Conclusións da XXVIII SGF: Filosofía e mentira


Mercedes Moreno Sande, membra da Aula Castelao de Filosofía, presentou a conclusións da XXVIII SGF, Filosofía e mentira:

O mundo está cambiando. A brutalidade capitalista está mostrando sen veos a súa faciana non dun xeito remoto, en lugares lonxanos. Aquí mesmo, en Galiza, empezamos a comprender que o noso soño de prosperidade, liberdade e progreso está a piques de quebrarse.

Dicíanos Teresa Oñate que a mentira estructural que sobretermina a nosa época impídenos contestar á pregunta: ¿ónde estamos? Por elo, quixemos indagar sobre a mentira, para poder edificar a nosa praxe.

A construcción do relato da realidade, alén, a construción do mundo, susténtanse sobre ficcións que inducen efectos de verdade. O fundamento, que Miguel Morey achegounos a través da ollada de Niezstche e Deleuze, non está na racionalidade e no coñecento, coa súa dicotomía verdadeiro e falso, senón no sentido e o valor das afirmacións sobre as que cimentamos as nosas verdades.

Os medios de comunicación constitúen un dos sustentos primordiais da nosa visión do mundo. Amplían a nosa ollada, achegándonos co seu potencial tecnolóxico instantáneamente imaxes de acontecementos lonxanos que se presentan como “a realidade”. Estes medios contribúen a fixación desas ficcións nas nosas conciencias: como recordaba Morey, xa Nietzsche sabía que as nosas invencións, petrificadas e desvencelladas da súa xénese, repetidas hoxe ata a saciedade nas pantallas e nos impresos, tomarían a apariencia de verdades inamobibles. Eís a maxia: a metáfora ten efectos reais, e baixo o feitizo desa ollada, as posibilidades de cambio bloquéanse: ¿quén pode ir en contra da “realidade”?

Nese senso extramoral, retomando a Deleuze, urxe entón establecer “quén pode afirmar, dende ónde e para qué”. Os medios afirman. Luca de Tena e Pascual Serrano, xornalistas de dilatada experiencia, converxen cos filósofos no núcleo da súa análise: non hai obxectividade, nin neutralidade. A propia estructura dos medios e as rutinas profesionais xeneran espazos de distorsión insalvables: hai que estar previdos, pois, cando abrimos calquera xornal o prendemo-la tele. O medio filtra necesariamente os acontecementos, e como dicían Serrano e Luca de Tena, nese filtrado hai omisións, silencios, e contidos que ocupan o espacio preferente da axenda. Xerarquizan as informacións, dan primacía a unhas fontes sobre outras, e levantan os seus discursos sobre afirmacións non cuestionadas: aquelo que constitúe o núcleo da ideoloxía dominante nunca se tematiza directamente. Recordaba Capdequí que a fragmentación do discurso podería ser unha nova forma de dominación das estructuras de poder, xa que esa quebra do sentido impide distinguir onde remata a verdade e empeza a mentira.

Tanto Luca de Tena como Serrano afirmaron aquí: os medios, ademáis, minten. Iso devolve á mentira ao plano moral. O engano deliberado sitúase na dicotomía, plantexada por Serrano, entre unha élite coñecedora e responsable e o consumo xeralizado de información por parte dunha masa acrítica que outorga a súa confianza aos medios de comunicación. Recordamos a etimoloxía probable da palabra “mentira” coa que xogaba Morey: mentir e ocultar na mente unha cousa e dicir outra.

Advertía Serrano que tapar unha verdade cunha mentira produce o mesmo efecto de desinformación que a censura dos rexímenes totalitarios. Ante unha afirmación e a súa contraria, en ausencia de poder comprobar cal é a verdadeira, o receptor, illado, é incapaz de saber qué está acontecendo.

Ben sabemos que os medios non poden dicir que minten sen caer no paradoxo. Non esperemos, pois, que o digan.

Mentres tanto, nese “quén fala” que propoñía Deleuze, aparecen as grandes empresas de comunicación que non son entidades neutras ó servizo da verdade: defendendo os seus propios intereses, defenden necesariamente tamén os intereses do capitalismo e das súas estructuras de poder.

A cuestión aféctanos de forma máis acuciante se temos en conta a dimensión política: o que está en xogo, dicía Isabelle Garó, é a democracia fronte a violencia antidemocrática neoliberal. A mentira xoga un papel fundamental na política, e niso coincidiron todos os poñentes que abordaron a cuestión. Xosé Luís Barreiro situou a mentira política dentro dun xogo de linguaxe socialmente establecido no que participan os políticos (mentirosos), os medios de comunicación (correa de transmisión das mentiras e coñecedores da súa mendacidade) e os receptores, destinatarios do xogo e conniventes con él. Así, hai mentira, pero non engano, porque sabemos que nos minten. Pero según Garó, a mentira, considerada como un xogo de espellos onde a vontade de autoengano se emparella coa vontade de mentir para que nada cambie, non é unha categoría sufientemente potente para analizar os mecanismos de dominación, xa que esta dominación non se exerce exclusivamente no plano da linguaxe, senón que é unha combinación de discurso e prácticas. Ela propúxonos retomar o potencial analítico do concepto marxista de “ideoloxía”. As ideas (ou volvendo ao principio, as ficcións, ou construccións, ou metáforas) son representación e parte da realidade. Parten dela e volven a ela, transformándoa. É nese punto de encontro entre idea e realidade (é dicir, nas conciencias vivas) onde radica a posibilidade dunha transformación. Quizais debamos, como pedía Barreiro, facernos maiores de edade e asumir dunha vez a nosa responsabilidade nos acontecementos e na historia. Non para culpabilizarnos (a culpa non deixa de ser outra metáfora), senón para intentar facernos donos do noso destino.

¿Onde está a raíz da nosa pasividade política ante o deterioro progresivo das nosas condicións de vida? Quizáis, no medo ante a incertidume, como sinalaba Barreiro, que fará que prefiramos sempre o malo coñecido, mentres non sexa demasiado malo. Quizáis no illamento do traballador, como sinalaba Garó, que desfai os lazos tradicionais de solidaridade e acción colectiva someténdoo ás presións da competencia e a productividade.

Ou quizáis na imposibilidade de construir un relato, como sinalaba Capdequí, seguindo a Hannah Arendt. O relato, como experiencia de coñecemento que permite comprender, reconcílianos co mundo, disipa o medo, e permítenos actuar nel. Dicía está mañá o profesor Bermejo que a historia, como todos os relatos de evocación do pasado, é instrumento clave para o manteñemento da identidade persoal e colectiva. Así, a manipulación deliberada da memoria histórica pode convertir o relato nun conto inmovilizador. Ángeles Maestro recordaba cómo os espellos de poder non son senón xogos de apariencias que persiguen crear unha imaxe da realidade que bloquee calquera posibilidade de acción. A través da aniquilación da memoria, mutílanse as posibilidades do proxecto emancipatorio. A posmodernidade sancionou a morte dos grandes relatos deterministas: ningún proxecto emancipatorio se verá consumado ó final dos tempos a través dun desplegue necesario. Con Maestro, podemos dicir que a realización dese proxecto emancipatorio depende da acumulación da memoria e da nosa capacidade de aprender dos acertos e erros das xeracións anteriores. Depende de nós e da nosa praxe, e, como lembraba Capdequí, pertence o reino da contixencia: pode ser, ou pode non ser.

Pero o dominio capitalista non se exerce só a través de mentiras narrativas, do desarraigo identitario e da fragmentación da experiencia. A tecnoloxía tamén forma parte dos instrumentos estructurais de dominación que someten a todos os pobos da Terra. Unha tecnoloxía que, como dicía Oñate, é capaz da máxima letalidade e fronte á que a intelixencia está alienada adorando falsos ídolos. Na base metafísica do capitalismo máis violento e feroz subxace unha temporalidade histórica proxectada cara a consecución dun mundo onde non haxa morte, nin vellez, nin dor, nin tristura, nun disparatado culto ó externo que mostrou moi ben Eulalia Pérez Sedeño na súa análise da biotecnoloxía. A mentira desplégase aquí en toda a súa magnitude, e tamén en toda a súa evidencia, no slogan da investigación xenética: o triunfo, gracias a tecnoloxía, da liberdade sobre a necesidade.

A ciencia médica conspira é minte. Así de taxante foi Pérez Sedeño. Considerar a saúde como propiedade do organismo, totalmente desvencellada das condicións ambientais e sociais, enmascara fortes intereses económicos nos que están involucradas empresas tecnolóxicas, industrias farmacéuticas e compañías de seguros médicos. O cancro, cunha prevalencia crecente nunha poboación cada vez máis nova, é o indicador evidente de que a contaminación causada polo industrialismo non só extermina a rica diversidade de especies animais e vexetais que póboan o planeta, senón que aféctanos a nós, como organismos vivos parte do ecosistema que nos proporciona cobixo e do que dependemos. Fronte a un enfoque verdadeiramente preventivo, que supoñería desmantelar un modo de producción tan letal para a vida, instáurase unha nova mentira: o cancro é un risco que reside dentro de nós. A súa detección por medio de artefactos cada vez máis caros e sofisticados (falsamente chamada “prevención”), a inmensa cantidade de fondos públicos que van parar á investigación xenética, son só a punta do iceberg dos intereses do capitalismo global por ocultar, con mentiras, que é responsable directo da morte e da destrucción de millóns de seres, e por tanto, inimigo da vida. A avaricia que se agocha na médula deste disparate global entrana riscos aínda maiores: igual que a tecnoloxía nuclear, a tecnoloxía xenética pode xerar problemas impredecibles, a medio ou longo prazo, que non sexamos capaces de resolver e que non teñan volta atrás. Advertía Pérez Sedeño que a manipulación xenética supón a modificación dun sistema biolóxico, non dun sistema mecánico. A vida non é a nosa serva, e é incontrolable. O final atopamos de novo a falacia do dominio da natureza como promesa dun mundo feliz, a mentira da tecnoloxía como liberadora. A liberdade, como nos recordaba Oñate, está na acción humana, na praxe, ou non está en ningures.

Máis mentiras viven na fantasía capitalista. Tras longos anos de esclavitude brutal e servidume feroz, por fin, instáurase un reino de liberdade onde cada individuo é responsable do seu éxito e fracaso. O traballador ofrece no mercado a súa forza de traballo a cambio de salario, nun xogo basado no cálculo racional e na liberdade de decisión.

Pero sinalaba Garó que o cínico triunfador e a súa contrapartida, o parado culpable, forman parte da ideoloxía dominante. Ideoloxía que lexitima o capitalismo e inhibe a acción. A socioloxía contribúe a disipar o engano: Antía Pérez Caramés puxo sobre a mesa que a explotación económica capitalista dos seres humanos segue a producirse, non xa en remotas fábricas de lugares lonxanos, senón aquí, na nosa terra, mostrando a súa faz máis torva cando falamos dos máis deprotexidos: a poboación migrante. Confinados en nichos de traballo, sen oportunidades de mobilidade, sofren o acoso dobre das estructuras administrativas, ao servizo da economía, e do racismo alentado polos medios de comunicación. Mentres, os galegos vemos como as nosas condicións de vida e traballo se deterioran inexorablemente.

Galicia tamén vive sumida na néboa dos espellos de poder. Cuns medios de comunicación que propiciaron e aínda propician a pérdida da súa identidade, desarraigada das súas tradicións máis íntimas na súa fuxida cara o oropel capitalista, convertidos os seus vizosos montes nun monocultivo de eucaliptos, suxas as rías e os ríos por industrias e chapapotes, cuns políticos que alentan o emprego dunha lingua allea, esquecendo que o colectivo, fronte o individualismo capitalista, sempre formou parte do noso modo de estar no mundo, cunha memoria rota onde apenas quedan xa referentes propios, atopámonos na mesma encrucillada que o resto dos pobos do mundo.

A fin da historia é a derradeira falacia. Recordounos Bermejo, que os medios, unha vez máis voceiros da dominación, propagaron sen pudor por tódolos rincóns da Terra a imposibilidade de calquera tentativa de cambiar radicalmente a orde do mundo. Mundo que ten como límites inapelables o mercado, a tecnociencia e as democracias parlamentarias.

Deste modo chegamos á mentira máis fonda que palpita aínda segredamente no fondo do capitalismo: non se poden cambiar as cousas.

Garó falounos da crise de lexitimidade das estructuras vixentes porque é xa evidente que nin traerán xustiza, nin traerán beleza (basta con observar a degradación das nosas antaño fermosas paisaxes), nin traerán paz (vivimos nun Estado en guerra), nin traerán abundancia (o número de famentos crece e crece), nin traerán liberdade (non existe liberdade onde existe dominación). ¿Cómo segue en pé este monstruo que parece querer arroxarnos ós abismos nunha carreira absurda cara ningures? Cabalgando sobre enganos. Cabalgando sobre o medo e o terror. Cabalgando sobre o control dos recursos necesarios para a vida. Cabalgando, cando é necesario, sobre a forza bruta e a violencia.

Para concluir, volvemos ó principio. As cousas están cambiando. Pero os cambios poden ser tamén unha oportunidade. A oportunidade de facernos máis conscientes da nosa liberdade radical, que nada ten que ver con escolla entre opcións e cálculos racionais. Nas nosas mans está seguir aceptando unha posición sumisa e pasiva, ou despregar por fin a acción liberadora que transforme por fin a imaxe do mundo. Non temos o poder. Pero, como recordaba Ángeles Maestro, podemos conquistalo a través da loita política (moito máis profunda que escoller entre dous ou tres partidos) e a reinstauración da democracia. Estos son os tempos que nos tocaron vivir. Podemos decidir ser mero cemento morto en mans dun sistema nihilista sementador de inxustiza, fealdade, e falsidade ou intentar, unha vez máis, construir un mundo distinto. Só fai falla deixar de crer na derradeira mentira capitalista: que nada está nas nosas mans, e que non somos máis que animais cobizosos e egoistas que buscan a satisfacción inmediata das súas necesidades e caprichos.

Todos os relatos valiosos que nos legan os nosos antepasados dende todas as culturas do mundo afirman o contrario.


Share on Facebook0Tweet about this on TwitterShare on Google+0Email this to someone