Eurasia como eixe do século XXI

Desde Occidente pode verse esta afirmación de dúas formas: ou moi irreal ou moi arriscada. O certo é que mentres nos entretemos en cuestións menores, o eixe do mundo desprazouse irreversiblemente cara a esa zona do mundo e non fai tanto tempo.

Si hai que sinalar unha data esta é 2008, cando como consecuencia do inicio da aínda inacabada crise económica, política e moral. Véxase o que está sucedendo en Europa cos refuxiados- dous países, Rusia e China, viron chegado o seu momento. O primeiro, intentando recuperar e restablecer a súa influencia nos países que formaron parte da Unión Soviética establecendo a Unión Económica Euroasiática. O segundo, seguindo a tradición confucianista, estendendo a súa influencia polo mundo, desde a propia Asia ata África e América Latina.

Actuando cada un ao seu xeito, tanto Rusia como China viron que había que facer de Eurasia o eixe central do planeta. A forma de logralo foi revitalizar a Organización de Cooperación de Shanghai. Aínda que evitaron con coidado as acusacións de Occidente de que a OCS supón unha especie de OTAN en Asia, a realidade é que este é un compoñente moi importante da OCS, a seguridade militar no continente. Isto supón un freo claro ás intencións imperialistas, clásicas, por outra banda, de EEUU que vendo o que se lle viña encima xa aprobou en 2013 unha nova Doutrina de Seguridade Nacional na que se establecía que Asia era a rexión sobre a que tiña que centrar a súa atención. Esta é unha consecuencia non prevista do que está sucedendo en Oriente Próximo, onde como consecuencia da retirada de EEUU xurdiron potencias rexionais con intereses propios e, ás veces, contrapostos aos de EEUU.

Rusia e China convertéronse en dous aliados estratéxicos o que lles fai prácticamente invulnerables ás presións occidentais. Pese ás sancións, ou grazas a elas, os intereses políticos, económicos e militares destes dous países van cada vez a máis. A recente firma dun acordo para que Rusia forneza de petróleo e gas a China durante 30 anos -co que China reduce sustancialmente a súa dependencia do petróleo de Oriente Próximo-, os movementos conxuntos para que no comercio bilateral deixe de funcionar o dólar e sexa posible nas súas propias moedas e o máis importante, a creación do Banco Asiático de Investimento en Infraestructuras, pon de manifesto que non hai volta atrás e que estamos asistindo ao nacemento dunha nova era. A creación do BAII provocou que o FMI reformase o seu sistema de cotas tras cinco anos de negarse a iso, pero é un movemento que xa chega tarde. En xaneiro deste ano o BAII púxose de forma oficial en funcionamento. Os seus créditos serán en yuanes, a moeda chinesa. No mesmo teñen unha participación moi importante tanto China como Rusia e India, por mencionar outro país. Moito máis importante que a que teñen no FMI, malia a reforma que ha ter que realizar. Polo tanto, non é difícil adiviñar que o BAII converterase a curto e medio prazo na alternativa ao FMI e ao BM. Estamos asistindo a fin da hexemonía occidental e ao xurdimento dunha nova era que xa non pivotará nin sobre Europa nin sobre EEUU, nin sobre as súas institucións, senón sobre Eurasia, os seus países e as súas institucións. Co 60% da poboación do planeta e o 60% dos recursos as institucións como o BAII, a OCS (da que tamén forman parte India e Pakistán e á que se incorporará en xuño deste ano Irán) ou a UEE teñen o campo abonado para a súa expansión ou afianzamento. Gústelle ou non -que non lle gusta- a Occidente.

Filosofía e Política.  XXXIII Semana Galega de Filosofía. Mércores 30. Noite 20:00 a 22:00. Bloque: A POLÍTICA A DEBATE

ALBERTO CRUZ BRAVO. Licenciado en Ciencias da Información (1984) e en Ciencias Políticas (1991). Impartiu cursos e seminarios sobre Comunicación e Relacións Internacionais en diversas universidades (León, Zaragoza, Navarra) e, a requerimento de diferentes organizacións sociais, tamén en diferentes países de América Latina (Ecuador, Venezuela, México) e do Estado español. Escribe artigos en medios de comunicación alternativos, dirixiu e escribiu guions para documentais e é autor de varios libros. O último, publicado en 2013, leva por título de As bruxas da medianoite. O 46 Reximento Taman de aviadoras soviéticas na II Guerra Mundial. na actualidade colabora co Centro Político para as Relacións Internacionais e o Desenvolvemento (CEPRID).

A desarticulación da sociedade galega: territorio, migración, destrución do tecido produtivo e dos mecanismos de cobertura social

O resultado da hexemonía do sistema capitalista na Galicia contemporánea exprésase nunha ocupación moi desigual, pouco racional, do territorio. Un territorio que sufriu un proceso urbanizador intenso e moi rápido no tempo, que establece unha división do país en dúas partes ben diferenciadas. O eixo urbano atlántico, urbano e superpoboado, que se estende desde Ferrolterra ao Baixo Miño e concentra unha ampla maioría da poboación e da capacidade económica. E case o 75% do espazo xeográfico, rural e interior, caracterizado polas súas dinámicas de despoboamento, abandono e atonía económica. O valor de cambio do solo impúxose ao seu valor de uso, coa conseguinte perda de importancia das actividades agrarias e das vinculadas á extracción de recursos, fronte a novos conceptos como a financiarización da economía, que procura rendas de localización a través de procesos especulativos de acumulación do capital. Nos mesmos tanto a burbulla imobiliaria como as lóxicas de accesibilidade teñen moito que dicir. Esta nova dinámica tamén se traduce noutro fracaso: Galicia perde habitantes, avelléntase, sen deseñar nin o inicio dunha nova etapa de xestión sustentable do territorio e puxanza baseada nas súas potencialidades internas. De feito, a superación desta interpretación do capitalismo como modelo e estado de cousas, será a única vía para abrir unha nova etapa na Xeografía do país.

Filosofía e Política. XXXIII Semana Galega de Filosofía. Mércores 30. Tarde 17:00 a 19:30. Bloque: A POLÍTICA VISTA DESDE GALICIA

RUBÉN C. LOIS GONZÁLEZ é Catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela. Foi profesor convidado das universidades de Le Mans, Caen e Toulouse-Le Mirail (Francia), e Bergen e Finmark Universitary College (Noruega). Profesor visitante en Calgary (Canadá). Entre 2005-2009 exerceu como Director Xeral de Turismo da Xunta de Galicia. Autor de máis de duascentas publicacións, destaca polo seu interese na Xeografía urbana. É coautor do “Diccionario de urbanismo, geografía urbana e ordenación do territorio” (Ed. Cátedra. 2013) e coordinador do manual “Los espacios urbanos” (Ed. Biblioteca Nueva, 2012). Máis recentemente coordinou o libro “New Tourism in the 21st Century” (Cambridge Schollars Pbs., 2014). Ten publicado máis de noventa artigos en revistas académicas entre as que cómpre nomear “Annales de Géographie”, “Espaces et Societés”, “Tourism Geographies”, “Mobilities”, “Scripta Nova” y “Die Erde”. Investigador principal de varios proxectos internacionais, é consultor para temas de investigación dos gobernos italiano e romanés.

 

 

 

 

 

 

Política en Movemento. Movementos sociais e soberanía

Neste relatorio preténdese facer un repaso histórico das principais achegas e legado dos grandes ciclos de protesta dende metade do século XX até a actualidade. Amais, procúrase achegar e discutir algunhas claves interpretativas de certos movementos contemporáneos e o papel político que poden xogar.

Filosofía e Política. XXXIII Semana Galega de Filosofía

Mércores 30. Mañán 10:30 a 13:30. Bloque: REFLEXIÓN FILOSÓFICA SOBOR DA POLÍTICA 

ARNAU MATAS MORELL. Doutor en Filosofía e Máster en Estudos de Paz, Conflitos e Desenvolvemento. Investigador especializado en movementos sociais. Ten participado en diferentes proxectos relacionados coa comunicación alternativa, o movemento estudantil e a recuperación da memoria histórica. É fundador do medio de comunicación alternativo “contrainfo.cat”.