicacións, sería prolixo enumerar a gran cantidade de información xerada en xornais, semanarios, revistas, radio, televisión, portais e páxinas web. Múltiples relatorios do noso Congreso anual figuran en revistas e libros de ensaio, ademais de estaren colgadas na rede. Membros da asociación, seguindo os obxectivos dos que se falou na liña anterior, editaron –en equipo ou individualmente- investigacións sobre pensadores galegos e estranxeiros como: Celso Emilio Ferreiro, Bouza Brey, Xoán Vicente Viqueira, Amor Ruibal, Indalecio Armesto, Ricardo Mella, J. P. Sartre, E. Fromm, Garaudy… Así mesmo sobre Feminismos, Literatura Iberoamericana, movementos alternativos… Son merecedores dunha mención especial os libros de texto e outros materiais para o ensino medio nos campos da filosofía, da xeografía e da historia. Entre os ensaios editados figuran:

  • Antón Losada, Teoría e Praxe (Vigo, 1984, 2ª ed. esgotada).
  • O pensamento galego na historia. Aproximación crítica. (Santiago de Compostela, 1992, 2ª ed.).
  • Postmodernidade e Poder (Vigo, 1989).
  • América Latina. Entre a realidade e a utopía (Xerais, Vigo, 1992).
  • Filosofía e Xénero (Xerais, Vigo, 1996).
  • Filosofía e Lingua (Laiovento, Compostela, 1997).
  • Globalización e Cambio de Milenio (Xerais Universitaria, Vigo, 2001).
  • Filosofía e Compromiso (Espiral Maior, A Coruña, 2004).

Mais, sen dúbida, as actuacións de maior relevo veñen sendo as Semanas Galegas de Filosofía, das que van xa trinta edicións. Un grupo de amigos filósofos, profesores do Ensino Medio, iniciaron hai trinta e un anos a andaina do que é hoxe un foro crítico, interdisciplinario e aberto á totalidade de niveis do ensino e mesmo a outros sectores sociais que teñan por meta o exercicio de autocrítica da razón.

A actualidade e a visión holística presidiron a temática e a posición en escena das Semanas e do resto de actuacións, e acudiron como relatores un considerábel número de intelectuais galegos, unha importante lista de filósofos españois afamados e unha boa escolma de pensadores europeos, americanos e, inclusive, asiáticos e africanos. Pontevedra está a ser todos os anos, na semana de Pascua, obrigada cita de galegos e non galegos preocupados por estar ao día, convencidos de que facer filosofía é ser capaces de traducir en ideas os problemas vivos, prementes e preocupantes de cada época. Estudantes universitarios, máis numerosos en cada ocasión, profesorado das diferentes escalas, público non relacionado co ensino, acoden a esta vila e fan boa esa tradición, que non debemos deixar que esmoreza, de ser cidade de fortes inquedanzas culturais.

As Semanas son fermento que leveda a masa de todo un ano laboral, abren vieiros, proporcionan bibliografía actualizada, permiten que se fagan públicas todo tipo de pescudas sobre o tema ou didácticas, facilitan contactos e intercambios, favorecen a xestación de traballos en común, tornan fácil a dirección de teses de licenciatura e teses, etc., etc. Son, sen dubidalo, unha boa ocasión, non só como complemento intelectual, senón para a medra das relacións humanas e da amizade. As trinta e unha edicións até agora celebradas, tiveron os seguintes títulos:

Trinta e seis anos e sempre co apoio constante de todos e todas os que cada ano asisten e participan nas Semanas Galegas de Filosofía, que potencian os debates e reclaman que a Aula Castelao continúe a ser o, a estas alturas, xa máis consolidado foro de pensamento crítico dos que se celebran en Galiza.

Esta realidade foi recoñecida a nivel institucional con diversos premios e distincións, como o Premio Cidade de Pontevedra 2005 na modalidade de persoa xurídica e concedido por unanimidade polos colectivos veciñais, culturais e da comunicación de Pontevedra ademais de todos os grupos municipais, que dedicamos a todas as xentes pontevedresas, o Pedrón de Ouro 2006, ofrecido a todos os galegos comprometidos co noso pobo, no Ano da Memoria no que relembramos a todos aqueles grazas aos que Galiza existe con cara propia, o Pontevedreses do ano 2007, na categoría de cultura ou o Xoán Manuel Pintos do ano 2011, que o facemos extensíbel á tódalas persoas que usan o galego no seu día a día e nas súas diferentes tarefas e traballos. Galardóns que agradecemos e entendemos como un reto máis de continuidade e rigor que agardamos goce do voso apoio, presentándovos a XXXVI SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA: FILOSOFÍA E FRONTEIRA.