Apertura da XXVIII SGF: Filosofía e mentira


Carlos Calviño, coordinador da Aula Castelao de Filosofía, presentou a XXVIII SGF, Filosofía e mentira:

A verdade é máis nefasta que a ignorancia, posto que inutiliza as forzas propias da ilustración e do coñecemento. Abrimos con Nietzsche, e na súa xenealoxía conceptual deterase Miguel Morey. Amosaremos, de seguido, a nosa preocupación sobre a mentira nos medios de comunicación, mentira que funciona como un bálsamo ou como unha ilusión, e non escatima recursos para lexitimar o engano. A prensa, a radio, a publicidade, a televisión e o cine invaden o noso espazo público para sumir a nosa racionalidade nun perigoso sono. A información releva a veracidade polo espectáculo: pan e circo para as masas acríticas incapaces de contrastar o contido duns falaces titulares, sempre ao servizo do poder, dun dono aglutinador de medios, dun adormecidor de vontades. A investigación sen prezo, trocou polas efemérides ou pola crónica negra; e a realidade desnaturalízase a sabendas de que o lector, en moitas ocasións, confía cegamente no medio afín; cre porque non atopa tempo nin forzas para desconfiar, xa non do xornalista, senón de liña editorial, disque enfrontada a unha segunda liña, supostamente alternativa ou rival, desgraciadamente non moi lonxe dos obxectivos a perseguir en aras a un interese común: a compracencia e a submisión.

A publicidade, sen embargo, móstrase coma un xogo, unha verdade a medias ou unha completa farsa, nun rol aceptado polas dúas partes. O problema xurde cando esquecemos a podredumbre dunha mensaxe perigosa, un engano cruel, unha sibilina maneira de gañar a nosa atención e confianza mediante cores, música, e palabras fermosas, cal envoltorio impregnado de perfume, ocultando a usura parapetada tras mans cobizosas, mans que golpean o planeta sen defensa, grazas a imaxe de cativos brincando sobre ceos e paisaxes retocadas pola imaxinería tecnolóxica: edéns xa perdidos, irrecuperables. Eses anuncios martirízannos coas súas mentiras engalanadas de preocupación pola pobreza o cambio climático, as persoas…

E qué dicir da televisión e do cine, qué dicir que xa non saibades? A pasividade percorre os nosos músculos adoutrinando aos nosos fillos, terxiversando a nosa mente, obrigándonos a comportarnos como supporters ou personaxes dos programas do corazón. Insultos, desagravios, mal gusto, falta de intelixencia e sensatez, mentres eses pequenos homes e mulleres simbolizan os sonos dos máis novos, os modelos onde reflectirse, a tristura dunha madurez e futuro que esvaece diante da nosa lánguida e neutra mirada… Eles representan, cal actores, a medianía dunha sociedade que merece máis; prostitúen os principios e valores que non debemos perder, pero o capital sempre gaña, ou iso parece…

Os xornalistas Gustavo Luca de tena e Pascual Serrano cos seus relatorios enfocarán os ardides e miserias das medias verdades: desilusións dun gran circo que, por desgraza, xa fai tempo perdeu a súa maxia.

Hanna Arendt sostiña que a política era o lugar privilexiado para a mentira. Quizás por iso un estandarte da dereita, non fai motos anos aquí en Galicia, gritaba a viva voce: “Deixade a Política aos políticos”. Deste xeito os cidadáns son invitados a abandoarse na molicie da vida regalada e o resultado non pode ser máis nefasto. Aristóteles afirmaba que o ser humano é político por natureza. Non existen termos medios. A cidadanía e a política refírense, con termos diverxentes, aos mesmos referentes: nós. Polo tanto somos responsables do noso estado e tamén das súas institucións así como de quén nos goberna. Ese é o noso poder. Cando abandonamos esa inclinación, esa achega cultural, todo se corrompe pois moitos aprovéitanse do bostezo contaxioso entre homes e mulleres durmidas. Deste xeito xorden tétricos personaxes como o militarista e neoliberal: Milton Friedman, -premio nobel de economía, por certo,- para disuadir a cabezas “pensantes” como Thatcher, Reagan ou Bush, e incitalos a xerar crises e guerras -lede, por favor, a Naomi Klein- condenándonos a un maquiavélico estado de shock para divertimento e negocio das clases opulentas.
Mentres tanto, os traballadores regocixados nas comodidades dunha suposta clase media non viron, nos últimas anos, aproximarse o perigo letal e sen identidade chamado “os mercados”. Todos os avances en materia social e laboral corren o risco de minguar e aproximarse as condicións dun século atrás. A mesma sociedade do benestar atópase en apuros, xa que os mercados posúen armas que xa desexaría para si o propio Goebbles: os mass media e a publicidade, que sen reparos e abertamente, empregan a “pedagoxía”, é dicir unha educación dirixida a adoutrinar nenos co malsán propósito de convencernos do noso sino; o noso, e o das próximas xeracións. Que fan mentres os nosos políticos? É difícil dar unha resposta xa que a diverxencia é nimia. Entre a dereita e a esquerda, en occidente, as diferenzas son anecdóticas. Marcan as distancias sobre tenues matices aínda que camiñan da man no que se refire ao sometemento mercantilista.

E xa que falamos de mercados, preguntémonos: por qué está prohibido falar dun modelo económico alternativo? Quizás pola vinculación mendaz entre capitalismo e democracia. Lémbranos Rancière, que democracia significa o poder dos excluídos, dos que non contan, dos “ninguén”, dos que esixen a xustiza social e o interese común en contraposición aos interesados, oligarcas de calquera tempo, pasado ou presente. A democracia esixe cidadáns espertos, previdos contra o adormecemento traidor.
Cuestionémonos, por un instante, a crise. Se os culpables foron os especuladores financeiros, e dicir, os banqueiros e os grandes capitalistas co pábulo dos políticos e organismos ben coñecidos, como o Banco Mundial e o FMI (responsable de evitar crises, por certo) cómo é que eles saen beneficiados, e os traballadores as clases medias e baixas levan, novamente, sobre as súas costas a perda de dereitos e privilexios obtidos con suor e sangue? O gran problema é que o pobo, potencialmente capacitado para rebelarse ante tamaña inxustiza, atópase obnubilado polo circo mediático. E medroso ante a carga da responsabilidade familiar; indefenso, illado, e sen resposta social, acepta -como o gran capital desexa- o seu sino, renunciando á razón e á conciencia, pois sorprendentemente a conspiración ocorre a plena luz. Míntese (aos cidadáns) alí onde, en principio, pódese saber todo-, espetounos Koyré. Quizás deberíamos ter en conta esta última anotación.

Isabel Garó, Xose Luis Barreiro e Celso Sánchez Capdequí asumirán a responsabilidade de desmadexar a fábula da confrontación política, maculada por unha agochada demagoxia.

A tecnoloxía engalanada co seu ouropel irradia un fume hipnótico e cal opiáceo resúltanos imprescindible e desexable en case todas as facetas da nosa existencia. Defendémola porque cremos na súa inocencia, na súa neutralidade, mais non podemos escindir a tecnoloxía da finalidade coa que é xerada. A sociedade tecnolóxica é un sistema de dominación, vinculada ao adormecemento da nosa praxe. Compre preguntarvos: É o benestar social unha comida rápida deglutida diante dunha pantalla 3D, ou un logro social compartido e público? Os nosos dereitos xamais deberían ser escamoteados trala alienación dun consumismo procaz, dunha mensaxe transida pola falsa liberación; un infantil apego ao xoguete obsoleto nun curto período de tempo. O dominio do atomismo, o egoísmo da sociedade da desconfianza mutua, encláustranos nas nosas vivendas de 90 metros cadrados, con acceso ao mundo sen saír da nosa cova. Falamos con contestadores e véndennos tocomochos dende afastados cubículos, xente moi mal pagada, homes e mulleres fiscalizados por ventas case imposibles a incómodas e indignantes horas. A tecnoloxía debería instrumentalizarse cara a liberación dunha pesada e esgotadora xornada laboral, mais o seu uso cego constriñe a comunicación e modifica as nosas costumes, obrigándonos a unha dependencia insatisfactoria e empobrecedora.

E aínda non falamos do negocio agochado tralas grandilocuentes palabras, preocupacións envelenadas dende as altas instancias, na procura dunha modernización acelerada, en absoluto racional. Nós somos un exemplo: Segundo as administracións, os docentes sobran, os repetidores só aderezan a ratio de trinta alumnos, os espazos asignados aos departamentos convértense en caixas de mistos, apropiadas para as optativas de humanidades. O que non sobra son cartos para o material máis caro do mercado: ultraportátiles, canons, encerados dixitais, wifi… todo un carrusel tecnolóxico para mellorar a formación dos alumnos, segundo din os políticos de toda cor. Sen embargo, non desvelan o seu interese real. Marcuse, pola contra, advertía que a sociedade tecnolóxica é un sistema de dominación na que os produtos adoutrinan e manipulan, promovendo unha falsa conciencia feliz, inmune a súa falsidade. Estes produtos son accesibles a case tódolos individuos, polo que o adoutrinamento que conlevan deixa de ser publicidade, converténdose así, en modus vivendi.

Eulalia Pérez, Fracesc Llorens, Ramón Gil e Montserrat Boix adentraranse na falacia e na ficción desta alegoría virtual e alienante.

Orwell vaticinaba un futuro de dimensións apocalípticas no concernente a liberdade. Entre as características a ter en conta, nese mundo gobernado polo medo e as prohibicións, atopamos: o empobrecemento interesado da linguaxe, o baleirado conceptual e a reescritura da historia. Non é necesario esgrimir razóns cando os feitos non son analizados co rigor propio dunha perspectiva autónoma e crítica. A autonomía perdémola fai tempo cando lexislamos ate o infinito condutas que deberían rexerse pola cordura, reflexión e compromiso. Chega un momento no que os gobernos regodéanse no paternalismo máis insultante. A critica, pola contra, estámpase sen vergoña en cada un dos documentos que se nos presentan, máis carece de todo valor, xa que se minimiza na lección cotiá. Non esquezamos o desprezo que a sociedade materialista e mercantilista ten por todo aquilo que non cae baixo a fórmula da mercadoría. Aborrece a verdadeira crítica, pois podería transformarse nunha ferramenta extremadamente perigosa para cos seus intereses. Quizás, por iso, os políticos xogan co noso sistema educativo, modificándoo cada catro anos e somerxéndoo na voluptuosidade dos informes, onde unha palabrería farragosa bota unha man á hora de eliminar esa arma punzante, que faría de nós individuos autosuficientes e capaces de esixir responsabilidades a todos eses titores paternalistas da nosa perpetua infancia.

O empobrecemento da linguaxe palpámola cada día na escola. Os rapaces odian os libros e o consumismo tecnolóxico non invita ao repouso e o pracer da lectura: arte da imaxinación, e da intelixibilidade informativa e formativa, por antonomasia. Á par, camiña o baleirado dos nosos conceptos fundamentais. Nocións como democracia ou liberdade, na boca dos nosos políticos, convértense en sons sen sentido, sentido que só adquiren no contexto da propaganda ou da publicidade máis soez. E que dicir da fraternidade, trocada vilmente en seguridade, medo… Terror xerado interesadamente en aras a perder o que realmente importa: a liberdade. Os silencios, a censura e as prohibicións tomámolos como algo lóxico xa que deste xeito a nosa tranquilidade é maior, non? Mais a seguridade, ven a significar -nin máis nin menos- espazo libre para os exércitos e as armas, para a guerra bendicida desde os estados demócratas, eliminando terroristas en Palestina, Iraq ou Afganistán; e perseguindo a democracia -dun xeito consensuado, iso si- en países empobrecidos como Libia. Koyré afirmou que só unha actitude crítica do pobo podería liberarnos da propaganda totalitaria. Evidentemente falaba dos fascismos e quizá teríamos que espertar do cándido sono e enfrontarnos as novas maneiras de sometemento popular.
Teresa Oñate, Antía Pérez e Nines Maestro desenredarán algúns fíos, do tecido enmarañado nos sofismas, deste labirinto chamado presente.

O venres contaremos coa presenza de José Carlos Bermejo, Luis Villares e Henrique Costas. A temática elixida obríganos a lanzar unhas cantas preguntas ó aire: Estamos ante o fin dos tempos? A realidade dos feitos é inmutable? Hegel afirmaba que a Filosofía só pode admitir como necesidade absoluta, a meta da Historia, unha finalidade desenvolta cal providencia divina. O Estado é o único que posúe Historia e os seres humanos só representan medios prescindibles, a través dos cales, aprovéitase a razón para se realizar como Estado dominante, unha realización do Espírito Universal.

En boca de moitos a expresión predilecta ven sendo “¡Éche o que hai!”. Tómase coma unha verdade indiscutible da nosa época, un feito incontrovertible, ante a cal, só un tolo podería rebatela. Esta mentira engádese a outra peor: “A ideoloxía esta morta” ou “Todos os políticos son iguais, ningunha idea merece a pena”. Comecemos xa a derribar as mentiras do capitalismo, como a de que todos temos un prezo. ¡Non estamos en venta xa que non somos mercadoría! Esquecemos, quizás, todas as mortes, sacrificios e loitas, das xentes que crían na posibilidade dun cambio na historia. Algún deses heroes son coñecidos, a maioría non teñen nome, mais as achegas acadadas na xustiza e dereitos humanos non poden ser desestimadas sen máis. Marx negou a premisa maior contra Hegel e defendeu a posibilidade do cambio, xa que o ser humano non é un ser pasivo senón activo, e a súa praxe permitiralle proporcionar un xiro xustificado ao temón do tempo. A realidade precisa das contradicións e das revoltas necesarias, e nós transformámonos nos artífices, no loitador máis numeroso das clases antagonistas. É sorprendente observar como, hoxe en día, sempre pertencemos a grupos enfrontados como brancos e negros, homes e mulleres, ateos e relixiosos, occidentais e asiáticos, pero a antítese de clase desapareceu. Todos somos -parece ser- clase media e nesa miscelánea pérdese a diferenza esencial: ricos e traballadores, oligarcas e proletarios.

Isto non é o que hai, senón o que nós permitimos. A toma de conciencia da nosa realidade e das posibilidades de cambio definen a un ser maior de idade, kantianamente falando. E tampouco deixaremos que o estado, as súas institucións, ou os dereitos inalienables sexan abelorios sen valor, para quen os considera simples mercadorías. Debéronse a unha construción conxunta, e polo tanto defenderémolas ante o laissez-fair (deixar facer) do capitalismo obsceno. Outro mundo é posible, e sobre iso Samir Amin terá moito que dicir.

Antes de rematar, non podemos esquecer dous hitos: Hai dúas semanas, o 14 de Abril, conmemoramos una data histórica para este Estado, una data na que moitas Reformas revolucionarias, naquel intre, conlevaron un progreso social até de agora indiscutible. Hoxe, 25 de Abril, levamos no noso peito aqueles cravos honrados polos nosos irmáns lusos, cravos que nos obrigan a continuar loitando contra a interesada sinrazón do poder dominante.

Nestas xornadas, invitámosvos a reflexionar e a debater sobre a mentira, empregando a filosofía como arma eficaz, reclamando así a súa relevante presenza nunha sociedade pobre en análises críticas, conformista, e medrosa ante a voracidade duns mercados lúgubres, cal marea negra. Só a razón pode iluminar as sombras funestas da aparencia. E remato con Nietzsche: Sen dúbida menten coa boca, pero coa face que enseñoran, continúan amosando a verdade. Grazas.

Share on Facebook0Tweet about this on TwitterShare on Google+0Email this to someone