Conferencia de Ramón Grosfoguel: “O xiro decolonial” (a mirada da humanidade excluída)

No 35 aniversario da Semana Galega de Filosofía, dende a Aula Castelao de Filosofía, quixemos organizar un encontro co profesor Ramón Grosfoguel, membro do grupo modernidade/colonialidade que representa a actualización da tradición de pensamento que incorpora a visión dos colectivos habitualmente excluídos da historia do pensamento. Tratan de botar luz sobre aquelas achegas que minusvaloramos ou ignoramos por proceder dos grupos sociais oprimidos, vencidos ou simplemente alleos aos focos do poder mundial. 
 
Ramon Grosfoguel é un sociólogo portorriqueño que traballa no Departamento de Estudos Étnicos da Universidade de Berkeley, California. propón unha reflexión crítica sobre o aparello teórico montado dende un antiesencialismo radical ou  anti- identitarismo que é propio para a realidade dunhas persoas que viven privilexios raciais no sistema mundo e que se converte en arma de colonización no momento en que ese marco antiesencialista se  extrapola. Fala sobre como certas formas de ser foron historicamente  superiorizadas e como en cambio outras foron tradicionalmente inferiorizadas.
 
Este acto, organizado pola Aula Castelao de Filosofía coa colaboración do Concello de Pontevedra, terá lugar a vindeira quinta feira 19 de xullo ás 20:00 h. no Pazo de Mugartegui en Pontevedra.