Conclusións da XXVI SGF: Filosofía e Educación


Eduardo García Parada, membro da Aula Castelao, presentou as conclusións da XXVI Semana Galega de Filosofía.

1.

Concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Delegada de Cultura da Xunta de Galiza, Vicerreitor da UVigo, Subdirector Xeral de Caixanova, Decano do Colexio de Avogados, Director do Parador de Pontevedra, relatores e relatoras, compañeiros e compañeiras, boas noites e grazas pola vosa presenza. Chega o momento do remate: as conclusións da XXVI SGF.

O tren que encetaba a súa vixésimosexta andaina hai cinco días chega hoxe á súa estación final. Cada un de nós collerá agora o seu particular camiño de ferro para retornar ás nosas casas, aos nosos estudos, aos nosos quefaceres cotiáns, aos nosos centros de ensino.

Momento confuso, provocado talvez polo cansazo logo dunha intensa semana de actividade, mais seguramente debido ás sensacións e sentimentos que fomos acumulando ao longo destes cinco días. Confusión tal vez por non atopar todas as respostas que gostaríamos de ter a tantas preguntas, algunhas que xa traiamos, outras que nos foron xurdindo na exposición dos relatorios, nos debates, nas lecturas e nas conversas. Confusión por levarmos unha chea de novos coñecementos, reflexións e materiais que nos permitirán principiar ou seguer a manter unha opinión e unha actitude crítica baseada no saber das cousas que se están a falar, e que moitos e moitas de nós poderemos levar ás aulas.

“Espero que lles quede todo suficientemente confuso”, dicialles a profesora Dolores Juliano aos seus alumnos -Manuel Delgado e Pedro García Olivo entre eles- logo dunha aula, pois esa confusión socrática é o inicio do pensamento propio.

Ledicia e agradecemento por estarmos neste lugar de encontro, mergullados nesta cidade acubilladora e amábel, que acreditan neste foro de debate e compromiso e valora a vosa presenza.

Son as institucións (que figuran no cartaz e) aquí representadas as que tamén valoran con entusiasmo o protagonismo cultural que adquire Pontevedra durante esta Semana. Cómpre un especial recoñecemento ao apoio amosado ininterrumpidamente polo Concello de Pontevedra, Caixanova e Universidade de Vigo, institucións que sempre nos deron o seu apoio e que lle dan estabilidade a este evento.

A ACF sempre procurou manter unhas relacións institucionais en base aos principios de lealdade, non inxerencia e respecto mútuos, entendendo que é obriga das institucións públicas facilitar á sociedade exercer o seu dereito a unha programación cultural e educativa digna e plural.

Agradecer aos participantes a súa presenza, incluíndo nesta a colaboración, esforzo e paciencia. Paciencia que agradecemos tamén no cumprimento de certas tarefas administrativas que nos desagradan, esgotan e rebordan a nosa paciencia tanto ou máis que a calquera, supoñendo ademais un gran e desagradecido traballo de oficina, visíbel e oculto, que non nos produce ningún tipo de compensación, cando non desegradábeis momentos durante a propia Semana.

Os asistentes á Semana son os que lle dan sentido de seu. Non deixamos de ficarmos abraiados do vosa fidelidade e asistencia: unha media de 400 persoas en cada sesión, difícil de crer nestes tempos de nihilismo. Aos comunicantes, agradecerlles a súa contribución con comunicacións que nos permiten levar preocupacións e estudos feitos desde o noso país, materiais que paga a pena ler de vagar. Aos relatores e relatoras, agradecerlles o esforzo e agardar que a súa estadía no noso país pagara a pena e lles permitira un coñecemento da nosa realidade para aqueles que a descoñecían.

2.

Na pasada edición da SGF ademais de ser a simbolicamente importante XXV pechamos unha triloxía de Semanas formada por Violencias, Diferenzas e Utopía.

Para encetar esta nova xeira, rapidamente acordamos hai xa case un ano, abordar un tema que profesionalmente nos afectaba á maioría dos membros da Aula e que sen dúbida é fulcral en calquera sociedade: a educación.

Sempre é un bo momento para falar de educación, mais cómpre termos en conta que xa levamos uns cantos anos enchendo o vaso e nestes momentos xa reborda. Tal vez xa leve algún tempo botando por fóra. Ou posibelmente sempre cichou algo…

Para non irmonos moi atrás, 1990 pode ser un bo ano de referencia. A implantación da LOXSE, que podemos dicir que marcou un punto de inflexión entre o sistema educativo da transición e unha reforma xa plenamente desenvolvida na era democrática do estado español.

Non podemos dicir que a LOXSE fose unha mala lei: procuraba a democratización do saber mediante tres reformas: modificación estrutural, mellora na calidade da ensinanza e innovación pedagóxica. Sobre o seu éxito seguro que xa non estariamos tan de acordo. Afirmaba Marina Subirats que foi unha lei demasiado radical, non se preparou aos docentes –nin se contou con eles nin se financiou axeitadamente engadiriamos-. E xa non deu tempo. En 18 anos, no estado español houbo tres reformas educativas, cos seus correspondentes desenvolvementos a nivel estatal e autonómico.

Faise a lei pero non se desenvolve correctamente ou non se financia suficientemente, e pretende solucionarse parcheando cunha nova lei, que normalmente adolece das mesmas eivas.

Tal vez a calidade non sexa tanto unha cuestión de modelo como do xeito no que se aplica. Nas avaliacións educativas da OCDE tipo informe PISA, Finlandia e Corea do Sul acadan os mellores resultados, con modelos educativos moi dispares: comprensivo un, segregado o outro, pero moi eficaces na súa aplicación. Os denominadores comúns son principalmente:

– Considerar á infancia e á mocidade como o centro do proceso educativo procurando a súa formación para conseguir o seu éxito e a súa mellor integración na sociedade;

– Darlle gran valor e importancia social e política á educación;

– Promover a implicación e participación das familias na educación dos seus fillos;

– Dedicarlle unha importante cantidade de recursos públicos;

– Prestixiar o labor dos docentes;

– Formar e implicar ao profesorado;

– Darlle unha alta autonomía aos centros.

Segundo César Coll e outros expertos educativos, no estado español ten lugar actualmente unha combinación explosiva de vellos e novos problemas: a progresiva perda de valor da educación como mecanismo de cambio social, a escasa importancia que a sociedade e os poderes públicos lle outorgan, o sistema de valores imperante que se transmite polos medios de comunicación, unha endémica financiación insuficiente, a cada vez menor implicación das familias na formación dos fillos, a baixa consideración que se ten do labor dos docentes, o escaso apoio que reciben na súa actividade na aula, os limitados recursos dos centros e a súa limitada autonomía, a ausencia de estratexias e apoio para afrontar a heteroxeneidade do alumnado, a escolarización do alumnado inmigrante, etc.

Cómpre un pulo desde abaixo, unha nova ilusión, non máis leis. A renovación non ten que vir pola pedagoxía, ten que ser un impulso moral, ético.

A educación é responsabilidade non só das aulas, senón tamén das familias, das políticas públicas e da propia sociedade.

A situación sociocultural do alumnado e nomeadamente o seu contorno familiar tamén son decisivos. A modernización dos sistemas educativos español e galego produciuse dun xeito moi acelerado. Como indicaba o finado Xan Bouzada, “A cultura é un proceso acumulativo”. Non é doado resolver en vinte anos un proceso de varias xeracións. Non é doado que os rapaces lean de seu cando só na Escola se le, pois os referentes fóra da escola non len

Dicía Marcial Gondar que “a lareira nos vellos tempos é hoxe a pantalla de televisor ou os videoxogos e representan o máis potente instrumento socializador dos que van configurando a nosa identidade como persoas”.

E tamén as novas estruturas familiares, que debemos asumir… todos, pero de xeito moi salientábel a escola. En palabras de Fernández Liria, “a ensinanza secundaria é, cada vez máis un asunto de asistencia social e non un asunto académico”. É antes cando a escola debe actuar de xeito decidido. Dicianos Subirats que temos que abordar a socialización primaria da infancia, esa que antes se producía fóra da escola, na familia e no contorno próximo. Senón, os elementos de socialización primaria serán a TV e internet, que ofrecen servizos case á carta, co que faltan elementos de cohesión social. A escola non debe ter como fin a inserción no mercado laboral ou manter un estatus de clase. Debe ser un sitio de SOCIALIZACIÓN.

Os modelos de éxito dos estudantes non sempre pasan polo éxito académico, coa perspectiva mileurista como síntoma de crise nas expectativas de inserción laboral e de desprestixio do ensino superior. Na nosa sociedade, os estudantes con capacidade, motivación e gañas de estudar teñen poucos incentivos, especialmente ao chegaren ao ensino secundario, cando a importancia do grupo e dos líderes mediáticos se volve prioritaria. A sociedade convirte en modelos a imitar aqueles que garanten o fracaso académico. Admiramos e somos cómplices co cantante, deportista ou outro personaxe público que conta o ben que lle vai na vida apuntando como mérito as aulas que colgaba, as “chuletas” que facía ou como lle tomaba o pelo aos profesores e incluso a algúns compañeiros máis débiles ou estudosos. “Son cousas da idade, é o normal”. Prefírese a astucia do aproveitado á intelixencia ou ao esforzo do bo estudante.

En palabras de Miguel Vázquez Freire: “É a cultura de preguiza que veñen difundido os medios, como que se pode aprender inglés en sete días e sen esforzo”.

3.

A Grecia clásica proponse convertir ao neno en humano, ser civilizado. Coñecer a cultura helenística convírtese en asunto da polis. O obxectivo é formar cidadáns libres e críticos, merecedores do disfrute da beleza, do saber. O contexto non é a escola, ler e escribir non colma a formación, o pensamento e a reflexión exercítanse coas vellas historias míticas en escea, son o teatro e as festas lugar para a reflexión sobre a condición humana.

Na Ilustración o individuo configúrase como suxeito de dereitos dentro da orde social establecida. Alfabetizado e cultivado, o seu obxectivo debe ser a autonomía ética e crítica que garanta a súa realización social e se constitúa como axente activo no exercicio dos seus dereitos e da súa construcción identitaria no marco do estado de dereito. O súbdito debe mudar en cidadán. A educación deixa de considerarse como un asunto individual, familiar e sectorial e se converte nun problema social, nunha cuestión de estado. Debe consolidar os principios do novo estado liberal revolucionario, debe transformar as conciencias. Pero as institucións escolares existentes, unha boa parte delas rexidas polo modelo xesuítico e controladas pola igrexa non son o espazo que garanta a formación dun “home novo”. Unha vez máis o contexto educativo é a sociedade no seu conxunto que debe funcionar como unha escola de cidadanía. E esa escola que debía contribuir ao cambio social, basada nunha educación racional, laica, artífice do cidadán, consolídase como fundamentación do estado centralizado e da futura clase económica dominante, ao tempo que vai desbrozando as identidades sociais dominantes no Antigo Réxime.

Con todo, o tempo das transformacións sociais, de carácter universal, han tardar. Á marxe ficaban as mulleres, como forza de traballo doméstico, como soporte do coidado da familia, non é suxeito de dereitos e deberes, non é oportuna a súa autonomía. Alfabetización, educación e coñecemento non son compatíbeis coa muller decente.

Afortunadamente hoxe corresponde falar de cambio cultural, do imparable proceso de tranformación que nos últimos 50 anos vense producíndo coa universalización da educación e con ela a incorporación da muller ao sistema educativo.

Estaremos de acordo en entender a Educación como formación integral, participativa e comunitaria, considerándoa unha necesidade básica alén das necesidades ligadas directamente coa supervivencia, que nos permite participar na cultura, un dereito esencial, e a chave do desenvolvemento. O acceso ao coñecemento favorece a participación, a defensa dos dereitos individuais e colectivos, aumenta a calidade de vida e reduce a dependencia das persoas e dos grupos humanos respecto a diversas instancias de poder.

“Sería realmente unha ilusión que os oprimidos puideran esperar que as elites de poder estimulasen un tipo de educación que as desenmascare máis ainda do que xa o fan as contradicións sociais en que se achan envoltas” dicía Paulo Freire, posibelmente un dos últimos pedagogos en analizar a educación de xeito integral. Freire entende o proceso educativo non como un mero depósito de coñecementos, senón como un acto cognoscente que serve á liberación crebando a contradición entre educador e educando. Orientada cara a acción e a reflexión das persoas sobre a realidade, destrúe a pasividade do educando que propicia a adaptación a unha situación opresiva. Isto tradúcese na procura da transformación da realidade, na que opresor e oprimido atoparán a liberdade humanizándose.

Marina Subirats explicounos que á hora de facer unha reforma priorízase primeiro que o sistema educativo siga a ser unha máquina de etiquetaxe social, como dicía Marx: “A reprodución dos coñecementos escolares é a reprodución das desigualdades sociais”. No estado español, isto pasa polo debate entre escola pública e privada. En segundo lugar, están os intereses corporativos dos diferentes colectivos que forman a comunidade escolar, e por último –e lonxe dos dous anteriores- está o que debemos transmitir, o que debemos ensinar. É de sentido dicir que isto último debería ser o primeiro e fundamental.

Outro factor necesario para unha mellora notábel da educación é a necesidade de mudar o modelo cultural masculino. Seguimos a educar aos nenos nunha socialización violenta, a obrigalos a ser o número un. Cómpre reintroducir, revalorizar todos os aspectos que se consideran tradicionalmente propios das mulleres, como o coidado e o diálogo, e rebaixar os niveis de violencia e competitividade.

O saber non debe fragmentarse en exceso. A educación secundaria e universitaria ten un exceso de optatividade que favorece a dispersión, que non exista unha visión global, crítica e dialéctica. O saber superespecializado é un xeito de non saber. É o dominio do empirismo puro, a falta dun pensamento xeral que vertebre. O exceso de información ao que estamos sometidos na actualidade produce ruido e falta de reflexión, non dá tempo!

A educación medioambiental é hoxe tamén un aspecto que cómpre reafirmar nun ensino de calidade. A importancia do respecto pola natureza e polo medio ambiente debe permear todo o ensino e todas as accións sociais. A necesidade de concienciación sobre o sufrimento animal e a acción na defensa de especies e ecosistemas ameazados leva ao desenvolvemento de proxecto como o Gran Simio que nos presentou a Paula Casal.

Con respecto ao EEES, Galcerán afirmou que a información e a comunicación son unha nova mercadoría. As novas TICs ocultan unha adecuación das reformas previstas no plan Bolonia ás esixencias do chamado capitalismo cognitivo. Acábase por substituir o dereito á formación pola idea da formación como unha inversión que debe ser pagada e debe ser rendíbel, sempre de acordo aos intereses do mercado

A formación do profesorado era un dos obxectivos básicos da reforma na procura da calidade educativa. Un deber e un dereito do profesorado. Intentouse atender a un alumnado moi variado sen contar cos recursos suficientes nin sopexar axeitadamente o profesorado co que se contaba e a súa implicación.

En Finlandia, o profesorado conta cun prestixio social do que carece no estado español. A súa formación é das máis duras. En canto á formación, falar do CAP como curso de formación para exercer de profesor ou profesora en educación secundaria é directamente esbozar un sorriso de complicidade, un éche o que hai! E non parece que vaiamos por bo camiño, pois o Máster de Formación do Profesorado inserido no proceso de Bolonia que propón o Ministerio semella ser unha versión alongada do antigo CAP: pura teoría psicopedagóxica e didáctica. Tal vez o recente cambio no Ministerio poda aínda modificar este despropósito, tendo en conta as declaracións previas do actual ministro Ángel Gabilondo.

A formación continua do profesorado é excesivamente burocrática e afastada da realidade das aulas e das súas necesidades.

García Olivo presentounos o “educador mercenario”, o profesor moderno, operario da “domesticación do outro”, represor cotián da diferenza e encargado de difundir os valores e principios da “nosa” cultura. É o colonialismo interior. Cara fóra aniquílanse as culturas autóctonas, non occidentais, cara dentro as especificacións rexionais, locais.

A crecente chegada de inmigrantes non europeos forza á Escola a reaccionar e a modificar o seu centralismo nacionalista. Comeza o discurso da “multiculturalidade”, o novo discurso “cidadanista” para os que se lles nega a cidadanía, como dicía Delgado. O insustancial “diálogo de culturas”. A escola inicia a integración selectiva, permite a “alteridade domesticada”, non entende que todos somos seres complexos, tamén os inmigrantes. Unha vez máis, non atende á diversidade.

Explica Jiménez Cortiñas que para a comunidade xitana o verdadeiro camiño cara a igualdade é a instrución no sentido máis amplo.

Eva López e Laura Cruz situáronnos no mecanismos de prevención e intervención en situacións de desprotección da infancia, unha obriga de toda a sociedade e nomeadamente da administración.

A escola pública non debe ser un lugar asocial onde se prepara aos individuos para a competición laboral. Á hora de entender a función social da educación, debemos procurar que os que van vivir xuntos se eduquen xuntos. Non se pon en dúbida o dereito dos pais a educar aos seus fillos. O que non posúen é o monopolio da súa formación. Os pais poden transmitirlles os valores que prefiran, pero non poden negarlle á escola a obriga de ensinarlles que tamén hai outras opinións e outros criterios. Como di Fernando Savater “os pais que de verdade se preocupan pola educación en valores dos seus fillos non lles ensinan a pensar coma eles, senón a pensar por si mesmos”. “Os pais non poden marcar o currículo escolar” defendeu Domingos Garcia Fernandes.

A educación é unha responsabilidade social. Toda sociedade ten a responsabilidade histórica de proporcionarlle á seguinte xeración as ferramentas intelectuais e éticas necesarias para habérselas no mundo e melloralo. Esta responsabilidade non pode ser substituida por obxectos materiais, nin se pode delegar ou suspender, e reborda o ámbito de calquera sistema educativo, por moi ben deseñado que este estea.

A autonomía ética (isto é, ser quen de encauzar a acción según a racionalidade) e a autonomía intelectual (distinguir o coñecemento da crenza, do prexuizo e da superstición) son os obxectivos irrenunciábeis dunha educación racional orientada cara a xustiza e a liberdade. Todo sistema educativo que non asuma estas prioridades é un fraude social, ben porque serve a intereses particulares, ben porque é froito da irreflexión histórica.

A filosofía é o ámbito da reflexión sobre estas cuestións cruciais para a humanidade (o coñecemento e a ética) e, xa que logo, o ámbito de reflexión racional sobre toda actividade humana (a economía, a sociedade, a xustiza, a liberdade, a relixión, a ciencia, a humanidade, a igualdade, a arte…). As relixións ou calquera outras doutrinas moralizantes non garanten por sí mesmas a autonomía ética das persoas. Do mesmo xeito, unha aprendizaxe memorística e mecánica das ciencias e das humanidades non proporciona unha verdadeira autonomía intelectual.

Un sistema educativo que prioriza a formación técnico-profesional sobre a formación ética e intelectual serve únicamente aos intereses da economía. A toma de decisións tanto na esfera privada como na pública realizarase en función do interese particular, e no caso dun nivel intelectual baixo, fundamentada en prexuizos, erros ou supersticións. A consecuencia deste modelo educativo é a irracionalidade económica, política e social, tanto a nivel público como privado.

Acreditamos ademais que todo ser racional, teña a idade que teña, pode acadar mediante a aprendizaxe a súa autonomía ética e intelectual.

O ilustrado Condorcet dicía que era incompatíbel o ensino público e o ensino relixioso. A relixión non ten cabida no ensino común. A escola debe eliminar dos nenos e nenas os prexuizos do pasado. A relixión na escola significa volver a modelos rancios e opresores, significa aceptar hoxe a división entre moros e cristianos, unha volta ao pasado.

As institucións relixiosas son entidades privadas, que non teñen dereito a intervir no sistema educativo para que inclúa a catequese no currículo escolar, nin a amosar símbolos confesionais nos lugares públicos, nin a posuír espazos de culto dentro dos edificios da Administración do Estado.

Narciso de Gabriel explicounos a evolución do sistema educativo en Galiza. O fracaso en Galiza dos tímidos proxectos educativos españois debeuse fundamentalmente á dispersión da poboación e ao caciquismo. O pobo dotuose de fórmulas escolarizadoras propias, como as escolas de ferrado e tamén as escolas de indianos, persistindo algunhas até 1970. Tamén antes de 1936 houbo nalgunhas cidades escolas laicas e escolas do ensino galego, procurando seren alternativas ao ensino relixioso e centralista.

Galiza precisa un sistema educativo plenamente galego, planificado e ordenado en función das nosas necesidades, inserido na nosa realidade social, económica e cultural e ao servizo de todos os galegos e as galegas. Entendemos que para que haxa calidade e equidade educativa é preciso reafirmar a nosa identidade como pobo e galeguizar o ensino.

Con respecto á lingua, ao contrario do que se nos quere facer crer, debido ás manipulacións de grupos minoritarios que procuran a desaparición do noso idioma, o galego sofre unha situación deficitaria no ensino, e desproporcionada no seu uso respecto do español.

Ah! pero hai un conflito lingüístico en Cataluña?, contestáballe Manuel Delgado á pregunta intencionada dunha xornalista.

A utilización deste tamén artifical conflito lingüístico en Galiza por parte do PP na última campaña electoral semella que obriga ao agora presidente da Xunta a utilizar expresións baleiras de contido como “amabilidade lingüística” ou “bilingüísmo cordial”, que agardamos desacougados a que nos expliquen o seu significado. Será a “amabilidade” á que se refería Manuel Delgado cando falaba da impostura do politicamente correcto?

Os únicos amábeis –lingüisticamente- (e tal vez dentro de pouco os únicos bilingües) somos os que estamos instalados no galego, pois somos quen de sentirnos cómodos tamén en castelán, e somos tolerantes e dialogantes. A nosa lingua leva toda a vida cun estatus inferior ao castelán –xurídico, educativo e social- e ainda así poñemos boa cara e seguimos a procurar convencer a quen quere oir das virtudes de falarmos a lingua propia de Galiza, o noso legado cultural máis valioso, a envexa de calquera pobo que ten consciencia de seu. As virtudes de falarmos cando menos dúas linguas –galego e castelán- con plena competencia e con calidade, como defendeu Goretti Sanmartín. E se son tres ou máis, pois mellor (trilingüísmo, cuadrilingüísmo, pentalingüísmo, etc)!

Sen embargo, cantos dos que se declaran en Galiza castelanfalantes son quen de ter a mesma competencia e seguranza en galego? E ao revés? E logo, cal é o problema? O problema é que algúns queren ser menos formados, menos cultos e con menos posibilidades que os seus veciños. Tamén é verdade que só cunha actitude favorábel é posíbel a aprendizaxe, ben o sabemos os que nos dedicamos ao ensino.

Para o novo presidente Alberto Núñez Feijoo o galego parécelle o problema máis urxente do pais. “Acaso non podemos aunar a liberdade individual e a normalización?”, di Feijoo. Palabras novamente baleiras. No sistema educativo, a “liberdade das familias” non consiste en determinar como vai ser a aprendizaxe, ou como se vai conseguir que o alumnado teña a mesma competencia nas dúas linguas oficiais do pais –porque isto querémolo todos, non?-. Mal comezo se isto vai ser a pedra angular da súa política educativa. Separarán ao alumnado en función dos que queiran aprender a multiplicar pero non a restar? Ou haberá que preguntarlle aos pais se lles parece ben que a capital de Franza sexa París? Ten dereito un alumno ou alumna a chegar ao final da súa escolarización e non ser quen de falar e escribir en galego ou esixirlle porque lle peta (“liberdade individual”) ao profesor que fale en castelán, que parece ser que é a lingua común dos galegos. Home, se llo pide amabelmente!

Feijoo dixo no seu discurso de investidura o pasado martes:  “o novo decreto será elaborado coa participación e orientación dos expertos e as institucións”. Agardamos que sexan galegas e recoñecidas, e que cumpra a súa palabra, sen manipulacións.

“Estamos nun tempo de pensamento túzaro”, en palabras de Manuel Rivas.

O idioma é a chave coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble, o pensar máis profundo.

[…]

O idioma é a forza que nos xungue e sostén.
Se perdemos a fala non seremos ninguén!

Manuel Maria

5.

Desde a ACF consideramos indispensábel:

1. O cesamento do continuo cambalache de horas, materias, criterios e definicións psicopedagóxicas, que está a prexudicar gravemente á educación e que apuntan a unha falta de criterio nas decisións que se están a tomar.

2. Que os obxectivos prioritarios de calquera reforma educativa sexan a autonomía ética e intelectual, e a socialización de toda a cidadanía. A formación técnico-profesional debe estar supeditada á consecución destes obxectivos, e non á inversa.

3. Que a filosofía, como reflexión racional sobre todo o coñecemento e actividade humana, teña no sistema educativo o lugar fundamental que lle corresponde en todas as etapas, en contra da tendencia actual a recortar o seu ámbito tanto a nivel curricular como a nivel horario. Esta tendencia evidencia un enfoque sometido aos intereses da economía e do mercado.

4. Que os lexisladores comprendan que poñer no texto legal “conseguir a autonomía ética e intelectual” ou “fomentar o espíritu crítico” ou “desenvolver as competencias” ou “aprender a aprender” ou “educar en valores” é un acto declarativo sen ningún efecto se non é acompañado das accións executivas precisas e coñecidas para que realmente se implemente. Non sempre é cuestión de escribir unha nova lei educativa nun papel e enchela de frases bonitas, senón que cómpre acreditar no que se escribe e poñer os medios humanos, materiais e formativos para conseguir os seus obxectivos. Conseguir implicar ao profesorado. O profesorado debe sentirse parte activa dos procesos de cambio.

5. A formación do profesorado debe recoller os seus intereses e inquedanzas e debe responder a necesidades reais das aulas.

6. A escola debe adaptarse aos cambios sociais e ás novidades que se produzan na sociedade. Para isto cómpre non só a boa vontade do profesorado, senón a implicación real de toda a comunidade educativa e da administración.

7. A escola debe ser laica. A ensinanza da relixión debe ser eliminada do currículo escolar. O currículo escolar do sistema educativo debe estar integrado exclusivamente, na parte correspondente á formación intelectual, por contidos avalados obxectivamente, e na parte referente á socialización, por valores universais que o enraícen no medio e contribúan a construír unha sociedade mundial de pobos e cidadáns iguais e libres.

8. A nosa identidade como a de calquera outra nación con consciencia de seu precisa dun sistema educativo propio e acaido as súas características. A nosa lingua debe ocupar o lugar prioritario que lle corresponde co obxectivo de conseguir a seguranza lingüística do alumnado no galego.

CALIDADE / PENSAMENTO LIBRE E CRÍTICO / CIDADANÍA / ENSINO PÚBLICO / UNIVERSAL / LAICISMO / LINGUA GALEGA / ENSINO GALEGO.

6.

Eis as conclusións da XXVI SGF. 25 anos son moitos anos, todo un ciclo do que non sentimos moi orgullosos. Non quere dicir isto que non se poderían ter feito mellor as cousas nin moito menos. Mais consideramos o traballo ben feito, tendo en conta en especial que o medio non sempre foi amigábel e que as persoas que ao longo destes 25 anos configuraron a ACF fixeron o seu traballo SEMPRE de xeito gratuito, compartido e solidario, e procurando os obxectivos fundacionais de ANOVACIÓN, GALEGUIZACIÓN e PARTICIPACIÓN.

Todo proxecto precisa renovación, cando menos humana, para sobrevivir. É como a vida mesma. Ao culminar esta XXVI SGF albiscamos que o proxecto ten continuidade, segue vivo, está presente e ten futuro. Futuro con novas persoas, e coas persoas de sempre presentes. O proxecto ACF segue adiante. E permitide a inmodestia: é necesario, segue a ser necesario.

A “Aula Castelao de Filosofía” estivo e está constituída por persoas chegadas de distintas ramas do saber, principalmente do ensino e da filosofía, que traballan nos eidos intelectual e docente. E que manteremos o compromiso por transformar Galiza nunha sociedade de cidadáns libres e solidarios.

Vinte e seis anos de COMPROMISO e sempre co apoio constante de todos e todas os que cada ano asistides e participades nas Semanas Galegas de Filosofía, que potenciades os debates e que lle dades sentido ao noso esforzo. Xentes que reclamades lugares de reflexión que nos permitan logo a acción. Que gustades do pensamento crítico.

Cómpre lembrar, unha vez máis, a necesidade de que o ensino -e a sociedade no seu conxunto- procuren o “sapere aude”, que todos ousemos, que nos atrevamos a pensar. A ACF fixo esa aposta desde o principio e seguimos a propoñela coma un desafío. Tentaremos manter aceso o facho dun pensamento crítico que non se contente con interpretar de diversos xeitos, senón que quere transformar; ese pensamento nado e sustentado na memoria subversiva e encoraxinada; ese pensamento que aniña na independencia.

Este é o noso pasado e é a nosa proposta de futuro. Contamos con vós.

Pontevedra, 17 de abril de 2009

Share on Facebook0Tweet about this on TwitterShare on Google+0Email this to someone